luns, 8 de xullo de 2024

LERMA/COVARRUBIAS

 No programa levábamos visitar varias vilas da provincia burgalesa. Empezamos o sábado por visitar:

LERMA

Ten o título de "villa". O seu casco histórico é BIC (Ben de Interese Cultural) Lerma está considerado "Uno de los Pueblos más Bonitos de España" dende 2018. Ten menos de 3000 habitantes. 

A historia e desenrolo desta vila vai unido a Francisco de Sandoval y Rojas, I Duque de Lerma e valido de Felipe III. Este duque transformou o antigo condado de Lerma en ducado no S. XVI.

Na Praza Maior de Lerma que é moi grande (máis ca de Salamanca) atopamos o Palacio Ducal, hoxe convertido en Parador de Turismo. Este palacio do S. XVII que o duque de Lerma mandou construir sobre un castelo medieval foi a envexa da corte daquela época. Aquí durmeu Napoleón. Ademais da impoñente fachada destacan o claustro e o seu patio interior onde Lope de Vega estrenaba as súas obras de teatro hai 500 anos.

Palacio Ducal na Praza Maior

O Palacio Ducal ocupa todo un lateral da praza. Durante a Guerra Civil foi utilizado como cárcere e actualmente é un gran Parador de Turismo. O porque o palacio ten 4 torres cando aos palacios ducales se lles otorgaba dúas, ten a explicación de que o duque de Lerma enganou ao rei dicindo que quería poñer 2 torres, este concedeulle o permiso porque o duque ocultoulle que eran dúas máis das que xa tiña..
Palacio Ducal

É unha lástima que esta enorme e fermosa praza sexa actualmente un parking. Vela chea de coches réstalle fermosura e non permite desfrutala como se debería.
Praza Maior de Lerma

O Convento de Santa Teresa foi inaugurado por Felipe III no S. XVII para os frades carmelitas. Está pegado ao edificio do concello

Convento de Santa Teresa e Casa Consistorial

O Convento de Santa Clara actualmente non ten actividade relixiosa (dende 2015) pero hai uns anos foi coñecido porque máis de 250 mulleres xovenes procedentes de diversas clases sociais (a maioría con estudos universitarios) foron iniciadas na vida relixiosa por unha tal Sor Verónica. Como este convento se lles quedou pequeno, trasladáronse a outro municipio de Burgos: La Aguilera e sendo antes da Orde das Clarisas, transformáronse no Instituto Relixioso Leso Communio dedicándose á vida contemplativa e á evanxelización.
Convento de Santa Clara

O Arcos que se ven na foto serven de miradoiro e antigamente era un pasadizo creado a principios do S. XVII e que unía o Palacio de Lerma cos mosteiros de Santa Clara e Santa Teresa e a Colexiata de S. Pedro. Este é o único tramo cuberto que se conserva. O pasadizo servía para que o duque, o rei Felipe III e as súas familias poidesen asisitir aos oficios relixiosos sen pisar a rúa.

Miradoiro Os Arcos

Ao pé do Miradoiro dos Arcos descansa o Cura Merino: un famoso guerrilleiro da Guerra de Independencia cuxas estratexias de guerrilla lle valeron a fama e un recoñecemento militar importante.

Tumba do Cura Merino

A Colexiata de S. Pedro foi consagrada no S. XVII con grandes festas que duraron 21 días. O Duque de Lerma consigueu que esta abadía dependese directamente de Roma, por eso se o emblema papal. Ten unha fachada moi sobria e sinxela.

Colexiata de S. Pedro

Frente á Colexiata hai unha estatua do escritor José Zorrilla, autor de D. Juan Tenorio e que viveu nesta localidade.

Estatua de José Zorrilla

Unha rúa de Lerma:

Vemos a primitiva Igrexa de S. Juan, máis tarde chamada ermida da Piedade. Actualmente non é un espazo relixioso senón que está dedicado á cultura. O "Espacio Escénico La Piedad" acolle mostras de teatro, conferencias, actuacións musicais...etc

Espazo Escénico La Piedad"

Outra imaxe desta fermasa vila onde se nota a súa antigüidade no ben conservado casco histórico.

Lerma estaba antigamente protexida por unha muralla. Das 4 portas que tiña só queda unha, a coñecida como "Arco do Cárcere"
Arco do Cárcere

O Arco do Cárcere  ten dous cubos defensivos moi tranformados pero aínda conservando a saeteiras. No S. XVII e no XIX foi empregado como prisión de aí que o coñezamos co nome que ten. Na actualidade alberga o Consello Regulador dos viños con denominación de orixe "Arlanza".
Arco do Cárcere

 O mosteiro de Lerma (Antes Carmelitas descalzas) coñecido como Mosteiro da Madre de Deus ou Convento de Santo domingo. Actualmente esta desacralizado.
Mosteiro Madre de Deus.

Para non subir pola mesma rúa da baixada, subimos pola rúa Zorrilla onde lemos nos muros poemas deste escritor e ao fondo, o Espazo Escénico La Piedad.
Rúa Zorrilla
 
A casa onde viveu Zorrilla:
Casa onde viveu José Zorrillla

Na "Plaza del Mercado Viejo" tomamos un café para despedirnos desta localidade.
Praza do Mercado Viejo en Lerma

COVARRUBIAS

É un municipio moi pequeno xa que ten pouco máis de 500 habitantes.  No S. X, Fernán González e o seu fillo convertiron a Covarrubias na capital do infantazgo de Covarrubias e cabeza dun dos  máis importantes señoríos monásticos. Por este motivo se lle coñece co nome de "berce de Castela" e foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1965.
Entramos pola Porta do Adelantamiento de Castilla (Un adelantado era un oficial ao servizo da coroa que tiña encomendadas algunhas competencias  xudixiais e militares) Construida na 2ª metade do S. XVI por orde de Felipe II. É de estilo herreriano con elementos renacentistas. Tódalas escrituras que emanaban dese Adelantamiento gardábanse neste edificio que no S. XVIII perdeu a súa función porque todo o que había foi trasladado ao Archivo Xeral de Simancas.
Esta entrada é coñecida como Porta Real e ten encima o escudo de Felipe II. Foi utilizado como Casa do Concello e actualmente alberga a Oficina de Información e Turismo,a Biblioteca Municipal e unha sala de Exposicións.
Porta Real de Covarrubias

Nada máis cruzar a Porta Real xa nos demos conta de que nos introduciamos nun casco histórico diferente e fermoso.
Entrando en Covarrubias pola Porta Real

Covarrubias é sitio de cultivo de cereixas e vimos polas rúas varias vendedoras. Hai moitas variedades deste froito na zona.
Cereixas de Covarrubias

Covarrubias é unha vila antiquísima fundada en 878 polo conde García Fernández e que prospera baixo o coidado de dúas abadesas: Dona Urraca e dona Sancha. O seu casco histórico é un dos mellores expoñentes da arquitectura popular en España.
Unha rúa de Covarrubias

Chegamos deseguida á Praza Maior onde vemos a Casa Palacio de Fernán González do S. XII que actualmente é o Concello.
Praza Maior

Outra vista da Praza Maior onde na antiga Casa Palacio, que hoxe é o Concello, se pode aprezar un  arco románico que é o queda desta antiga construcción do S.XII
Praza Maior de Covarrubias

O Torreón de Fernán González  é mozarabe, do S. X e foi construido para reducir os ataques dos musulmáns. Actualmente é un Museo de Armas Medievais.
Hai unha lenda que di que nun aposento do torreón estivo presa dona Urraca, filla de Fernán González, por desobedecer a seu pai tendo amoríos cun pastor.
Torreón de Fernán González

A Praza de Dona Sancha:
Praza de Dona Sancha

Na Casa de Dona Sancha atopamos o icono da arquitectura tradicional de Covarrubias. É unha vivenda do S. XV que mantén a característica fachada de adobe e o clasico entramado de madeira.

Casa de Dona Sancha

Camiñamos ás beiras do Arlanza ata a  ex-Colexiata de S. Cosme e S. Damián. Un edificio do S. XV que conta co órgano máis antigo de España que aínda funciona.
Ás beiras do río Arlanza

Esta ex-colexiata é agora igrexa parroquial e destaca pola súa fachada.
Ex colexiata de S. Cosme e S. Damián

Frente a ex-colexiata vemos a estatua de Kristina de Noruega que casou co infante Felipe de Castilla, fillo de Fernando III, o Santo. Morreu moi nova e os seus restos están nun sepulcro de pedra dentro desta igrexa.
A estatua que vemos é de 1978 con ocasión da homenaxe que se lle fixo e á que asistiron varios personaxes noruegos. Desde entón sucedéronse os contactos entre autoridades do goberno de Noruega e de Covarrubias chegando a crearase unha Asociación chamada Princesa Kristina de Noruega cuxo fin foi crear unha capela dedicada a S. Olaf, patrón de Noruega en Covarrubias. Foi inaugurada en 2011 a uns 3 km. da vila.
Princesa Kristina de Noruega

As casas de Covarrubias chaman moito a atención pola súa cor, todas iguais, e o entramado en madeira que teñen.

Unha rúa de Covarrubias

As peculiares casas de Covarrubias

Ata buzóns e papeleiras teñen a forma das casas!! Que detalles!!
Un buzón de Covarrubias

Unha papeleira

A Igrexa de Santo Tomás foi construida no S.XII pero edificio actual data do S. XVI.


Outra vista dende a igrexa de Santo Tomás.


Dende logo a min encantoume esta pequena vila que garda no seu casco histórico tan peculiar e fermoso a estructura, fisonomía e esencia de séculos pasados.

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Lerma_(Espa%C3%B1a)
https://www.turismoarlanza.es/es/lerma/puntos_interes/es/mirador-de-los-arcos/

https://www.turismoarlanza.es/es/lerma/puntos_interes/es/ermita-de-la-piedad/

https://www.castillosnet.org/fortificacion.php?r=BU-CAS-027

https://www.elcorreodeburgos.com/burgos/provincia/110711/181294/covarrubias-capital-cereza.html
https://es.wikipedia.org/wiki/Covarrubias
https://www.guiarepsol.com/es/fichas/monumento/torreon-fernan-gonzalez-11940/

https://www.elcorreodeburgos.com/burgos/230708/186241/covarrubias-belleza-tropel.html

https://es.wikipedia.org/wiki/Cristina_de_Noruega




mércores, 3 de xullo de 2024

ATAPUERCA/ CATEDRAL DE BURGOS

 Do día 21 ao 23 de xuño viaxamos en grupo a Burgos e provincia nunha viaxe organizada pola Asociación Amigos das Viaxes que lidera Xaime Cancio. Foi unha viaxe, como de costume,  moi ben organizada e moi enriquecedora.

Íamos a unha provincia recoñecida polo clima frío, polo Cid Campeador e polo xacemento de Atapuerca. Comprobaremos que en Burgos hai moitísimas cousas máis que destacar!

Aloxámonos no hotel "Ciudad de Burgos" na localidade de Rubena que aínda non chega aos 200 habitantes. Está a 13 km. de Burgos capital. Aínda que o noso hotel pertence a Rubena, non vimos esta vila que está a 1,5km. de distancia.

En 1º lugar quero dicir que aínda que eu xa estivera en Burgos capital e atravesara esta provincia, hai deso moitos anos e non lembraba o verde que era, a moita vexetación e árbores que ten. A nosa 1ª parada foi en:

ATAPUERCA


Visitamos o CAREX (Centro de Arqueoloxía Experimental) de Atapuerca. Son dous espazos complementarios: o interior contén a 1ª exposición permanente sobre Arqueoloxía Experimental realizada en España (Non a visitamos) e o espazo exterior cun percorrido cronolóxico vendo en directo os xacementos atopados. Esto foi o que fixemos acompañados por unha guía.
Ata hai uns 20 anos pensábase que a colonización humana de Europa era de hai 500000 anos atrás, pero Atapuerca ofrece unha moito maior antigüidade a xulgar polos restos que apareceron: entre 800000 e 100000 de anos atrás.
En 1895, unha compañía británica iniciou a construcción dunha liña ferroviaria para transportar ferro e carbón dende as  minas do norte de Burgos ata as fábricas de Viscaia. O enxeñeiro Richard Preece, director da empresa, nun momento dado modificou o proxecto inicial para que a liña de tren pasase por un lugar rico en pedra caliza, na Serra de Atapuerca e así, derribando montañas, facendo túneles, arrasando árbores descubreuse sen querer o xacemento paleontolóxico máis importante de Europa.
A Serra de Atapuerca, formada por rocha caliza, ten moitas covas formadas polas augas do río Arlazón.
No lugar coñecido como Trincheira do Ferrrocarril  de 1km. de lonxitude ábrense varias covas con restos óseos de persoas e animais.
Ao longo desta trincheira hai 5 xacementos en fase de excavación. Pódense visitar pola súa accesibilidade catro: Sima do Elefante, Gran Dolina, Galería e Penal.

Trincheira do ferrocarril

En 1911 cerrou o ferrocarril e emerxeron moitos restos fósiles que atraeron a prestixiosos historiadores, pero este interés foise disipando e na década dos 50 a tricheira foi transformada en canteira.

No 1964, o profesor Francisco Jordá emprendeu as primeiras excavacións arqueolóxicas, labor que continuou nas décadas dos 70 e 80 o paleontólogo Emiliano Aguirre, todo un referente en Atapuerca.

A nosa visita foi guiada por unha experta no xacemento. Empezamos a camiñar entre caxigos (unha especie de carballo)


A era dourada de Atapuerca chegou nos anos noventa cun equipo liderado por Juan Luis Arsuaga, Eudald Carbonell e José Mª Bermudez de Castro. Este equipo elevou o xacemento a nivel mundial. No verán de 1992 atopouse un rompecabezas óseo que acabou dando forma a 2 cráneos de aspecto arcaico que serían coñecidos cos nomes de Agamenón e Miguelón, este último nome en honor de Miguel Indurain que ganaría o 2º tour ese ano. Estes cráneos actualmente atópanse no Museo da Evolución Humana en Burgos capital.

A guía ensinando uns cranios

No ano 1994 apareceron restos humanos de máis de 900000 anos que definiron unha nova especie: o Homo Antecessor que non foi atopada en ningún outro lugar do mundo. No ano 2000, a UNESCO declarou os xacementos de Atapuerca Patrimonio da Humanidade.


Atapuerca marca o camiño ao través dos fósiles que se atopan cada ano e que lle permite ter a secuencia de ocupación máis longa ata o día de hoxe dende hai 1,4 millóns de anos. É sempre noticia internacional polos achados como a cara do 1º europeo en 2022.
O xacemento chamado "Galería" era unha trampa onde os animais caían e servían de alimento  ás xentes que alí vivían.
Xacemento "Galería"

Atapuerca é un dos maiores e mellor estudiados conxuntos de restos paleontolóxicos e arqueolóxicos do mundo cunha gran trascendencia científica.

CATEDRAL DE BURGOS

A catedral de Santa Mª  é unha das obras máis importantes do gótico español aínda que no seu interior conserva elementos barrocos e renacentistas. A súa construcción empezou no S. XIII e tivo modificacións importantes nos S. XV e XVI. A construcción da catedral durou catro séculos e reflicte o xenio creativo de diversos arquitectos, escultores e artesáns.

A catedral de Burgos foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1984 sendo a única catedral de España que ten esta distinción por si sola, é dicir sen incluir o seu casco histórico como é o caso das catedrais de Salamanca, Santiago, Córdoba, Toledo...etc.

O bus deixounos moi cerca da catedral á que accedemos cruzando a Ponte de Santa Mª sobre o río Arlazón que pasa polo centro da cidade.

Ponte de Santa Mª sobre o Arlazón

Cruzando a ponte que é peonil e observando xa a catedral de fondo.

Entramos polo Arco de Santa Mª , un dos monumentos máis emblemáticos da cidade. Trátase dunha das 12 portas de accceso que tiña a muralla na I. Media. Este arco comunica a Ponte de Santa Mª que acabamos de atravesar coa Praza do Rei S. Fernando, onde se ubica a catedral.

Ten a súa orixe no S.XI pero o seu aspecto actual débese á reforma sufrida no S. XVI. Esta porta sustitúe a outra máis antiga que aparece nomeada no Poema de Mío Cid pola que se di que entraba e saía este cabaleiro.

O arco estivo ocupado pola Casa Consistorial ata o S. XVIII no que se construeu un novo Consistorio. Máis tarde foi un museo e na actualidade é un Centro Cultural e Artístico con espazos museísticos e exposicións temporais.

A porta foi concebida como un Arco Triunfal con retablo labrado en pedra representando personaxes históricos importantes na cidade como o emperador Carlos V ou o Cid.

Arco de Santa Mª

Entramos pola Porta do Sarmental que é por onde o fan as visitas turísticas. Foi construida no S. XIII e é un dos mellores conxuntos escultóricos do gótico en España.


O Retablo Maior:
Retablo Maior da catedral

As tumbas de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid Campeador, e da súa muller atópanse nesta catedral dende 1921. Ata esa data estiveron no mosteiro de S. Pedro de Cardeña, ás aforas de Burgos. Tan só hai uns poucos ósos xa que durante a Guerra de Independencia as sepulturas do Cid e da súa muller foron expoliadas.
Tumba do Cid e de dona Ximena

A Escaleira Dourada, do S. XVI.
A Escaleira Dourada

O conxunto escultórico do Trasaltar ten unha gran importancia histórica e tamén un problema xa que dende o século XVI sofren un progresivo deterioro. Son 5 xoias de retablos en relevo da girola (nave  ou naves que rodean o altar maior) con relatos do Evanxeo.
Conxunto escultórico

O Sepulcro dos Condestables realizados en mármore de Carrara.

A Capela dos Condestables é unha das máis espectaculares das 19 que ten esta catedral.

Capela dos Condestables

Na capela de Santa Ana destaca o Retablo Maior que representa a aperta entre S. Joaquín e Santa Ana, pais da Virxe.
Retablo Maior na capela de Santa Ana.

O Cimborrio da catedral é unha das obras arquitectónicas máis impactantes e importantes; é a cúpula máis fermosa de todo o Renacemento español. Do cimborrio dicía Felipe II:  "más parece obra de ángeles que de hombres"

Cimborrio
Cimborrio e Cruceiro


Outros detalles da catedral:










A Sacristía Maior é de estilo barroco rococó e destaca a abundante decoración do teito.



Admiramos un cadro de como nos gustaría que fose o Cid Campeador...


Admirando as fermosísimas agullas da catedral:


Despois de visitar a catedral, fomos polo Paseo do Espolón ata a Praza Maior. Este paseo, paralelo ao río Arlazón, foi construido no S. XVIII e é un dos máis frecuentados por burgaleses e visitantes e de feito é certo que estaba a rebordar de xente camiñando e nas cafeterías que hai.
O nome "Espolón" ten relación coas frecuentes riadas que había do Arlazón que está ao lado. Foise elevando a zona con diferenmtes estructuras e agora permanece a cidade a salvo das enchentes do río.
Paseo do Espolón

Entramos á Praza Maior dende o Paseo do Espolón a través dos póticos que se ven na foto:

Ao longo do paseo hai ata 8 estatuas de reis. Estes 4 acordouse que fosen colocados formando un cadro.


A Praza Maior da cidade que é o lugar máis popular e antigo ocupando o corazón da cidade. Ao contarrio do resto de Prazas Maiores de España que acostuman a ser cadradas, a de Burgos ten un trazado irregular

Praza Maior de Burgos
Outra imaxe da Praza Maior:

O edificio máis notable da Praza Maior é a Casa Consistorial que se empezou a construir a finais do S. XVIII sobre o que era antes a Porta de Carretas para entrar a cidade que estaba amurallada. É un edificio neoclásico.

Casa Consistorial

O Palacio Provincial é a sede da Diputación de Burgos. Poidemos velo ao final do Paseo do Espolón (bueno ou ao principio, depende por onde se empece a camiñar)
Palacio Provincial, sede da Deputación

Na foto vemos a Ponte de S. Pablo con estatuas do Cid, a súa familia e outros personaxes relacionados con el.

Ponte de S. Pablo

E frente ao anterior Palacio, outro: o do Teatro Principal. De estilo isabelino, empezou a construirse no 1843.

Teatro Principal

Estatua ecuestre do Cid ao pé dos Palacios anteriores.

Estivemos poucas horas en Burgos capital pero agora, ao ver as fotos de tódolos lugares que visitamos, doume conta de que aproveitamos moi ben o tempo.

Páxinas web consultadas:

https://historia.nationalgeographic.com.es/a/atatpuerca-hominido-europeo-mas-antiguo_7021

https://www.atapuerca.org/es/ficha/Z23BEEC3E-DED1-280C-85D6175A538CC98A/visita-al-centro-de-arqueologia-experimental-carex

https://www.cultura.gob.es/cultura/areas/patrimonio/mc/patrimoniomundial/bienes-declarados/por-ano-de-inscripcion/1984/catedralburgos.html

https://sites.google.com/site/unpaseoporburgos/r%C3%ADo-arlanz%C3%B3n

https://es.wikipedia.org/wiki/Arco_de_Santa_Mar%C3%ADa

https://burgosturismo.org/burgos/paseo-del-espolon-burgos/

https://turismo.aytoburgos.es/gestor/-/asset_publisher/l8bTZYfQgLHB/content/casa-consistorial