xoves, 6 de xuño de 2024

RUTA CIRCULAR EN FAZOURO (FOZ)

 Nesta parroquia do concello de Foz (Fazouro) levo feitas moitas rutas, para algo é o lugar onde vivo dende hai nada menos ca 44 anos. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Para a realización desta ruta partimos da igrexa parroquial. No atrio da mesma podemos ver a Fonte de S. Campio que foi canalizada para aí dende a antiga fonte que está un pouco máis arriba e despois veremos.

Fonte de S. Campio

Fonte de S. Campio

Vemos o río Ouro e o barrio de Vilarmea.

A pista que vemos corresponde á Ruta do Río Ouro.


O río Ouro, preto da súa desembocadura, está rodeado de xunqueiras que antigamente eran de propiedade privada e actualmente son de Costas.

O río Ouro nace na Serra do Xistral, no concello de Alfoz. Despois de percorrer case 30 km. desemboca nesta parroquia de Fazouro, no mar Cantábrico.
O Ouro ao seu paso polo barrio de Vilarmea.

Por este camiño achegámonos ao barrio do Souto.

O Souto é un barrio moi pequeno de tres ou catro casas e con fabulosas vistas.
 
E despois pasamos polo barrio de A Granda onde actualmente non vive ninguén de forma continuada.

A Granda tamén ten boas vistas. Á esquerda quédanos o mar e o Polígono Industrial de Foz.

Chegamos á estrada N- 642 que temos que cruzar.

Atravesamos a ponte do tren. O barrio que vemos é o último indo para o lado de Foz e chámase Caldouceiro.

Imos cara ao mar, buscando o Paseo Marítimo.

Vemos un grupo de plantas que chaman a atención pola súa cor amarela e polo mestas que están. Son crisantemos silvestres ou pampillos e séntanlle de marabilla ao azul!!


Seguimos polo paseo que vai dende a praia de Peizás á da Pampillosa, inaugurado este ano. Esta ponte de madeira salva o Rego de Vilarmea.



A Praia do Sarrido só existe en marea baixa. Ten bastantes pedras, é pequena e o acceso pode ser complicado para persoas de mobilidade reducida.

                                                                                Praia do sarrido
Ao pé da praia do Sarrido, cara a Foz temos as Penas da Salsa onde antigamente se pillaban mexilóns.

                                                                          As Penas da Salsa
Vistas do paseo marítimo entre as praias de Peizás e a da Pampillosa que non hai moito que se inaugurou. Faltan zonas de sombra que o alcalde prometeu. A ver se é verdade...
A min realmente non me gustan nada estes paseos con formigón podendo deixalos moito máis naturais como vin na costa occidental asturiana, onde respectaron moito máis o medio natural e os paseos son os carreiros de sempre ou acondicionados de xeito o máis natural posible con pedra, gravilla...
Paseo marítimo
Estamos na Rasa Cantábrica (espazo litoral estreito, entre os 3  e os 5 km. de ancho situado por debaixo dos 300 m de altitude entre o mar e as montañas próximas)
Os materiais que forman esta rasa son sobre todo pizarras e cuarcitas, blandas e facilmente erosionables que o mar foi modelando ao longo dos séculos formando arcos, covas, illotes, furnas....
A rasa cantábrica abarca aprox. dende Ribadeo ata Burela.
Forte erosión das rochas

A praia da Pampillosa é moi pedregosa o que dificulta o baño se se vai descalzo. Houbo un tempo no que contou con socorristas pero xa hai uns anos que non ten este servizo. A afluencia de xente é moi baixa porque non é unha praia cómoda, aínda que xunto á área recreativa que hai, no verán, aparcan moitas auto caravanas.

Nesta praia da Pampillosa desemboca o Ouro.
O Ouro e o seu encontro co mar.
Despois de pasar por debaixo de dúas pontes (a do tren e a dos vehículos) imos pola outra área de recreo e vemos de frente a Ponte de Ferro, peonil e que une o barrio de Vilarmea co barrio da Ponte.
Ría de Fazouro

Nesta área recreativa hai unha fermosa alameda.
Alameda

Nesta área recreativa consérvase un trozo da anterior ponte de ferro.

Pillamos agora o camiño que coincide coa Ruta do Ouro.

Por onde camiñamos agora era antes un camiño de carro que foi acondicionado nos anos 90 para unir a Ponte de Ferro coa Ponte Vella e reazar así a ruta do Ouro.

Pasamos ao pé da Obra Pía. Estes edificios formados por unha antiga escola(o pequeno) e a casa do mestre(o grande) foron rehabilitados non hai moitos anos.

Foron mandados construir por Francisco de Cora e Miranda, natural de Lieiro en S. Cibrao. En 1803, otorgou testamento aberto fundando unha escola en Vilarmea "Para la enseñanza de niños y niñas en las primeras letras, escrivir, contar, saber con inteligencia la Doctrina Cristiana, confesarse y comulgar, oir Misa con intención y devoción"

Na parte de atrás da escola, onde agora se ve un muro e árbores, houbo un lagar tamén construido por Francisco de Cora

Anos máis tarde, no 1951, apróbase o regulamento da Fundación "Obra Pía de Fazouro".

"Por orden ministerial del 11 de mayo de 1951 fue resuelto el expediente de transmutación de fines de la Fundación benéfico-docente "Obra Pía de Fazouro" acordándose que las rentas se apliquen en lo sucesivo al sostenimiento de clases complementarias de enseñanzas del hogar en la Escuela Nacional de niñas de dicha localidad"


Voltamos ao tramo que é lineal  e volvemos pasar a Ponte de Ferro. Vemos un petroglifo que non está sinalizado nin posto en valor en sitio ningún.
O petroglifo ten a seguinte historia, escrita por Xesús do Breogán.
 
Pasamos pola antiga Fonte de S. Campio antes de que fora canalizada para a outra fonte que está máis abaixo, no adro da igrexa.
E xa chegamos ao punto de inicio.

A igrexa parroquial de Santiago de Fazouro é do ano 1750 e foi construida sobre outra anterior da que só se conserva a porta principal. Esta nova igrexa ten só unha nave con sacristía a tres augas e capela maior a catro.
Igrexa parroquial de Fazouro

domingo, 2 de xuño de 2024

PRAIA DE ARNAO/ FIGUEIRAS/ ENSEADA DA LINERA /TORRES DE DONLEBÚN (CASTROPOL)

 En Castropol xa fixemos dúas rutas que se poden ver nos enlaces:

As Minas (PR-AS-182) na parroquia de Tol

Senda Figueras- Castropol

Hoxe fixemos outra fermosa ruta neste concello, concretamente na parroquia de As Figueiras a maior parte, case toda ela sen perder de vista o mar.

CARACTERÍSTICAS:

Lonxitude: 8,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta sen sinalizar. Hai tramos que coinciden co Camiño de Santiago Norte e outros coa Senda E-9. O meu track en WIKILOC WIKILOC

DESCRIPCIÓN:

Partimos da praia de Arnao collendo o camiño que vai cara á Ribadeo e que coincide co Camiño Norte de Santiago.

En frente, a costa galega e a Ponte dos Santos que une Galicia e Asturias.

Praia de Arnao

praia de Arnao é de area fina e ten uns moi bos acessos e aparcadoiros, ademais dun merendeiro. En marea alta queda pouco espazo. 

Praia de Arnao ao fondo.
 
Outra vista da praia de Arnao, agora coa Punta da Cruz.

Imos por esta estrada uns poucos metros e pillamos o 1º camiño á dereita para ir ata ao pé do mar outra vez pero NON É NECESARIO, se seguimos, algo máis adiante hai outro desvío á dereita por onde van tódolos peregrinos, (por unaha vía de servicio pegada á A-8) que nos leva despois á Área de Descanso Ponte dos Santos sen chegar á beira do mar (Esto é opcional)

Por este camiño imos ata o mar.

Dende a punta á que chegamos vemos a parte asturiana coa Punta da Cruz e a parte galega con Illa Pancha.

Temos que voltar sobre os nosos pasos e decidimos pillar este camiño á dereita. Ten a herba grande pero son só uns metros.

Deseguida estamos na Área Recreativa da Ponte dos Santos que eu non sabía nin que existía. Dende aquí hai boas vistas sobre a Ría de Ribadeo e o Cantábrico.


Cruzamos por debaixo da A8.


A praia de Figueiras ou S. Román é unha pequena cala con acceso só en marea baixa. Ten area gorda e augas tranquilas.
Praia de Figueiras ou S. Román

A ría de Ribadeo e á dereita a vila do mesmo nome e á esquerda, Castropol.


Na Atalaia sitúase a capela de S. Román. A 1ª que existeu estaba situada a uns metros desta, preto da praia de Figueiras. No 1804, o Gremio de Mareantes inicia as aportacións económicas (2000 pesetas= 12€) para a construcción da capela e unha Torre Vixía adosada a ela na actual ubicación.
No 1842 remata a construcción. Ao longo dos anos sufreu varias reformas.

                                                            Capela de S. Román

Deseguida chegamos ao Porto de Figueras onde a empresa Asteleiros Gondán é a principal actividade industrial da vila. No pasado contou con ata 7 fábricas de conserva pero non durou moito esta industria ao ser sustituída pola construcción naval.

O Hotel-Palacete Peñalba está formado por 2 edificios dunha arquitectura que sorprende e separados por un xardín. Foi construido en 1912 por un discípulo de Gaudí.
O palacio foi mandado construir por Socorro Granda Sánchez e planeado polo seu mario Wenceslao García Bustelo quen morreu de súpeto. Este emigrara moi novo a Arxentina e o barco no que ía naufragou salvándose el e outras 7 persoas.
Dous anos despois embarcou de novo e abreu unha tenda de roupa e víveres coa que fixo fortuna. Tras aconsellarse coa súa nai, casou por poderes coa súa curmá Socorro case vinte anos menor ca el. Tiveron 4 fillos e en 1899 decidiron regresar definitavemente a Figueiras pero el morreu de repente antes de embarcar. A muller e os fillos decidiron seguir adiante cos seus plans. Instaláronse en Madrid e mandaron construir os 2 palacetes como residencia de verán.
 No 1981, os herdeiros venderon o palacio aos donos do restaurante Peñalba situado no porto de Figueiras abrindo o Hotel-Palacete Peñalba e 20 anos máis tarde compraron tamén o outro palacio e engadírono ao complexo.
O chalet de dona Socorro é unha referencia do Art Nouveau en Asturias e foi declarado Monumento Artístico.

O palacio coñeceu anos de abandono ata que pasou en 1981 a mans do actual propietario que o converteu nun hotel.

Hotel-Palacete Peñalba

 Chegamos deseguida ao porto de Figueiras que actualmente é un porto deportivo.
Porto de Figueiras

Na praza que hai no porto vemos este pequeno monumento dedicado á xente do mar na figura dun pescador.

O Palacio de Pardo-Donlebún  ou de Trénor  vémolo dende o porto.Ten unha torre central que data do S. XVI e ten aos lados dous corpos simétricos de épocas porteriores. Todo o recinto está rodeado dun alto muro de pedra. Está declarado BIC.
Este edificio coñecido tamén como "Palacio de Figueras"  actualmente alquílase para vodas, reunións, congresos, escenario de rodaxes, reportaxes fotográficos...Tamén funciona como aloxamento pero para poder facelo hai que alquilalo enteiro, coas súas 11 habitacións.
O palacio foi adquirido por Vicente Madera. "Está siendo la contribución, ciertamente notable, de la familia Madera a la recuperación del patrimonio histórico español, adquiriendo inmuebles por todo el país y dedicándose a rehabilitarlos sin escatimar recursos. Ahora llega el tiempo de comenzar a explotarlos, como se sospecha que se hará en unos años, una vez rematada la restauración ya en marcha, con la Torre dos Moreno".
Palacio Pardo-Donlebún
O edificio da imaxe corresponde ao antigo Posito de Pescadores. Rematou a súa construcción en 1932 e a partires de 1943 pasou a ser a Sede da Confraría de Pescadores, única no concello. Tamén é a Sede Social e Cultural da Asociación da  3ª idade "Cristo del Buen Viaje"
Confraría

Segundo imos subindo pola av. Trenor temos esta vista do porto, os asteleiros Gondán e, ao fondo, a Ponte dos Santos.

A av. Trenor é fermosa con estas árbores.

Chegamos oa Miradoiro do Gremio de Mareantes dende o que temos fabulosas vistas a Ribadeo e Castropol coa ría no medio.

A Fonte de Rapalacois atópase ao pé do miradoiro anterior baixando unhas escaleiras. Nela lavávanse as tripas do porco grazas á xenerosidade dos Pardo-Donlebún. Foi restaurada no 2007 así como o seu entorno.
Fonte de Rapalacois

A fachada que vemos a continuación forma parte tamén do palacio de Trénor ou de Figueras que vimos antes.
Palacio de Trénor ou de Figueras.

Agora emprendemos un tramo da ruta Figueras-Castropol que vai bordeando a ría e que eu xa fixen en dúas ocasións.

Desta vez cruzamos o prado polo camiño que se ve pero a ruta oficial dá a volta para achegarse á praia de Arnela e vai por entre os eucaliptos que se ven na foto.


Un pouco máis adiante deixamos a Ruta Figueiras-Castropol que segue á dereita e pasa por un lugar con moito encanto onde hai un muíño de mareas moi interesante e de gran valor etnográfico. Como xa o coñecíamos seguimos á esquerda polo Senda GR-E9.

O camiño é fermoso...


Dende un claro vemos as Torres de Donlebún e despois pasaremos ao pé delas.

Pero antes baixaremos uns 100m. para ver a Enseada da Linera.

Esta enseada é un lugar agochado, moi plácido onde custa imaxinar o trafego doutras épocas. Xa no S. XV, a enseada da Linera era coñecida pola calidade dos barcos que aí se construían. Nos S. XVI e XVII tivo un auxe sen precedentes, cando trala conquista de América, Felipe II encargou  ás máis de 20 carpinterías que había na Linera, goletas, corbetas e bergantíns.
Nos S. XIX e XX, houbo actividade centrada en embarcacións de pesca. Esta actividade irá desaparecendo pouco a pouco.
Enseada da Lineira
 
Actualmente, o único ruido que hai aquí é o son das mareas porque ata as poucas vivendas que vimos parecía baleiras.
Enseada da Lineira
Bancos de cores , un bambán, as árbores, a auga e ao fondo Castropol...unha imaxe que non se esquence.
Enseada da Lineira

Dende A Lineira damos a volta polo mesmo camiño da baixada. Esta aldea pegada á enseada estaba tan silenciosa que parecía non haber ninguén.
A Lineira

Pasamos diante das Torres de Donlebún. Este pazo foi erixido sobre unha torre do S. XVI. Está declarado Ben de Interese Cultural e conserva partes dos séculos XVI, XVII e XVIII.
Estivo abandonado e case en ruínas e agora está en proceso de restauración. É de propiedade privada e non se pode visitar por dentro.
Torres de Donlebún

As Torres están nun entorno solitario e bucólico. 

Chegamos a un cruce e pillamos á esquerda por un camiño. Estamos na parrpquia de Barres (Castropol)

Seguimos pola Senda GR E-9

Vemos a parte gandeira do concello de Castropol.

Pasamos unha fermosa fonte moi restaurada e no muro vemos os sinais de Gran Percorrido (brancas e vermellas) Non hai que esquencer que esa ruta GR E-9 é o Gran Sendeiro Europeo  e percorre uns 5000 km. dende Cabo S. Vicente en Portugal a Narva Joussuo en Estonia. Este Sendeiro aínda está en desenrolo e Asturias é a Comunidade que máis tramos ten completados.

Cruzamos a AS-31 onde tamén vemos o sinal do Camiño Norte a Santiago que segue esa estrada camiño de Figueiras.


Chama a atención esta Casa -Palacio que vemos ao pé da estrada anterior. Non atopei información ningunha sobre ela.
 
Deseguida chegamos ao punto de inicio.


Páxinas web consultadas:
https://www.turismoasturias.es/descubre/costa/playas/playa-de-figueras-y-san-roman

https://www.castropol.es/palacios-y-casonas/-/asset_publisher/aed4b938dd23/content/chalet-de-dona-socorro-palacete-penalba-de-figueras
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2023/08/12/palacete-penalba-figueiras-chale-indiano-proyecto-esposa/00031691869330240795910.htm
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/ribadeo/2023/09/09/palacio-500-anos-bodas-eventos-asomado-ria-ribadeo/0003_202309X9C4992.htm
https://asturiaspordescubrir.com/articulos/la-ensenada-de-la-linera/