domingo, 6 de xullo de 2025

CAMAGÜEY/ TRINIDAD/ CIENFUEGOS/ SANTA CLARA

CAMAGÜEY

O xoves, 26 de xuño, marchamos a Camagüey, capital da provincia do mesmo nome. Esta cidade ten un centro histórico que foi declarado Patrimonio da Humanidade en 2008. Antigamente chamábase Santa Mª del Puerto Príncipe, cando foi fundada no S. XVI por colonos españois ao lado da costa, máis tarde trasladouse ao interior, onde está agora.

Despois de que un pirata queimase a cidade no século XVII, redeseñouse como un labirinto para que aos atacantes lles fose difícil moverse por dentro da cidade.

O símbolo da cidade de Camagüey é o pote de barro ou tinajón, que se utiliza para captar a auga da chuvia e conservala fresca. 

Xantamos no restaurante La Campana de Toledo que está pegado á Praza de S. Juan de Dios onde pillamos unhas bici-taxis.
Praza S. Juan de Dios
 
As bici-taxis son vehículos destinados ao transporte de pasaxeiros accionados con tracción humana e con capacidade para dúas persoas máis o conductor. Úsanse especialmente para paseos turísticos pola cidade.
Unha bici-taxi

A raíz da aguda crisis económica cubana, iniciada na década de 1990, o servizo público de transporte veuse gravemente afectado e foi suplido parcialmente  por vehículos de tracción animal (chamados "coches" ou cativanas) y polos bicitaxis, ambos de fabricación artesanal.
As bicis-taxi na Praza S. Juan de Dios

Na
 Praza de S. Juan de Dios   vimos este edificio que é o Museo do mesmo nome. Antes de museo foi un hospital. Esta é a única praza que conserva o trazado e os edificios orixinais. 

Praza de S. Juan de Dios (Foto de Jaime Cancio)

Visitamos a Plaza del Carmen  xa que as bici-taxis paraban nos lugares máis emblemáticos. Esta praza foi restaurada hai uns anos con potes xigantes, esculturas a tamaño real, farolas...

As esculturas de Martha Jiménez dan a esta praza un selo de orixinalidade. Na foto de abaixo, as "chismosas ou cotillas".

"As chismosas" na Praza do Carmen

Moitos de nós sacamos fotos xunto a estas esculturas.

Cada escultura seguro que nos quere contar unha historia:

Os "tinajóns" servían para almacenar a auga da chuvia. (Foto de Jaime Cancio)


Máis esculturas a tamaño real na Praza do Carmen.

A igrexa da Virxe do Carme na mesma praza anterior é do S. XIX en estilo barroco. É a única de Camagüey con dúas torrres. Camagüei é a cidade que ten máis igrexas en Cuba.

Igrexa da Virxe do Carme na Praza do Carme. (Camagüey)

O Parque Ignacio Agramonte  debe o seu nome a un dos protagonistas da Guerra de Independencia e hai unha estatua ecuestre deste home. Hai tamén 4 palmeiras que lembran os 4 compatriotas fusilados por ter participado no primeiro alzamento independentista de Camagüey no 1851.
Nesta praza atopamos a Catedral de Nosa Señora da Candelaria, patrona da cidade. A igrexa foi totalmente restaurada con fondos recaudados durante a visita de J. Pablo II en 1998. Destaca pola estatua dun Cristo derriba do campanario.
                                                    Catedral de Nosa Señora da Candelaria

O monumento a Ignacio Agramonte foi inaugurado en 1912. É un conxunto escultórico formado pola representación da Estatua da Liberdade, unha escena da batalla e Agramonte sobre o seu cabalo, alzando unha espada. A obra está realizada en mármore e granito.

Estatua ecuestre de Ignacio Agramonte

Pasamos pola Plaza de los Trabajadores  no corazón da cidade. Chámase así porque a partires dos anos 60 os traballadores da cidade empezaron a facer neste lugar diversas actividades públicas de caracter  cultural, histórico e comercial.


"A Popular" lle chaman a este fermoso edificio que actualmente é o Centro de Convenccións Santa Cecilia. O estilo ecléctico tan presente en moitísimos edificios está aquí ben representado.
A Popular ou Centro de Convenccións Santa cecilia.

A Igrexa de Nosa Señora da Merced   está situada tamén nesta praza. É do S. XVIII e foi remodelada no S. XIX. Antes a Praza dos Traballadores era chamada "de La Merced " en honor a esta igrexa.
Igrexa de Nosa Señora da Merced


TRINIDAD (Chamada tamén Cidade Paisaxe pola relación que ten co mar e a montaña)
Declarada: Monumento Nacional de Cuba, Patrimonio da Humanidade e Cidade Artesanal e Creativa do mundo. 
Nada menos!! Todo isto é Trinidad!!

 A min, Trinidad encantoume! Pertence á provincia de Sancti Spíritus e foi a 3ª cidade fundada en Cuba polos españois no S. XVI. É unha das cidades colonais mellor conservada de Cuba e de toda América o que lle valeu para ser recoñecida como Patrimonio Mundial da Humanidade en 1988 xunto ao Valle de los Ingenios (zona onde prosperou unha inmensa industria de azucre nos séculos XVIII e XIX)

Indo no autobús fomos vendo algunha que outra plantación de caña de azúcre aínda coa planta pequena. A industria azucreira que tan importante foi en Cuba nos pasados séculos está actualmente en declive total. O azucre xugou un papel fundamental na economía da illa dende que os colonos españois a introduxeron no S. XVI.

Cuba foi un dos países que máis azucre exportaba a todo o mundo pero o colapso da Unión Soviética, a disminución dos precios do azucre nos anos 90 e as  sancións económicas de Estados Unidos durante décadas foron contribuindo ao precario estado da industria azucreira. Factores como a tecnoloxía obsoleta e a escasez de herbicidas, repostos, camións e diésel, empeoraron a situación.

En 2023, por primeira vez, Cuba non logrou exportar máis azúcar do que consumía, tendo que recurrir á importación para cubrir a demanda nacional.

Este declive deu como resultado pérdidas de emprego e afectou a comunidades enteiras que dependían do cultivo e procesamento de caña, polo que viron aumentar a pobreza e o abandono.

Na súa época dourada, Cuba chegou a exportar 8 millóns de toneladas en 1989. Hoxe, enfrenta a necesidade de importar máis do que produce, algo inédito para a illa. La situación impacta directamente nunha das xoias exportadoras da illa: o ron cubano.

Para ser considerado auténtico, o ron debe elaborarse con alcohol derivado de cana de azucre cubana, algo cada vez máis difícil de garantir.

Plantación de azucre

Dende o bus, o noso guía enseñounos a Torre Iznaga no Valle de los Ingenios, a 15 km. aprox. indo para Trinidad.

Son moitas as lendas que existen acerca da construcción da Torre Manaca-Iznaga entre os anos 1815-1830. Esta torre campanario de 45 m de altura permitía a continua vixiancia nas plantacións de azucre, evitando a posibilidade de fuxida dos escravos. As campás situadas na parte alta da torre marcaban o inicio e final do horario de traballo. Ademáis, servían para dar aviso en caso de incendio nos terreos de arredor.

A escaleira interior permite aos visitantes subir sete niveis ata chegar ao alto da torre dende onde poder divisar a finca onde se ubicaban a fábrica de azucre, a mansión e os cobertizos dos escravos.

Torre Iznaga (Foto de wikimedia commons)

A tecnoloxía na producción agrícola en Cuba é baixísima e vimos a campesinos arando a terra do mesmo xeito que nos anos 60 en España: cun rústico arado tirado por bois ou vacas. Os poucos tractores que vimos estaban avellentados.

Ao chegar a Trinidad o 1º que vimos foron as ruinas da igrexa de Santa Ana construida no S. XVIII e que foi un referente para os católicos.
Ruinas da Igrexa de Santa Ana

Esta  edificación do S.XIX  foi o cárcere real de Santa Ana  ata cerca de 1960. Ten unha moi boa conservación. Actualmente recibe o nome de Factoría Santa Ana e ofrece servizos ao turismo: cerveza artesanal, cafetería, parrillada, tendas...
Antigo cárcere Real

O entorno de Santa Ana consérvase tal cual dende hai séculos.
Praza de Santa Ana

Empezamos a camiñar polas súas empedradas rúas, flanqueadas de casiñas de cores.

Unha rúa en Trinidad
 
Os fermosos flamboyáns medran por todas partes.
Flamboyáns

En Trinidad vimos esta escola por dentro. Aínda que a escolaridade en Cuba é obrigatoria e gratuita totalmente, o interior desta escola que debeu ser un importante edificio no pasado, se nos fixamos no solo de mármore, é moi precario.
Unha escola en Trinidad

No centro do casco histórico atopamos a Praza Maior de Trinidad . Ao redor desta praza están os edificios principais e máis fermosos da cidade.
Na foto vemos a Igrexa da Santisíma Trinidad do S. XIX.
Igrexa da Santísima Trinidad

O Museo romántico ou Palacio Brunet é un dos máis fermosos palacios de Cuba. Foi o 1º museo de Trinidad, inaugurado en 1973. Pertenceu ao Conde Brunet, un rico crioulo. Ten un patio andaluz moi fermoso e unha colección valiosa de obxectos do S. XIX: mobles, vaixelas, obxectos de plata...etc de rica época pasada.
Ao fondo vemos a fermosa torre do campanario do mosteiro S. Francisco de Asís que actualmente é un museo.
Museo romántico ou Palacio Brunet na Praza Maior de Trinidad.

Esta Praza Maior parece detida no tempo . Non é grande pero invita a sentarse nun dos seus bancos e deixar pasar o tempo...
Praza Maior de trinidad

Nun dos laterais desta praza atopamos un taller de artesanía e vemos un home bordando unhas fermosas bolsas.
Preto de 1000 persoas entre homes e mulleres se dedican actualmente na cidade a estas labores con fío. De feito, Trinidad está considerada dende 2018 "Cidade Artesanal do Mundo".
Algunhas persoas (penso que moi poucas) descubrimos este taller e xa mercamos algunha destas bolsas que se ven na foto. Ao día seguinte voltamos (o noso bus, amarelo, levounos dúas veces a esta cidade) e volvemos comprar máis bolsas porque descubrimos que eran únicas, feitas á man en moi boa tela e que non volvemos a ver en ningún outro lugar.
Traballo artesanal en Trinidad

Este edificio azul tan colorido é o Teatro Caridad, aberto en 1937 e en cuxo escenario  desfilaron grandes personalidades da arte e cultura cubanas. Nos anos 90 quedou abandonado durante 3 décadas, ata que no 2021 foi de novo aberto tras unha profunda restauración e rehabilitación.

                                             Teatro Caridad en Trinidad.

O camión que vemos de tempos pasados é empregado agora como medio de transporte debido á severa recesión económica que está sufrindo este país.

A Praza Carrillo ou Parque Céspedes marcou a inicios do S. XIX o desenrolo ao sur do centro histórico da cidade. Aquí están o edificio do concello ( Asamblea Municipal) e a igrexa de S. Antonio de Paula.

Parque Céspedes e a súa pérgola

O equivalente ao noso concello

Igrexa de S. Francisco de Paula

En Trinidad tomamos contacto co Mar Caribe por vez 1ª nesta viaxe. O noso hotel estaba ao pé da praia María Aguilar, na península de Ancón.

A zona é un paraíso e moita xente démonos un bo chapuzón nas piscinas do hotel e no mar, aínda que aquí a auga estaba case demasiado quente, polo menos para mín.


Granma é o nome dun xornal cubano fundado en 1965 e é o Órgano Oficial do Comité Central do Partido Comunista de Cuba. Debe o seu nome a que era así como se chamaba o iate que trouxo a Fidel Castro dende México a Cuba xunto a outros 82 expedicionarios en 1956 dando inicio a unha guerra civil de 2 anos que culminou co trunfo da Revolución cubana no 1959.

Non lembro en que lugar vimos esta imaxe. En Cuba só veremos anuncios publicitarios referidos ao réxime e á política



CIENFUEGOS

É unha cidade capital da provincia do mesmo nome

Debe a súa orixe ao interese das autoridades coloniais españolas por desenvolver novas cidades na illa. Foi fundada no 1819 por colonos franceses e españois  nunha excepcional baía. As rúas foron trazadas formando cuadrículas. A arquitectura ecléctica da cidade conserva abundante decoración neoclásica, xunto a antigos e modernos rañaceos e fermosos paseos e parques . En 2005 o centro histórico urbano foi declarado Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

Dende o bus, entrando na cidade, vimos un mecado.



O Paseo do Prado é unha rúa moi longa flanqueada por interesantes edificios neoclásicos. A estatua que se ve é do músico Benny Moré. 
Paseo do Prado

O Parque José Martí está declarado Monumento Nacional. Foi neste lugar onde se erixeu o levantamento popular en contra de Batista no 1957.
No entorno deste parque atopamos os principais edificios administrativos e sociais da cidade.
Parque José Martí

A
Catedral da Purísima Concepción domina un dos laterais do Parque José Martí. Data do S. XIX e é de estilo neoclásico con dúas torres asimétricas.
Catedral da Purísima Concepción

O Palacio do Goberno é unha copia do Capitolio da Habana, aínda que non é tan impresionante.

Palacio do Goberno en Cienfuegos

O Arco de Triunfo é un símbolo da liberdade e independencia de Cuba. Esta é unha obra arquitectónica única no país. Foi levantado por obreiros de xeito voluntario polo que tamén é coñecido por Arco dos Obreiros. Foi inaugurado en 1902 e o arquitecto foi Antonio Ferrer.                                                       Arco do Triunfo ou dos Obreiros  

Estatua en mármore  de José Martí considerado o Pai da Patria cubana xa que foi o precursor e ideólogo da guerra que conduciría á independencia de Cuba respecto a España.

Estatua de José Martí (foto de Jaime Cancio)

O Palco de música tamén é ben fermoso.


O Museo das Artes ou Palacio Ferrer  foi construido en 1918 por José Ferrer, un aristócrata catalán que viveu aquí. É un dos edificios máis fermosos de Cienfuegos. 
Actualmente é a Casa da Cultura Benjamín Duarte
Museo das Artes ou Palacio ferrer

teatro Tomas Therry  foi construido a finais do S. XIX. Considerado Monumento Nacional, leva o nome dun rico home desta cidade que foi o que o ideou pero morreu antes de que se acabara de edificar.
Teatro Tomás Therry

Algunhas persoas poidemos ver o Teatro Tomás Therry por dentro. É precioso, ten 950 butacas e está decorado con mármore de carrara, madeira tallada á man e frescos de estilo clasicista no teito.
Interior do Teatro Tomás Therry

Interior do Teatro Tomás Therry

Interior do Teatro Tomás Therry

Pegado ao edificio anterior do teatro, temos o Colexio S. Lorenzo.

Ao morrer o rico Nicolás Salvador Acea en 1904, deixou parte da súa herencia para a creación de dúas escolas dedicadas a nenos pobres: unha de artes e oficios para varóns e outra do fogar para femias..

A mediados da década do 20 comenzou a construirse o edificio frente ao Parque Martí

Colexio S. Lourenzo

O noso xantar deste día foi moi cerca do Club Cienfuegos inaugurado en 1920. Polo seu deseño e fermosura é un dos edificios máis representativos do estilo ecléctico da cidade. Foi concebido como unha sociedade deportiva náutica. Nos anos 90 pechou e foise deteriorando moito o edificio. No 2002  volveu abrir as súas portas totalmente restaurado e no 2005 recibeu o Premio Nacional de Restauración.
Club Cienfuegos

O Malecón de Cienfuegos (o que nós chamamos paseo marítimo) tivemos que conformarnos con velo un pouco dende o restaurante onde xantamos. Aínda que o noso guía nos dixo que paseariamos por el, non foi verdade xa que despois de comer xa marchamos no bus camiño de Santa Clara.
O malecón define a cidade, é un paseo emblemático que foi construido a inicios do S.XX e é considerado un dos mellores exemplos de arquitectura colonial en Cuba.


SANTA CLARA
Santa Clara é a capital da provincia Villa Clara. É coñecida por ser o lugar que deu o trunfo á Revolución cubana na batalla de Santa Clara e por acoller os restos do Che.

O 1º que visitamos en Santa Clara, foi o Mausoleo e a inmensa praza de Ernesto Che Guevara.
A estatua erixeuse en 1987 para conmemorar o 20º aniversario del asesinato do Che en Bolivia. Por detrás da estatua, accédese ao  mausoleo, que contén 38 nichos tallados en pedra como homenaxe aos guerrilleiros que morreron na revolución boliviana. En 1997 atopáronse os restos de 17 dos combatentes, Guevara entre eles, nunha fosa común secreta de Bolivia e enterráronse no mausoleo. O 17 de outubre dese mesmo ano, Fidel Castro encendeu a chama eterna. O museo tamén recompila distintos obxectos sobre a vida e morte de Ernesto Che Guevara.
 
Non poidemos sacar ningunha foto nin grabar absolutamente nada dentro porque está prohibido. Incluso varias veces nos pediros que baixasemos a voz.
Aínda que non nacese, vivira nin morrese  en Cuba, a figura do “Che” é venerada en todo o país, pero en especial en Santa Clara onde se  respecta e admira como un héroe. Para todos os habitantes da provincia de Villa Clara, este é un lugar de culto. Nótase un ambiente estremecedor en todo o recinto, en especial no Mausoleo. Hai que entrar coa cabeza descubertapermanecer en absoluto silenzo e non se permite tomar fotografías.

O conxunto escultórico honra a memoria dos soldados que lideraron a Batalla de Santa Clara, na que se venceu ao exército do goberno de Batista en 1958 tralo asalto e descarrilamento dun tren blindado que transportaba munición e soldados para o exército gubernamental.

A Praza Che Guevara mide 17.500 metros cadrados e ten capacidade para 80000 persoas

Despois estivemos no 
Parque Leonicio Vidal ubicado no casco histórico.

Parque Vidal en Santa Clara

Este fermoso edificio alberga o Palacio Provincial e a Biblioteca José Martí. É do S. XX                                          Palacio Provincial e Biblioteca
Hai tamén unha escultura en bronce da benefactora da cidade, Marta de Los Ángeles Abreu.

A "Glorieta" é do S. XX e segue a ser un lugar reservado para a banda municipal.

Xa a piques de subir ao autobús para irnos vin a Catedral de Santa Clara, o edificio relixioso máis importante da cidade. Foi construida en 1940 despois do derribo da orixinal que estaba no Parque Vidal que acabamos de visitar.

Catedral de Santa Clara

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Bicitaxi
https://es.statista.com/grafico/32295/volumen-de-azucar-producido-por-cuba/
https://www.agrolatam.com/actualidad-latam/cuba-crisis-azucar-ron-produccion-2025
https://www.viajescuba.org/
https://www.arteporexcelencias.com/es/articulos/teatro-la-caridad-un-sueno-convertido-en-realidad
https://www.visitarcuba.org/
https://es.wikipedia.org/wiki/Teatro_Terry
https://cienfuegospatrimonio.wordpress.com/2011/11/29/colegio-san-lorenzo-eclecticismo-e-historia/

Ningún comentario:

Publicar un comentario