sábado, 19 de agosto de 2023

FERVENZA DE TORRILLÓN-MONTE MAIOR (XOVE)


Vistas dende Monte Maior

Encántame ir ao concello de Xove!! Ten un potencial tremendo para facer rutas xa que ten mar e montaña con elementos moi destacados a ter en conta. A zona marítima de Xove para min é das máis fermosas da Mariña, baste citar os cantís de papel, o portiño de Morás, as praias de Portocelo, de Esteiro... miradoiros impoñentes, o faro de Roncadoira, as ruinas de S. Tirso...Todo esto e máis pódese ver na súa ben sinalizada Senda Costeira que coincide nalgúns tramos co Camiño Natural do Cantábrico e eu deixo neste ENLACE  e NESTE.

Tamén realicei xa varias veces a Ruta dos Muíños que nos leva pola beira do río Rigueira nunha ruta moi ben acondicionada e sinalizada na que vemos varios muíños, pontes...nun fermoso entorno e nun fácil percorrido que remata na famosa igrexa de S. Antón da Rigueira. Esta ruta pódese ver AQUÍ

Tamén pola miña conta, xa que esta ruta non está sinalizada, fixen un percorrido pola parroquia de Xuances que se pode ver AQUÍ

Hoxe volvín a Xove porque vin no google maps unhas fervenzas chamada "Fervenzas de Torrillón", busquei e atopei algún track (moi poucos) de xente que xa as visitara. Eu nunca delas oira falar. Como o percorrido ata a fervenza era moi curto decidín amplialo á miña maneira guiándome polo maps e gravando ao mesmo tempo a ruta na aplicación Wikiloc.

Características da ruta:

Lonxitude: 12,7 km.

Dificultade: difícil (polo tramo de subida a Monte Maior)

Ruta circular sen sinalizar e co tramo de subida a Monte Maior con dificultades de percorrido.

O track da ruta en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta

Nesta ruta pretendín coñecer a fervenza de Torrillón (que de momento é moi pouco coñecida aínda que hai un camiño perfectamente acondicionado para chegar ata ela e é un curto percorrido) con subir ata Monte Maior que só o vin en google maps e pareceume que tiña que ser un lugar con fabulosas vistas como así é. O máis difícil foi a subida dende Gondar e despois de estar arriba atopar o camiño para descender ata onde tiña o coche. Xa explicarei.

A ruta parte do lugar de Torrillón que pertence á parroquia da Rigueira. É unha aldea moi pequena na que hai unhas 6 casas, case todas baleiras ou abandonadas. Non vin a ninguén, nen tan sequera ladraba un can.

Torrillón
 
Para acceder á fervenza hai unha pista prefectamente acondicionada.
Pista á cascada

Os últimos metros que nos levan á cascada teñen algún toxo pero pásase sen problema coa roupa e calzado axeitado.
Camiño á cascada

Hai pasarelas metálicas que tamén están en pefecto estado.

Pasarela metálica.

Pasarela metálica

Vin outras fotos onde a auga caía en abundancia dende o muro da presa de captación de augas . Hoxe non ocorría eso, supoño que será a causa da seca que hai.

Achegándonos á presa, vemos a fervenza natural que forma o Rego da Vella, afluente do río Rigueira. 
Fervenza de Torrillón

Din a volta sobre os meus pasos e baixei por ese carreiro que vemos á esquerda.
Baixada ao muíño

Nun fermoso entorno, hai un muíño aínda en bo estado de conservación:
Muíño
Chego de novo a Torrillón onde deixara o coche e agora pillo a estrada á dereita,  onde está o sinal de stop.
Torrillón

A medida que imos subindo, as vistas son extraodinarias.
 
O lugar que vemos na seguinte foto é Cancelas que xa pertence a outra parroquia, á de Montes. Aquí viven actualmente dúas persoas, un home e unha muller. Vin aos dous.
Cancelas
 Sigo ascendendo ata Vilariño que tamén pertence á parroquia de Monte. Vilariño é algo máis grande que os dous lugares por onde pasei (Torrillón e Cancelas)
Vilariño

Ao rematar Vilariño, pillamos á dereita, cara a Gondar.

Chegamos deseguida a ter estas vistas de Gondar, da parroquia de Monte tamén. Esta parroquia de S. Isidoro do Monte é a máis despoboada do concello de Xove.

Pillamos á esquerda .
Á esquerda
Pasamos por unha casa deshabitada como tantas outras que vin e vexo a diario nas rutas que fago. O despoboamento do rural vai a máis e semella que cada vez con maior rapidez.
 
Cruzo unha ponte sobre o río Rigueira:

A estrada remata onde está a casa que se ve na seguinte imaxe que tamén parecía deshabitada:

Camiño uns poucos metros por este camiño:

E torzo á esquerda para iniciar unha subida por un camiño de monte:

De momento camíñase ben e vexo ao lonxe os aeroxeadores eólicos.

Un típico camiño de monte entre eucaliptos.

E chego a un punto onde atopo un peche moi rudimentario que paso sen problema.

E a partires de aquí, o camiño complícase, practicamente desaparece e os toxos fan acto de presenza:

Cada vez o percorrido é máis difícil, en constante subida e eso non é o peor, por onde vou houbo un camiño pero case está impracticable con toxos, herbas e madeiros atravesados.

A paisaxe cambia totalmente, desaparecen as árbores para deixar paso ás uces e aos pastos para o gando. Camiñar por estas turbeiras é abondo difícil, hai moitas zonas encharcadas porque unha turbeira é un terreo que drena mal e por eso aínda que é verán e hai moita seca, o encharcamento nestas zonas é constante.

Turbeiras 

Non hai camiño nin carreiro marcado, por aquí hai que ir á aventura, pisando con dificultade nun terreo moi irregular con moitas fochancas (turbeiras) e esquivando como se poda os peches do gando.

Turbeira e pasto

As turbeiras son como esponxas de vexetación que se formaron durante miles de anos e non se descompuxeron de todo. Estes ecosistemas formáronse despois da época dos glaciares deixando lugares así que foron colonizados por vexetais. Estes humedais acumulan materia orgánica morta que procede de plantas adaptadas a vivir en sitios inundados, esta materia orgánica é a turba composta dun  90% de auga e un 10% de restos de plantas.

As turbeiras son uns ecosistemas moi importantes e que non son moi divulgados: axudan a regular o cambio climático a partires da regulación do ciclo de carbono das que son grandes depositarias; tamén fan de regulación hidrolóxica porque acumulan grandes cantidades de auga; son tamén hábitats ecolóxicos moi importantes para manter a biodiversidade xa que hai especies vexetais e animais que só se dan nestes lugares.

As turbeiras son moi sensibles á actividade humana e se non as conservamos corren risco de desaparecer. Ás veces drénanse para acelerar a descomposición da materia orgánica para obter terreos máis secos para agricultura, gandaría ou forestación creando outro tipo de ecosistema. Tamén se danan as turbeiras coa extracción da turba para xardinería...etc.

A auga das turbeiras

O meu obxectivo era chegar aos aeroxeradores. Sabía que aí tiña que haber  pistas polas que camiñar. Vin unha trocha ancha pola que subir e por aí fun:

Estou por fin en Monte Maior!! As vistas son espectaculares!! Valeu a pena o km e medio de subida tortuosa que fixen! Todo ese espazo que se ve na foto inferior (unha turbeira) tiven que cruzalo.

Monte Maior esténdese polos concellos de Xove e de Viveiro. Dende aqui temos unha magníficas panorámicas do Cantábrico e vilas de arredor e tamén de zonas e montañas de interior.

Monte Maior está catalogado como ZEC (Zona de Especial Conservación)


Por fin atopei a pista que buscaba. Para acceder a ela tiven que pasar por debaixo dos arames que se ven.  Alguén máis pasara xa porque un dos arames así o delataba.

A miña intención era seguir cara abaixo a pista esa da foto pero atopeime que a pista remata xusto aí, onde está o eólico.

Tiven polo tanto que dar a volta e seguir a pista que parecía levarme cara a Viveiro...

Esta era a paisaxe que vía: pistas e máis pistas para os eólicos pero quería atopar unha que xirase á dereita para volver ao coche.


E alí a vin!! Unha pista que collía á dereita!!

Nunca tanto me alegrei de ver o asfalto!! Por fin unha estrada normal. Souben que estaba no camiño correcto.


Tiven que salvar de novo outro peche de arames e saín á estrada.


Sabía que ía na dirección correcta aínda que non sabía de momento onde me atopaba...O mar era unha das paisaxes que vía.


Cara á dereita, a paisaxe tamén era moi chula!

Cheguei a Gondar polo lado inverso ao que antes fora. Xa estou situada, sei onde me atopo!

Gondar é un lugar da parroquia de S. Isidoro do Monte que se dedica á gandaría. Vin unha enorme extensión de prados ben coidados.


Chego a unha bifurcación e pillo á esquerda. Se fose á dereita chegaría ao punto da ida, onde abandonei as casas de Gondar para adentrarme no monte e subir a Monte Maior. Mirando de frente e á dereita eu vexo por onde camiñei na ida.

De seguido atopo outra bifurcación e sigo pillando á esquerda:

Agora xa me dou conta conta pola estrada que vou, que sae directamente a onde aparquei o coche. De frente, o mar.
 
E xa estou de novo en Torrillón, no punto de inicio desta ruta que tivo de todo: descubrimento de lugares fermosos: unha fervenza, un muíño, aldeas case abandonadas, panorámicas incribles dende as alturas e tramos de bo camiñar e outros non tanto...unha ruta con moita aventura!!


Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Jove_(Lugo)
https://www.iagua.es/respuestas/que-son-turberas





Ningún comentario:

Publicar un comentario