luns, 5 de febreiro de 2024

FERVENZA DO CASÓN/POZO DO INFERNO/CASTELO DO CASÓN (ORTIGUEIRA)

 Hoxe tocou ruta en Ortigueira, a 4ª que fago xa neste concello. As tres anteriores foron rutas costeiras, dúas delas pertencentes ao Camiño Natural do Cantábrico. Nos enlaces seguintes pódense ver:

C. Natural do Cantábrico: Mazorgán-Porto de Espasante

C. Natural do Cantábrico: Praia de Esteiro(Mañón)- Mazorgán (Ortigueira)

Ruta circular en Ortigueira

Hoxe descubrín tamén neste concello unha ruta que, a pesares de que a árbore predominante é o eucalipto, me gustou moitísimo. É unha ruta curta, fácil e moi entretida xa que case continuamente vas tendo vistas sobre as rías do Vicedo, de Ortigueira... e das vilas e aldeas próximas, pero o máis sobresaínte desta ruta son as dúas fervenzas que veremos e o Castelo do Casón co seu impresionante miradoiro.

Características: 

Lonxitude: 6,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que sinala os puntos clave pero necesario un GPS se se quere facer circular, aínda que é bastante intuitiva.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Empezo a ruta na aldea moi pequena de Pena do Vilar que pertence á parroquia de S. Adrián de Veiga.

Vou durante 2km. por estrada.


Paso polo lugar de Pereira no que contei 4 casas, dúas delas deshabitadas.

A estrada vai en lixeiro ascenso e lévase moi ben. Estou fresca xa que acabo de empezar a camiñar, o día non pode estar máis fermoso e hai moito monte cortado o que me permite desfrutar de boas vistas.

Ás vistas á man dereita:
 
Remata a estrada. Hai que torcer á esquerda por unha pista ancha.

Hai que ir primeiro ver as fervenzas. 

Están en sentido contrario. Eu escollo ir ver primeiro a do Pozo do Inferno:
                                                               
Formada polo Rego do Casón, esta fervenza case mete medo polo pozo onde cae.  Non me estraña que se chame "do Inferno"!!
Pozo do Inferno
 O lugar está ben acondicionado con pasarelas de madeira e escaleiras do mesmo material
Pozo do Inferno

Voltamos sobre os nosos pasos observando á nosa esquerda plantacións de eucaliptos cortadas recentemente e á dereita árbores autóctonos (castiñeiros e bidueiras)
Estamos en plena Serra da Capelada.

Chego á bifurcación anterior e sigo o sinal para chegar agora a Fervenza do Casón formada tamén polo rego do mesmo nome a igual ca anterior.
Rego do Casón

Teño visto esta fervenza en fotos con moita menos auga. Hoxe baixaba esplendorosa.
Fervenza do Casón
 
Non volto polo mesmo sitio. Ao pé da cascada sae un camiño paralelo a por onde fun que me leva á bifurcación primeira.
 
Vistas as fervenzas agora toca visitar o Castelo do Casón que xa nos cae en camiño facendo a ruta circular. As pistas polas que vou están en perfectas condicións e son anchas.

O Castelo do Casón foi na súa orixe un castro da Idade de Ferro. Na Idade Media sábese que foi unha fortaleza que tiña como función exercer como "torre vixía da ría" cando ameazaba algún perigo sobre todo durante as invasións normandas.
Por razóns descoñecidas, no S. XII a fortificación xa estaba abandonada. Hai uns anos realizáronse unhas excavacións arqueolóxicas neste xacemento dun grande valor patrimonial. A día de hoxe aparece bastante descoidado e dentro do recinto apenas se pode camiñar e ler os paneis debido á gran cantidade d emaleza que hai.
Castelo do Casón

Conserva aínda restos da muralla e o foxo ao redor. O que vemos na foto sería a porta sur.
Castelo do Casón

Na seguinte foto, parte da muralla rehabilitada. Facía falta un desbroce...
Castelo do Casón

Ao pé dos restos da fortificación, nas excavacións d e1998 foi tamén construido un miradoiro con excepcionais vistas á ría de Ortigueira, desembocadura do río Sera, Estaca de Bares...

Vista do Miradoiro e do que se ve dende aí.


Que fermoso debeu ser este monte hai moitos anos!! Vexo bastantes acivros. Deberon abundar nesta zona. 

Volvo sobre os meus pasos xa que para ver o Castelo do Casón hai que desviarse uns metros (moi poucos) da ruta principal. Agora todo é baixar por esta ancha pista.

Chegando xa a Pena do Vilar teño estas vistas:


E xa rematando a ruta coa chegada de novo a Pena do Vilar.
Pena do Vilar

A pista que traía desemboca na estrada pola que antes subín. Un pouquiño mís arriba teño xa o coche!

Páxina web consultada:

https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/castelo-do-cason-valioso-patrimonio-arqueologico-abre-publico-GJCG945773?imageNumer=1

martes, 30 de xaneiro de 2024

RUTA DE EIROÁ PR-AS 19 (TARAMUNDI)

Xa había tempo que non íamos a Taramundi a facer unha ruta. Fixen varias veces a máis coñecida que é a Ruta da Auga e tamén a dos Ferreiros e a dos Muíños.

Hoxe fixemos unha ruta que de xeito global é recomendable porque ten varios puntos moi interesantes que merece a pena descubrir pero, en canto á vexetación, calquera das anteriores para mín, son máis fermosas e tamén transcorre na súa maioría por pistas de monte rodeadas de eucaliptos, que se salvan polas boas vistas que hai e os dous últimos km vai polo arcén da estrada As-21.

Características:

- Lonxitude: 14,2 km.

- Dificultade: moderada (poño esta valoración por unha baixada despois de Bres na que se atravesa un monte que, ademais de estar actualmente chea de toxos, nun pequeno tramo ten tamén moita pendente)

- Ruta circular perfectamente sinalizada, agás nunha bifurcación onde hai varias opcións e debeu romper o poste de sinalización.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Aparcamos moi cerca da igrexa de S. Martín de Taramundi que destaca e é visible dende case calquera punto pola súa esbelta torre. Unha inscripción nunha lousa di "Esta capilla y nave hicieron feligreses y cura. Año 1714" A súa torre é de 1952 xa  que a orixinal  foi destruida por un raio.

Igrexa de S. Martiño en Taramundi

Uns metros máis arriba empeza a nosa ruta de hoxe.


Pasamos ao pé do Hotel La Rectoral  que foi o 1º hotel rural de España, inaugurado no 1986. O porqué do nome é fácil de adiviñar: foi a antiga casa do cura ou Casa Rectoral e data do S. XVIII.

Unha imaxe do Hotel La Rectoral:


Este hotel ten unhas vistas fermosas das montañas e do val do río Cabreira.

Outra vista das dependencias do hotel

O percorrido empeza en ascenso.

Imos por un camiño de monte con pouco atractivo polo medio de eucaliptos:

A ruta de momento está moi ben sinalizada:

E aparece algun camiño máis atractivo:

Desembocamos nun tramo de asfalto que vai durar ata a aldea de Piñeiro. Seguimos subindo...


Chegamos ao punto máis alto do noso percorrido: a 598 m. de altitude e temos, mirando á esquerda, vistas das montañas galegas. Estamos no Chao de Marco.

Agora toca baixar a ladeira da montaña.

Baixamos por unha ancha pista que nos deixa boas vistas na parte dereita e de frente:


Nun momento dado vemos ao lonxe e á dereitaTaramundi:


O camiño ten pouco atractivo. É unha pista forestal pero o que si temos son boas vistas.


Chegamos á pequena aldea de Piñeiro que pertence á parroquia de Taramundi. Colgada da ladeira da Serra de Eiroá as antigas vivendas desta aldea e as construccións auxiliares como cortes, palleiras...foron perdendo o sentido orixinal ao tranformarse o mundo rural. Agora estas vivendas restauradas son de uso exclusivamente residencial e esto asegurou a pervivencia da aldea.
Piñeiro
Dende Piñeiro pódese optar por facer unha ruta máis curta, cruzando a aldea e pasando por Aguillón para voltar de novo a Taramundi. Nós optamos pola ruta larga polo que seguimos baixando cara a Galiñeiros.

Vemos as montañas e o val do río Cabreira.

Chegamos a un punto da baixada dende onde xa vemos Bres, por onde despois pasaremos.

Galiñeiros é unha pequena aldea da parroquia de Bres.

Baixamos un pouco por asfalto dende Galiñeiros e deseguida torcemos á dereita polo camiño que vemos na foto:

Imos ao encontro do río Cabreira e do Mazo de Bres:

O Mazo de Bres atópase nun completo abandono. No pasado foi unha aldea viva que nacera á beira do río Cabreira e do "Camiño Grande" ou "Camiño Real" que unía Taramundi coa Veiga.

Mazo de Bres

En torno ao mazo foi medrando a aldea. Varias xeracións de ferreiros traballaron neste lugar.
O Mazo de Bres

Aquí, a principios do S. XVIII había un mazo funcionando. No 1752 pertencía a 5 propietarios e traballaba a metade do ano (No verán nom porque o caudal do río era insuficiente para poder movelo) Neste mazo estirábase o ferro para facer caldeiros.

O Mazo de Bres
Xunto ao mazo tamén houbo un muíño e os dous eran comúns e forman unha intelixente maneira de aproveitar a auga.

Dende o ano 1924 parece que xa non queda ningún ferreiro nesta aldea.

Mazo de Bres

Cruzamos a ponte que se ve na foto sobre o Cabreira para ir pola outra marxe:


Ao pouco, deixamos o río e subimos a Bres que é a 2ª poboación do concello en nº de habitantes despois de Taramundi. O muro da foto foi hoxe o noso comedor.

E despois de comer, cruzamos a estrada As-21 e topámonos con  Casa Vital onde tomamos o café.

Centro de Artesanía ubícase na antiga Casona de Villanueva. Foi concebido como unha instalación para facilitar o coñecemento e posta en valor das actividades artesanais. Foi inaugurado en 2013.

O Centro de Artesanía ten diante un espazo de xogos e aparatos para facer exercicio físico. Á súa beira tamén está a igrexa de S. Pedro.

Casa da Agua de Bres, instalada no edificio das antigas escolas de 1930, construido coas  donacións dos emigrantes en América, abreuse en 2003 co obxecto de dar a coñecer a relación entre as culturas e a dinámica da auga ao longo da súa historia. 


Casa da Auga

Abandonamos Bres cruzando polo centro da aldea na que vimos moitas vivenda rehabilitadas e outras de recente construcción. Pareceunos unha vila fermosa e ben coidada.
Bres

Dende  Bres seguimos de novo ao pé do río, vendo o mal estado desta valla que parece que hai tempo que pide unha reparación. As rutas, xa se sabe... no é só abrilas. Despois teñen un mantemento.

 Alonxámonos do río e un pouco máis adiante temos que cruzar un monte por un carreiro cheo de toxos. Menos mal que é un moi curto traxecto.


Polo carreiro que se ve na foto, bastante empinado, baixamos xunto ao río.

Pasamos por debaixo dunha ponte (a Ponte de Cabreira) con dous ollos: por debaixo dun ollo pasa o río e polo outro pasan as persoas e na antigüidade, os carros tamén.

Seguiremos por este camiño imporatnte no pasado, achegándonos a Aguillón.

Vemos unha presa que serviría para levar a auga para o mazo que houbo en Aguillón dedicado ao ferro. En Aguillón hai un mazo moi ben conservado (dise que houbo 10 en todo o concello) Este estivo funcionando ata 1978 e anos despois foi restaurado. Varias xeracións de ferreiros traballaron neste mazo, sendo o último Federico Cotarelo Murias, o último ferreiro de mazo no concello de Taramundi.


En Aguillón vemos a pequena e antiquísima capela dedicada a S. Blas e ao fondo o edificio que noutros tempos foi a escola.

Nós seguiamos un track feito polo concello de Taramundi que nos mandou os 2 últimos km. polo arcén da estrada AS-21 pero agora mirando outros tracks, ao redactar esta entrada, vexo que a maioría deles atravesan a área recreativa e van `por camiños cara a Veiga de Illán e a Taramundi....Mecachis!! Como non me din conta?

Nesta zona distinguen entre hórreos e cabazos. Os cabazos son rectangulares de pedra e madeira, tipo Mondoñedo. En cambio os hórreos son de planta cadrada e seméllanse aos asturianos. 

Na foto, un cabazo tipo Mondoñedo.

Mirando cara ao alto vemos o Hotel La Rectoral e ao pé da estrada, unha fonte e lavadoiro restaurados.

Ademais de vivir do turismo, nas aldeas deste concello aínda manteñen algo de tradición gandeira como testemuñan os prados verdes existentes.

Taramundi, vila pioneira do Turismo Rural e que hoxe en día vive practicamente do turismo como se nota en que a pesares de ser unha vila moi pequena (ao redor de 600 habitantes en todo o concello) conta con varios restaurantes, hoteis, casas de turismo rural... xa que este concello ten moitos elementos naturais, etnográficos e arquitectónicos que a fan receptora de multitude de visitantes en calquera época do ano.



Páxinas web consultadas:
https://www.guiarepsol.com/es/fichas/monumento/iglesia-de-san-martin-12305/


https://www.taramundi.es/centro-de-artesania-de-bres

https://www.lne.es/occidente/2007/07/04/bres-fluir-historia-21866354.html