xoves, 5 de setembro de 2024

O XISTRAL. RUTA CIRCULAR DENDE A CAPELA DE SANTA FILOMENA. (O CADRAMÓN_VALADOURO)

 Encantoume esta ruta feita hoxe na Serra do Xistral!! A Serra que temos tan cerca da Mariña e que ten uns paisaxes espectaculares. Planifiquei unha ruta que me parece que quedou preciosa.

A Serra do Xistral é dura e inhóspita aínda que pola suaves lombas que ten non o parece. A néboa e o vento poden aparecer en calquera momento e hai que ir sempre sabendo a onde se vai e en que condicións.

A altura máxima desta serra atópase no Pico do Cadramón (Valadouro) con 1046m. de altitude.

Abarca os seguintes concellos: Abadín,  Alfoz, As Pontes, Mondoñedo, Muras, Ourol, Valadouro, Vilalba, Xermade , Xove, Viveiro e Cervo.

De todos estes concello escollín Valadouro para facer unha ruta circular dende a Capela de Santa Filomena no Cadramón.

Características da ruta:

- Lonxitude: 8,7 km.

- Dificultade: fácil

- Ruta circular sen sinalizar. Eu planifiquei este track en WIKILOC

Descripción:

O inicio e fin desta ruta está na Capela de Santa Filomena no Cadramón. É unha das capelas máis antigas da comarca, unha mostra do románico rural en Galicia. A súa orixe remóntase aos S. IX e X. Ata o S. XIX cumpreu a función de igrexa parroquial do Cadramón. O que hoxe é capela, antigamente era a absida e da nave central só quedan os restos do muros.

Hoxe estaban sen rozar os arredores da capela.

Capela de Santa Filomena

Nun lateral da capela vemos 7 canzorros, típicos do románico, algúns deles representando escenas sexuais, algo frecuente na época.
Canzorros

Estou no Cadramón, parroquia do concello de Valadouro. No ano 2000 tiña en total 229 habitantes. No 2021 tiña 118 e acualmente en 2024 seguro que xa ten algún menos. coma moitas aldeas de interior vai quedando baleira. A parroquia está toda ela na Serra do Xistral.

Baixo por estrada uns 500 m.

A Serra do Xistral é moi pródigo en auga e aquí nacen varios ríos da Mariña. Ata en pleno verán, os pequenos regos baixan con abundante auga.

Despois de cruzar a ponte sobre o Rego da Furna, pillo un camiño á dereita.

Cruzo un Paso Canadiense (atoparei varios) xa que é zona de gando solto polos montes.

Empezo unha subida moi suave e levadeira.

A tarde está oscura e a medida que ascendo parece que incluso vai chuviscar.

Mirando á dereita vexo a Fraga da Furna e adiviño perfectamente por onde baixa o Rego do mesmo nome.

Deseguida cruzo outro rego, este é o do Cadramón que se vai xuntar co da Furna algo máis abaixo.
Rego do Cadramón

Nos picos, a néboa ameaza. Aínda que baixe, vou segura por este camiño. Nada hai peor cando baixa a néboa (e faino con frecuencia e de súpeto) que andar por roteiros sen marcar, xa que non verás por onde tes que ir, non verás ao lonxe que é a referencia cando vas por sendas non definidas.
Montañas do Xistral

Nun momento dado vexo o camiño que andiven.

Agora atopo un peche para o gando que se abre facilmente e volvo pechar. SEMPRE, SEMPRE que se abran hai que deixar pechado. Este terreo pertence ao gando que pasta polos montes, principalmente vacas e cabalos. Sempre debemos ser respectuosos con estes peches e por suposto cos animais.

O Xistral impresiona: é inhóspito, bravo...case dá medo...pero hipnotiza a súa grandiosidade e súa virxe fermosura.

No máis alto aparecen as brañas e van aparecer tamén os primeiros animais que vou ver.

A néboa non se move dos picos de momento pero chuvisca miúdo.

A ruta non pode gustarme máis pero teño que repetila cun día de dol. Ten que ser espectacular coas vistas que hai.

Dá gusto ver estes animais pastando en liberdade. Mírante sempre con curiosidade e incluso deixan de pacer e ás veces achéganse. Eu sempre falo con eles e sácolles fotos pero nunca me meto nos prados aínda que estean abertos como é este caso; procuro molestalos o menos posible. Eu son aquí a estraña, eles están no seu hábitat.

Outro peche dos varios que atopei. Coma sempre, abrir e volver pechar.

Chego a unha estrada dos eólicos. Se seguise á dereita chegaría ao vértice xeodésico do Cadramón (O punto máis alto) Se cadra, a próxima vez que volva a facer esta ruta nun día despexado me achego. Hoxe o día non está para fotos e é hora de empezar a baixar e non de seguir subindo.

Atopo este edificio novo. Son as instalacións de Acción Eólica de Galicia.

En días despexados, as vistas teñen que ser espectaculares!

Agora todo é baixar. Esta é a estrada que leva aos eólicos e vaise atopar coa Lu-P 0101 que conecta Gontán (Abadín) con Ferreira do Valadouro. É a estrada que nos leva tamén se no cruce pillamos á dereita, ao inicio da ruta da Pena Abaladoira/Fervenza do Escouridal que podes ver AQUÍ

Eu no cruce anterior teño que pillar á esquerda claro, xa que volvo ao punto de partida.

Durante uns metros camiñei polo concello de Alfoz, parroquia de O Pereiro, deseguida me atopo outra vez no do Valadouro(Parroquia do Cadramón).





Na curva pechada que se ve na foto, se seguimos pola dereita, por unha estrada local iriamos á Guilfonso (parroquia de Alfoz)


Ao lonxe xa vexo entre prados e algunha vivenda  o lugar a onde teño que chegar porque alí deixei o coche.


Paso moi cerca do lugar As Figueiras onde deben quedar moi poucos habitantes pero onde oín o falar dun neno ou nena.


Xa me atopo no lugar onde antes torcín polo camiño, ao pé da ponte do Rego da Furna. Agora os últimos apro. 500m. son polo mesmo percorrido que na ida.


Xa vexo a Capela de Santa Filomena onde deixei o coche. Ruta rematada!


Páxinas web consultadas:

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/04/capilla-de-santa-filomena-do-cadramon.html

https://es.wikipedia.org/wiki/Cuadram%C3%B3n

Ningún comentario:

Publicar un comentario