Hoxe deume por facer unha ruta moi cerca de onde vivo, por zonas de monte que non coñecía. Gustoume bastante porque non pisa apenas asfalto, indo practicamente toda ela por camiños de monte, pero na costa lucense os montes son todos monocultivos de eucalipto polo que calquera ruta pode chegar a resultar monótona. Como esta é curta tampouco dá tempo a que se faga cansina. Así que xa sabedes, cando non teñades outra ruta mellor, este é curta e fácil.
Características:
Lonxitude: 5,6 km
Dificultade: baixa.
Ruta circular que eu mesma planifiquei e polo tanto é preciso un trck para poder realizala. Deixo o meu en WIKILOC:
Descripción:
Partín da capela do barrio de Lousada en Fazouro que ten unhas espectaculares vistas sobre a costa lucense e algo da asturiana xa que en días despexados vese perfectamente a punta de Tapia de Casariego.
Esta capela do S. XVIII é pequena e moi humilde, ten nun lateral un reloxo de sol. Hai algúns anos había neste lugar misas tódalas semanas que ofrecían os veciños polos seus defuntos ou outras intencións. Actualmente só hai misa unha vez ao ano: o día 8 de decembro, festividade da Inmaculada Concepción.
Vistas dende ao é da capela:
Deseguida pillamos un camiño de monte.
Dá gusto chegar a algún claro cando nalgún monte cortaron os eucaliptos.
Este tramo vai en ascenso suave e ademais é curto (uns 700m.) O camiño está perfecto para camiñar.
Desembocamos nunha ancha pista de terra. Collendo á esquerda, atallamos e evitamos un tramo de vexetación bastante pecha nun curto tramo. Eu pillei á dereita porque quería chegar ata Trasmonte, barrio máis alto de Nois.
Non atraveso o barrio de Trasmonte (oficialmente Trasmonte das Chousas) senón que mesmo onde empeza a estrada asfaltada, torzo á esquerda.
Alégrame ver por fin un fermoso camiño de carro ao pé dun pequeno souto.
Parece que hai zonas na Mariña onde volven a proliferar os soutos. Vese que estes son castiñeiros ben novos.
O camiño pasa a ser de monte pero ten un pequeno tramo así pechado. Eu pasei ben pero con pantalón largo (sempre o levo aínda que sexa verán, precisamente porque podo atoparme camiños así e para evitar picaduras de carrachas) e con botas.
Como dixen, o tramo malo é moi curtiño e deseguida o camiño pasa a ser como se ve na foto. Algo máis adiante tiña algo de auga porque baixa por aí un rego; de seguro que no inverno haberá máis pero pásase polo lado.
Topamos outra vez coa pista anterior pola que chegáramos a Trasmonte e agora cruzámola para meternos noutro camiño de monte no que vemos ao inicio do mesmo uns grandes socavóns producidos por unhas enormes rodeiras.
Deseguida atopamos o motivo de porque se atopa así o camiño cando vemos esta paleadora.
A baixada é por unha ancha pista por onde pasan as liñas eléctricas de alta tensión.
Nun momento dado indicado no track da ruta, deixamos esta pista para pillar un camiño de monte á esquerda.
Di unha amiga miña que se imos camiñando por un bosque, sexa da clase que sexa e de súpeto aparecen loureiros é sinal deq ue cerca hai unha ou máis vivendas. Sempre é certo!
Neste caso, estamos chegando ao barrio do Morgallón.
Vistas dende algunha zona do Morgallón.
Baixando polo camiño vexo unha entrada á dereita, achégome e atopo unha enorme plantación de castiñeiros. Un enorme souto!! Que gusto dará velo dentro duns anos no medio de tanto e tanto eucalipto.
Xa vexo o asfalto. Remata o camiño ao chegar ao barrio do Morgallón.
A Fonte de Quintas é coñecida na contorna, non só en Fazouro pola súa auga fresca e fina. Vén moita xente buscar auga dela.
O barrio do Morgallón, o río Ouro ao fondo e o barrio de Vilarmea. Máis lonxe, a costa lucense.
O camiño que vai á Casareta tamén ten boas vistas:
O cabozo tipo Mondoñedo da Casareta, indícanos que estamos moi cerca do final desta ruta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario