sábado, 28 de outubro de 2023

FERVENZA DE TOREZ (O VALADOURO)


Rego do Penido Novo que forma a fervenza de Torez

No concello de Valadouro fixemos hai un tempo a Ruta dos Pozos que se pode ver AQUÍ. Esta ruta non nos gustou nada porque o único que vale a pena é a cascada e para min non é especialmente fermosa, sobre todo dende que ves moitas outras.

A ruta de hoxe para min é infinitamente máis fermosa ca anterior. Ademais de defrutar dunha fervenza moito máis fermosa (hoxe nós non poidemos chagar á base dela debido á que o rego do Penido Novo baixaba totalmente desbordado polas recentes chuvias), tamén veremos o dolmen e o curro de Santo Tomé cunhas extraodianarias vistas.

A ruta está na parroquia de Santo Tomé de Recaré (non confundir con S. Xiao de Recaré) unha das  10  que forman o concello. Esta parroquia tiña en 2021 só 37 habitantes e ano a ano vai perdendo poboación.

Características da ruta:

Lonxitude: 7km.

Dificultade: Moderada porque hai que ter coidado na fervenza, o chan pode estar esvaradío e pola importante subida aínda que non moi larga.

Ruta circular sinalizada ata a fervenza pero despois non, polo que é necesario un track.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Partimos dende a igrexa parroquial de Santo Tomé e segundo víñamos pola estrada no coche xa nos fixamos nas cruces que había, é un viacrucis que remata na igrexa.

Cruces de pedra á beira da estrada(Viacrucis)

 A  igrexa de Santo Tomé foi levantada derriba dun anterior asentamento castrexo e antes da actual houbo outra do S. XII. A de agora é de mediados do S. XIX e de estilo neoclásico.

Igrexa de Santo Tomé.
Ao pé da igrexa vemos esta inmensa casa que supoñemos sería a Casa Rectoral que es séculos pasados eran así, enormes e situadas ao pé da igrexa.
Supoñemos que é Casa Rectoral.
Ao estar nun alto, as vistas dende a igrexa son moi boas e vese Ferreira, a capital do concello, perfectamente.
Vistas dende a igrexa

Hai sinais indicando o camiño que vai á fervenza. Temos que pasar ao pé do barrio Os Novás que queda na foto á dereita.
Cara á fervenza

Mirando cara atrás, vemos a igrexa que acabamos de deixar aló ao fondo e parte do val. Chove...

Atravesamos o barrio de Esqueira.


O percorrido ata a cascada está perfectamente sinalizado dende a igrexa.

Chegamos ao Rego do Penido Novo e vemos unha pontiña que cruzamos.

Como leva chovendo varios días seguidos aumentou o caudal e leva moita auga:
Rego do Penido Novo
Camiñamos rego arriba e non podemos deixar de apañar algunha castaña. Hai moitas e moi grandes.

Temos que ir con moitísimo coidado. Este tramo é perigoso estando tan húmido.
Rego do Penido Novo

O rego vai desbordado e a auga métese por onde antes era carreiro.
Rego do Penido Novo

As imaxes que vemos e o ruído inmenso da auga forman un espectáculo de gran beleza.
Rego de Penido Novo

Bidueiras, castiñeiros, amieiros...forman xunto ao rego un bosque precioso. Camiñaremos con moito xeito saltando nas rochas ata chegar a un punto no que é imposible seguir. Non veremos a base da fervenza, adivinámola uns metros máis arriba, chegamos a vela un pouco pero non queremos arriesgarnos a caer así que damos a volta. 
Rego de Penido Novo
Como eu quero facer a ruta circular, ao voltar de novo ata o cruce da fervenza, en lugar de ir por ond eviñeramos, pillamos á dereita:

O asfalto acaba rápido para dar paso a un camiño de monte.

Durante uns 2km. aproximadamente temos unha importante subida (con algunha zona máis cha polo medio) É a parte máis fea da ruta por pista de monte entre eucaliptos.

A subida remata cando vemos este peche de arame para o gando que abrimos e  temos coidado en deixar pechado como estaba.

Estamos xa a 500 m. de altitude e a paisaxe cambia radicalmente.

Atopámonos de novo co Rego do Penido Novo que pasa por debaixo do camiño.
 
Tamén aquí hai outro peche que temos que abrir e cerrar.

O gando pasta libremente de aí que haxa peches para que non escape a onde non debe.

Aquí desembocamos nunha pista que pensamos seguir outro día para ir ata o Prado das Chantas que está algo máis arriba.

Dende aquí as vistas xa son espectaculares pero hoxe o día non acompañou, chovía ás veces e a visión dobre o Valadouro era moi regular.
Vistas

Paisaxe de montaña onde pasta o gando e xa non hai árbores:

O Dolmen de Santo Tomé está indicado pero para dar con el hai que abrir unha cancela de madeira e percorrer uns metros polo monte. O dolmen non está nun lugar visible a simple vista senón algo "escondido" no monte.
Tamén chamado Arca do Padorno ou Caselo do Couso este dolmen presenta 4 ortostatos ou lousas verticais que soportan a lousa da cobertura. É da época Neolítica e está en moi bo estado de conservación.
Dolmen de Santo Tomé
 
Na foto vemos a cancela que dá acceso ao dolmen. Dende aquí aínda non se ve, hai que andar só uns poucos metros e xa aparece.

Hai tamén aquí unha pequena área recreativa.


Na foto seguinte, o curro a onde traen os cabalos para cortarlles as crins e marcalos nunha festa que se celebra tódolos veráns e onde tamén dentro do curro hai peleas de garañóns. Tamén neste día acostuma a haber carreiras de cabalos. A xente sube a desfrutar do espectáculo e aproveita normalmente para comer e pasa aí o día.

Curro de Santo Tomé.

Abandonamos o lugar baixando pola estrada. Agora toca descender ata chegar ao inicio.

Ademais de vacas tamén hai cabalos por aquí

Pasamos polo barrio de As Pardellas que está abandonado.

Dende a estrada pola que baixamos vemos aló enriba de novo o barrio das Pardellas con prados en  pendente nos que non sería fácil traballar.

E chegamos de novo ao punto de inicio desta fermosa ruta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario