xoves, 2 de novembro de 2023

AO REDOR DE CEDEIRA

 Hoxe, 1 de novembro, anunciaban un tremendo temporal de vento e chuvia para toda Galicia, a partires sobre todo da tarde, así que preparar unha ruta para este día era algo arriscado. Non podía organizar ningunha onde houbese ríos xa que, debido á chuvia destes últimos días, moitos deles baixaban desbordados; tampouco podía ser unha ruta moi longa xa que queríamos estar no abrigo cando o temporal aparecese, non podiamos comer de bocadillo porque o día non ía estar agradable para eso, así que optei por unha ruta curtiña e costeira.

Fomos ata o concello de Cedeira para realizar unha ruta ao redor da vila. Case todo o que vimos eu xa o coñecía doutra viaxe (non ruta) que fixera no ano 2021 no que percorréramos os miradoiros e faros máis coñecidos do municipio e que se pode ver AQUÍ

Cedeira é un concello da provincia de A Coruña e que pertence á Comarca de Ferrol.

Hoxe fixemos unha ruta moi curta pero interesante que condensa en poucos km. moitos lugares moi fermosos e históricos.

Características.-

- Lonxitude: 5,6 km.

- Dificultade: Fácil

- Ruta circular sen sinalizar aínda que bastante intuitiva. O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Iniciamos a ruta no Paseo da Marina, na vila de Cedeira. É un curto paseo ao pe da ría que é a máis pequena da provincia de A Coruña.

Paseo da Marina e Praia da Magdalena

O río Condomiñas  é un dos tres que forman a ría de Cedeira e atravesa esta vila dividíndoa en dúas partes.. Na seguinte foto vemos unha das ponte que o cruza.

                                      Río Condomiñas desembocando na ría de Cedeira.

 Un paseo á beira da ría, neste momento en marea baixa.
Paseo da Marina.
Pasamos por diante do Museo "Mares de Cedeira" que amosa un anaco da historia mariñeira dende fósiles recollidos no fondo mariño ata embarcacións que naufragaron. Este museo está ateigado de pezas que mostran as tradicións mariñeiras dos antepasados e as actuais.
Museo "Mares de Cedeira"

Aquí vemos o monumento á muller do pescador. A placa que leva debaixo di: "A Cofradía de Cedeira á muller do pescador, no traballo e na vida, compañeira" Foi colocado sobre esa rocha no 1985. É obra do escultor de Fene, Guillermo Feal.
Monumento á muller do pescador
O Porto de Cedeira, situado na ría, está protexido por un dique de abrigo. É un porto pesqueiro e deportivo que conta cun gran número de embarcacións a pesares de ser tan pequeno.
Porto de Cedeira

A praia de Area Longa é pequena e resgardada e ao ser de ría,  con augas tranquilas.

Praia de Area Longa

Ao remate do Paseo da Marina, vemos xa o Castelo da Concepción.


No porto, ao remate do paseo da Marina, hai unhas escaleiras polas que subimos . (A foto corresponde a cando visitamos este lugar noutra ocasión con día despexado)
 Imos subir á Punta do Sarridal ou Campo do Castro como lle chama a xente da zona, unha península que é das zonas máis fermosas e históricas de Cedeira. Aquí están o Castelo da concepción, o Castro, a Cala Sonreiras, o faro...


Castelo da Concepción é unha fortaleza militar do S. XVIII. Sitúado na Punta do Sarridal, encima do porto foi testigo de moitas batallas. A súa construcción foi solicitada á Armada Española polos habitantes de Cedeira debido ao saqueo sufrido no Sarridal e en S. Antonio Corveiro durante a guerra con Inglaterra.
Castelo da Concepción

Esta fortaleza, nos anos de maior actividade, chegou a ter 15 canóns e 30 homes ás ordes da Comandancia.
Castelo da Concepción

Na actualidade, o Castelo (só poidemos velo por fóra xa que está pechado provisionalmente) conta cun Centro de Interpretación onde se poden contemplar reproduccións de navíos da época, réplicas dos traxes que vestían ou armas que empregaban nas batallas. Tamén foron reconstruídas algunhas estacias para ver como eran naquela época (a cociña, o almacén da pólvora...)

Castelo da Concepción

Dende o Castelo, as vistas sobre a ría de Cedeira son moi chulas.
Vistas dende o Castelo da concepción

O Castro do Sarridal ou Campo do Castro é un dos xacementos castrexos máis importantes de Galicia. O castro enmárcase na 2ª fase da cultura castrexa, dende os S. V e II a.C ata a época galaico-romana (S.I-II d. C) O castro estivo abandonado despois completamente ata o 2017 no que empezaron as excavacións.
O tamaño do castro abarcaría toda a península do Sarridal, por mar era inacesible debido aos altísimos cantís que o rodean e no istmo que o une a terra estaría defendido por altas murallas e profundos foxos.
O elemento máis importante do castro é o chamado "Monumento con forno" ou sauna, unha estructura dedicada aos baños de vapor e que ten unha complexa arquitectura.

Sauna ou Monumento con forno no Castro Sarridal.

Se che gusta a arqueoloxía e queres saber moito máis deste castro e súa sauna, pincha no enlace: CASTRO DO SARRIDAL

Un bo lugar ten para descansar a rapaza que está enterrada aí. Só tiña 19 anos

Os altos cantís da Penísula do Sarridal.

Poño dúas fotos dende a Península do Sarridal. Toda ela é un magnífico Miradoiro natural sobre a Ría de Cedeira, os altos cantís, a praia de Vilarrube e o Océano Atlántico. A foto primeira é de onte, que estaba o día nubrado e con ganas de chover e a outra é de cando visitamos este lugar cun magnífico día solleiro.

Vistas dende o Miradoiro de Punta Sarridal un día nubrado

Vistas dende Punta do Sarridal un día solleiro. Ao fondo, a praia de Vilarrube

O Faro do Sarridal coa Punta Chirlateira ao fondo.
Faro do Sarridal

Tamén nesta península temos a Cala Sonreiras. Dende arriba hai outro estupendo miradoiro

E abaixo hai unha fermosa e recóndita cala á que se accede baixando 154 escaleiras. Está abrazada por enormes cantís e é perfecta para quen escapa das multitudes doutras praias.
                                                               Cala Sonreiras
Dende a cala anterior hai un pequeno paseo que nos leva ás antigas cetáreas que foron restauradas por Costas de Galicia. Estas instalacións son un vestixio dunha actividade económica ancestral.
                                                                  Antigas Cetáreas
Deixamos a Península do Sarridal para ir ata a capela de S. Antón Corveiro. Imos uns metros por estrada ata coller á esquerda.

Pillamos á esquerda por un carreiro ben definido que cruza un monte. É unha costa pronunciada pero son 300m. Se miramos ás nosas costas vemos perfectamente a Península do Sarridal onde acabamos de estar.

Na seguinte foto vemos o carreiro de monte polo que subimos, a área recreativa que hai e a capela de S. Antón Corveiro.

A capela é do S. XVII. No S. XVIII, tres naves inglesas saquearon e queimaron unha flota española que se refuxiara na ría de Cedeira; os homes desembarcaron e ascenderon ata a capela que viran dende o mar. Despois de saqueala, levaron a imaxe de S. Antonio. A raíz deste ataque foi construído o forte da Concepción do que antes falamos.
Capela de S. Antón Corveiro
O  cruceiro que vemos é do S. XVIII e é coñecido como O Cristo da Ponte porque estivo colocado antes nunha ponte, hoxe desaparecida, sobre o río Condomiñas. No ano 1968 foi trasladado a este lugar.
Capela e cruceiro

Dende esta capela que está no punto máis alto da nosa ruta tamén temos un excelente miradoiro.

Agora toca baixar pero non o facemos por estrada senón por un camiño que pillamos á dereita. Cruzamos un pequeno monte.



Despois temos que cruzar unha estrada local, seguir de frente e desembocamos deseguida  na vila de Cedeira baixando por outra  estrada local.

 Pillamos á esquerda pola rúa do Cristo e adetrámonos así na parte antiga da vila formada por estreitas rúas e os edificios máis notables.

Na Praza da Rectoral vimos o Palco da Música e a Biblioteca Pública que foi onde estaba antes o concello.

Praza da Rectoral
A Praza da Rectoral vista dende outro ángulo. Ao fondo, de amarelo, a Bilioteca Pública no edificio onde antes estaba o Concello.
                                                         Praza da Rectoral
A Igrexa de Santa Mª do Mar foi construida no S. XV en estilo gótico pero sufreu numerosas reformas.
                                                      Igrexa de Santa Mª do Mar
Vimos algunha rúa como a da foto seguinte.

O concelllo está situado agora no edificio que vemos e que conserva unha parede de pedra:
                                                            Concello de Cedeira
O artista Nove Noel é o autor deste fermoso mural. É unha peza artística realizada ao amparo do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal e a Deputación de A Coruña. A obra destaca a relación que s eestablece entre o mar e a terra na Serra da Capelada da que vemos os seus cantís así como a imaxe dun gandeiro coas vacas, unha escaladora e a herba de namorar.
"La pintura sitúa al espectador delante del “punto exacto entre el mar y la tierra”, tal y como puede leerse en el mural, e invita a ser capaz de ver lo que es “mucho más que un paisaje”, un lugar que conjuga patrimonio, tradición, espiritualidad, historia y leyendas… La presencia del ganadero y la escaladora destaca los mundos distintos que conviven en este enclave y la gran variedad de actividades que dinamizan y dan identidad al territorio" (https://cedeira.gal/?lang=es)


                                       Mural situado xunto ao concello e o Pazo de Moscoso

Páxina web consultada:
https://castrosarridal.es/es_es/castro-sarridal/historia-do-castro-sarridal/

Ningún comentario:

Publicar un comentario