mércores, 25 de maio de 2022

SANTO ESTEVO DO ERMO E MIRADOIRO DE PENABOR. CIRCULAR (BARREIROS)


Imaxe dende o Miradoiro de Penabor


Hoxe imos ao concello veciño de Barreiros que está apostando forte por poñer en valor os seus recursos naturais e etnográficos. O outro día fixemos a Ruta da Lagoa de Pallares que podedes ver AQUÍ e hoxe faremos unha ruta circular que seguro que a non tardar moito, han sinalizar e acondicionar mellor.

Levo ido a Santo Estevo do Ermo en varias ocasións pero sempre fun e voltei polo mesmo camiño como se fai habitualmente. O enclave desta capela e da fervenza próxima xa por sí merecen a visita, pero aos que nos gusta camiñar facendo sendeirismo ao mellor se nos queda algo curta esta ruta, polo que decidín explorar se se podía facer circular e descubrín que si que se pode, subindo ademais ao miradoiro cercano de Penabor que ten unha vistas espectaculares sobre a costa mariñá.

Seguindo un track da aplicación Wikiloc, realicei esta ruta circular que tan só engade dous km. e pico máis que como se fai habitualmente.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,4 km.

Dificultade: moderada pola baixada dende o miradoiro de Penabor, é moi curtiña pero con moito desnivel, con risco de caer. Hai que levar calzado axeitado (de bo agarre) e baixar con precaución.

Ruta circular sen sinalización. Necesario un track. O meu en WIKILOC

Descripción da ruta:

Podemos aparcar o coche sen problema onde está o indicador de inicio de ruta aínda que tamén é posible baixar nel ata a capela mesma, pero bueno se a intención é facer esta ruta que eu fixen,  recomendo deixalo por onde está este sinal.


 Empezamos a baixar por unha pista forestal ancha:


Aínda que predominan os eucaliptos, podemos ver tamén entre eles algunha árbore autóctona como castiñeiros e carballos.


Pasamos ao pé da Fonte do Pan Branco, moi preto xa da capela.
Fonte do Pan Branco
 Deseguida divisamos, no medio dunha frondosa vexetación, a Capela de Santo Estevo do Ermo ou Capela de Augas Santas. O nome de Santo Estevo vén polo santo ao que sededica a capela e "do Ermo" porque, efectivamente,  neste caso ermo ten o significado de lugar illado, solitario, sen habitar. E o nome de Capela de Augas Santas, como é coñecida maioritariamente na zona,  débese ás fontes de augas curativas que hai.                          

Na foto seguinte vemos dous camiños: o da dereita poo que acabamos de baixar e o da esquerda todo rodeado de frondosa e autóctona vexetación ao lado do Rego de Santo Estevo  que sempre me preguntei a onde vai. Teño que voltar un día explorar...

A Capela de Santo Estevo ou de Augas Santas é a máis antiga do concello de Barreiros. Xa no S. IX se ten constancia nos escritos dunha primitiva capela que estaría situada algo máis arriba da actual. Nesa capela exercíanse funcións parroquiais e mesmo había un cemiterio. Non estaría aínda creada a parroquia de S. Cosme e esta capela sería o centro relixioso de pequenas comunidades humanas asentadas na zona.

No S. XVIII, a capela esta en estado ruinoso e houbo que derribala, así desapareceu tamén o cemiterio. O novo templo construído no S XVIII foi modificado en 1992

Capela de Santo Estevo do Ermo ou de Augas Santas
 

A carón da capela hai unha pequena área recreativa:

No entorno desta capela celébrase cada ano uha popular romería á que acuden xentes de toda a Mariña.

A partires da área recreativa temos dous sendeiros para elexir por onde ir. Os dous van dar case ao mesmo sitio. Eu elexín ir primeiro polo de arriba.

A paisaxe non pode ser máis fermosa.

Vemos a Fonte de Augas Santas que é a que tamén dá nome a capela. É unha fonte de augas ferruxinosas que din que cura diversas enfermidades.

Fonte de Augas Santas


 Baixamos agora unhas escaleiras. Imos cara á cascada e atopamos o camiño que vén pola parte de abixo.


 

Podemos achegarnos ata un punto dende o que vemos caer a auga, no medio da cascada aprox.

 

Chaman tamén a atención as grandes rochas que xunto á xenerosa vexetación forman unha paisaxe moi bucólica.


A cascada cae dunha altura aprox. de 15m e forma unha pequena poza na base.

Cruzo agora esta pontiña para dar a volta e pasear ao pé do Rego de San Estevo.

Paseo realmente relaxante e ademais moi tranquilo sen ir apartándose de ninguén xa que non había naide.

Chegndo de novo á capela, hai esta fermosa ponte. Bueno, o realmente fermoso é o lugar:



Escaleiras que dan acceso á área recreativa:
 
Volvemos outra vez por detrás da capela pero agora polo sendeiro de abaixo(non me quedou nada por camiñar) e seguimos cara arriba ata chegar á Ferradura. Este lugar(un pequeno miradoiro) leva este nome porque hai na rocha unhas marcas que semellan as ferraduras dun cabalo. A lenda di que efectivamente son as pegadas do cabalo de Santiago cando fuxía dos mouros.
A Ferradura
 Imos agora baixar á Fonte de Santa Rosa e deberemos facelo con moito coidado, sobre todo cando está mollado como hoxe pasaba, xa que é moi esvaradío.
Baixada á fonte de Santa Rosa
 
Temos que cruzar outra pequena ponte sobre o rego:
 
A Fonte de Santa Rosa non está canalizada, senó que brota dunhas pedras no chan. Din que a súa auga é moi boa para as afeccións da pel. A xente molla un pano nesa auga e refrega con el a zona da pel enferma. Era costume deixar colgados os panos nas árbores o que daba a sensación de "cochambre" e afeaba a fermosa zona. Onte non había nin un só pano. Puxeron un cartel que di "Por favor non atar plásticos nin papel", parece que está a surtir efecto.
Fonte de Santa Rosa

Xusto onde está esta fonde temos que seguir un sendeiro ben marcado durante uns metros:


Ata desembocar nunha pista ou camiño de monte:


O camiño está perfectamente transitable como se pode ver:

Chegamos agora a un monte no que se está levando a cabo pola Xunta de Galicia un tratamento selvícola. Este tratamento consiste nun proceso mediante o que  unha masa arbórea é coidada e sustituída por outras árbores. Neste caso deixaron os piñeiros e plantaron árbores autóctonas.

 Árbores plantadas hai pouco tempo:

E xa chegamos á estrada vella paralela á  nova LU-P 6103
 
Cruzamos a LU-P 6103 e pillamos á esquerda cara ao miradoiro de Penabor

Pasamos por diante do Punto Limpo xirando á dereita:
 
Subimos por unha ancha pista de grava:
 
A medida que subimos, amplíase a visión da  paisaxe:
 
Dende o Miradoiro de Penabor a 336 m de altitude, temos unhas inmellorables vistas de Foz, Barreiros, Fazouro e incluso Burela mirando de frente.

 Os altos eucaliptos non nos deixan ver a costa cara á Ribadeo.

Mirando á esquerda vemos a A-8 e as montañas lonxanas: Cornería, alto de Carrás, a Frouxeira.... Por esa trocha que vemos na foto temos que baixar.

Aspecto do Miradoiro de Penabor

 Empezamos a baixar con coidado xa que o carreiro é moi empinado:
 
Volvendo a vista atrás, vemos o miradoiro aló enriba.

O carreiro segue en baixada pero deseguida remata. A distancia é curta.
 
Remata o carreiro de baixada enlazando cun camiño máis ancho e xa en cha.

O camiño desemboca outra vez na estrada LU-P 6103, nun punto algo máis abaixo que onde antes cruzamos. Collemos á dereita e despois de ir 800 m por esa estrada, chegamos ao punto de partida.















Ningún comentario:

Publicar un comentario