xoves, 3 de abril de 2025

LINDÍN. RUTA CIRCULAR POR ARGOMOSO (MONDOÑEDO)

 Visito sempre Mondoñedo encantada da vida porque sei que me atopar rutas fermosas vaia por onde vaia e con camiños limpos.

A ruta de hoxe comparte parte do trazado con outra que fixen non hai moito tempo e que se iniciaba e finalizaba en Argomoso. Hoxe paserei tamén moi cerca desta aldea pero o inicio e fin será na parroquai de Lindín.

Características:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descripción:

Aparcamos o coche no adro da Igrexa de Santiago. As primeiras referencias dunha igrexa en Lindín son do S. XIII pero a actual que vemos é do S.XVIII con reformas no S. XIX

Igrexa de Santiago en Lindín

A igrexa está situada no lugar chamado Barral de Cima. Aló embaixo vemos o barrio de O Castro.


Por aquí pasa tamén o Camiño de Santiago e empezamos a camiñar seguido o trazado do mesmo.

Lindín, como a maioría de parroquias rurais, vai despoboandose ano a ano e no 2020 non chegaba aos 90 habitanntes.

Os prados dominan a paisaxe e ao lonxe vemos a A8

Estamos atravesando as últimas casas desta parroquia por este lado.

Chaman a nosa atención estes aparellos infantís que semellan ter moi pouco ou nada de uso. Medra a herba  e as silvas ao redor deles. Pouca cativada haberá neste lugar.

Aquí abandonamos definitivamente o Camiño de Santiago que vai cara abaixo para Mondoñedo. Nós viramos á esquerda.


Entre os piares da autovía podemos ver Mondoñedo.

Despois duns metros pola LU-124, pillamos cara a dereita pasando por debaixo da autovía.

Dende un determinado punto, vemos aló embaixo Argomoso.


Durante uns 600m imos camiñando pegados á A8 por este camiño ancho.

Despois torcemos á dereita e xa nos alonxamos da autovía.

A ruta vai entre peiñeiros e abidueiras que xa empezan a brotar.

Mondoñedo aínda conserva bastantes bidueirais. Non podemos esquecer que este concello foi terra de zoqueiros no pasado e este calzado facíase coa medeira destas árbores.

Mondoñedo, xa o escribín noutras ocasións, ten zonas ben fermosas para facer sendeirismo e os camiños xa están abertos. Xiramos na curva á dereita e imos por un tramo xa coñecido doutra ruta.

Camiñamos entre prados con vacas. Este mesmo traxecto xa o coñecemos de cando fixemos a ruta circular por Argomoso que tamén comparte este treito.

As pistas e camiños non poden estar mellor acondicionados.

As vistas dende un punto determinado da camiñata:

Un camiño sempre rodeado de árbores. En Mondoñedo hai un Museo das Zocas que antigamente se facían coa madeira das bidueiras que vemos á esquerda na foto.
Deixamos xa o traxecto que compartimos na ruta anterior e en lugar de baixar polo medio de Argomoso collemos un camiño que vai pola parte de arriba da aldea.

Cando remata o bosque, neste claro, vemos os barrios Carballo e Cuba da parroquia de Argomoso.


Dous barrios de S. Pedro de Argomoso.



No 2020, a parroquia de Argomoso contaba con 47 habitantes e moito me temo que non foi a máis.

Abandonamos a parroquia por este camiño.

Estamos a piques de chegar ao cruce onde na ida seguimos recto. (Onde están os piñeiros)

Volvemos cruzar por debaixo da A8 e voltamos á igrexa de Santiago de Lindín pero agora por outro camiño, o mesmo polo que fomos co coche.

Prados, vacas, monte e ceo e o silenzo só interrompido polo pasar constante de automóbiles pola autovía.

Lindín está a case 400m de altitude e ten boas vistas a Oural (Lourenzá) e outras aldeas.



Páxina web consultada:

http://www.concellomondonedo.es/portal_localweb/p_97_principal_ayto_mondonedo.jsp?codResi=5&language=es















martes, 1 de abril de 2025

MIRADOIRO DAS LAXES E PRAIA DE XILLOI DENDE A IGREXA DE S. ESTEVO (O VICEDO)

Fómonos ao concello de O Vicedo para realizar unha ruta que comparte un tramo coa ruta homologada "Costa do Vicedo" e co Camiño Natural do Cantábrico que eu xa coñecía. A ruta é curta e fácil e ten como puntos destacados o Miradoiro das Laxes e a Praia de Xilloi.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descripción:

A ruta ten inicio e fin na parroquia de  Santo Estevo de O Vicedo que dá nome a todo o concello, concretamente no lugar chamado Súaigrexa onde se sitúa como o seu nome indica o templo parroquial. Chamounos a atención o lonxe que queda a igrexa do centro da vila.

Igrexa de S. Estevo do Vicedo

Vista do lugar chamado Suaigrexa dende o adro da igrexa.


Un cruceiro fai de rotonda.

Pasamos agora polo lugar de Randamil.

 Deseguida pillamos un camiño no que predominan os loureiros nas beiras do mesmo e tamén os eucaliptos.

Despois de 1km. chegamos a unha estrada e, moi pouco antes de desembocar na mesma, temos estas vistas da praia de Xilloi e de Bares.

Imos por estrada durante uns 500m. pasando por A Corva.

Nun entorno semi urbano (cada vez máis urbano) atopamos esta fermosa praia. Máis tarde pasaremos pola súa beira.
Praia de Xilloi
Seguimos pola Corva e deseguida torceremos á esquerda para meternos a un monte de eucaliptos con ben pouco encanto.
 
Durante 1km e 200m. cruzaremos este monte de eucaliptos.

Despois do feo camiño polo medio de eucaliptos desembocamos directamente case no Miradoiro das Laxes (un pouco antes) Dende aquí temos unha vista privilexiada á Illa Coelleira, a máis grande do Cantábrico galego.
Illa Coelleira

A illa está coroada por un faro e no S. IX había nela un mosteiro que foi arruinado polas incursións normandas da época. Debe o seu nome a que antigamente había nela moitos coellos.
Dende o S. IX ao XV non hai documentación da illa, cando reaparecen no ano 1420, había monxes de S. Agustín. No 1485 este mosteiro únese ao de S. Martiño de Mondoñedo e no 1534 xa non había monxes nel.
No S. XVII o deán da catedral de Mondoñedo denuncia que a illa é ocupada ás veces por navegantes vascos para usala como atalaia na pesca da balea.
Actualmente é propiedade da Armada Española.

Este tramo de ruta coincide co Camiño Natural do Cantábrico e coa ruta Costa do Vicedo polo que eu xa pasei por aí noutras dúas ocasións.
Na foto vemos o trazado de por onde van estas rutas e ao fondo, o faro Roncadoira na costa de Xove.

Neste Miradoiro das Laxes, as dúas veces anteriores que pasei había uns aparellos para facer exercicio que están orientados sobre todo ás persoas maiores. Causáranos gran escándalo e sorpresa atopar eso aí xa que non hai acceso por estrada e as poboacións máis próximas aínda quedan lonxe, polo que deducimos que non tiñan uso ningún e que era un despilfarro de diñeiro público. Parece ser que corrixiron e os quitaron.
Miradoiro das Laxes

Baixando cara a Xilloi vemos  á dereita Estaca de Bares e a vila de Bares (concello de Mañón- A Coruña)

O Rego da Veiga desembocando na praia de Xilloi

Ao pé desta praia temos un espazo con mesas, bancos, grellas de pedra...onde hoxe merendamos.

Esta praia situada na entrada da Ría do Barqueiro ten unhas augas moi tranquilas debido a esta situación. É de area branca e moi fina e ten un imortante sistema de dunas. É unha praia que dispón de todo tipo de servizos.
Praia de Xilloi

Deixando o mar á dereita, atravesamos un túnel de loureiros por un estreito carreiro.

Nun cruce deixamos o Camiño Natural do Cantábrico e pillamos por esta ancha pista.

E deseguida chegamos outra vez ao punto de inicio.





sábado, 29 de marzo de 2025

SERRA DO XISTRAL DENDE CALVO - LABRADA (ABADÍN)

 A Serra do Xistral, ao norte da provincia de Lugo, non ten montañas de moita altitude (a máxima elevación está no Pico Cadramón con 1056m.) pero a entrada de ventos e nubes directamente so Cantábrico fan desta serra e do seu entorno un lugar duro e inhóspito, onde poucas veces se ve o sol.

A Serra do Xistral destaca sobre todo polas inmensas turbeiras e brezais que hai e que son un dos maiores reservorios de carbono de Europa. Pastan aquí vacas e cabalos en semi liberdade, neste espazo de incalculable valor natural onde nacen tamén os ríos máis importantes da Mariña lucense que van desembocar ao Cantábrico.

Tradicionalmente esta serra foi explotada pola gandaría (vacas e cabalos) que aínda veremos hoxe en abundancia,  no século pasado intentouse a plantación de piñeiros pero non se dan debido á dureza do clima. Actualmente, o gran recurso desta serra é a enerxía eólico e os aeroxeradores están por toda a serra.

A min encántanme as rutas na Serra do Xistral. Adoro esta paisaxe agreste e dura climatolóxicamente, ver o gando en liberdade, oir os moitos regos que aquí nacen e que logo algúns serán ríos...o que menos me gusta é a visión e o ruído de tantísimos aeroxeradores eólicos que perturban a paz destes lugares.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC:

Descripción :

O inicio e final desta ruta vai ser na parroquia de Labrada (Abadín) no lugar chamado Calvo.

Esta parroquia está moi próxima á Serra do Xistral sendo esta o seu elemento xeográfico máis reseñable.

Apacamos ao pé desta capela de S. Antonio. Cando saimos da casa, na Mariña lucense, a temperatura era moi agradable, ía calor e sol. Ao chegar aquí houbo que abrigarse porque ía frío abondo. Estamos a case 700m. de altitude e nótase.

Capela de S. Antonio.

Fomos durante uns poucos metros pola mesma estrada pola que chegamos, ata pillar deseguida á esquerda.

Imos por unha pista asfaltada, estreita e pola que non pasa unha alma.

Empezamos a ver as primeiras vacas aínda cerca das casas.


Agora xa camiñamos por unha pista moi acondicionada. O Xistral, que xa vemos, agárdanos.






Un camiñar sen problemas á beira de prados.


Cruzamos por derriba do río Pedrido, ou o que é o mesmo, río Masma que aquí, pouco despois de nacer, recibe este nome.

Río Pedrido ou Masma

Ata a aldea de Estelo, en Mondoñedo, chámase Río Pedrido. A partires de aquí chámase río Tronceda e xa despois de unirse co Valiñadares é cando pasa a chamarse Masma.
Debaixo do camiño, o Río Pedrido que xa aquí é bastante ancho.

Empezamos a adentrarnos na Serra do Xistral. Xa vemos esta pequena lomba onde xa non medran as árbores.


No Xistral destaca a presenza dunha das maiores poboacións de cabalos salvaxes de Europa (entre 1500 e 2000 exemplares)

"Estos mamíferos permiten sustentar ecosistemas únicos de enorme importancia en la biodiversidad europea, como los brezales húmedos y las turberas que se encuentran en la Serra do Xistral",

Xa metidos en plena Serra non deixamos de abraiarnos mirando estas montañas redondeadas que forman unha paisaxe tan inhóspita como fermosa.

No ano 2014, a Serra do Xistral foi declarada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000. 

O proxecto Life In Common Land  que xurde no 2017  liderado pola Deputación de Lugo e no que participan as Universidades de A Coruña e de Santiago, involucra a 11 montes veciñais de Muras, O Valadouro,  Xove, Ourol, Viveiro e Abadín e aposta por unha gandería extensiva de vacas e cabalos para recuperar os hábitats da Serra: as turbeiras de cobertor, as turbeiras altas activas e os brezais. Dito proxecto rematou no 2022.

Nesta ruta veremos varios regos e escoitaremos o son relaxante da súa auga.

Estamos a ver o hábitat natural de turbeiras de cobertor que cubren as partes altas desta serra en grandes extensións e, como o seu nome indica, semellan unha manta, un cobertor.

Tres cans que gardaban o gando achegáronse a nós, ladrando e un deles incluso nos acompañou durante un curto espazo de tempo; non sentimos medo en ningún momento xa que víase que estaban a defender e coidar o rabaño de vacas.


As vacas que se ven no Xistral son de raza galega como a cachena.

Este tramo de camiño foi o único que atopamos enlamado debido a que neste lugar hai moitas vacas e saen ao camiño porque non vimos peches, elas pastan libremente por estas montañas.


Turbeiras de cobertor e camiño en ascenso polo que temos que ir.

Este rego chámase "Rego do Fiouco".

Á nosa esquerda vemos o Rego do Fiouco que fai esa fenda na montaña.

O camiño agora é de herba, ancho e de bo andar.

Unha estampa única: os cabalos no cume da montaña!

Ademais de turbeiras de cobertor vemos tamén moitos brezais.

A Serra do Xistral ocupa un total de 22.964 hectáreas que se reparten polos concellos de As Pontes, Abadín, Alfoz, Muras, Mondoñedo, Ourol, Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo.
É a zona de Galicia que menos sol recibe e é moi frecuente que estea anubrado como ocorre no día de hoxe.

Estamos agora no punto máis alto da ruta, a case 900m. de altitude. As vistas, impresionantes!

Empezamos a baixar e a paisaxe vai cambiando: xa aparecen masas de árbores e a temperatura é moito máis amable.


Conectamos coa estrada pola que viñemos. O final da ruta está cerca.

Podemos ir pola estrada ou ben optar, como nós fixemos, por seguir este camiño non moi definido pero polo que se pode pasar perfectamente.

As aldeas que están próximas á Serra do Xistral son escasas e moi dispersas.

Chegamos ao final desta impresionante ruta. Xa vemos a capela de S. Antonio onde temos o coche.

Páxinas web consultadas:

https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/a-montana/serra-do-xistral?langId=es_ES

https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Masma

https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/serra-do-xistral-protagonista-revista-national-geographic-espana/202207071741311588115.html

https://www.campogalego.es/como-las-11-comunidades-de-montes-del-xistral-se-implican-en-la-conservacion-ambiental/