mércores, 24 de abril de 2024

RUTA DE PENA MILLARES PR-G209 (RIBEIRA DE PIQUÍN)

 

Vistas dende Pena Millares

Voltamos ao concello de Ribeira de Piquín no que xa realizamos outras 2 rutas homologadas que son as seguintes:

MUÍÑO DE GARCÍA ( PR-G 229)

FERVENZA PENA DOS PORTELOS (PR-G228)

Ribeira de Piquín é un concello da provincia de Lugo que pertence á comarca de Meira. Pertenceu a Asturias ata o ano 1833. É un municipio eminentemente rural e a súa capital é  O Chao de Pousadoiro. É un concello entre montañas pegado ao río Eo que conta con 497 habitantes (INE 2023)

A ruta de hoxe, das tres que  ten homologadas este concello, é para min a máis dura e a máis larga pero tamén, sen demerecer as outras dúas que son moi fermosas, a máis completa de todas.

É unha ruta que pasa por bosques autóctonos, por un miradoiro espectacular, por aldeas tradicionais e polas beiras do Eo cunha paisaxe ás súas beiras que chama a atención.

Dicir que nós NON fixemos a ruta como está establecida oficialmente e como aparece na maioría dos tracks que mirei, que comenzan indo primeiro pola beira do río. Nós empezamos subindo (sempre se sube mellor ao principio) ás aldeas de Barcia e Sadrarín para chegar ao miradoiro e deixamos a parte fluvial para o final. Ao meu entender é máis doada deste xeito.

Características desta ruta:

Lonxitude: 14 km.

Dificultade: Moderada.

Ruta circular sinalizada. O meu track en WIKILOC

Descripción:

O inicio e fin desta ruta está na capital do concello, en Chao do Pousadoiro. Deixamos o coche nun aparcadoiro público moi cerca da ponte que temos que cruzar.

Ponte sobre o Eo

Despois da ponte pillamos á esquerda e imos uns metros pola estrada.

Á man esquerda vemos o río Eo. Por aí viremos á volta.

Onde vemos a casa do fondo pillamos á dereita.

Pasamos por Barcia, lugar que pertence á parroquia de S. Xurxo de Piquín.

Os típicos cabozos asturianos e o Hotel- Miradoiro de Barcia.

Hotel- Miradoiro de Barcia e cabozos típicos
Deixamos Barcia subindo por unha pequena congostra.

Nun claro, a medida que imos ascendendo, vemos Barcia en 1º termo e máis lonxe, Paíme.

Atravesamos carballeiras
 
E cruzamos regos (bastantes)

A  paisaxe cambia agora. Atravesamos un piñeiral

O camiño parece que foi removido recentemente.

Este é un camiño de monte polo que se nota que sacaron madeira.

Aparecen despois os prados, sinal de que chegamos a un lugar habitado.

Sempre hai que ir ben calzado nunha ruta, nunca sabes o que te vas atopar.

Chegamos á aldea de Sadrarín da parroquia de S. Xurxo de Piquín. Vemos a capela de S. Xoán.
Capela de S. Xoán en Sadrarín

Sadrarín, ao igual que a maioría de pequenas aldeas de interior está quedando sen xente. A pouca que hai (sobre 12 habitantes) é toda xente maior.
Sadrarín
A aldea etá a unha altitude de 527 m. polo que ten boas vistas.
Sadrarín

Cruzamos a estrada LU-P 5404 para adentrarnos nun camiño.

Dende o camiño por onde nos metemos, volvendo a vista atrás, vemos Sadrarín e podemos aprezar o alta que está esta aldea.

Seguimos ganando altitude indo cara á Pena Millares.

A paisaxe muda radicalmente a medida que subimos. Desaparecen as frondosas, medra sobre todo o toxo, as uces e algún piñeiro illado.

Aparecen tamén as carpazas ou queirugas.

A unha altitude de 617m está o Miradoiro de Pena Millares dende o que podemos ver a Serra de Meira, o Val do Eo, a Serra de Pena Armada...
Pena Millares

Tamén vemosa pedregueira de Millares que semella un río de pedras: é unha morrena glaciar de cuarcita que descende de forma natural pola ladeira da montaña.
Pedregueira de Millares (Morrena)

 Agora empezamos a baixar. A subida non foi para tanto. Penso que a decisión de empezar a ruta deste xeito foi moi adecuada. Comenzamos a subir cando estábamos frescos.

Atravesamos a morrena que está cruzada polo camiño.

Empezamos unha baixada por un camiño en zig zag que parece non rematar nunca...Como houbese que subir!!

 Nesta zona písase a morrena e escoitamos a auga subterránea.

A medida que descendemos, a paisaxe cambia, xa vemos bidueiras, carballos, eucaliptos...

Topamos coa estrada LU-P 4802 e, ao pé da mesma, coa acea ou muíño do Fidalgo

Uns metros despois atopamos o sinal indicador que nos levará á Área Recreativa da Retorta.

Estamos no lugar de Mestre que pertence tamén a S. Xurxo de Piquín.

Despois de atravesar este pouco fermoso monte de eucaliptos, chagamos á área Recreativa que vai ser o noso comedor de hoxe.

Esta área recreativa é un recóndito paráiso ás beiras do Eo que ten zona acondicionada para o baño, mesas, bancos, grellas e unha cabana de pedra.
Tamén ten esta ponte inutilizada dende hai anos e pola que levan pasado centos de pescadores.
Área Recreativa A Retorta

Aquí foi hoxe o noso comedor! Un 5 estrelas!
Área Recreativa A Retorta
Despois de comer fáltanos o último tramo que vai ser totalmente fluvial. Un paseo natural á beira do Eo onde imos camiñar entre freixos, bidueiras, amieiros, abelairas...

Aquí parece que houbo unha ponte noutros tempos...

Nalgúns lugares hai cordas para agarrarse en caso necesario.

Un chan ás veces irregular, como vemos na foto, con raíces das árbores.

Pasamos por debaixo dunha ponte que une o lugar do mesmo nome co resto do concello.

O percorrido continua á beira mismiña do río.

O entorno que nos rodea non pode ser máis tranquilo e fermoso.
 
Xa chegando ao final da ruta aparecen os primeiros prados. Ribeira de Piquín é un concello eminentemente rural que ten na gandería e agricultura os pilares da súa economía.

E algunha terra de cultivo e árbores froiteiras. Pese a que o 85% da poboación dedícase ao sector primario, as terras destinadas a cultivo non chegan ao 5%

Atopamos varias cancelas coma a da foto que estaban todas abertas. As terras destinadas a prados e pastizais ronda o 15%.  O 80% é terreo forestal.

Xa en Chao de Pousadoiro, o 1º que vemos é a ponte que cruzamos ao inicio da ruta e a acea de Barcia.

Ao pé da presa, a área recreativa de Chao do Pousadoiro. Un lugar moi coidado con praia fluvial, zona infantil e zona de merendeiro.

E rematamos esta completa ruta.

Páxinas web consultadas:
https://www.ribeiradepiquin.es/datos-generales/































Ningún comentario:

Publicar un comentario