Volto ao concello de O Valadouro e á parroquia de Santo Tomé de Recaré (non confundir con S. Xiao de Recaré) unha das 10 que forman o concello. Esta parroquia tiña en 2021 só 37 habitantes e ano a ano vai perdendo poboación.
Un tramo da ruta que vou facer hoxe xa o coñecemos de cando fixemos a ruta "Fervenza de Torez"
Esta é unha ruta curta, fácil e moi, moi fermosa na que destacan as extraordiarias vistas dende un entorno marabilloso de prados entre montañas onde pastan vacas e cabalos, veremos o Prado das Chantas, o dolmen de Santo tomé...unha ruta na Mariña Lucense para non perder.
Características da ruta:
Lonxitude: 5,5 km.
Dificultade: baixa
Ruta circular sen sinalizar (só está sinalizado o dolmen e o Prado das Chantas)
O meu track en WIKILOC:
Descripción:
Inicio esta ruta no Curro de Santo Tomé onde cada verán se celebra a Rapa das Bestas. Este curro é de madeira e non é grande. Tal vez esta rapa congrega menos xente que noutros lugares (nesta zona Mondoñedo e Viveiro) esta é unha rapa máis familiar e sen aglomeracións.
Ao pé do curro vemos un sinal cara ao dolmen e aló vou. O monumento non se ve a simple vista, hai que abrir a cancela que se ve na foto e seguir por un carreiro que remata no monumento.
O carreiro ao dolmen:
Este dolmen de Santo Tomé está moi ben conservado. Está formado por 4 pedras verticais(ortostatos) e unha que as cubre. É un monumento funerario da época neolítica.
|
Dolmen de Santo tomé. |
Na parte interior dos ortostatos hai unha xoia botánica: un musgo bioluminiscente chamado "ouro de trasno" e que se atopa en moi poucos lugares de Galicia.
Dende o miradoiro que hai neste Curro de Santo Tomé temos unha espectaculares vistas sobre o Valadouro e montañas próximas.
O Curro, o miradoiro, o dolmen e esta área recreativa forman parte dun mesmo entorno, están situados a escasos metros uns dos outros.
|
Área recreativa e curro de Santo Tomé |
Empezo a camiñar e esto é o 1º que me atopo. A escasos metros do Curro hai un peche (hai 3 meses non estaba) É un peche posto a conciencia, non tiven forma de abrilo por ningún dos extremos así que aproveitei un arame que estaba máis baixo, como se alguén xa pasara antes por aí para poder cruzar. Eu pregúntome se nunha pista pública se poden poñer peches así.
Poucos metros despois do peche anterior, atopo este sinal que marca a ruta do Penido, un percorrido lineal que sae de Ferreira e chega ata esta zona. O que noto é que o sinal marca a dirección equivocada porque nos manda á dereita e nós temos que seguir a pista para ir ao Prado das Chantas que no sinal tamén o indica. Non sei se moveu o vento o pau sobre o que está o sinal ou se foi con mala intención...
Eu como xa sei por onde queda o Prado das Chantas, sigo pola vista e vexo os dous Penidos: O Penido Vello e o Penido Novo.
Esta zona é de prados onde pastan as vacas e os cabalos.
As vistas, a medida que ganamos altura, son espectaculares.
Cada vez máis cerca dos Penidos que me prometín subir algún día sen moito tardar. Estou no que en Asturias chaman braña: prados situados en zonas altas. En Galicia en cambio unha braña é un pasto moi húmido en zonas baixas, frecuentemente á beira dos ríos.
Non lembrei que o acceso ao Prado das Chantas está algo máis adiante e crucei onde se ven eses paus que estaban tirados.
Onde se ve algo máis adiante algo azul (é un plástico) por aí é a entrada real para cruzar.
Temos que atravesar (só empezando a subida) unha zona encharcada e máis estes días nos que choveu moito. Ao mellor no verán está seco.
Vistas que temos dende o Prado das Chantas.
Vistas por outro lado.
Nuha das pedras, eu vexo o que semella o pescozo e a cabeza dun ser, non sei se humano ou animal...
Non se sabe de certo a función ou a orixe destas pedras grandes que delimitan un prado. Hai quen di que foi un lugar sagrado e quen opina que foi un curro medieval.
Prado das Chantas e os dous Penidos de fondo.
Aquí non medra ningunha árbore, só hai prados e montañas peladas. Para min, moi fermoso!!
Na foto seguinte vese o acceso ao Prado das Chantas. Non entrei por aí pero si saín.
Na foto seguinte, o Rego do Penido Novo que despois, máis abaixo forma a fervenza de Torez
Sigo pola pista entre paisaxes abertas onde os cabalos, eguas e poldros pastan libremente.
A pista remata algo máis adiante, por eso eu quero pillar este camiño que parece público pero que atopo pechado.
Ao pé do anterior peche hai outro que delimita outra finca e por aí vexo que un arame está baixo así que aprovito e por aí cruzo.Teño que cruzar de novo para o camiño e repto con facilidad onde o arame está un pouco máis alto.
Agora si que xa me atopo no camiño que quero e dende onde as vistas son amplas.
Á dereita vexo o camiño por onde teño que ir despois.
Nun momento dado teño que abandonar o camiño que traio e cruzar este prado. Non hai problema, non hai peche ningún.
Desemboco neste outro camiño
Ao pé dos montes deste camiño predomina o eucalipto pero polo medio deles vin bastantes acivros
Volvo cruzar o Rego do Penido Novo. A fervenza de Torez non está moi lonxe.
Atopo outro peche, pero este podo abrilo ben e por suposto pechalo que é como hai que deixalo para que o gando non escape.
Este outro camiño ancho vai levarme á pista pola que subín antes.
E aquí conecto coa pista.
Ao chegar a este peche do principio, pegado ao Curro de Santo Tomé, atopo que está así, aberto. Tivo que ser un coche que vin chegar ata o Prado das Chantas cunha muller que viña vixiar o seu gando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario