Fixemos esta ruta cando o grupo estaba nos seus inicios e aínda non estaba homologada, si sinalizada polo concello, que agora consigueu a súa homologación. Daquela era inverno e as árbores estaban sen follas, se xa nos parecera moi fermosa, hoxe con todo o seu verdor estaba espectacular!!
A ruta que fixemos hai uns anos:
Rutas de sendeirismo: FRAGA DAS REIGADAS ( A PONTENOVA)
Aínda que a ruta leva o nome de Fraga das Reigadas realmente atravesa dúas: esta e a de Vilarxuvín. Son dúas das fragas máis fermosas de Galicia, con castiñeiros, carballos, abelairas, amieiros, bidueiras, algún acivro...moitas veces camiñaremos á beira do río Reigadas e outras verémolo encaixonado aló embaixo.
Veremos os restos de dous muíños, duas fervenzas, moitas, moitísimas pontes ben rústicas, a ferraría de Bogo que tanta importancia tivo no pasado...
Esta ruta está dentro da área "Río Eo- Oscos- Terras de Burón" declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO no ano 2007.
Unha ruta que os amantes do sendeirismo non podemos perdernos!!
Características:
Lonxitude: 11,31km.
Dificultade: Media-baixa (ten baixadas importantes e algunha que outra costa)
Ruta lineal ben sinalizada
Descripción:
A ruta inicíase na aldea de Barreiros que pertence á parroquia de S. Pedro de Bogo. Situada a 800m. de altitude é unha pequena aldea que apenas chega aos 20 habitantes.
Aldea de Barreiros AQUÍ
Cando chegamos había néboa. Ás aldeas desta zona chámanlles "as aldeas da néboa" pola gran cantidade de veces que as cubre.
|
Aldea de Barreiros |
|
Capela de Santa Sabela en Barreiros |
Na capela deberemos coller á esquerda e deseguida atoparemos o panel indicador da ruta.
Empezamos a baixar:
OLLO!! Aquí seguimos de frente ao ver o camiño desbrozado e no ver ningún sinal de ruta. Hai que pillar á dereita!!
Deseguida aparecen os sinais e adentrámonos na fraga.
Dende que está homologada, a ruta conta con escaleiras e cordas para agarrarse:
Atopamos a 1ª ponte das moitas que imos cruzar.Estamos inmersos en plena fraga e non pode gustarnos máis!!
Hai pontes de tódolos estilos pero todas elas moi rústicas:
Unha preciosidade de fraga:
E chegamos á 1ª fervenza: a do Pozo da Chamosa.
|
Fervenza do Pozo da Chamosa |
Unha fermosa fonte: a de Paradela
Aquí vemos unha ouriceira. É unha construcción tradicional para gardar os ourizos das castañas no mesmo souto e así protexelas de animais como o xabaril. Teñen forma circular cunha entrada nun punto chamdo porteliña. No interior póñense os ourizos aínda sen abrir e cóbrense con follas de castiñeiros secas, de xeito que se poden conservar varios meses. Estas construcións fóronse abandonando debido a que as castañas aquí conservadas tiñan menos valor xa que se dicía que sabían a "ouriceira".
|
Ouriceira, chamadas noutros lugares corripas, uriceiras... |
E chegamos ao muíño da seimeira, nun enclave moi fermoso:
Vemos a rudimentaria canle que traía a auga ao muíño.
A seimeira:
|
O río Reigadas |
O río segue quedando á nosa dereita aínda que agora non o vemos. Agora iremos por este camiño costa arriba durante 600m. aprox.
Ata coller outra vez á dereita para baixar un sendeiro de 600m.
Que nos vai levar á Ferraría de Bogo, unha testemuña do tipo de instalacións siderúrxicas que precederon aos altos fornos do século XIX que transformaban o mineral de ferro en metal aproveitand a enerxía hidráulica.
Os inicios desta ferraría sitúanse no S. XVI pero desta antiga, non se conserva nada. A actual foi reconstruída no século XVIII e a súa actividade cesou no S. XIX por un incendio que só respetou as paredes e unha vivenda.
Na foto de abaixo vemos o perfecto estado no que se conserva a roda hidráulica de madeira que facía xirar ese tronco horizontal que a atravesa, chamado árbore de levas.
|
Roda hidráulica de madeira que facía xirar as aspas e así a árbore de levas. |
No ano 1993 a Xunta De Galicia financiou a restauración desta ferraría como museo etnolóxico. A partires da ferraría camiñaremos por asfalto durante 1,5km aprox.
Ata chegar ao Machuco, onde remataremos a nosa camiñata que oficialmente remata algo máis adiante, na aldea de A Hermida pero comentáronnos que eses 3km. aprox que quedaban non valían moito a pena.
No Machuco hai unha Casa de Turismo Rural: Casa Fidalgo moi prezada seica pola xente que quere decansar alonxándose de aglomeracións e buscando tamén a fermosura destas paisaxes que ten ao redor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario