mércores, 10 de xullo de 2024

SANTO DOMINGO DE SILOS/DESFILADEIRO DA YECLA/BRIVIESCA/ORBANEJA DEL CASTILLO

 Santo Domingo de Silos é unha vila e un mosteiro de monxes benedictinos e a historia de ámbolos dous lugares camiñou sempre xunta. É un municipio moi, moi pequeno xa que aínda non ten 300 habitantes. Xunto a Lerma e Covarrubias forma o chamado "Triángulo do Arlanza" ademais de atoparse no chamado "Camiño do Cid".

Ao ir camiñando ata o centro da vila, vemos a muralla que queda da antiga que había. A da foto é a que rodea o mosteiro.


O 1º que atopamos é esta porta que dá acceso á hospedería do mosteiro e onde vemos unha secuoia xigante que moita xente confunde co famoso ciprés de Silos e que chegou, segundo a lenda tradicicional, dende Canadá metida dentro dunha pataca. É unha impoñente árbore que mide máis de 30m. de alto.
Secuoia do mosteiro

Secuoia xigante
 
A Casa Consistorial de Santo Domingo de Silos está pegada á igrexa de S. Pedro
Casa Consistorial
A igrexa de S. Pedro é do S. XVIII e foi construida sobre unha anterior románica. No seu interior conserva unha imaxe da Virxe do Mercado, patroa da vila. Nós contemplamos a súa interesante fachada tomando un café na Praza Maior.
Igrexa de S. Pedro
Mosteiro de Santo Domingo (antes S. Sebastián)
Este mosteiro, antes chamado S. Sebastián de Silos, aparece nomeado no S. X e aínda que non coa configuración actual, remóntase á época visigótica (S. VII) No S. XI chega a Silos o monxe Domingo; é nomeado abade e amplía e reforma o mosteiro que levaba anos en decadencia e case en ruinas. Despois de morrer é canonizado e o seu sepulcro convértese en lugar de peregrinación, ademais o mosteiro cambia o nome a Santo Domingo de Silos en honra a este monxe que tanto fixo polo mosteiro.
A comunidade de Silos, formada por monxes benedictinos, segue a ter grande vitalidade e importancia espiritual e artística.
                                                    Mosteiro de Santo Domingo de Silos
O claustro do S.XI é cadrado con dúas plantas, sendo a inferior a máis antiga. Vemos o famoso ciprés que é o icono do mosteiro xa que ten máis de 130 anos e supera os 30m de altura. Nel viven moitísimos paxaros .
O poeta Xerardo Diego escribeulle o poema "El ciprés de Silos" en 1924.
Claustro do mosteiro
Teito do Claustro:



Dentro do mosteiro tamén vimos a Botica que naceu a raíz do mal funcionamento da farmacia civil de Silos e por eso o abade do mosteiro daquel momento decideu crear unha botica dentro do mosteiro. Na foto vemos o laboratorio onde os monxes preparaban as menciñas a base de plantas.


Noutra estancia, observamos os recipientes empregados.


No Museo do mosteiro vimos algunhas  das pezas que se poderon conservar despoia da desamortización de Mendizabal (1835)



Na fermosa Praza Maior tomamos un café nun ambiente moi relaxado e tranquilo. Había moi pouca xente ese día en Silos.
Praza Maior

Despois demos un pequeno paseo pola vila onde resaltan as casas de pedra e o baleiras que se vían as rúas.
Unha rúa en Santo Domingo de Silos

Nesta saída da vila que vemos na foto seguinte e que vai a Contreras (outro concello de Burgos) está o Arco da Calderera ou Porta Sur. Esta é unha das catro Portas que tiña antigamente a muralla.
Arco da Calderera ou Porta Sur

Outra rúa de Silos

Dende o mosteiro poidemos ver a outra antiga Porta da muralla: a Porta que dá ao sur chamada Porta de S. Juan de Silos ou Porta da Cadena.

DESFILADEIRO DA YECLA.-
Moi preto de Silos está o desfiladeiro da Yecla, un dos máis estreitos do país con 600m. de lonxitude, unha anchura que nalgúns puntos apenas pasa dos 2m. e unhas paredes verticais de máis de 100m. de altura. Este desfiladeiro foi formándose polo regato Cauce, afluente do río Mataviejas ao longo de millóns de anos.
Na foto, a punto de introducirnos no desfiladeiro entre as Penas de Cervera.

O desfiladeiro pertence á zona protexida "Espacio Natural de La Yecla y los sabinares del Arlanza"

Mediante unha serie de pasarelas e pontes facemos o percorrido.


Estes abruptos escarpes son o fogar dun grande numero de voitres leonados.


Mirando ao regato Cauce que formou esta marabilla desgastando as rochas calizas.

E aquí chegamos ao final. Voltamos polo mesmo lugar.



Un cortísimo vídeo:





BRIVIESCA
É un municipio de algo máis de 6000 habitantes que conta cun gran patrimonio artístico. O 1º monumento que visitamos ao chegar foi a Igrexa de S. Martín situada na Praza Maior A súa fachada é de principios do S. XVI pero o feito de estar construida con pedra caliza fai que se atope bastante deteriorada. Na foto, a portada exterior de estilo plateresco.

Fachada da igrexa de S. Martín

No interior vemos un púlpito en estilo plateresco (caracterizado por unha decoración prolífica con elementos vexetais, candelabros, criaturas fantásticas...)
Púlpito

O Retablo Maior foi realizado no S. XVIII en estilo barroco.(Caracterizado por ser recargado, esaxerado, decorativo, ornamentado...)
Retablo Maior

Na Praza Maior vemos un templete do S. XX (1909) en estilo modernista.
Templete modernista

Outra imaxe do exterior da igrexa de S. Martín.
Igrexa de S. Martín

A Casa do Concello ocupa un palacio do S. XVII que foi restaurado. No seu interior está a Oficina de Turismo.
Casa do Concello
Un pouco máis adiante atopamos a ex colexiata de Santa Mª, foi fundada na 2ª metade do S. XIV sendo unha das máis antigas de España. A imaxe que aparece na fachada é Nosa Señora de Allende colocada en 1930.
Ex colexiata de Santa Mª A Maior

A ex colexiata semella case unha catedral xa que ten 3 naves. O tretablo que vemos é barroco.
Interior da ex colexiata

Na capela de Santa Casilda destaca o retablo renacentista en madeira de nogueira. É coñecido como "O Escorial dos retablos"
retablo na capela de Santa Casilda

Outra vista da ex colexiata na se pode aprezar o magnitude do seu tamaño:
Ex colexiata de Santa Mª

Exterior da capela do Sagrario dentro da ex colexiata. Esta capela foi engadida no S.XVII pola familia Soto de Guzmán.

O mosteiro de Santa Clara é un antigo convento de monxas clarisas composto polo convento, a igrexa, un hospital e unha casa solleira. Construido no S. XVI combina os estlos gótico isabelino e renacentista. No 1931 xa foi declarado este conxunto de  edificios Monumento  Histórico Artístico Nacional. Tamén é BIC (Ben de Interese Cultural)
As clarisas habitaron este lugar ata o 2005.

Mosteiro de Santa Clara

A xoia deste mosteiro é o renacentista 
Retablo Maior en madeira de nogueira sen policromar.

Retablo maior

ORBANEJA DEL CASTILLO
Esta localidade que pertence a Valle de Sédano é moi pequena (apenas 50 hab.) e é preciosa. Unha aldea medieval restaurada cunha cascada polo medio da vila que converten  este lugar dun dos máis fermosos da provincia de Burgos.
O 1º que nos atopamos ao chegar foi esta fermosa cascada:



As casas de pedra atravesadas pola cascada deixan unha imaxe idílica. É a imaxe e o símbolo de Orbaneja del Castillo.
Cascada de Orbaneja del Castillo

Ao rematar a cascada fórmanse unhas pozas dunha cor preciosa. As augas desta cascada atópanse algo maís abaxo co río Ebro

Pozas
Unhas escaleiras de pedra lévannos ata a vila declarada Conxunto Histórico-Artístico.

Eso si...a min sobrábame xente...

En Orbaneja temos un dos conxuntos de arquitectura popular mellor conservados e máis fermosos de toda Castela-León. Na foto, a ponte que atravesa o regato que máis abaixo forma a cascada e o que debe ser a praza da vila.

A "Cueva del Agua" é o lugar onde nace a cascada, primeiro como un pequeno regato que se precipita máis abaixo ata atoparse co Ebro.

A auga que brota dende a cova divide a vila en 2 partes: Villa e Puebla

Dende o Miradoiro de África aprezamos as formacións karsticas que rodean Orbaneja. O nome do miradoiro débese a que dende aquí dúas rochas que parecen bicarse, lembran a imaxe de dous camellos de África.
Formacións kársticas que rodean Orbaneja

Ningún rincón desta vila ten desperdicio!!

Rúas estreitas e casas moi xuntas son características deste lugar.

Non hai recuncho que non mereza a pena!


Ao fondo, as formacións karsticas que rodean esta vila; en 1º plano, o regato que divide en dous a aldea.


E ata aquí a nosa viaxe a Burgos e algún concello e localidade. Vimos moito e moito quedou por ver nesta fermosa e para min sorprendente provincia!!

Páxinas web consultadas:
https://wwhttps://es.wikipedia.org/wiki/Santo_Domingo_de_Silos_(Espa%C3%B1a)w.castillosnet.org/fortificacion.php?r=BU-CAS-106
https://desfiladerodelayecla.com/
https://turismoburgos.org/iglesia-de-san-martin-briviesca/
https://www.elliodeabi.com/2015/07/iglesia-de-santa-maria-en-briviesca.html
https://www.burgosconecta.es/provincia/orbaneja-castillo-pueblos-singulares-espana-20230525142823-nt.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario