xoves, 9 de marzo de 2023

MARRUECOS/MARROCOS: O DESERTO

Na entrada anterior referida a Marrakech, olvideime de dicir que na cena de gala que tivemos nesa cidade, celebramos tamén dous cumpreanos: o de Xaime Cancio e o dunha compañeira do grupo. Foron celebracións moi especiais nas que houbo tarta, champán, música e cancións baixo un fermoso decorado. Seguramente nunca celebrarían un cumpreanos no que tanta xente os felicitase e lles cantase o "cumpreanos feliz". Parabéns aos dous!!


CARA AO DESERTO

O venres, 24 de febreiro, saimos cara ás montañas do Alto Atlas facendo en bus un fermoso percorrido que nos levou por zonas espectaculares. Durante o traxecto a paisaxe foi cambiando  pisamos neve e visitamos unha Kasbah que é un dos "tesouros culturais do mundo" segundo a UNESCO. O noso destino final foi Ouarzazate. Unha viaxe de 199 km.

Pasamos das temperaturas case primaverais de Marrakech a estas paisaxes nevadas onde tomamos contacto co frío.

Toda esta zona que imos atravesar é unha zona turística de gran importancia para os marroquíes de bo nivel de vida e para nós, os estranxeiros, pero non todo o mundo vive du turismo e moitas destas xentes están alonxados da civilización do S. XXI. Nas zonas máis pobres e atrasadas das montañas do Atlas falta de todo : estradas asfaltadas (ao pasar no autobús víamos como estaba asfaltada a estrada principal (unha sola) pero as rúas das aldeas eran pobres camiños e calexóns de terra e pedras) Faltan escolas, hospitais, servizos básicos como alcantarillado...etc Os habitantes desta zona sobreviven da gandería (ovellas) e dunha agricultura de subsistencia. As familias que teñen membros emigrados en Europa viven tamén do diñeiro que estes lles envían.

Case ninguén fala deste Marruecos medieval que non interesa nin ás autoridades nacionais nin ás axencias internacionais de turismo pero que existe e poidemos ver dende o autobús e tamén vendo aos moitos marroquíes que temos por Galicia (na zona onde vivimos hai bastantes) entendemos porque escapan do seu país na procura de novas oportunidades.

Atravesamos o porto de montaña Tizi n´Tichka, o paso de estradas máis alto do norte de África cunha altura máxima de 2260m. 

Paramos neste lugar a tomar algo, ir ao baño e a desfrutar desta fermosa paisaxe dende a terraza panorámica do local.

Este porto de montaña é o paso ineludible vindo de Marrakech como é o noso caso para ir ata o deserto de Merzouga a onde nos diriximos. A estrada ten moitísimas curvas e bastante tráfico.

Dende a terraza panorámica do café-restaurante vemos esta pequena vila.

 
Segundo imos baixando, a neve desaparece e o deserto apodérase da paisaxe.

Paramos a comer en Ait Ben Haddoo, no restaurante Oasis D´Or situado na parte nova da vila.

DIFERENZA ENTRE KSAR E KASBAH:
Un ksar  está formado por unha agrupación de vivendas rodeadas de muros defensivos e torres de vixiancia que protexían aos seus habitantes de invasións, saqueos e inclemencias do tempo. Poden ter ata mil anos d eantigüidade.
Unha kasbah parécese máis ao que nós coñecemos como castelo, pazo...construccións de alguén poderoso. Son moito máis recentes que os ksar, do S. XVII.
Despois de comer visitamos o Ksar de Ait Ben Haddou, moi cerca do resturante. Só tivemos que cruzar a ponte sobre o río Ounila

KSAR DE AIT BEN HADDOU
Ponte sobre o río Ounila para ir ao ksar.

En Marruecos atopamos gatos por todas partes: nos hoteis, nos restaurantes, nas rúas...os marroquís senten aprezo por estes animais que en realidade non son de ninguén, vagabundean por calquera sitio e aliméntanse das sobras que lles dá a xente. Este vímolo entrando no ksar de Ait Ben Haddou.
Entrando ao ksar.
Xa dentro do ksar percorremos as súas laberínticas e estreitas rúas con postos tamén para vender algo aos turistas.

O ksar de Ait Ben Haddou é Patrimonio da Humanidade. Viven aquí dentro xa poucas familias pero algunha aínda se resiste a mudarse á cidade nova (onde xantamos)

Aquí foron rodadas numerosas películas: La joya del Nilo, Lawrence de Arabia, El cielo protector, La Momia, Gladiator, Babel, Juego de Tronos...etc, etc e non me estraña xa que este escenario natural é ben apropiado.
 
As ventás das casas son moi pequenas para non deixar pasar o calor do verán.

Dende o torreón que se atopa no alto dunha colina, as vistas son espectaculares.

Dende a cima da colina vemos a vila nova onde vive a maioría da xente, aínda que no Ksar aínda quedan algunhas familias que se resisten a marchar.

Subindo ao alto da colina dende a que teremos unhas panorámicas increíbles. Eso si, sopraba o vento con tanta forza aló enriba que había quer agarrarse!!


KASBAH DE TAOURIRT
Está en Ouarzazate e foi un importante punto de conexión entre  Marruecos e o resto de África. Tivo o seu maior apoxeo durante o colonialismo francés.

A Kasbah de Taourirt es unha das fortificacións máis importantes de Marruecos, xunto a Aït Ben Haddou, ubicado a solo 34 km. e que acabamos de visitar.
Kasbah de Taourirt

Construida no S. siglo XIX, esta kasbah foi propiedade da familia El Glaoui. Thami El Glaoui, tamén coñecido como “El Señor del Atlas”, foi gobernador de Marrakech entre os anos 1912 e 1956. Contaron moitas historias sobre este personaxe: algúns  considerano un guerreiro despiadado e outros unha boa persoa, pero no hai dúbida de que xugou un papel importante durante o colonialismo francés.
 
Eu non sei se o guía nos falou dos edificos que había en frente desta kasbah. Probablemente si e eu non me enterei por andar sacando fotos. Buscando agora información, resulta que é o Museo do Cine de Ouarzazate. A colección do museo contén obxectos das mesmas películas que se filmaron nos arredores da zona.
Museo do Cine
Trala independencia de Marruecos, a kasbah foi abandonada pero a industria do cine rodou nela varias películas e máis tarde foi adquirida polo concello de Ouarzazate que a foi restaurando por fases.
Esta kasbah é moi elegante con fermosos debuxos xeométricos que xogan coas luces e as sombras.

Por dentro ten multitude de escaleiras e pasillos leaberínticos que te levan ás distintas habitacións que se atopan vacías.

 As ventás son moi pequenas buscando o illamento térmico, que non entre o frío, nin o calor.


Dende a terraza da kasbah temos unhas fermosas e excelentes vistas sobre o oasis onde se situa Ouarzazate.

Na seguinte foto observamos con detalle a rudimentaria canalización da auga con canles de madeira, as estreitas ventás e a decoración.


Esta noite durmimos en Ouarzazate, cidade cosiderada a "Porta do deserto" É unha cidade moi turística e o seu nome significa "sen ruído"

En tempos pasados Ouarzazate foi un pequeno punto na travesía dos comerciantes africanos para acadar as cidades norteñas de Marruecos e Europa.

Durante el período colonial francés, Ouarzazate medrou de forma considerable como cidade de abastecemento, sendo ademáis un centro administrativo e posta de aduanas.

O HOTEL OSCAR BY ATLAS en Ouarzazate está pegado aos Estudos Cinematográficos Atlas. É un hotel pequeno con moitísimo encanto, moi acolledor e onde a temática do cine está presente en todas partes: no comedor, en tódalas salas, na piscina, nas habitacións...por medio de imaxes e de nomes de actores e actrices consagrados de tódolos tempos. Moitos actores e actrices alóxanse neste hotel cando están a rodar unha película nesta zona.
2ª planta do hotel

Imaxes de actores e actrices
Detalles ao redor da piscina

A decoración das ventás é moi propia de Cleopatra.

Piscina

Detalle dun pasillo

Recunchos relacionados co cine. Vemos a Leonardo Di Caprio

Fachada do hotel

Detalle do comedor.

ATLAS STUDIOS
Despois de durmir e tomar o almorzo no hotel anterior, visitamos os Atlas Studios que están pegados ao mesmo.
Multitude de películas ben coñecidas foron rodadas neste escenario: Lawrence de Arabia, La guerra de las Galaxias, La Momia, Gladiator, Los 10 Mandamientos, Juego de Tronos...etc..

Entrada aos Atlas Studios

Explicou o noso guía que gran parte da poboación local vive desta industria do cine contratada como constructores, deseñadores e sobre todo extras das películas.

Aquí temos o avión de La Joya del Nilo.

 Na imaxe seguinte o autobús dunha película que a min me gustou moitísimo: Babel

 Na seguinte foto, un templo exipcio.

Os mesmos escenarios empregados nunha película poden ser modificados para outra.
 
Na seguinte imaxe vemos o mercado de esclavos da película Gladiator.
 
As vistas dende os Atlas Studios son asi de femosas: o contraste entre o deserto e as montañas nevadas do Atlas. O poboado que se ve é de mentira e foi escenario dalgunha película.



Un templo tibetano na foto seguinte:


A porta por onde vai entrar Cleopatra:

A nosa Cleopatra non é a orixinal pero é moito máis fermosa:

 
A nosa Cleopatra, Ana no seu trono:


Despois desta visita partimos cara a Merzouga para pasar a vindeira noite no deserto. O percorrido feito para chegar, a min personalmente, pareceume fascinante. Foron bastantes horas en bus pero con paradas varias, ás veces técnicas para ir ao baño e/ou tomar un café; outras veces para fotografar paisaxes incríbles.

Estamos no Marruecos máis profundo, máis auténtico e despois de percorrer a cordilleira do Atlas hoxe atravesaremos as gargantas do Todra.
Paramos a comer en Tineghir, unha cidade situada ao pé das montañas do Atlas.

Vista do exterior do hotel- restaurante Kasbah Lamrani. Tódolos días comemos en espectaculares restaurantes!

Tivemos incluso tempo para desfrutar un pouco ao redor da piscina. (Ademais de restaurante tamén é un hotel)

Vimos tamén de camiño mulleres lavando no río. Hai moitos anos que non vemos esto no noso país.

Cando aparece un oasis tamén aparece vida humana. De tódolos xeitos, o verde aquí é unha cor case fea, chea de po, un verde sen brillo, sen humidade...un verde desértico.
                                                        
 GARGANTA DO TODRA
No noso percorrido paramos nun alto para unha vista panorámica e varios vendedores tiñan aí exposta a súa mercadoría para intentar vendernos.
Dende aquí vemos o palmeiral de Tinghir. O río Todra é quen rega esta espazo natural.

Desvíamonos uns kilómetro do noso percorrido para coñecer a garganta de Todra en pleno Atlas: semella como si a montaña se partise en dúas

Esta garganta atópase enclavda no val do río Todra que só leva auga estacionalmente. Neste caso algo de auga levaba.

O bus deixounos nun punto e fomos camiñando aprox. 1 km. ata outro punto onde nos recolleu. Sentímonos ben pequenos camiñando por aquí!!
 
Foi unha delicia este paseo!! Os vendedores tamén están aquí. Estas paredes poden acadar os 300m. de altura mentras a garganta se estreita en ocasións ata medir so 30m.

           DESERTO DE MERZOUGA
Era case de noite cando chegamos á cidade de Erfoud que está situada nun oasis do deserto do Sahara. Grazas á súa proximidade a Merzouga, Erfoud desenrolou unha importante industria turística e aquí había 23 coches todoterreno esperándonos para levarnos ata o noso campamento no deserto.

Chegamos de noite pecha e fomos recibidos por un grupo de música bereber, despois pasamos ao comedor nunha haima preciosa onde cenamos fabulosamente.
Así nos recibiron!

Polo visto, non tódalas haimas eran iguais; algunhas non tiñan auga quente. Eu tiven sorte e na miña sí que había, aínda que ducharse ás seis da mañá era só para valentes polo frío que ía.
Eu personalmente durmín ben, xa que as sabas estaban limpas e había moita roupa na cama para non pasar nada de frío.
A miña haima
Un aspecto do campamento. Aquí durmeu parte do grupo.
Un campamento

Aspecto do campamento onde estaba a miña haima:
O campamento onde estaba a miña haima e a doutros compañeiros/as de grupo.


O exterior da miña haima

No meu campamento a noite anterior había un lume aceso no lugar onde aínda se ven os tizóns, tamén había música e algunha persoas sentadas ao redor. Non me sumei á festa porque  estaba cansa da viaxe e ao día seguite había que madrugar moito...
No meu campamento

Ao día seguinte ao amencer fomos ver a saída do sol a uns 5 km. aprox. Houbo que foi en dromedario e quen foi en 4x4. Eu elexín este último medio de transporte.
A experiencia da saída do sol no deserto foi algo inesquecible. A pesares do frío que ía a esa hora, nada empañou o sentimento de verse rodeados de tanta inmensidade de area no medio de dunas e máis dunas...


O Sáhara é o deserto cálido máis grande do mundo. Se un se perde neste deserto a probabilidade de sobrevivir é unha entre un millón. Mórrese de insolación ou de deshidratación.

Houbo que prefireu ir en dromedarios.

 Os coches que nos levaron:

Despois desta inesquecible experiencia, tomamos o almorzo no campamento e emprendemos viaxe cara a Fez.


Páxinas web consultadas

https://atalayar.com/content/los-habitantes-del-atlas-abandonados-su-suerte-por-el-estado-un-a%C3%B1o-m%C3%A1s

https://es.wikipedia.org/wiki/Ksar_de_Ait_Ben_Hadu

https://www.marruecos.com/que-es-una-kasbah/

https://viajesmarrakech.com/diferencias-entre-ksar-y-kasbah/

https://tourismaitbenhaddou.com/destination/ruta-de-las-kasbahs/la-kasbah-de-taourirt/?lang=es
https://www.nomadas.com/atlas-corporation-studios-ouarzazate-hollywood-desierto/

Ningún comentario:

Publicar un comentario