xoves, 7 de outubro de 2021

SORIA (Laguna Negra e Soria cidade)

 Hai uns anos estivemos visitando Soria e a súa provincia. Durante unha semana percorremos as vilas que nos pareceron máis reseñables desta provincia, a súa capital... e non deixamos de sorprerdernos a cada paso da súa paisaxe, das súas aldeas con tantísima historia. Sen dúbida, é moi recomendable pasar uns días nesta provincia que ten moito que ofrecer.

Soria pertence á Comunidade Autónoma de Castela e León. 

Nós durmimos a 1ª noite en Almarza, ao norte de Soria nun hotel moi fermoso: El Morendal.

Foi unha antiga fábrica de fariñas que conserva a arquitectura propia da provincia. É un hotel moi acolledor cunha decoración rústica ás beiras do río Tera.

Un rincón do hotel en Almarza con rústica decoración


O hotel El Morendal é moi acolledor

Só vimos esta vila de noite xa que non era un obxectivo a visitar, só pernoctar. Pareceunos un lugar fermoso, coas casas antigas, moi tranquilo.



LAGUNA NEGRA.-

Está situada nos Picos de Urbión, no concello de Vinuesa. É unha lagoa de orixe glaciar que forma parte do Parque Natural Laguna Negra e os Circos Glaciares do Urbión ao norte de Soria.
A 2000m de altitude, entre enormes paredes de granito e rodeada de pinares dan a esta lagoa un aspecto oscuro e tenebroso. A mín dende logo, pareceume preciosa.

Para acceder ata a lagoa, se é temporada baixa pódese ir case ata ela en coche. Nós optamos por ir andando dende o aparcadoiro que hai a 2km., xa que ao longo do sendeiro que vai paralelo á estrada, imos desfrutando da beleza dun bosque de piñeiros albares e faias á beira do regato da Laguna Negra.

Sendeiro que nos leva á Lagoa

Cruzando o regato por unha ponte moi rústica.

Unha pasarela de madeira bordea case toda a lagoa:



Lagoa Negra que de negra, ten pouco. Atopamos unhas augas moi verdes.



Grandes rochas bordean a lagoa.

SORIA
A cidade de Soria, xunto ao río Douro, é tamén chamada "cidade dos poetas" xa que servíu de inspiración a escritores como Antonio Machado, Gerardo Diego ou Becquer. É unha cidade con caracter castelá, moi tranquila e a que menos habitantes ten de toda España.
Os lugares que visitamos nesta cidade foron os seguintes:

- Igrexa de Santo Domingo: declarada Ben de Interese Cultural no 2000 destaca sobre todo a súa fachada románica, considerada para moitos a mellor de España.
Igrexa de Santo Domingo

- Alameda de Cervantes.
É un dos xardíns públicos máis antigos de España e Europa e os sorianos chámanlle "la Dehesa". Está situada no mesmo centro da cidade e é a zona verde máis importante da mesma.

Esta é a ermida de Nosa Señora da Soidade do S. XVI, na parte baixa da Alameda.
 Esta é a entrada principal ao parque

A Alameda conta con máis de 100 especies de árbores e arbustos:

Na parte alta da alameda atopamos este prado onde había moitos grupiños de adultos e nenos desfrutando da tarde.



- Nuestra Señora del Espino
Templo construído no S. XVI. Xunto á igrexa está o cemiterio de El Espino onde está enterrada Leonor Izquierdo, muller de A. Machado.
A muller de Machado morreu en 1912 con só 18 anos víctima da tuberculose.
Tumba de Leonor, muller de A. Machado

Xunto a esta igrexa vemos o tronco dun vello olmo, símbolo do coñecido poema de A. Machado "A un olmo seco"
Igrexa de Nosa Señora do Espiño

Versos do poema "A un olmo seco"

- S. Juan de Duero.
Coñecido tamén como Arcos de S. Juan de Duero é un conxunto de arquitectura románica. O que se ve (igrexa e claustro) son os restos dun mosteiro da Orde Militar dos Hospitalarios de S. Xoan de Xerusalén, levantado na 1ª metade do S. XII e que estivo habitado ata o S. XVIII.
 O claustro do S. XIII é o único que queda do mosteiro e é un dos máis orixinais do románico español xa que ten varios estilos

Igrexa de S. Juan de Duero

S. Saturio.-
S. Saturio foi un eremita soriano que viveu na segunda metade do S. VI. Xunto ao río Douro érguese unha ermida na súa honra excavada na rocha, na Serra de Santa Ana, nun fermoso enclave.
Nós chegamos camiñando dende S. Juan de Duero ata S. Saturio dando un fermosísimo paseo ás beiras do río que foi obxecto de tanta inspiración para os poemas de Antonio Machado.
O garn poeta escribeu:
"Estos chopos del río que acompañan 
con el sonido de sus hojas secas,
el son del agua cuando el viento sopla,
tienen en sus cortezas
grabadas iniiales que son nombres
de enamorados, cifras que son fechas"
O río Douro e os olmos á súa beira

Vemos a ermida que emerxe da rocha onde estaba a cova na que vivía o eremita S. Saturio
Ermida de S. Saturio

Antes da capela actual, había un oratorio dedicado a S. Miguel. A finais do S. XVII, os sorianos mandaron construir a ermida de estilo barroco.
Por dentro, as grutas que vemos son naturais e están debaixo da igrexa.
Capela de S. Miguel coa viderieira que representa un miragre atribuído ao santo

A tradición conta que Saturio era un noble de familia rica que despois de morrer os seus pais, repartíu as riquezas entre os pobres e foise vivir a unhas covas xunto ao Douro. Alí, nun oratorio dedicado a S. Miguel viviría durante 30 anos.
O enclave e o paseo para chegar a el, son moi fermosos

Era tanta a devoción polo santo que foi nomeado patrón de Soria. A súa festividade é o 2 de outubro.
Sobre estas grutas naturais está a igrexa
 
Escaleiras que conducen a outras salas.

Concatedral de S Pedro.-
Unha concatedral é unha igrexa que comparte con outra a dignidade de catedral; neste caso coa de O Burgo de Osma.
Estilos románico e gótico coexisten neste edificio. É un edificio moi sobrio como se pode ver e a súa xoia principal é o claustro.

A nosa viaxe foi en Semana Santa de gran tradición en Soria e coincideu que vimos unha procesión que partía da concatedral:


Praza Maior.- É o centro da vida cultural da cidade. Conserva parte das tradicionais prazas típicas castelás: rectangular e aportalada nalgunha zona.

A Fonte dos Leóns que se atopa no medio da praza é a máis emblemática da cidade.
Ao fondo, a fonte dos leóns do S. XVIII


En próximas entradas, seguirei coa provincia de Soria.
Se miras esta entrada dende un móbil,  pinchando en inicio, arriba de todo, despregase unha pestana que te leva a todo o que contén o blog ou tamén, ao remate da entrada, se pinchas en ver versión web amósase o blog como se o vises dende o ordenador.
















Ningún comentario:

Publicar un comentario