xoves, 16 de novembro de 2023

FROSEIRA/COVA DO DEMO/PICO DO CUCO/FROSEIRA (BOAL)


Vistas dende o Pico do Cuco

Boal é un concello do occidente asturiano no que xa fixemos dúas rutas, a 1ª foi a Ruta dos Castros pero temos que repetila porque ese día chovía e ventaba de tal maneira que non poidemos facela completa e a 2ª foi unha ruta que moito nos gustara, a dos Miradoiros do Navia.

Boal ou Bual é un concello asturiano que ten a capital na vila do mesmo nome. Ten unha poboación que non chega aos 2000 habitantes en todo o municipio que falan o eonaviego ou galego- asturiano.

É un concello con moitos restos antigos como túmulos funerarios, dólmenes, castros... así mesmo conta cunha natureza privilexiada.

Este concello sufríu a finais do S. XIX e principios do XX un gran fluxo migratorio cara a Cuba que vemos manifestado nas moitas casas indianas e outros edificios, sobre todo escolas, que hai.

A ruta de hoxe descubrina hai pouco e falábase tan ben dela que me decidín a facela. É unha ruta moi, moi fermosa, illada, sen nada de asfalto e na que se desfruta da natureza máis pura en forma de grandes soutos, bosques autóctonos, o río Urubio e os varios regos que verten nel a súa auga, a Cova do Demo, os marabillosos miradoiros (Mª Rodríguez e o Pico do Cuco) que nos deixan espectaculares vistas...aínda que é unha ruta para xente acostumada a andar por chans complicados e con bastante desnivel.

Características: 

Lonxitude: 12,6 km.

Dificultade: Difícil

Ruta circular ben sinalizada ata o Pico do Cuco. Despois, para a ruta circular, non hai sinal ningunha.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Aínda que moita xente arranca esta ruta dende Doiras (2 km. antes) eu levei o coche ata Froseira xa que hai unha estrada que chega alí (a mesma pola que hai que ir se vas andando) Eso sí, hai que ir con moito xeito porque aínda que non é probable que te atopes con alguén xa que en Froseira non vive ninguén, a estrada é moi estreita e por un lado ten grandes prepicipios que arrepían!

Xa en Froseira vexo dous indicadores, un lévame á aldea, pero vou deixar para a volta a visita a este lugar, outro sinal indica á Cova do Demo e por aí vou.

Un camiño, a Froseira; outro, á Cova do Demo

O camiño é ancho e de bo andar. Á esquerda vai o río Urubio.

O outono xa está en todo o seu esplendor. (Estamos a mediados de novembro)


Os pastos en Froseira demostran que aquí houbo un pasado gandeiro.


O río Urubio é curto e vai desembocar ao Navia.
O camiño vai ao pé do Urubio

E ao cruzar a Ponte de Llanza, dicimos adeus ao Urubio.
Ponte de Llanza
Uns metros máis adiante temos dúas opcións: ir 1º á Cova do Demo, como nos recomendan nun letreiro que hai, ou ben ir 1º ao Pico do Cuco. Eu escollo a opción de ir primeiro á Cova.

Empezo unha subida con moitísimo desnivel. Lástima que na foto non se apreza!

É unha subida constante pero, eso si, a paisaxe é fabulosa!!

Vin moitos, moitos froitos dos érbedos ou albedros, esbedros...ten varios nomes en galego(en castelán é o madroño) Os seus froitos chámanse morotes.
Morotes, froito do esbedro

O érbedo é un arbusto que se dá en vales interiores dos ríos e tamén en bosques e ladeiras pedregosas como é este caso. Pode chegar a medir ata 10m. É unha pequena árbore ou arbusto que pode ser utilizada como ornamental pola beleza das follas e froitos.
Érbedo
O carreiro, que agora vai un pouco en chao, é moi fermoso con moitos castiñeiros, érbedos, algún carballo...

Hai moitas pedras grandes soltas (cuarcitas) e moito brión. Hai moitísima humidade polo que hai que levar moito coidado con esvarar.

De momento a ruta está moi ben sinalizada.

Tamén atopei obstáculos en forma de árbores caídos. Podía ser a causa dos últimos temporais pero vexo que hai moitísimos por todo o bosque e que moitos son de anos anteriores.

Un claro do souto déixame ver o río Navia formando o encoro de Doiras.
Vistas do encoro de Doiras

As follas de castiñeiros, abelairas e bidueiras xa están amarelas pero as do carballo aínda conservan o seu verdor.

O camiño convértese agora nun verdadeiro pedregal.

Estou atravesando un tremendo souto.

Aparecen as corripas: lugares circulares feitos de pedra e barro onde se poñían no pasado as castañas a secar. Tamén se coñecen como ouriceiras ou corrizas. As castañas poñíanse a secar dentro do ourizo que se abría só de xeito natural. A corripa tiña unha entrada que se tapába xeralmente con lousas e por riba tapábanse con ramas ou calquera outro material. A utilidade das corripas era coservar as castañas xa que aí tiñan unhas condicións óptimas e preservalas dos animais. As castañas ían dspois baixando pouco a pouco segundo as necesidades das familias e podían durar ata maio.

Corripa
Vin neste souto 2 corripas que estaban ao pé do sendeiro. De seguro que habería máis polo medio do souto debido ao grande que é.
Vin 2 corripas.

A Cova do Demo foi descuberta en 1983 e sitúase nunha ladeira do Pico Llanteiru. Ten uns 15m de profundidade e 8m de altura. Unha verxa protexe a entrada e as delicadas pinturas que ten.
Cova do Demo
A entrada da cova dende a porta. Esta cova foi utilizada como abrigo para o gando e como refuxio durante a Guerra Civil. Foi un veciño de Boal, Pedro Pablo Pérez Rodríguez, quen reparou no posible interese das pinturas nas súas paredes e no 1983 deulla a coñecer a dous profesores da Universidade de Oviedo que certificaron a súa antigüidade.
Dende 1985 a Cova do Demo é considerada BIC (Ben de Interese Cultural)
Cova do Demo
E agora, despois de ver a cova ven un tramo "peliagudo". A subida continúa...e que subidaaa!! Este vai ser o tramo máis complicado da ruta (menos mal que é curto) aínda que a min fixóseme eterno poque practicamente hai que subir escalando polas rochas que se ven na foto.

Aínda que sigas un track como eu fixen é importante ir fixándose nestes orixinais sinais (levo enriba moitísimas rutas e nunca os vira) Están colocadas moi a miudo e axudan moito a seguir o camiño correcto xa que por aquí non hai ningún sendeiro definido. Para ir ata a Cova do Demo atravesamos un souto cara arriba e xa chegando pola ladeira do mesmo. Agora, para ir ao Pico do Cuco, temos que sair deste souto camiñando cara arriba.

No remate da subida hai un bo premio!! Dende o Pico Llanteiru  temos unhas marabillosas vistas dende o Miradoiro chamado de "Ana Mª Rodríguez". Buscando información sobre quen foi esta persoa atopei que unha muller chamada igual foi concellala no concello de Boal e morreu no 2018. Será esta mesma?
As vistas son do encoro de Doiras formado polo río Navia e montañas e aldeas cercanas.
Miradoiro de Ana Mª Rodríguez

Montañas onduladas parecidas ás galegas. Aquí descansei un pouco despois da extenuante subida. Que paz!!

Esta placa colocada nunha rocha foi onde aprendín o nome do miradoiro. Un detalle ben fermoso por parte dos amigos desta muller!!

Toca seguir e agora a paisaxe cambia totalmente. Vou polo medio dun monte de piñeiros por un camiño perfectamente acondicionado para camiñar.

Camiños con muros de pedra seca.

Atopei moitos regos todos eles co abundante auga debido ás chuvias destes últimos tempos.

Deixo o fermoso camiño para iniciar unha subida á dereita tal e como está indicado.

Aquí houbo unha casa (aínda se poden aprezar ben as ruinas dela) Que illada estaba!! O prado que tiña ao redor aínda está coidado e aproveitado.

O camiño de subida agora está anegado e as pedran esvaran. Sempre, cando se vai de sendeirismo, e máis por lugares así hai que levar un calzado axeitado. Eu cheguei cos pés completamente enxoitos.

Xa vexo o Pico do Cuco. O que temos que desviarnos da ruta para chegar non é nada, apenas uns 200m. Eso si, os últimos 100 son ben apicados.
Pico do Cuco

 O Pico do Cuco é unha das atalaias máis fermosas do concello de Boal. 

Estou a 758m. de altura. As panorámicas dende aquí enriba son espectaculares!!


Mire onde mire, síntome ben pequena!!


Que paisaxe espectacular: montañas e máis montañas, aldeíñas perdidas....

Mesmo no desvío ao Pico do Cuco temos esta cabana que supoño que sería para gardar alimento para o gando.

Agora inicio a baixada. Por fin!! A min é que as subidas non me gustan nadiña!! Para que a paisaxe non canse é do máis variada. Agora vou polo medio de abetos, un camiño precioso!

A medida que baixo, os abetos desaparecen para dar paso de novo a abelairas, castiñeiros, bidueiras...

A bidueira xa está completamente amarela, ao carballo aínda lle faltan un días. O camiño baixa en zig zag.

Como está mollado (aínda que hoxe tiven un fermoso día de nubes e sol) hai que baixar con moito xeito. As pedras están esvaradías e as follas caídas tamén.


Regos e máis regos que van verter as súas augas ao Urubio que está próximo:

Acompáñame o son da auga que forma pequenas fervenzas incluso nos regos.

Un camiño de conto polo que semella que o tempo non pasou, xa que é igual que os que recordo na miña nenez.


Esta da foto foi a fervenza máis espectacular que vin! Fermosa!!!!

Por este camiño, e levando á esquerda o río Urubio, vou achegándome ao enlace por onde antes subín á Cova do Demo.

O río vai ser o meu compañeiro ata chegar a Froseira.

O outono e as súas cores embelecen así a paisaxe!!
 
O río Urubio é inquedo e xoguetón, e a súa vista e o seu son fan que o camiño que xa de por si é fermoso, aínda o sexa máis.

Un túnel de abelairas:

E agora, vin que moitos tracks van por onde foron foron á ida pero aquí, no punto que se ve na foto e ademais está indicado, pódese chegar igual ao inicio pero pasando por Froseira. Non entendo como optan por ir polo mesmo camiño tendo esta outra opción que te leva por un sitio igual ou máis de fermoso ao pé do río e che permite coñecer a idílica aldea de Froseira. Eu dende logo torcín á dereita e non fixen caso do track que levaba e que mandaba por onde viñera.

E así, á beira do río deseguida cheguei a Froseira. 

Froseira é un recuncho agochado no val do río Urubio. Pertence á parroquia de Doiras, no concello de Boal. Na foto vemos a que foi a antiga ferrería  que nos S. XVIII e XIX transformaba o mineral de ferro traído dende Biscaia en metal.
Froseira
En Froseira xa non vive ninguén. A última habitante, Otilia González, morreu no 2021. Esta muller era todo un emblema, coñecida en todo o concello e fóra del porque seica falaba con todos os que por aquí se achegaban e ensinaba o seu muíño, no que moeu ata morrer, e ata te invitaba a un viño da súa bodega. 
O que lemos nas lousas á entrada da aldea danos idea do moi querida que era:

Tódalas vivendas están restauradas. Eu contei 4 casas.

Subindo xa cara o coche que está moi cerca voume despedindo de Froseira, do seu val atravesado polo Urubio que segue o seu camiño para ir desembocar axiña no río Navia, da Cova do Demo, Pico do Cuco, ...todo envolto nunha paisaxe única que vale moito a pena coñecer.



Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/Ericera






















Ningún comentario:

Publicar un comentario