Amosando publicacións coa etiqueta ano 2022. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ano 2022. Amosar todas as publicacións

sábado, 31 de decembro de 2022

MONTE REBOLLÍN (ACIANA-SALAS-ASTURIAS)

 Hoxe funme a Asturias para realizar a última ruta deste 2022. Concretamente ao concello de Salas e, dentro deste, á parroquia de S. Vicente onde está Aciana que é aldea de onde parte e onde remata esta ruta circular.

A ruta non está sinalizada polo que foi preciso un track para realizala e ir atenta a el, xa que o traxecto presenta numerosos cruces que poden levar a confusión.

É unha ruta que me gustou moito porque non é nada monótona xa que as paisaxes van cambiando, pasa por soutos, piñeirais, aldeas tradicionais, polo alto do monte Rebollín cunhas espectaculares vistas, ten un tramo fluvial...eso sí hai un tramo que xa explicarei que se pode evitar porque tiven que pasar por debaixo dun arame de espiños reptando e rompín unha parca na acción.

Características da ruta:

Lonxitude: 14 km.

Dificultade: non é unha ruta difícil aínda que según eu a fixen vólvese moderada polos arames que tiven que cruzar.

Ruta circular sen sinalizar. Gravei a ruta pero non vou subir o meu track xa que non quero que o siga ninguén e teña que pasar por debaixo de arames con pinchos reptando e se lastime. Eu pasei porque son moi delgada e aínda así, os pinchos raxaron a parka que levaba. 

Eu seguín o track seguinte pero RECOMENDO que no lugar de Fontanos onde hai unha sola casa cunha granxa, se xire á esquerda pasando por diante da casa para acceder á pista que vai aos eólicos e NON se pille á dereita porque entón haberá arames de pinchos para cruzar. Este foi o track que eu seguín en WIKILOC

A miña valoración da ruta: 🔅🔅🔅🔅

Descripción:

Aparco no adro da igrexa de S. Vicente en Aciana ou Arcellana. A 1ª referencia a esta igrexa é do S. XI.

Igrexa de Aciana

Outra vista da igrexa de S. Vicente:
Igrexa de S. Vicente de Aciana

Ten unha portada de estilo románico con arco de medio punto e 3 arquivoltas

Vemos tamén seis "canecillos" moi propios do románico.


A igrexa vista polo outro lado.
Igrexa de Aciana ou Arcellana

Empezo a camiñar por estrada vendo algunhas casas de Aciana:

As paneiras son construccións que veremos en cantidade en tódolas aldeas polas que pasamos. Son unha evolución dos hórreos xa que van ampliándose ata facerse rectangulares. Aparecen no S. XVI e desenrólanse no XVII.

Nas paneiras, os pés ou pegoios pasan a ser máis de 4. A aparición das paneiras é posterior á dos hórreos e dase ao aumentar a producción agrícola cando chegou o millo de América.

Paneira

 Paisaxe de Aciana cos seus verdes prados.

 As paneiras e hórreos están sempre en sitio alto para así manter as colleitas e productos da matanza lonxe da humidade, dos roedores e dos insectos; canto máis altos mellor, para estar solleiros e illados.

Paneira

Xa chegando a Poles vemos na beira da estrada un muíño que se alimentaba dun rego que baixa por aí.

Muíño

Deseguida chego á aldea de Polés, pertencente tamén á parroquia de S. Vicente. Sigo vendo máis e máis paneiras e encántame ese corredor que teñen ao redor!
Polés

Ao rematar mesmo a aldea hai que pillar a pista á esquerda que se ve na foto. Eu non me fixei e seguín uns metros, poucos, de frente. A aplicación do track que seguía avisoume axiña de que ía mal.

Pillar á esquerda.
Vistas dende Polés.

Atopei esta pequena capela chegando ao barrio de Cuxidal, moi cerca e despois de Polés. Está totalmente abandonada.

Capela abandonada en Cuxidal

 En Cuxidal vimos esta curiosa casa que ten o nome do dono ao igual que moitas outras que contemplamos e que poñían "casa de tal ou de cual..." Arados antigos colgan da parede.

A partires de aquí rematou o asfalto de momento. En Cuxidal pillamos un camiño de carro á esquerda. Voltando a vista atrás, vemos as últimas casas  do mencionado barrio e vemos o camiño xa andado.
 
Aló embaixo queda tamén Polés.
 O percorrido vai en ascenso moi suave por pistas locais fáciles de camiñar.

Estamos atravesando o bosque La Faxa que en primavera e outono ten que ser moi fermoso. Estamos atravesando un souto.
 
Este bosque desemboca nun claro, un cruce despexado. Estamos en Campu L´Allanca. Xiramos no cruce á dereita.
 
Subimos por un antigo camiño de carro
Volvendo a vista atrás.

Na seguinte imaxe vemos o camiño polo que subimos xa e o Campu L´Allanca

 
Á nosa esquerda queda a aldea de Casandresín pola que pasaremos máis tarde.

Chegamos ao lugar de Fontanos onde temos esta portela que temos que abrir e volver a pechar. Sempre que fagamos sendeirismo e nos atopemos con estas portelas (algo frecuente nas zonas onde hai gando) temos sempre que deixalas como estaban.

Vemos ao lonxe o lugar de Fontanos onde hai unha casa grande e unha granxa tamén moi grande con moitos aperos agrícolas.  Este camiño que vemos vai deseguida desembocar nun prado de propiedade privada que non estou moi segura se farei ben cruzar pero o track lévame por aí...

Cruzo este prado.

E desemboco neste camiño. Ao final do mesmo, o track lévame á dereita pero mellor me fora coller á esquerda, pasar por diante da casa e desembocar directamente na pista que vai aos eólicos.


Vistas do prado que acabo de cruzar.


Xirando á dereita, crucei este prado con vacas.

 
E neste punto xa tiven o 1º obstáculo pero crucei sen maiores dificutades por debaixo do arame. (Estes prados están todos cercados de arames de espiños)
 
Subín uns 20m aprox. por este carreiro

 E....case me dá un patatús ao ver esto que se nota que foi renovado non hai moito. Arames moi novos e tesos, madeira tamén moi nova...e toda unha verxa deste xeito. Non vin lugar onde houbese algún arame máis solto ou floxo que se poidese pasar sen dificultade. 
Andiven uns pasos ao son da verxa e un pouco máis adiante, tiven que reptar por debaixo para cruzar e aínda así rachei a parka que levaba. Supoño que se fose en camiseta, arañaría ben as costas...

As vistas son espectaculares. Vemos ao lonxe o mar e Salas aí embaixo.
 
 Damos a volta ao Monte Rebollín.
 
Vistas dende o Rebollín. Un pouco máis adiante, no 1º cruce, xiramos á esquerda.

Esta pista é un atallo para baixar a Casandresín.

A pista conecta coa estrada local que vemos. Por aí temos que ir:

Casandresín é tamén unah aldea da parroquia de S. Vicente eten esta capela que parece de xoguete do pequeniña que é. Está dedicada a Santa Ana.

 Na parte baixa desta aldea temos que torcer á esquerda para coller un camiño que por certo nesta época leva moita auga.
 
Por este camiño tan fermoso iremos ata ás beiras do río Benuco.
 Pasaremos piñeireais 
 E soutos:

Despois dunha longa baixada que ás veces toma bastante desnivel, chegamos ao río Benuco.

Cruzamos a ponte e xa iremos sempre ata o final ao pé deste río. Ás veces apenas o vemos porque rá encaixonado algo máis abaixo pero escoitámolo. Non camiñamos por ningunha senda fluvial ao pé mesmo do río senón que imos por un camiño dos de toda a vida.


Moitas veces camiñaremos case pegados a el.


Cruzamos unha segunda ponte:


Desvíome uns 20 m. da ruta principal para ver máis de crca este muíño.


E o camiño desemboca na estrada local pola que subín no coche pola mañá, ao pé da igrexa mesmo. Dende aquí, no adro da igrexa teño unhas boas vistas do val de Aciana ou Arcellana.
Aciana ou Arcellana


Páxinas web consultadas:

https://www.asturnatura.com/turismo/iglesia-de-san-vicente-de-arcellana/2605.html

https://www.artesaniaasturiana.com/el-horreo-asturiano-125#














xoves, 22 de decembro de 2022

RUTA DO RÍO OURO E CONDADO DE FONTAO DENDE A PONTE DE FERRO (FAZOURO_FOZ)

O concello de Foz ten varias rutas que denomina "de sendeirismo" pero realmente e se collemos a definición exacta de sendeirismo = Reaízase en sendeiros balizados e homologados  polo organismo competente de cada país, pero tamén por sendas, camiños rurais e vías verdes sen homologar, entón ten só unha ruta de sendeirismo que é esta do río Ouro na parroquia de Fazouro. As outras rutas que publicita como "de sendeirismo" (agás o tramo do Camiño Natural do Cantábrico que transcorre polo municipio) teñen a inmensa maioría do seu percorrido por asfalto. (Ruta da Frouxeira, ruta á basílica de S. Martiño...)

Outras rutas do concello de Foz que eu realicei son as seguintes. (Para todas elas é necesario un track xa que están publicitadas en grandes carteis pero NON están sinalizadas). Son estas:

RUTA DAS FONTES (FAZOURO)

RUTA CIRCULAR EN S. MARTIÑO I

RUTA CIRCULAR EN S. MARTIÑO II

CAMIÑO NATURAL DO CATÁBRICO: TRAMO: PORTO DE FOZ- PORTIÑO DE FAZOURO

CAMIÑO NATURAL DO CATÁBRICO. TRAMO: CASTRO DE FAZOURO-PRAIA DE AREALONGA

RUTA DAS CAPELAS I: CAPELA DO PILAR- CAPELA DE S. BLAS

RUTA DAS CAPELAS II: CAPELA DA CONCEPCIÓN EN LOUSADA- CAPELA DA CONCEPCIÓN EN CANGAS.

RUTA CIRCULAR EN FAZOURO

RUTA CIRCULAR FAZOURO-NOIS

RUTA DO RÍO OURO (RUTA CIRCULAR)

RUTA DO CONDADO

RUTA DAS FONTES (FAZOURO)

A ruta circular do río Ouro que fixen no 2020 podíase facer circular xa que estaba acondicionada a outra marxe do río e foi precioso ir por unha marxe e voltar pola outra. Actualmente, e dende hai tempo xa, rozaron algo pero non o suficiente para voltar pola marxe esquerda do río. Unha pena!

Desta vez fixen outra modalidade, engadindo o Condado de Fontao que está moi cerca.

Podedes ver o meu track en WIKILOC

A miña valoración da ruta:🔅🔅🔅🔅

Características da ruta.

Lonxitude: 7 km

Dificultade: baixa

Ruta lineal sen sinalizar. É imprescindible un track se non coñeces a zona.

Descripción:

Desta vez partín do 1º punto de inicio, dende a Ponte de Ferro. Aquí hai nha área recreativa moi concorrida cando hai bo tempo, xa que tamén ten un pequeno parque infantil e a praia de A Pampillosa queda moi cerca.


Aquí hai un primeiro inicio de ruta. Máis adiante veremos outro.
  
A ruta aparece publicitada no cartel grande que vemos na foto anterior pero non hai máis sinalización e a xente que non sexa da zona ou aínda sendo pode non coñecer, cando chega a este cruce...para onde colle? Polos dous lados se chega ao outro inicio de ruta pero é máis fermoso o camiño da dereita e ademais así vas directo ao entorno da Obra Pía.
Pillamos á dereita
Mirando á dereita vemos os barrios de A Ponte, Bargado e Lousada.

Vermos o Río Ouro e camiñamos en paralelo a el.
 
A Obra Pía era no pasado unha institución relixiosa on fins relixiosos e/ou caritativos. En Fazouro temos estes edificios rehabilitados que pertencen á Obra Pía: o máis pequeno foi escola de nenas e no edificio máis grande vivían as mestras.
Edificios da Obra Pía.
 
Ao pé da Obra Pía hai outra pequena área recreativa. Vemos tamén o lugar de O Terrón.

Vistas da area recreativa da Obra Pía cos edificios que forman a mesma.

Vemos as xunqueiras que hai preto da desembocadura do Ouro. Estas terras eran antigamente propiedade dos veciños que aproveitaban os xuncos para facer estrume para as cortes dos animais. A pesares de ter escrituras das súas propiedades, a lei de Costas do ano 1988 fixo un deslinde ata onde sube a marea establecendo unha liña que determina a zona que é de dominio público e que afectou a toda a xunqueira.
Río Ouro e as xunqueiras

Vemos o cemiterio e a igrexa parroquial de Fazouro e máis arriba o lugar de A Casareta.
Cemiterio e igrexa de Fazouro
 
Vemos o barrio da Ponte Vella, ao pé mesmo do río. Para cruzalo fíxose a ponte que foi a antiga N-642 antes de construir a ponte actual. O barrio da Ponte Vella, para mín. ten moito encanto!
Barrio de A Ponte Vella
Neste punto é o outro inicio de ruta. Tamén hai unha pequena área recreativa con un pequeno parque infantil
Área recreativa da Ponte Vella
 Agora imos camiñar por unha ancha pista que vai de momento pegada ao río.
 Polo lado esquerdo levamos unha canle que abastece de auga a parte do concello de Foz.

A ruta a verdade é que non está moi coidada. Aqui houbo un panel indicativo de algo que debeu desaparecer hai tempo.
 
A Fonte de Fernandete ten unha auga moi prezada polos veciños. Algúns deles acuden a esta fonte abastecerse de auga.
Fonte de Fernandete

Despois atopamos estas vivendas en ruínas que foron habitadas no pasado por veciños de Fazouro.

 O camiño segue entre eucaliptos aínda que de cando en vez asoma algún carballo ou algún castiñeiro.
A canle que leva a auga, ás veces vai enterrada e outras aflora á superficie.

Tamén hai bancos por se nos apetece descansar. Hoxe está todo mollado da chuvía caída estes día e non apetece moito...
 
Hai neste percorrido moitos loureiros coma estes que beben no río.
 
A ponte que vemos na foto dá acceso á estrada LU-151 que vai ao Valadouro. A estrada está aí mesmo, case ao pé da ponte. Se a ruta se nos fai longa ou por calquera motivo queremos sair dela, temos o recurso da estrada próxima.
 
Xusto na ponte, tamén está esta Central Hidroeléctrica hoxe en desuso. e que foi construída na 1ª metade do S. XX.
Central hidroeléctrica
Abandonamos o ancho camiño que traíamos para adentrarnos nun fermoso carreiro e volvemos levar unha canle de auga á nosa esquerda e o río á dereita.


Chegamos a outra ponte con acceso moi próximo á estrada e collemos á esquerda para ir a a presa de Posada onde aficialmente remata a ruta. Atravesamos un bosque de acacias.

O sendeiro é moi fermoso, agora con árbores autóctonas polo manos por unha beira.

A chamada ás veces "Fervenza da Ruxida", non é tal fervenza senón unha presa para alimentar á antiga Central Hidroeléctrica que vimos antes. É dicir sería unha cascada artificial pero o caso é que é moi fermosa e o broche de ouro que poría fin a esta ruta feita da maneira oficial pero eu vouna cambiar un pouco...
O entorno da Presa de Posada é idílico e convértese no lugar propicio para descansar e repoñer forzas.


Volvemos para atrás e na ponte 1ª que atopamos saimos directamente á estrada porque queremos ir ver o Pazo de Fontao e hai un camiño que o rodea.

Andamos só uns poucos metros pola estrada LU-151 e torcemos por un camiño á esquerda.

A subida por este camiño é fermosa: a unha beira temos cipreses moi altos e na outra, un bosque de bidueiras, neste tempo sen follas.

Torcemos á dereita para pasar por diante desta casa deshabitada.
 
E vemos xa o Pazo do Condado de Fontao. As orixes deste lugar remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII.

 O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro...
A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.
Capela, cruceiro e fonte no Pazo de Fontao

A pesares de estar en inverno, atopamos esta fermosa planta con flores (parece da familia das camelias, das que hai moitas na casa)

Outra vista da casa e o xardín:

O 1º señor deste lugar foi D. Rui Sánchez de Moscoso. No 1595 constitúese o Mayorazgo do Solar de Fontao como "señorío con jurisdicción civil e criminal" (por eso na casa hai mazmorras) a favor do petrucio (xefe da casa) D. Lorenzo López de Moscoso y Miranda, señor de Ferreira e S. Martín de Mondoñedo.
 
No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.

Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.

Ao redor do pazo hai catro casas todas deshabitadas que non sei se pertencen ao mesmo.
 Camiño que vai por detrás do Pazo de Fontao.
 
Torcemos á dereita. Estamos chegando ao final do noso percorrido.
 
Xa vemos a estrada onde nos viñeron recoller.


Bibiliografía:

Fazouro. Foz. Lugo. Juan Carlos Fernández Pulpeiro. Dip. Provincial de Lugo.