luns, 21 de novembro de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: PRAIA DE MOREIRA (MUXÍA) - LIRES (CEE)

Este supón para nós o tramo nº 12 deste Camiño dos Faros que nos deixa de impresionarnos e de namorarnos en todos e cada un dos traxectos percorridos.

Cada vez quédanos máis lonxe chegar a el (2,5 horas sen parar nada) dende A Mariña de Lugo, pero a longa viaxe queda compensada sempre polas espectaculares paisaxes que quedan na nosa memoria e nosa retina para sempre e tamén quedará neste blog a descripción de cada tramo con moitas fotos, en 1º lugar para mín, cando queira volver a vivir este Camiño; cando as forzas ou as circunstancias non me deixen facelo doutro xeito e tamén para aquelas persoas que descubran este blog e a través do mesmo queiran facer este Camiño ou queiran tamén recordalo.

Hoxe empezamos outra vez no concello de Muxía e rematamos no de Cee.

Características do tramo

Lonxitude: 16,75 km.

Dificultade: media

Ruta lineal ben sinalizada aínda que fixándose moito nalgúns puntos xa que os sinais verdes empezan a borrarse.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción do tramo

Empezamos na Praia de Moreira onde o último día rematáramos. Eso si, agora vémola de día xa que a última vez acabamos de noite e estaba moi escuro....

Agora de día tamén vemos perfectamente o sendeiro polo que baixamos. Notamos que era moi empinado e houbo que baixar a modo pero hoxe dámonos ben conta da verticalidade que ten!

Praia de Moreira.
A Praia de Moreira é solitaria, brava, e a estrada que chega a ela non ten continuación. Apenas ten area. A maioría son grandes pedras.

Empezamos subindo por un camiño.

Subimos deixando a praia de Moreira

En canto coroamos a pequena subida, descubrimos o Cabo Touriñan.

Cabo Touriñán ao lonxe

Empezamos unha pista ancha doada de camiñar. Imos en chao.

 Un burriño que saeu saudarnos...
 Seguimos por unha longa pista.


 Pero como choveu bastante nos últimos días atopamos camiños encharcados e pasamos como mellor poidemos.
 

Desembocamos nunha estrada pola que imos sobre 500m.

 

Ata que torcemos á dereita:


Seguimos no concello de Muxía e empezamos a adentrarnos na península que forma o Cabo Touriñán.


Neste lugar inhóspito onde o clima acostuma a ser extremo (Tivemos moita sorte, xa que a pesares de estar case a finais de novembro, nin sopraba vento, nin ía frío...había  nese momento un fermoso sol) Poidemos desfrutar ben tempo desta paisaxe única.

 A sensación de liberdade, a soidade...séntese neste lugar máis ca en ningún outro...

 Despois de parar uns 20 minutos a desfrutar miranndo o mar como rompía con forza nas rochas e a repoñer forzas comendo algo, reanudamos a marcha.

 Imos por un estreito carreiro entre toxos (recomendo pantalón largo, aínda que sexa verán, porque os toxos pican ben!)

Nun determinado punto desta carreiro, e como hai varios, engañámonos e collemos polo que non era pero só foron uns dous metros, xa que deseguida aparecen estes sinais que nos din que por aí non é. Grazas aos trasnos que os pintaron no seu día. Actualmente empezan a diluirse e hai algúns que xa custa velos. A ver se algunha vez se homologa esta ruta e a volven pintar que os que a descubriron xa traballaron abondo e non lles toca a eles seguir conservando este Camiño.


E xa vemos o Faro Touriñán. 
Faros de Touriñán
 
En Cabo Touriñán hai dous faros: o da dereita é o máis antigo e a súa construcción non estaba prevista pero debido aos numerosos naufraxios nesta zona inaugurouse en 1898. Este faro non puido evitar que varios barcos encallaran ou naufragaran nesta zona.
No 1981 inaugurouse o novo faro, unha torre cilíndrica de máis alcance.
Faros de Touriñán
 
Dúas veces cada ano, a principios da primavera e a finais do verán, o último raio de sol da Europa Continental ponse sobre Cabo Touriñán. É o punto máis occidental da España peninsular, máis aínda ca mesma Fisterra

Deixamos atrás os faros e seguimos percorrendo esta península. Vemos a Laxe dos Buxeirados, rochas que se adentran no mar e son un perigo para a navegación.

Vemos a Illa do Castelo ou Illa Herbosa
A Illa do Castelo, segundo din os carteis explicativos do Faro Touriñán : “es una enigmática isla donde se encontraron restos arqueológicos”. 
Illa do Castelo ou Herbosa

Lugar inhóspito, solitario onde só medran os toxos.

Rematamos de dar a volta ao Cabo no Coído de Touriñán. Teño que dicir que a palabra coído, agora xa familiar para mín, na zona onde vivo non se usa. Para dicir que unha praia ten moita pedra dicimos que é un "pedregal" . Loxicamente "Coído" tamén é moi axeitada xa que ven de coio (esta palabra en cambio si que a usamos moito), outra palabra galega para designar as pedras. Eu xa incorporei "coído" ao meu vocabulario.

Coído de Touriñán
 
No ano 2020 limpouse este lugar do lixo que vai traendo o mar (descoñezo se foi limpado o ano 2021 e 2022 xa que a información que atopo só fai referencia a ese último ano) pero vimos botellas, restos de redes, caixas...
                                                                      Coído de Touriñán

Continuamos por esta pista que vai dar á estrada pola que accedemos antes a Cabo Touriñán.

Enlazamos coa estrada pola que fomos antes e atopamos un amable pescador co que conversamos un anaco. Para mín, conversar cos lugareños é a mellor maneira de aprender cousas do lugar.
 
Deseguida torcemos á dereita por un ancho camiño.
 
Despois convértese nun sendeiro máis estreito que nos volve achegar ao mar:


Vemos prados cos típicos peches de pedra que particularmente me encantan!

Volvemos sair á estrada para atopar este miradoiro que seguro que acordou mellores tempos porque os actuais son penosos: nin é miradoiro porque os piñeiros impiden ver nada e está completamete abandonado. Aquí gastáronse cartos de todos e, como pasa moitas veces, non se pensou nun futuro: que medrarían árbores que impedirían a función para o que foi creado o miradoiro e deixouse de coidar. As silvas, toxos, maleza....apoderáronse do banco en madeira e do muro en granito que hai.
 
De cerca vese ben o abandono deste miradoiro:
 
O trazado da ruta segue uns metros máis polo asfalto ata chegar a un ramal á dereita que hai que pillar.
Dámonos conta de que a xente desta zona debe dedicarse á gandaría a xulgar polos prados que vemos.
 
Xa vemos a aldea de Talón que pertence á parroquia de Nemiña dentro do concello de Muxía. Tamén se ve a praia de Nemiña.
Baixando cara a Talón e Nemiña

Cruzamos a pequena aldea de Talón, exemplo de economía de subsistencia con cabozos, algunha granxa e vacas de carne que vimos nalgún prado.
Hórreo en Talón

Prados e hortas e Nemiña cada vez máis cerca...pero aínda teremos que camiñar bastante...

A Praia de Nemiña pertence aínda ao concello de Muxía. É unha praia aberta e con forte ondaxe, o que a fai moi axeitada para os amantes do surf.
Podemos percorrela ata o final estando a marea baixa pero despois non queda máis remedio que subir e adentrarse algo cara ao interior para bordear a ría que forma o río Castro ao desembocar aquí. Só é posible cruzala cando está moi, moi baixa a marea algúns días no verán.
Praia de Nemiña

Nós camiñamos un pouco pola praia pero deseguida collemos pola pasarela de madeira que se ve na foto tal e como nos indicaban os sinais dos trasnos.

E despois por un camiño paralelo á praia.

O río Castro desemboca na praia de Nemiña formando a Ría de Lires que é a máis pequena de Galicia.
Desembocadura do río Castro

O río Castro nace no concello de Vimianzo e tras atravesar o val desta localidade e despois de 31 km., desemboca no Atlántico formando a Ría de Lires e facendo de fronteira natural entre os concellos de Muxía e Cee.
Ría de Lires.
A verdade é que esta volta cundeunos un pouco cando empezamos a subir por esta estrada, será aprox só 1km. pero fixósenos longo.
 
As frechiñas, as nosas guías, indican coller ese camiño á dereita.
 
Os primeros pasos son entre eucaliptos pero deseguida dan paso a carballos que nos gustan máis.
 
Estes días pasados choveu bastante e os regos baixan potentes!

Hai que mirar onde poñer os pés...

Coincidimos cun tramo do Camiño de Santiago que vai ata Fisterra e chegamos á aldea de Vaosilveiro que pertence á parroquia de Frixe, no concello de Muxía, onde vemos só unha casa.

A partires deste punto o camiño é moi fermoso, con muros e chan de pedra.

 
E chegamos ao Río Castro que cruzamos por unha ponte construida nos últimos anos debido ao auxe do Camiño de Santiago. Entramos no concello de Cee.
Río Castro
O río Castro supuxo unha sorpresa para nós pola cantidade de auga que levaba e polo ancho que é aquí, cerca da súa desembocadura.
Río Castro

E ao pouco chegamos a Lires (oficialmente Santo Estevo de Lires) unha parroquia do concello de Cee.
Aquí finalizamos o tramo de hoxe, tomando uns cafés e bebidas no restaurante-bar As Eiras, grande, moi limpo e novo.
 
Lires agárdanos o próximo día para realizar o seguinte tramo que empezaremos xusto no lugar da foto seguinte.

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Lires

https://www.caminodosfaros.com/etapa-8-nemina-cabo-finisterre/

https://www.caminodosfaros.com/etapa-7-muxia-nemina/

https://www.elespanol.com/quincemil/

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/04/faro-tourinan-muxia.html












sábado, 19 de novembro de 2022

RUTA CIRCULAR FAZOURO-NOIS (CONCELLO DE FOZ)

 Hoxe non saín do meu concello, que tamén ten moitas cousas que mostrar. Neste blog podes atopar as seguintes rutas no concello de Foz:

Ruta do Condado

S. Martiño (Ruta Circular II)

Ruta das Fontes

Camiño Natural do Cantábrico: Porto de Foz-Portiño de Fazouro

C. Natural do Cantábrico: Castro de Fazouro-Praia de Areoura

Ruta do Río Ouro

Ruta das Capelas I

Ruta das Capelas II

Ruta circular en Fazouro

Dicir que de todas as rutas anteriores só unha está publicitada polo concello, é a que máis camiñantes ten, a máis coñecida. Trátase da Ruta do Río Ouro. As demais son todas ideadas por mín, non quere dicir que non haxa moita xente que tamén as coñeza e as faga, sobre todo xente da zona que coñece estes lugares, pero o seu trazado tal e como está nos meus tracks non o copiei de ninguén, senón que é froito do meu gusto por camiñar e dar a coñecer novos lugares.

A ruta de hoxe pasa por lugares que xa din a coñecer noutras rutas anteriores pero non a fixera tal e como a fixen hoxe. Nela pódese ver un castro, un pazo, varias praias, un miradoiro...unha ruta ben completa e fermosa.

Imos aló:

Características

Lonxitude: 11,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario un GPS senón se coñece a zona. deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅🔅

Descripción:

Partín da Praia da Pampillosa onde hai sitio para deixar o coche. O 1º que veremos será o río Ouro que nace na Serra do Xistral, no concello de Alfoz, e ten un percorrido de case 30 km. Serve de fronteira natural entre os concellos de Valadouro e Alfoz.

O río Ouro desembocando na praia da Pampillosa

Saio á estrada e cruzo a ponte para, ao rematar esta, torcer á dereita e paso por debaixo da ponte do tren.

Ponte do tren

Praia de A Pampillosa e desembocadura do Ouro. Esta praia obtivo hai uns cantos anos a bandeira azul pero actualmente non goza de tal distinción e non conta xa con servizo de socorrismo, ademais o areal foise degradando e a maioría do que ofrece son cantos rodados.

Praia da Pampillosa
Ao deixar a praia de A Pampillosa, mirando á esquerda vexo os barrios de Bargado e Lousada.

 A tarde promete chuvia...
 Esta cala é chamada "Camiño Novo". Hoxe non hai ninguén pero é moi frecuentada polos pescadores.
Camiño Novo
Pillamos deseguida un sendeiro á dereita que nos vai levar ao Porto de Fazouro.

O porto de Fazouro aínda conserva algunha cabana (esta practicamente en ruínas) onde os antigos pescadores gardaban os seus aparellos e lanchiñas de pesca.

Restos de antigas cabanas
Eu aínda lembro aos máis vellos do lugar (hoxe xa todos están mortos) cando saían deste porto nas súas lanchas a pescar peixe do día (daquela que se permitía ir ao mar a todo o mundo sen restriccións)
Porto de Fazouro.
Pasamos polo lado  da estación do tren.
E chegamos ao Castro de Fazouro
 do que podemos ver as murallas, o foxo e parte das vivendas de forma rectangular salvo unha que se conservou de forma ovalada. O motivo destas construccións rectangulares é que estas pertencen ao periodo final de ocupación (s.III) e por esas datas, debido á romanización, xa seabandoara a construcción de vivendas circulares. Un dos achados desta época é unha moeda romana de Antoniano.

Este castro, único que existe na costa cantábrica galega, está datado entre os séculos I e III d.C. Foi excavado nos anos 1963 e 1965 e as últimas actuacións no mesmo relizáronse  entre 1988 e 1993. Dende esa foise consolidando como un ben digno de coidar e visitar e recibe bastantes visitas.

Castro de Fazouro
Vistas da costa dende o castro de Fazouro. 
Vistas dende o castro
O castro, na súa orixe, adentraríase no mar uns 30 metros máis . Ese terreo foise perdendo a causa da erosión. O castro ocupa unha extensión aproximada de 7.000 m2 aínda que actualmente só hai escavadas unhas sete vivendas.
Vista da vila de Burela dende o castro
Ao pé do castro está a praia de Arealonga máis coñecida entre os veciños como "Praia do Castro".
Praia de Arealoga ou "do Castro"
Esta praia sofre dende hai uns anos un proceso no que, segundo de onde sopre o vento, hai ou non area.  É unha praia que no pasado era moi frecuentada pero na actualidade entre que a baixada, a pesares de que a arreglaron hai pouco tempo, é complicada; as mareas que fan que en marea alta apenas haxa area e que moitas veces só hai pedras, está sendo moi pouco visitada polos bañistas.

Na praia de Arealonga descubríronse turbas: material orgánico de cor oscura e rica en carbono; emprégase como combustible e como abono. A formación da turba é o 1º paso polo que pasa a vexetación antes de convertirse en carbón mineral.

Os máis vellos do lugar lembran que os seus avós lles contaban que en marea baixa ían recoller á praia restos de árbores para queimar.

As turbas de Arealonga están consideradas como as máis importantes de Europa cunha antigüidade de máis de 120000 anos.

Eso negro que se ve na foto, ao pé da herba, é a turba.


Turba na praia de Arealonga
Deixamos a Punta do Castro vendo que se adentra no mar e ten unhas condicións naturais defensivas moi favorables para albergar o castro.
Punta do Castro

Continuo o percorrido seguindo o paseo marítimo. De momento, e dende que saín, vou seguindo exactamente o trazado do Camiño Natural do Cantábrico.

Rematado este paseo marítimo vemos a praia de Arealonga, que comparten as parroquias de Fazouro e Nois, dende o outro lado:

Praia de Arealonga.

Rematamos o paseo marítimo e seguimos ao lado do mar pero agora iremos por unha estrada local sen apenas tráfico. Xa estamos na parroquia de Nois.

Desvíome uns metros da ruta principal para ir ver a antiga cetárea de Nois (non está indicada e de feito hai unhas verxas de ferro para que a xente non pase pero pásase polo lado) Penso que foron postas hai xa moito tempo para que non se pase polo posible perigo xa que está o mar moi próximo, pero a non ser que sexas un ou unha imprudente e te achegues moito ao mar non corres ningún risco.
Antiga cetárea de Nois, hoxe abandonada

Uns metro máis adiante temos o Porto de Nois (este si está sinalizado) que na antigüidade se dedicou á pesca da balea.
Leo en "La Voz de Galicia":
"...A pesca da balea estendeuse a principios do século XVII aos portos lucenses de Nois, Rego de Foz e Rinlo, e ao de Langosteira. Avanzada a centuria iníciase a actividade nos portos cantábricos de Portocelo e Morás, que se estende no século XVIII aos de Porto Lanuxe, Foz e Cangas de Foz".

Porto de Nois
O porto de Nois  é posiblemente, de orixe fenicio e está moi ben acondicionado, aínda que actualmente e dende hai moitos anos, non ten actividade ningunha.

Este cormorán pousado na rocha mira tranquilamente ao mar.


Volto á ruta principal e xa vexo a igrexa parroquial de S. Xulián de Nois.
Igrexa de Nois e cabozo do tipo "Mondoñedo"

O percorrido deixame ver agora o Cabo de Burela ao lonxe.

 
Chego deseguida á praia máis importante de Nois, a Praia das Polas. É tranquila, lonxe da poboación e rodeada de prados e dun paseo moi fermoso.
Paseo na praia das Polas
 A Praia de Polas está bastante concorrida no verán.

No cruce que vemos na seguinte foto, abandono o Camiño Natural do Cantábrico que segue cara a Cangas e eu sigo de frente pola mesma estrada local que traio, pasando por diante do colexio.
Aquí abandono o C. Natural do Cantábrico
 
Pasado o colexio de Nois chego deseguida ao cruce coa N- 642. Cruzo esta estrada e sigo de frente por debaixo da ponte do tren.
Cruzo a N-642
 
Un pouco máis arriba do anterior cruce, xiro á esquerda e vou polo chamado Camiño Real.
Camiño Real
 Vexo ao lonxe este lugar que me chama a atención e, antes de pillar á esquerda por diante da capela, sigo uns metros de frente. Trátase de a Fonte de A Barrosa, restaurada polo concello non hai moito.

 Así de fermosa quedou:

A fonte anterior está case ao lado da Capela do Socorro ou das Flores como é coñecida polos veciños. Dou a volta para seguir a ruta que traía e paso por diante dela.
Capela do Socorro ou das Flores

Agora a estrada vai en continua subida pero apenas se nota xa que o desnivel é moi pouco. Vemos na foto a parte da parroquia de Nois que está pegada ao mar que é por onde acabo de pasar.
Nois

Atopo o Pazo de Covas e hai un dito para identificar se toda casa grande que hai é pazo ou non: "Si tiene capilla, palomar y ciprés, pazo es" Ciprés si que ten, máis de un.
Pazo de Covas

Tamén ten un pombal algo alonxado do pazo pero dentro da finca pechada.
Pombal 

Na entrada principal vemos a capela, así que non hai dúbida: é un Pazo!


Vista traseira do Pazo de Covas que dá a unha enorme finca onde está o pombal e un gran hórreo


Outra vista da dianteira do pazo, onde hai tamén outra gran casa que non sei se formaba parte do pazo ou era a casa dos traballadores do mesmo.


Segundo vou subindo cara a Fazouro de novo, as vistas de Nois e Burela e desa parte da costa son fermosas.


Reconforta ver unha boa plantación de castiñeiros ao pé de plantacións de eucaliptos.


Xa estou de novo na parroquia de Fazouro. Esta estrada local é chamada polos veciños "O Acivro" Actualmente cádralle mellor "O Eucalipto". Custa imaxinar esta zona chea de acivros pero o nome por algo o leva e estou segura que en tempos pasados medrarían aquí esas fermosas árbores.

                                                                           Estrada de O Acivro

A ascensión segue e está a piques de rematar.  As vistas son agora de Foz, Barreiros e se o día está moi despexado, Ribadeo, Tapia...
En 1º termo vemos a zona nova de Lousada con casas de recente construcción. Unha zona da parroquia en auxe polas súas envexables vistas.

Esta é a capela da Concepción. Os seus arredores son un miradoiro natural que deixa a todo o mundo abraiado.

 Non hai moito que o concello colocou este banco para sentarse a contemplar as marabillosas vistas que hai dende aquí.
Miradoiro de Lousada


Outro cabozo do tipo Mondoñedo como son a inmensa maioría dos que hai nesta zona.
Cabozo tipo Mondoñedo

 Baixo cara á igrexa vendo parte do barrio de Villarmea de frente.
 
En lugar de pillar cara á igrexa, torcín á esquerda para ir outra vez cara á Pampillosa e facer circular esta ruta.
O río Ouro

Atravesarei a ponte que se ve na foto, a Ponte de Ferro. O Ouro está moi próximo á súa desembocadura.



As nubes ao anoitecer deixanos estes reflexos dorados na auga do río.

Río Ouro
Agora chego e atraveso a área recreativa de Fazouro que ten unha enorme afluencia de xente sobre todo no verán.

Área recreativa de Fazouro

Fermosa imaxe a que deixan as casas da Ponte, reflectíndose no río.



Pasarei agora por debaixo das dúas pontes, a da estrada e a do tren e xa chegarei ao lugar de onde saín na praia da Pampillosa.



Aínda que teño feito este percorrido moitísimas veces (Nunca todo xunto coma hoxe) paréceme que é moi completo feito deste xeito, vendo o castro, os portos, as capelas, as praias...É verdade que  case todo o percorrido se fai por asfalto pero son estradas locais nas que apenas pasan automóbiles e por outra parte é o que hai, non hai outro xeito de facer este percorrido por sendeiros naturais porque non os hai e se fose polo monte nas zonas onde podería ir (Lousada) sería por pistas forestais polo medio de eucaliptos. Nesta costa, por desgraza, non queda nada de arboredo ou bosques autóctonos.