Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2021. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2021. Amosar todas as publicacións

martes, 23 de novembro de 2021

S. XOÁN DE CACHÓN. SANTO ESTEVO DE RIBAS DE SIL- NOGUEIRA DE RAMUÍN (OURENSE)

 Esta vai foi a nosa 1ª ruta na provincia de Ourense. Escollemos a Ribeira Sacra por ser un lugar emblémático e por proximidade xa que dende a Mariña luguesa ata chegar a este destino temos que empregar algo máis de dúas horas e media na viaxe.

Estamos no concello de Nogueira de Ramuín que ten a súa capital en Luintra. Como ocorre en case toda Galicia e máis neste núcleos de interior, foi perdendo poboación ao longo dos anos e agora o concello non chega aos 2.400 habitantes.

Dentro deste concello, o noso destino é a parroquia de Santo Estevo de Ribas do Sil onde se sitúa o famoso e espectacular mosteiro. Dende aquí parten as rutas que hoxe realizaremos. 

Primeiro vou coas camiñatas e logo escribirei sobre o mosteiro.

RUTA DE S. XOÁN DE CACHÓN.-

Características:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: moderada. É circular pero eu recomendo empezala deixando o mosteiro á man dereita xa que a subida é máis levadeira deste xeito.

Ruta circular perfectamente sinalizada e acondicionada.

O track en WIKILOC

Descripción

Empezamos pois esta ruta xunto ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, contruido entre os S. XII e XVIII é unha xoia do noso patrimonio.

Na Ribeira Sacra é onde podemos atopar a maioría de mosteiros e igrexas de estilo románico de toda Galicia.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil

Pola parte de arriba do mosteiro vemos a pequena aldea de Santo Estevo de Ribas do Sil de xeito escalonado na montaña:

Aldea de Santo Estevo

Empezamos a andaina deixando o mosteiro á man dereita.

E deseguida nos sumerximos na fraga de Santo Estevo, primeiro no seu inmenso souto:
Souto de Santo Estevo

Nos soutos estaba parte da vida monacal dos monxes beneditinos que viviron neste mosteiro.Traballando nestes soutos cumprían coa regra do fundador da orde, S. Benito, que dicía "Ora et labora" (reza e traballa) que era un camiño cara ao crecemento espiritual mediante o traballo diario.

Imos baixando, aínda que ao pricipio da mesma pon "fuerte pendiente", eu só a calificaría como moderada nalgún pequeno tramo, na maioría do percorrido é unha baixada suave e moi fácil.

Estes castiñeiros seguen a día de hoxe regalándonos os seus froitos no outono e nós aínda atopamos restos dos mesmos.

Aquí vemos un sequeiro dos varios que poidemos ver. Son construccións primitivas que hai nas provincias de Lugo e Ourense e servían para secar as castañas.

De súpeto pasamos dun souto a unha carballeira. Carballos e castiñeiros conviven nun mesmo hábitat formando frondosas fragas.
Unha carballeira

E despois dunha baixada, aínda que ao pricipio da mesma pon "fuerte pendiente", eu só a calificaría como moderada nalgún pequeno tramo, na maioría do percorrido é unha baixada suave e moi fácil.
  
Despois de 2km. chegamos ás ruínas da capela de S. Xoán de Cachón. Dise que aquí empezou de verdade o xerme do mosteiro, xa que estivo habitada polo abade Franquila no S. X durante a súa vida como eremita. Máis tarde este mesmo abade fundaría o mosteiro máis arriba.
Capela de S. Xoán de Cachón
 
Continumos baixando uns 400m. ata chegar á estrada. A ruta está moi ben sinalizada.
Ruta moi ben sinalizada

Na ladeira de frente, que xa pertence á provincia de Lugo, vemos a aldea de S. Cosmede que pertence á parroquia de S. Vicente de Pombeiro, no concello de Pantón.

Imos por estrada durante 2 km. pero nin conta nos damos. É unha estrada pola que apenas pasan coches (cruzámonos dous) e coas beiras cheas de fermosas árbores con cores de outono.
Camiñamos levando o río Sil á esquerda.
Un alvedro cos seus froitos mira ao Sil

O outono fixo acto de presenza en todo o percorrido.
 
E así chegamos á pequena fervenza de Santo Estevo provocada polo regato de S. Pedro.
Fervenza de Santo Estevo

E agora toca subir por un sendeiro que parte da mesma cascada. A ruta coincide totalmente co Camiño Natural da Ribeira Sacra. Aínda que nos avisan de "Fuerte pendiente", a verdade é que non é para tanto. Sí é unha subida contínua de 2,5 km. pero a mín, que non me gustan nada as subidas e me custan un pouquiño, esta pareceume ben levadeira. É bastante suave. Quen ve subidas!!!

Empezamos a subir

Seguimos entre castiñeiros:

Por veces o sendeiro, en vez de subir, vai en chan:

Topamos cunha enorme casa. Foi a casa do Notario que estaba baixo a xurisprudencia do mosteiro.
Casa do Notario
A casa anterior, do notario, está rodeada de castiñeiros centenarios:
Castiñeiros centenarios.
Xa estamos moi preto do mosteiro onde remata esta fermosa ruta.

MUÍÑOS DE SANTO ESTEVO

Esta ruta moi curtiña (2,2 km. ida e volta) fixémola o mesmo día ca anterior. A nosa inención era tamén a de facer a de "Os penedos do Castro" pero estamos en novembro e deseguida é noite así que decidimos deixala para outra ocasión, así tamén temos excusa para voltar a este marabilloso lugar.

Nesta ruta veremos uns sequeiros e dous muíños de auga aproveitando o regato de S. Miguel.

Características:

Lonxitude: 2,2 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta lineal ben sinalizada.

O track desta ruta en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta sae tamén do mosteiro, según rematamos a ruta de S. Xoán de Cachón, vimos os sinais desta outra.

O percorrido é moi fermoso, entre castiñeiros e carballos que agora están con cores de outono. 

Ao pouco vemos o sequeiro que anuncian tamén ao principio da ruta


Grandes pedras con mofo dan boa fe da humidade do lugar.

Chegamos a un punto que vemos o río Sil aló embaixo.

A ruta é moi curtiña e vai toda ela en chao polo que deseguida chegamos ao final: os muíños de Santo Estevo onde se moía o gran para alimentar aos habitantes da zona.
Muíños de Santo Estevo

Frente a nós vemos  a estrada que atravesa a ladeira que pertence á provincia de Lugo xunto a unha aldea que vimos ao pasar pola mañá.
 
Este é o Regato de S. Miguel que alimentaba aos muíños.

Voltamos sobre os nosos pasos e deseguida estamos no punto de saída.


MOSTEIRO DE SANTO ESTEVO DE RIBAS DE SIL

Contruido entre os séculos XII e XVIII, é un dos mosteiros máis espectaculares de Galicia enclavado ademais nun entorno único.

Dise que Santo Estevo foi xa fundado no S. VI por S. Martín Dumiense. Do S. X sí que xa hai documentos de que o ri Ordoño II lle concedeu ao abade Franquila (que vivíu como eremita na capela de S. Xoán de Cachón que vimos na 1ª ruta) os territorios de Santo Estevo para construir aí un mosteiro.

A este mosteiro novo retiráronse 9 bispos que renunciaron ás súas sedes episcopales nos S. X e XI. O mosteiro tivo gran importancia a partires do S. XII e colleu moita fama porque tamén conservaban as reliquias dos 9 bispos xunto cos seus anels xa que se lles atribuían propiedades miragreiras. Estes anels desaparecereron entre os S. XVIII e XIX e a finais do S. XX, durante os traballos de restauración no altar maior, apareceron catro deles dentro dun relicario que contén os restos de catro  dos bispos xunto cunha nota indicando que eran os 4 que quedaban dos nove.

Este mosteiro pertenceu á Orde de S. Bieito e foi moi importante nos séculos X, XI e XII debido ás peregrinaxes, as donacións, á explotación do viño e cotos de pesca no río Sil. O mosteiro tiña fóra do complexo monacal diversos edificios por dististos lugares da zona; era propietario de sequeiros e muíños, de vivendas como a casa do médico, a do notario...

Tras a desamortización do S. XIX, o mosteiro queda abandonado e os ben que nel había son incautados e desperdigados. A igrexa é o único que s esegue conservando nun estado aceptable porque pasou a ser a igrexa parroquial da aldea de Santo Estevo e o mosteiro  foise arruinando.

No 1923 foi declarado Monumento Nacional e no 1956 inícianse os primeiros traballos de renovación e limpeza que van proseguir en anos posteriores ata que en 1985 é declarado Ben de Interes Cultural e empeza a promocionarse turisticamente.

Actualmente, o mosteiro é un Parador de Turismo e non hai nel vida monástica.



Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil

A igrexa, de estilo románico, empezou a construirse no S. XII e foi rematada no S. XV. Toda ela está construida con sillares de granito. A fachada principal que é esta que vemos, forma un ángulo recto co mosteiro, algo moi propio dos mosteiros benedictinos. A figura central, entre as campás.é de San Estevo.


Diante da igrexa está o cemiterio parroquial dos habitantes de Santo Estevo.

A fachada do mosteiro, construida a finais do S. XVII e finais do XVIII, é barroca.
Fachada barroca do mosteiro

O mosteiro de Santo Estevo ten tres claustros que se poden visitar. O primeiro xa o temos según atravesamos a porta (a entrada é libre e gratuita) é o claustro da Portería ou dos Cabaleiros. É moi amplo e obra de Diego de Isla, renacentista do S. XVI.
De frente vemos unha cristaleira que chama a atención e que de feito houbo polémica con ela. Aí é onde están a cafetería e o restaurante.
É un claustro moi grande, de tres pisos. Responde á necesidade de dar espazo ao Colexio de Artes que se instaura no mosteiro no S. XVI e aí estaban tamén os dormitorios dos estudantes.
No centro deste claustro había unha fonte decorada con sereas e outras figuras que trala desamortización do S. XIX foi trasladada e ubicada na Plaza del Hierro en Ourense. O mosteiro de Oseira en cambio reclama esta fonte como súa.

Claustro dos Cabaleiros

Este claustro é dos máis grandes e importantes de Galicia.

Atravesamos esta sala que dá acceso a outro claustro: o máis pequeno chamado "do Viveiro". En torno a este claustro estaban as dependencias do abade, as cociñas e outras dependencias.
O patio deste claustro estaba ocupado por unha fonte cun gran estanque no que os monxes mantiñan vivos peixes das pesquerías do Sil e do Miño.
O claustro levántouse a finais do S. XVI

Claustro do Viveiro
 O seguinte e último claustro é a parte máis antiga que se conserva do mosteiro e un dos poucos románicos que existen en Galicia aínda que tamén ten elementos góticos.  Foi levantado no S. XIII para honrar a memoria dos 9 bispos. Aquí estiveron enterrados pero no S. XV cambiaronse para a igrexa onde se conservan na actualidade en relicarios.
Claustro dos bispos



Claustro dos bispos

 No piso superios deste claustro había unha exposición sobre Eduardo Barreiros, empresario de Nogueira de Ramuín famoso por transformar os motores de gasolina a diesel. Foi o maior empresario do sector  privado do automovil na súa época.
Exposición da vida e obra de Eduardo Barreiros

E así foi a nosa 1ª visita á provincia de Ourense como grupo de sendeirismo (un grupiño, máis ben, xa que só fomos 6 persoas)
Encantounos todo o que vimos, as rutas de sendeirismo polo medio de castiñeiros con elementos etnográficos do pasado como sequeiros e muíños, as cascadas en enclaves preciosos e o mosteiro espectacular con tanta historia detrás.
Volveremos sen dúbida e máis axiña posible a visitar esta provincia!!



luns, 15 de novembro de 2021

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO: PRAIA DE ESTEIRO-VIVEIRO

 Dentro da etapa 5 deste Camiño Natural, hoxe realizamos o tramo dende a praia de Esteiro en Xove ata Viveiro rematando así esta quinta etapa.

Dende a saída en Esteiro ata a praia de Portonovo en lugar de ir polo Camiño Natural, fixémolo pola Senda Costeira de Xove xa que esta ruta vai moito máis pegada ao mar. Nesta ultima praia remata a Senda Costeira de Xove e enlazamos aquí co Camiño Natural do Cantábrico.

Un fermoso tramo que pasa por fermosas praias como a de Esteiro, Area e a cala de Portonovo; nós subimos (fóra de trazado) ao Monte Faro xa que só hai que desviarse 1 km. Aquí temos unha área recreativa e unhas magníficas vistas da Ría de Viveiro.
Pasamos pola vila de Celeiro, tipicamente mariñeira e desembocamos no seu importante porto para deseguida chegar a Viveiro onde xantamos e deixamos para a seguinte etapa o percorrido por esta vila.

A Ruta en WIKILOC

Características:

Loxitude: 11,4 km.
Dificultade: fácil
Ruta lineal ben sinalizada.

Descripción:

 Saimos da praia de Esteiro pola Senda Costeira de Xove. A ruta está indicada ao final da praia e non é necesario cruzala ( a nós apeteceunos) pero pódese bordeala e os sinais aperecen ao final: O Camiño Natural mándanos por estrada e máis polo interior por eso optamos por ir pola Senda Costeira que nos leva pegadas ao mar.
Praia de Esteiro (Xove) Moi ao fondo, Estaca de Bares

A praia de Esteiro é a máis salvaxe do concello de Xove e conta cunhas boísimas condicións para a práctica do surf, de feito vimos a tres surfistas na auga. É un espazo pola Rede Natura 2000 xa que conta cun gran sistema de dunas.
Praia de Esteiro
Sorprendeunos atopar este bote colgado dun poste ao que estaba moi amarrado. Foi un bote de aceitunas que tiña un corazón pintado e dentro vimos quue había un papel escrito:

A nosa curiosidade era grande así que abrimos o bote e o papel decía esto:
 
" Ola, soy Nico. Estoy viajando desde 4 meses ahora y hoy es mi cumpleaños 29.8.2021, 35 años. Por eso quiero compartir mi felicidad contigo. Toma un trocito de felicidad y nunca olvides que la vida está maravillosa"

Pola gramática usada debía ser estranxeiro pero entendíase perfectamente o que quería dicir na mensaxe. Pareceunos algo fermoso por eso o quixen contar.


Camiñamos pegadas ao mar uns metros (1km. aprox,) e despois a senda sube para atoparse cunha pista local rematando aquí a "Senda Costeira de Xove" e enlazando co Camiño Natural do Cantábrico.

O trazado do Camiño nos pasa por esta praia se non algo máis arriba pero baixamos ata ela xa que só son uns metros. Estamos xa no concello de Viveiro.
A praia de Portonovo  na punta de Pardiñas é unha cala escondida con moitos coios a algo de area pero pouca. Ao estar tan illada e ser tan pequena ten unha ocupación moi baixa. Alguén colocou un banco e ata un asador aí.
Praia de Portonovo.

Alonxámonos do Cantábrico cruzando un monte (500 m) para ir dar a unha estrada local que nos levará á aldea de Faro.


Neste punto, temos a opción de subir ao Miradoiro de Monte Faro. Só é 1 km. pero como é costa arriba parécennos máis. A subida vale a pena xa que o entorno arriba é marabilloso. Tamén hai que dicir que tivemos moita sorte co día, que estaba soleado, sin nada de vento nin néboa o que nos permitiu parar a repoñer forzas comendo algo e contemplando as vistas que nos ofrece este miradoiro.

Atopamos unha coidada área receativa que foi creada no 2019 ao mesmo tempo que se acondicionou todo o entorno do miradoiro.




Dende aquí observamos Illa Coelleira e unha praia de O Vicedo.


Vemos a ría de Viveiro e a praia de Covas. Seguimos indo por estrada

S. Xiao de Faro é unha parroquia de Viveiro pola que pasamos.

Deixamos a estrada para pillar neste cruce á dereita. A ruta está moi ben sinalizada e non ten perda.

Imos por un sombreado camiño:


Chegando á praia de Area, pasamos por unha zona residencial con moitos chalets que son ocupados só en verán.




Chegamos á praia de Area que ten uns bos accesos, un gran aparcadoiro, un amplo paseo paralelo á praia, hoteis, restaurantes...Ten unha gran ocupación no verán e as súas augas turquesa son moi tranquilas.
No noroeste da praia temos a illa de Area que é un importante refuxio para aves mariñas.
Praia de Area
Paseo paralelo á praia:

O paseo conta tamén cunha pequena área de lecer:

Continuamos o percorrido alonxándonos agora momentáneamente da costa. Imos ir por estrada ata o final deste tramo. (4 km.)
Praia de Area
Chegamos a Celeiro, vila situada na ría do concello de Viveiro ao que pertence. É unha vila escalonada mirando ao porto que posee, un dos máis importantes do Cantábrico tanto en volume de pesca como en ventas, caracterizado pola flota que vai pescar ao Gran Sol onde se pesca a famosa pescada do pincho, distinguida como "Galicia calidade", un dos productos máis respectados e valorados da nosa gastronomía.
Celeiro

Unha rúa de Celeiro
Moitas rúas da vila de Celeiro son así: estreitas e con balcóns.
Unha rúa de Celeiro



Ademais dun importante porto pesqueiro, Celeiro tamén ten un porto deportivo:
Porto deportivo de Celeiro

Os barcos andaban faenando xa que en porto só vimos un.

A Confraría de pescadores está nun fermoso edificio indiano:
A Confraría de Celeiro é un símbolo representativo da vila

Diante da Confraría hai un monumento ao náufrago. É unha obra en bronce do viveirense Xosé Luis Neira Brochs.
Monumento ao náufrago

Camiñamos polo Paseo de Celeiro, pola zona onde se celebra o sonado Festival Resurrection Fest que atrae milleiros de visitantes a este concello de Viveiro.

A sede da  Xefatura Territorial da Consellería do Mar atópase en Celeiro:

Despois da rotonda, entramos xa no Paseo Marítimo de Viveiro e deseguida vemos o seu porto deportivo:

Rematamos o tramo de hoxe onde remata oficialmente a etapa S. Cibrao-Viveiro : ao pé da estación de autobuses. Deixamos a visita á vila de Viveiro para o comenzo do seguinte tramo.

Páxinas web consultadas:

Enlaces aos tramos anteriores desta ruta do Camiño Natural do Cantábrico:






Tramo Castro de Fazouro- Praia de Areoura (Foz): Rutas de sendeirismo: RUTA CASTRO DE FAZOURO- PRAIA DE AREOURA (FOZ)



Tramo Porto de Morás- Praia de Portocelo. (Pola Senda Costeira de Xove): Rutas de sendeirismo: SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.

Tramo Praia de Portocelo- Praia de Esteiro (Pola Senda Costeira de Xove):Rutas de sendeirismo: SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.