domingo, 5 de xaneiro de 2025

PONTE DE LIMA E ILUMINACIÓN DE VIGO

O último día desta viaxe visitamos Ponte de Lima , unha vila de case 3000 habitantes, ben fermosa e coñecida sobre todo pola súa ponte sobre o río Limia ou Lima que se caracteriza pola súa arquitectura rústica e o seu val bañado por este río.

Entramos pola avda. António Feijó con árbores outonales.

Avda. Antonio Feijó

O Palacio do Marqués de Ponte de Lima é o 1º monumento que vemos ao baixar do bus. É do S. XV e actualmente acolle a Oficina de Turismo. A estatua que vemos é a da raíña Dª Teresa, nai de Alfonso de Portugal

Palacio do Marqués de Ponte de Lima

Esta figura dun touro que vemos ao pé da catedral representa unha festa moi antiga, "A Vaca das Cordas" na que actualmente se leva un touro polas rúas guiado por cordas e dá 3 voltas á catedral como manda a tradición. Eu vin vídeos desta festa e para nada me gustou ver o que se fai cun animal que non se pode defender, atado con varias cordas e ríndose del, saltando derriba, pegándolle aínda que sexa coas mans...Paréceme unha festa bárbara e fóra deste tempo actual. Por desgraza aínda quedan bastantes deste xeito...
Monumento á "Vaca das Cordas" que finalmente é un touro

Na foto de abaixo vemos Cadeia Vella, unha torre que na parte posterior ten unhas escaleiras dende as que se obten unha panorámica do Largo da Picota e a igrexa matriz ou catedral ao fondo.
Cadeia Vella

Vistas dende Cadeia Vella:
A Igrexa Matriz dende Cadeia Vella

O monumento á Feiras Novas e ao Folclore non pasa desapercibido polo grande que é e pola representación tan natural do modo de vida de antes. É unha obra do escultor Salvador Vieiras inaugurada en 2009.
As Feiras Novas son unhas festas que se celebran en Ponte de Lima a 2ª semana de setembro na honra da Virxe das Dores.
Monumento ás Feiras Novas e o Folclore

Moi cerca do monumento anterior vemos este non menos fermoso represantando a vida no campo antigamente.

Monumento á vida rural de antes

A esta cidade dalle nome a súa ponte romana e medieval sobre o Río Lima. Ao fondo vemos a Igrexa de Santo Antonio da Torre Velha.
A lenda conta que os soldados romanos cando chegaron a este río e viron a beleza que a rodeaba creron estar vendo on río Lethes, ou río do esquecemento (este río facía perder a memoria aos que o atravesaban) e non se atrevían a cruzalo. Cruzouno o xeneral Décimo Junio Bruto e cando chegou á outra beira chamou aos soldados cada un polo seu nome para fecerles ver que non perdera memoria.
A ponte mide 380m. e conserva 5 arcos romanos e o resto son da I Media xa que a ponte tivo que ser ampliada no S. XIV. Por esta ponte pasan os peregrinos do Camiño Portugués a Santiago.

Ponte romana e medieval de Ponte Lima

Cerca do río vemos estas estatuas de soldados romanos que recrean a lenda do río Lethes .

Estatua de soldados romanos

Ponte de Lima conserva algún tramo da antiga muralla que mandara construir Pedro I no S. XIV. A Torre de San Paulo que vemos abixo na foto é unha mostra dela.
Torre de S. Paulo.
A Praza Largo de Camôes é o epicentro da vila  e está presidida pola fonte que vemos do S. XVII e que foi a 1ª que suministrou de auga a Ponte de Lima. Naquel tempo as multas por botar nela lixo eran 3 día de cárcere.
Fonte no Largo de Camôes

A Cámara Municipal ou Concello está situado na Avda. Antonio Feijó por onde entramos e saimos da vila.
Edificio da Cámara Municipal ou Concello

ILUMINACIÓN DE VIGO

Vin a iluminación de Vigo cando aínda esta non era tan coñecida e famosa, cando aínda non se falaba dela máis que na propia cidade. Lembro que me chamara a atención xa o fermosa que se vía e para mín chegaba ben daquel xeito máis sinxelo e máis humilde.
Non vou dicir que non é espectacular, porque o é. É unha iluminación grandiosa, abundante, suprema, superlativa...tódolos adxectivos que engrandecen algo, cádranlle.
Hai unha polémica aberta sobre se tanto "lucerío" é bon para todos os de Vigo e claro, como en case todo non hai unanimidade. Uns din que é boísimo pola cantidade de xente que atrae e beneficia a hoteis, restaurantes, bares...outros din (sobre todo a xente que vive cerca) que é un martirio para eles pola reestructuración do tráfico que hai que facer, polos ruidos, ocupación de espazos, retrasos por atascos...etc.
Eu só teño clara unha cousa: se fose alcaldesa dunha cidade gustariame que a xente dixera da miña cidade que é a máis limpa, a que ten máis zonas verdes, a que ten máis parques, as rúas mellor pavimentadas....etc, etc antes de que dixesen que tiña a mellor iluminación do mundo.
Enfín...parce que este fenomeno de masas no que se convirteu o Nadal en Vigo con 11,5 millóns de LED ten trazas de seguir e ir aínda a máis...xa se verá.
Aquí deixo unhas fotos  (poucas) porque xa todo o mundo estamos cansos de ver vídeos, fotos deste acontecemento por tódolos lados: TV, prensa, redes sociais....
Aquí quedan mostras da gran contaminación lumínica de Vigo. Na foto seguinte vese tamén a escultura de Francisco Leiro "El Sireno" instalada en 1991  Mide 11m. de altura e representa un personaxe imaxinario entre home e peixe. 



















Páxinas web consultadas:
https://www.routeyou.com/es-pt/location/view/52528148
https://es.wikipedia.org/wiki/Ponte_de_Limahttp://www.portoenorte.pt/es/que-hacer/ponte-romana-e-medieval-puente-romano-y-medieval/
https://www.turismoenportugal.org/puente-medieval-de-ponte-de-lima
https://es.wikipedia.org/wiki/El_Sireno

mércores, 1 de xaneiro de 2025

RUTA CIRCULAR AO MONTE MAZANTEO PASANDO POLAS PRAIAS DE FORNOS E FIGUEIRAS (CARIÑO)

 Cariño é unha vila costeira da provincia de A Coruña que me encanta e xa fixen dúas rutas nese concello. Na 1ª, coñecín a vila en profundidade e na 2ª fomos ata o Cabo Ortegal facendo tamén unha ruta circular ben fermosa.

O outro día, coñecemos outras praias deste concello moito menos visitadas e coñecidas e rodeamos para esto o Monte Mazanteo.

Características:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un track. O meu en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos esta ruta xunto ao Cemiterio Municipal de A Pedra (unha parroquia moi próxima á vila)

Empezamos a ascender moi lixeiramente e xa se ofrecen estas vistas da vila de Cariño. Vemos as praias da Concha e da Basteira, o porto...

Iremos por asfalto ata a praia de Fornos. Só nos cruzamos con algún coche de cazadores .

Imos tendo vistas á ría case de seguido.

A Ría de Ortigueira, formada pola desembocadura do río Mera é un lugar moi importante de paso e invernada de aves acuáticas. As augas desta ría bañan os os concellos de Ortigueira e de Cariño.

Ao fondo podemos ver Espasante  e máis ao lonxe a Estaca de Bares.

Despois de percorrer 2 km. chegamos a Figueiroa, lugar que pertence á parroquia da Pedra

Desembocamos nunha estrada dende a que temos esta vista da Enseada da Caleira


Por este camiño baixamos á Praia de Fornos, en lugar de facelo pola estrada:

Nun entorno rural, virxe e illado atopamos a Praia de Fornos. É unha praia ventosa, o que a fai ideal para practicar surf.

Praia de Fornos

Esta praia ten forma de cuncha, unha area fina e bastante ondaxe.
Praia de Fornos

Ao redor desta praia están aparecendo pequenas casiñas que son residencia de verán para alguén. Estaban todas elas pechadas.

Seguimos por estrada para a praia de Figueiras que xa vemos aló embaixo:
Praia de Figueiras



 Á praia de  Figueiras non se chega en vehículo, hai accesos polas dúas marxes da praia pero camiñando.


Baixamos por un carreiro.

Ao contraio da anterior, a praia de Figueiras é de augas tranquilas e está abrigada dos ventos.

Percorremos toda a praia para subir polo lado oposto ao de baixada.
 
Este é o outro acceso á praia de Figueiras:


Subimos á estrada e collemos á esquerda para, camiñando uns metros, ir ata o Miradoiro de Punta Figueiroa dende o que temos vistas á ría de Ortigueira.

Abandonamos a praia por este camiño

Pasamos polo medio da aldea de Figueiroa.


Dende un punto da aldea de Figueiroa temos fermosas vistas sobre a ría.

Saimos á outra estrada.

A Capela da Milagrosa non se parece en nada as que estamos acostumados a ver nin pola forma, nin polo campanario, a entrada...parece calquera cousa menos unha capela...Realmente a min non me gustou nada.

Dende a igrexa podemos dar a volta uns metros (moi poucos) para pillar a pista paralela ou ben podemos cruzar por este carreiro diante destas casas. (O can estaba preso)

Deseguida pillamos á dereita por esta congostra antiga:


Pasamos baixo un túnel de loureiros:


Imos vendo á esquerda lugares da parroquia de Pedra: a Cerca, Pousadoiro...e deseguida chegamos ao punto de inicio.


Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADa_de_Ortigueira_y_Ladrido