Amosando publicacións coa etiqueta ruta de interior. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta de interior. Amosar todas as publicacións

luns, 5 de febreiro de 2024

FERVENZA DO CASÓN/POZO DO INFERNO/CASTELO DO CASÓN (ORTIGUEIRA)

 Hoxe tocou ruta en Ortigueira, a 4ª que fago xa neste concello. As tres anteriores foron rutas costeiras, dúas delas pertencentes ao Camiño Natural do Cantábrico. Nos enlaces seguintes pódense ver:

C. Natural do Cantábrico: Mazorgán-Porto de Espasante

C. Natural do Cantábrico: Praia de Esteiro(Mañón)- Mazorgán (Ortigueira)

Ruta circular en Ortigueira

Hoxe descubrín tamén neste concello unha ruta que, a pesares de que a árbore predominante é o eucalipto, me gustou moitísimo. É unha ruta curta, fácil e moi entretida xa que case continuamente vas tendo vistas sobre as rías do Vicedo, de Ortigueira... e das vilas e aldeas próximas, pero o máis sobresaínte desta ruta son as dúas fervenzas que veremos e o Castelo do Casón co seu impresionante miradoiro.

Características: 

Lonxitude: 6,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que sinala os puntos clave pero necesario un GPS se se quere facer circular, aínda que é bastante intuitiva.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Empezo a ruta na aldea moi pequena de Pena do Vilar que pertence á parroquia de S. Adrián de Veiga.

Vou durante 2km. por estrada.


Paso polo lugar de Pereira no que contei 4 casas, dúas delas deshabitadas.

A estrada vai en lixeiro ascenso e lévase moi ben. Estou fresca xa que acabo de empezar a camiñar, o día non pode estar máis fermoso e hai moito monte cortado o que me permite desfrutar de boas vistas.

Ás vistas á man dereita:
 
Remata a estrada. Hai que torcer á esquerda por unha pista ancha.

Hai que ir primeiro ver as fervenzas. 

Están en sentido contrario. Eu escollo ir ver primeiro a do Pozo do Inferno:
                                                               
Formada polo Rego do Casón, esta fervenza case mete medo polo pozo onde cae.  Non me estraña que se chame "do Inferno"!!
Pozo do Inferno
 O lugar está ben acondicionado con pasarelas de madeira e escaleiras do mesmo material
Pozo do Inferno

Voltamos sobre os nosos pasos observando á nosa esquerda plantacións de eucaliptos cortadas recentemente e á dereita árbores autóctonos (castiñeiros e bidueiras)
Estamos en plena Serra da Capelada.

Chego á bifurcación anterior e sigo o sinal para chegar agora a Fervenza do Casón formada tamén polo rego do mesmo nome a igual ca anterior.
Rego do Casón

Teño visto esta fervenza en fotos con moita menos auga. Hoxe baixaba esplendorosa.
Fervenza do Casón
 
Non volto polo mesmo sitio. Ao pé da cascada sae un camiño paralelo a por onde fun que me leva á bifurcación primeira.
 
Vistas as fervenzas agora toca visitar o Castelo do Casón que xa nos cae en camiño facendo a ruta circular. As pistas polas que vou están en perfectas condicións e son anchas.

O Castelo do Casón foi na súa orixe un castro da Idade de Ferro. Na Idade Media sábese que foi unha fortaleza que tiña como función exercer como "torre vixía da ría" cando ameazaba algún perigo sobre todo durante as invasións normandas.
Por razóns descoñecidas, no S. XII a fortificación xa estaba abandonada. Hai uns anos realizáronse unhas excavacións arqueolóxicas neste xacemento dun grande valor patrimonial. A día de hoxe aparece bastante descoidado e dentro do recinto apenas se pode camiñar e ler os paneis debido á gran cantidade d emaleza que hai.
Castelo do Casón

Conserva aínda restos da muralla e o foxo ao redor. O que vemos na foto sería a porta sur.
Castelo do Casón

Na seguinte foto, parte da muralla rehabilitada. Facía falta un desbroce...
Castelo do Casón

Ao pé dos restos da fortificación, nas excavacións d e1998 foi tamén construido un miradoiro con excepcionais vistas á ría de Ortigueira, desembocadura do río Sera, Estaca de Bares...

Vista do Miradoiro e do que se ve dende aí.


Que fermoso debeu ser este monte hai moitos anos!! Vexo bastantes acivros. Deberon abundar nesta zona. 

Volvo sobre os meus pasos xa que para ver o Castelo do Casón hai que desviarse uns metros (moi poucos) da ruta principal. Agora todo é baixar por esta ancha pista.

Chegando xa a Pena do Vilar teño estas vistas:


E xa rematando a ruta coa chegada de novo a Pena do Vilar.
Pena do Vilar

A pista que traía desemboca na estrada pola que antes subín. Un pouquiño mís arriba teño xa o coche!

Páxina web consultada:

https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/castelo-do-cason-valioso-patrimonio-arqueologico-abre-publico-GJCG945773?imageNumer=1

luns, 8 de xaneiro de 2024

MIRADOIRO DO CADAVAL DENDE A SENDA DA MEMORIA(AS PONTES)

 Xa fomos facer outras rutas ao concelo de As Pontes, concretamente estas:

FERVENZAS DE BERMUI E SOMEDE

ARTE URBANA

SENDA DA RIBEIRA

Hoxe realizamos unha ruta moi fermosa que nos sorprendeu moito polo fácil e polo que nos fomos atopando a cada paso.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,8 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular sinalizada parcialmente. É necesario seguir un track se non se coñece a zona. Deixo o meu en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

O Lago das Pontes ocupa o espazo onde antes había unha mina que abastecía de carbón á Central Térmica, agora pechada. A rehabilitación dese oco deu lugar a un inmenso lago artificial con dúas illas. Mide de longo 5 km. de longo, 2 de ancho e ten unha profundidade máxima de 222m. É o lago artificial máis grande de Europa. Ten unha praia de case 500m de longo na zona máis próxima á vila. No 2012 finalizouse a súa construcción.

Lago das Pontes envolto na néboa

Aparcamos os coches nun espazo onde non estorbaban, ao pé do lago.

Botamos a andar e deseguida collemos un camiño á dereita.


Imos pola chamada "Senda da Memoria",  un percorrido ideado polo concello de As Pontes e Endesa no 2017 para lembrar os lugares que desapareceron devorados pola mina.
 
No 2014, o presidente de ENDESA, Borja Prado, recibeu o IX Premio da Fundación Fondo para a Protección da Natureza (FONDENA) polo traballo da compañía na restauración do entorno da antiga mina de As Pontes que permiteu a creación do lago e un novo ecosistema.

Este tramo que hai pouco que se inaugurou e vai dende o lago ata a presa que despois veremos. Estamos na parroquia de Santa Mª de Vilavella.

 Un rego que dá auga ao lago.

Deixamos neste punto a Senda da Memoria pillando á dereita
 
O percorrido é moi doado, por camiños ben acondicionados.

Ao longo do percorrido vemos moitos sinais que din "Bidegorri". É unha ruta para bicicleta de montaña de case 55km. 

"Unen a paixón polas dúas rodas coa motivación persoal por crear novos percorridos para a bicicleta de montaña. Compaxinan as horas de desfrute e deporte con longas xornadas de traballo titánico. E o seu esforzo, calado e constante durante moitos anos en terreos expropiados da mina das Pontes, preto do inmenso lago artificial, xa é un imán para os amantes da BTT

Ruta Bidegorri, como a bautizaron en 2013 en recordo ao carril-bici vasco, recibe a centos de persoas chegadas de toda Galicia. É a única ruta de montaña 100% ciclable con cero asfalto"

É impresionante a cantidade de flora autóctona que atopamos.

Chegamos ao Miradoiro de O Cadaval e claro, tal e como esperábamos, non se vía nada. Unha néboa espesa impedía a visión. Eu fíxenme o firme propósito de repetir esta ruta en primavera ou verán nun día despexado.


No Miradoiro do Cadaval está o Castrorroibo: un ser mitolóxico que vixía o lago dende o alto.

Seguimos agora en ascenso (moi suave e durante moi pouco tempo) imaxinando o fermosa que ten que ser esta zona sen néboa.
 
Neste cruce hai indicacións para continuar de frente,  para seguir a Adegorri (ruta de bici de montaña). Nós xiramos á esquerda. Estamos no Monte da Cartelida.

Toca agora baixar un pouco. É un descenso de moi poucos metros pero con bastante desnivel no que hai que levar coidado en días húmidos como o de hoxe.
 
Segue a sorprendernos a cantida de árboreda autóctona. Entramos nunha carballeira.

Tamén vimos este inmenso acivro. Un bosque precioso!!

Nesta época invernal é moi frecuente ver as árbores espidas cubertas de liques (un lique é un organismo vivo que pertence ao reino dos fungos composto pola asociación dunha alga e un fungo) Os liques aparecen cando o lugar é húmido e hai unha vexetación densa. Son inofensivos para as árbores e ademais un indicador da calidade do aire: os liques non soportan a contaminación por eso é moi raro velos nas cidades.

Aquí o aire non está contaminado!

Hai que ir atento/a ao track que sigo porque non estamos a facer a ruta das bicis de montaña! Aquí hai que xirar á esquerda.
 
Atopamos o hórreo da Cartelida, un dos poucos elementos que segue intacto despois dos 40 anos de expropiación nestas terras.
Hórreo da Cartelida

Cando hai loureiros, acostuma a haber vivendas cerca e si atopamos as ruinas dunha cerca do hórreo, supuxemos que o cabozo formaría parte desa vivenda que houbo.
Loureiros
E chegamos de novo á beira do lago que agora podemos ver de cor azul ao despexar o día. Este lago foi premiado en varias ocasións, unha delas co Premio 5 días 2013 otorgado a ENDESA polo mellor proxecto de responsabilidade  social corporativa El jurado ha valorado “el compromiso de la empresa con un lugar en el que ha operado durante años y como, una vez finalizada la actividad, mantiene la apuesta por regenerarlo y colaborar con la sociedad local para una reorientación de la actividad de la zona”. 
Ademais de vivir nas súas augas numerosos e variados peixes,o lago coas súas dúas illas é tamén  o hábitat natural de numerosas aves tanto nidificantes como migratorias.
Lagoa das Pontes

Un nome curioso o deste paso que inicia un carreiro.


Á dereita quédanos o lago moi cerca. Sempre que se fai sendeirismo se dene levar un bo calzado porque aínda que os camiños e carreiros desta ruta están prefectamente practicables tamén atopamos auga.

Dende abaixo, nun determinado punto vemos o Castrorroibo. Ese era o momento de estar agora alí...

Aquí houbo un momento de confusión, seguimos uns metros de frente (indicación do Bidegorri) pero había que pillar o carreiro da dereita.

Tivemos que cruzar un rego saltando. Uns saltamos e outros cruzaron por uns trocos.

Unha ruta que non pisa absolutamente nada de asfalto e é moi, moi fermosa!!

 Fermosísimo carreiro con árbores en zig zag.

Un carballo que se resiste a perder as súas follas.

Estamos na parroquia de Vilavella. A principios do S. XX estivo formada por 41 lugares dos que actualmente só conserva 12 xa que a mina de carbón estendíase ao longo de toda a superficie desta parroquia e os seus habitantes víronse na obriga de desprazarse a outros lugares do municipio.

Xunto ás casas tamén desapareceron elementos de arquitectura tradicional como hórreos, muíños, pontes, capelas, cruceiros...Algúns destes elementos foron rescatados e trasladados a outros lugares do municipio como a Ponte de Illade ou a Ponte de Pedra.

O último tramo da ruta vai pegado ao lago vendo de frente as antigas chemineas da Central Térmica hoxe sen actividade.

Volvemos pasar pola presa do rego que verte a auga ao lago que agora, aínda que o día está por veces moi oscuro, podemos ver.

A piques de rematar a camiñata, vemos en 1º termo a praia construida no lago e que ten unha alta ocupación no verán xa que está moi ben acondicionada podendo estar na area ou baixo as árbores, a auga está sempre tranquila ao non ser un mar e ademais a unha temperatura constante moi boa. Hai bares, chiringuitos...e practícanse tamén deportes naúticos.

No ano 2023 que acaba de rematar, o lago das Pontes acadau por 3º ano consecutivo a Bandeira Azul.


E así rematamos esta gratificante, sorprendente e preciosa ruta que me prometo volver a realizar tal vez este verán para poder aproveitar e poder bañarme no lago.

Páxinas web consultadas:

https://www.sientegalicia.com/blog/el-gran-lago-artificial-de-galicia/

https://amigosdeaspontes.org/as-pontes-inaugura-un-nuevo-tramo-de-la-senda-da-memoria/

https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/traballo-titanico-duas-rodas/202108301519001522680.html

https://jardiver.com/liquenes-y-musgos-son-peligrosos-para-los-arboles/