Amosando publicacións coa etiqueta Provincia de Lugo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Provincia de Lugo. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de febreiro de 2024

DOLMEN DE SANTO TOMÉ/ PRADO DAS CHANTAS. RUTA CIRCULAR DENDE O CURRO DE SANTO TOMÉ (VALADOURO)

Volto ao concello de O Valadouro e á parroquia de Santo Tomé de Recaré (non confundir con S. Xiao de Recaré) unha das  10  que forman o concello. Esta parroquia tiña en 2021 só 37 habitantes e ano a ano vai perdendo poboación.

Un tramo da ruta que vou facer hoxe xa o coñecemos de cando fixemos a ruta "Fervenza de Torez"

Esta é unha ruta curta, fácil e moi, moi fermosa na que destacan as extraordiarias vistas dende un entorno marabilloso de prados entre montañas onde pastan vacas e cabalos, veremos o Prado das Chantas, o dolmen de Santo tomé...unha ruta na Mariña Lucense para non perder.

Características da ruta:

Lonxitude: 5,5 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar (só está sinalizado o dolmen e o Prado das Chantas)

O meu track en WIKILOC:

Descripción: 

Inicio esta ruta no Curro de Santo Tomé onde cada verán se celebra a Rapa das Bestas. Este curro é de madeira e non é grande. Tal vez esta rapa congrega menos xente que noutros lugares (nesta zona Mondoñedo e Viveiro) esta é unha rapa máis familiar e sen aglomeracións.

Ao pé do curro vemos un sinal cara ao dolmen e aló vou. O monumento non se ve a simple vista, hai que abrir a cancela que se ve na foto e seguir por un carreiro que remata no monumento.

 

O carreiro ao dolmen:

Este dolmen de Santo Tomé está moi ben conservado. Está formado por 4 pedras verticais(ortostatos) e unha que as cubre. É un monumento funerario da época neolítica.

Dolmen de Santo tomé.
 
Na parte interior dos ortostatos hai unha xoia botánica: un musgo bioluminiscente chamado "ouro de trasno" e que se atopa en moi poucos lugares de Galicia.

Dende o miradoiro que hai neste Curro de Santo Tomé temos unha espectaculares vistas sobre o Valadouro e montañas próximas.

O Curro, o miradoiro, o dolmen e esta área recreativa forman parte dun mesmo entorno, están situados a escasos metros uns dos outros.
Área recreativa e curro de Santo Tomé

Empezo a camiñar e esto é o 1º que me atopo. A escasos metros do Curro hai un peche (hai 3 meses non estaba) É un peche posto a conciencia, non tiven forma de abrilo por ningún dos extremos así que aproveitei un arame que estaba máis baixo, como se alguén xa pasara antes por aí para poder cruzar. Eu pregúntome se nunha pista pública se poden poñer peches así.

Poucos metros despois do peche anterior, atopo este sinal que marca a ruta do Penido, un percorrido lineal que sae de Ferreira e chega ata esta zona. O que noto é que o sinal marca a dirección equivocada porque nos manda á dereita e nós temos que seguir a pista para ir ao Prado das Chantas que no sinal tamén o indica. Non sei se moveu o vento o pau sobre o que está o sinal ou se foi con mala intención...

Eu como xa sei por onde queda o Prado das Chantas, sigo pola vista e vexo os dous Penidos: O Penido Vello e o Penido Novo.

Esta zona é de prados onde pastan as vacas e os cabalos.

As vistas, a medida que ganamos altura, son espectaculares.

Cada vez máis cerca dos Penidos que me prometín subir algún día sen moito tardar. Estou no que en Asturias chaman braña: prados situados en zonas altas. En Galicia en cambio unha braña é un pasto moi húmido en zonas baixas, frecuentemente á beira dos ríos.

Non lembrei que o acceso ao Prado das Chantas está algo máis adiante e crucei onde se ven eses paus que estaban tirados.


Onde se ve algo máis adiante algo azul (é un plástico) por aí é a entrada real para cruzar.


Temos que atravesar (só empezando a subida) unha zona encharcada e máis estes días nos que choveu moito. Ao mellor no verán está seco.


Vistas que temos dende o Prado das Chantas.

Vistas por outro lado.

Nuha das pedras, eu vexo o que semella o pescozo e a cabeza dun ser, non sei se humano ou animal...

Non se sabe de certo a función ou a orixe destas pedras grandes que delimitan un prado. Hai quen di que foi un lugar sagrado e quen opina que foi un curro medieval.

Prado das Chantas e os dous Penidos de fondo.

Aquí non medra ningunha árbore, só hai prados e montañas peladas. Para min, moi fermoso!!

Na foto seguinte vese o acceso ao Prado das Chantas. Non entrei por aí pero si saín.

Na foto seguinte, o Rego do Penido Novo que despois, máis abaixo forma a fervenza de Torez

Sigo pola pista entre paisaxes abertas onde os cabalos, eguas e poldros pastan libremente.

A pista remata algo máis adiante, por eso eu quero pillar este camiño que parece público pero que atopo pechado.

Ao pé do anterior peche hai outro que delimita outra finca e por aí vexo que un arame está baixo así que aprovito e por aí cruzo.

Teño que cruzar de novo para o camiño e repto con facilidad onde o arame está un pouco máis alto.


Agora si que xa me atopo no camiño que quero e dende onde as vistas son amplas.

Á dereita vexo o camiño por onde teño que ir despois.

Nun momento dado teño que abandonar o camiño que traio e cruzar este prado. Non hai problema, non hai peche ningún.

Desemboco neste outro camiño

Ao pé dos montes deste camiño predomina o eucalipto pero polo medio deles vin bastantes acivros

Volvo cruzar o Rego do Penido Novo. A fervenza de Torez non está moi lonxe.

Atopo outro peche, pero este podo abrilo ben e por suposto pechalo que é como hai que deixalo para que o gando non escape.

Este outro camiño ancho vai levarme á pista pola que subín antes.

E aquí conecto coa pista.

Ao chegar a este peche do principio, pegado ao Curro de Santo Tomé, atopo que está así, aberto. Tivo que ser un coche que vin chegar ata o Prado das Chantas cunha muller que viña vixiar o seu gando.


sábado, 17 de febreiro de 2024

SUBIDA AO PICATO PR-G 84 (TRABADA)

 Trabada é un dos primeiros concellos da Mariña luguesa que apostou polo sendeirismo, tendo nada menos que 5 rutas homologadas e ademais perfectamente acondicionadas e sinalizadas, que non sempre é así.

Desas 5 rutas, coa de hoxe xa fixen 4. As outras 3 son:

Fraga de Vilapena

Fraga da Becerreira

Ruta do Vento

A ruta de hoxe funa deixando estes anos porque sabía que había unha subida e non me gustan. Hoxe decidín facela e  resulta que é unha ascensión suave e moi curta (600m.) Gustoume o percorrido polas excelentes vistas dende o cume do Picato (podemos ver o val de Lourenzá, Trabada, distintas aldeas, montañas e o mar Cantábrico) e gustoume que non pisa absolutamente nada de asfalto, apenas hai eucaliptos (piñeiro silvestre e toxo baixo na zona alta) A tranquilidade é absoluta, nesta ruta case se escoita o silenzo. Cerca non hai casa ningunha, nin animais habituais nos montes como cabalos ou vacas...nada. Só vin un corvo e algún insecto pequeno. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular moi ben sinalizada.

De tódolos xeitos deixo o track que grabei en WIKILOC

Descripción:

Inicio esta ruta ao pé da área recreativa do Chao do Couso. Estou na parroquia de Vilapena, concello de Trabada.

Área recreativa Chao do Couso
Por un camiño ancho rodeado de piñeiros, empeza a ruta.
Empezando a ruta

A medida que imos ascendendo (de xeito moi suave) as árbores van desaparecendo e hai formacións rochosas.

Aparecen as rochas

Hoxe está un fermoso día de febreiro que permite desfrutar da camiñata e tamén poderei desfrutar das vistas.

Aló ao lonxe vense unhas antenas. É a cima do Monte Picato. Alí hai que chegar.

Ao lonxe, a cima do Picato

Atopo esta bifurcación (a ruta non ten perda do ben sinalizada que está) De facer a ruta curta, voltariamos polo camiño da dereita para enlazar ata o inicio polo que agora imos deixar. Empeza a subida.
Empeza a subida

É unha ascensión de 655m. non demasiado esixente.

Xa se ven as antenas. Estou chegando.
Chegando ao cume
 
Aquí houbo un panel con información do que se vía dende este lugar. O panel segue estando pero a información non.
Restos dun punto de información

Vales e montañas galegas e asturianas.



Vemos a vila de Trabada e tamén a costa cantábrica.

As vistas son excepcionais e o día moi propicio para desfrutalas. Nesta foto vemos a parroquia de Vilapena.

Polo oeste vexo todo o Val de Lourenzá e montañas próximas e lonxanas.
Val de Lourenzá e montañas.
 E agora toca empezar a baixar.

Baixando, seguimos desfrutando de fabulosas vistas.

Agora o noso chan é un carreiro de herba alta e mol.

A ruta estame gustando moitoooo!!

Facendo sendeirismo desfrútase dun asento en 1ª fila para ver esta fermosa paisaxe.

Remata o carreiro para enlazar cun ancho camiño:

A baixada do Picato deixa unhas vistas do máis femosas!

Paso por un refuxio.
Refuxio
Que haberá despois?

Pois despois....vemos esta alucinante paisaxe con Trabada ao fondo.

Estamos nunha zona alta onde as árbores non acostuman a medrar pero vemos algún que outro acivro.

Aquí temos a bifurcación da ruta curta ou longa. Se queremos facer a curta (5 km, aprox.) pillaremos á dereita e se facemos a longa como eu vou facer, sigo de frente.
Bifurcación

Aínda continuo a ver fermosas paisaxes pero axiña as vou perder de vista.
Acivro e vistas

O piñeiro silvestre é a árbore máis abundante nesta ruta. Dase en zonas con variada temperatura. A madeira destas árbores é moi compacta, a mellor de tódolos piñeiros que hai en España. É moi aprezada para usar na construcción, ebanistería e serrería e tamén para producir pasta de papel.
Piñeiro silvestre
Hai algunha zona do percorrido onde tamén medran as acacias. Hai especies desta árbore de folla caduca. Estas son de folla perenne. A acacia, na antigüidade era considerada como unha planta marabillosa polas súas propiedades curativas e para facer fuxir a mala sorte.
Estas árbores supoñen un problema en Galicia: hai zonas onde se están a propagar con moita rapidez, sobre todo as mimosas e a acacia negra que é a que se ve na foto. Son invasoras que supoñen unha ameaza para a nosa vexetación autóctona e para nós, os humanos xa que en caso de incendio estas árbores axudan a propagalo.
Esta planta“reduce de forma considerable la cantidad de luz en el nivel del sotobosque, disminuye la disponibilidad de agua en el suelo, altera de forma severa el contenido de nutrientes y produce acidificación en el suelo, altera las comunidades microbianas y las actividades enzimáticas del suelo, y disminuye la cubierta vegetal nativa, además de la diversidad de especies bajo su sotobosque”, subraya el investigador sobre esta especie que califica como ‘agresiva’ porque “produce tal cantidad de impactos en las zonas que invade que no permite la supervivencia de muchas de las plantas nativas”.
Acacias negras, unha árbore invasora.

Tamén hai algunha pequena zona onde se poden ver árbores autóctonas como algún carballo e amieiro que agora están sen follas.

Especies autóctonas

E como non? atopei tamén unha zona pequena de plantación de eucaliptos.
Monte de eucaliptos

Nun momento dado, xa case rematando aruta, á esquerda e aló embaixo está Vilapena.
Aló embaixo, Vilapena

E chegamos ao punto de inicio! Fun por Campelas e volvín pola Cruz da Cabana. Semella que os sinais apuntan ao mesmo sitio e o certo é que case é así porque os dous camiños, o de ida e o de volta, que aquí se bifurcan, conflúen no mesmo sitio na ida e na volta. Empezan paralelos e moi xuntos.
Sinais no inicio e fin da ruta

Unha vista xeral da área recreativa do Chao do Couso.
Área recreativa "Chao do Couso"


Páxina web consultada:
https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1477390/acacias-preciosa-letal-invasora-montes-galicia