Amosando publicacións coa etiqueta Provincia de Lugo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Provincia de Lugo. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de xaneiro de 2024

PASEO MARÍTIMO: PEIZÁS_PAMPILLOSA. RUTA CIRCULAR.(FAZOURO-FOZ)

 Hai pouco que foi inaugurado un novo tramo de Paseo Marítimo no concello de Foz: o que une a praia de Peizás coa praia da Pampillosa quedando deste xeito completado e unida toda a costa deste concello.

Eu quixen facer unha ruta circular co fin de alongar esta ruta porque só o paseo é unha distancia moi curta (2 km.) e así poder desfrutar tamén doutras zonas interesantes da parroquia.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,3 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Eu partín da área recreativa que está cerca da praia da Pampillosa e que en canto chega o bo tempo ten unha grande afluencia de xente. Dende este mesmo lugar parte tamén a Ruta do Río Ouro.

Área Recreativa onde está exposta a antiga Ponte de Ferro

Pillamos o mesmo carreiro que segue a ruta do Río Ouro. Vemos ao fondo a Ponte de Ferro, que é peonil, sobre o río.
Área Recreativa e Ponte de Ferro sobre o Ouro

A Ruta do Río Ouro, a pesares de ser bastante coñecida e promocionada, está sen sinalizar.

Pasamos ao pé da Obra Pía. Estes edificios formados por unha antiga escola(o pequeno) e a casa do mestre(o grande) foron rehabilitados non hai moitos anos.

Foron mandados construir por Francisco de Cora e Miranda, natural de Lieiro en S. Cibrao. En 1803, otorgou testamento aberto fundando unha escola en Vilarmea "Para la enseñanza de niños y niñas en las primeras letras, escrivir, contar, saber con inteligencia la Doctrina Cristiana, confesarse y comulgar, oir Misa con intención y devoción"

Na parte de atrás da escola, onde agora se ve un muro e árbores, houbo un lagar tamén construido por Francisco de Cora

Anos máis tarde, no 1951, apróbase o regulamento da Fundación "Obra Pía de Fazouro".

"Por orden ministerial del 11 de mayo de 1951 fue resuelto el expediente de transmutación de fines de la Fundación benéfico-docente "Obra Pía de Fazouro" acordándose que las rentas se apliquen en lo sucesivo al sostenimiento de clases complementarias de enseñanzas del hogar en la Escuela Nacional de niñas de dicha localidad"

Edificios da Obra Pía

A Obra Pía ten unha finca arredor que actualmente é unha área recreativa aínda que a día de hoxe está bastante descoidada. Apenas ten afluencia de xente porque os accesos son malos e non hai aparcadoiro cerca.


No mesmo entorno hai os restos do que foron uns muíños.
Antigos muíños

O percorrido continúa uns metros máis ao pé do río Ouro
Río Ouro
Abandonamos a Ruta do Río Ouro torcendo á esquerda por onde está o depósito da auga. Na foto, o río,un cabozo estilo Mondoñedo e ao lonxe os barrios da Pontevella, do Cachón e do Redondal.

Collemos a estrada que nos levará ao barrio do Souto. Vemos a Fonte da Pasada onde antigamente tamén se lavaba a roupa.
Fonte da Pasada
 A subida suave ao barrio do Souto.

O barrio do Souto está alto e ten fabulosas vistas. Só hai dúas vivenda e as dúas habitadas.
O Souto
 
Vistas dende o Souto
Vistas dende o Souto

Dende o Souto vemos outros barrios de Fazouro: Lousada, Villarmea, a Pontevella...etc
Vistas dende o Souto

Un camiño dos de sempre!! Poucos quedan xa nesta parroquia!

Pasamos polo antigo Camiño Real no barrio de A Rúa onde vemos unha curiosa construcción formada por un pozo e un pombal enriba. 
Pozo e pombal

Desembocamos no Polígono Industrial de Fazouro vendo o barrio de A Rúa.

Subindo á Granda temos boas panorámicas. En 1º plano, parte do Polígono Industrial e ao fondo, barrios de Fazouro: Bargado, Lousada...


Fazouro e parte da súa zona costeira.

Na Granda só hai unhas 4 casas. Penso que só unha está habitada.

E dende  A Granda baixamos á estrada xeral.

 Despois de cruzar a estrada xeral, cruzamos a ponte sobre a vía do tren.

Mirando cara ao Oeste vemos o lugar As Chaves en 1º termo e ao lonxe Bargado, Lousada...

Mirando cara ao Leste, vemos o barrio de Caldouceiro

Outro camiño de carro. Oxala non o asfalten! Non é necesario, tódalas vivendas próximas teñan bos accesos xa.

Ao rematar o camiño anterior, temos a opción de seguir de frente e enlazar xa co novo paseo marítimo ou ben pillar á dereita e ir pola estrada uns metros que foi o que eu fixen.

Uns metros máis adiante volvemos ter a opción de pillar á esquerda para o novo paseo ou ben seguir na estrada. Eu fixen esto último.

Deseguida, torcendo á esquerda chego á Praia de Peizás.

A praia de Peizás pertence case toda á parroquia de S. Martiño dentro do concello de Foz. ë unha fermosa praia con moita ocupación en verán que ten o inconvinte de que en marea chea se queda sen areal.
Praia de Peizás

Dende Peizás xa podemos camiñar polo recén inaugurado paseo. Eu prefiro facelo polo antigo carreiro que había antes, máis pegado ao mar e tamén porque había case masificación de xente no novo paseo.
Carreiro antigo

Por aquí non vai ninguén (todos e todas van algo máis arriba polo camiño "cómodo") A min gústame moito maís camiñar por aquí.

Se vas polo novo paseo, non podes contemplar esta marabilla!

Nin podes ver estas furnas:
Furna
Agora si que non segue a opción de ir pola beira do mar e teño que enlazar co paseo novo.

Había bon temporal no mar. Na foto vese por onde viña antes o antigo carreiro.

Estes carreiros son os que a min me gustan. Canto máis naturais, mellor!

Unha fermosa zona de lecer.

Imaxe do novo paseo.

O mar hoxe que hai temporal cgega arriba de todo pero en marea baixa aquí hai unha pequena e solitaria praia: é a da Pedras da Salsa ou Sarrido
Praia de Sarrido ou Pedras da Salsa

Fixeron esta ponte en madeira para salvar un rego que desemboca na praia anterior.

Outra vista do novo paseo.

Achegándonos á beira do mar vemos os acantilados que foi formando a erosión que nesta zona é moi grande. A paisaxe desta costa cambia nun curto espazo de tempo polos enormes socavóns que o mar vai formando, por este motivo levaron o percorrido do paseo bastante alonxado da beira do mar, se o fan moi próximo a el en poucos anos desaparecería.

Xa cerca do final do percorrido, vemos unha imaxe da outra parte de Fazouro: Bargado, Lousada, algo de Nois... e a praia da Pampillosa que é inmensa pero está convertida nun verdadeiro coído.


luns, 20 de novembro de 2023

MUÍÑOS DE BALEA+ PASEO DO LANDRO (VIVEIRO)



Hoxe fómonos a Viveiro para facer unha rutiña  curta e fácil bastante fermosa. En Viveiro, xa realizamos 3 rutas. Foron as seguintes:

-- C. N do Cantábrico: Esteiro-Viveiro

- C. N. do Cantábrico: Viveiro-Praia de Area Grande (O Vicedo)

- Paseo do Landro (Viveiro)

Viveiro é o concello da Mariña lucense con maior nº de habitantes e é unha cidade con máis de 900 anos de historia cun casco urbano excepcional, con monumentos de renome (Porta de Carlos V, Porta da Vila, do Valado;  igrexa de Santa Mª, de S. Francisco, a Praza Maior, a de S. francisco...empinadas rúas e casas con galerías acristaladas...o Mosteiro de Valdeflores...) Ademais deste inmenso patrimonio histórico ten tamén un grande patrimonio natural.

Características da ruta:

- Lonxitude: 7,8km.

- Dificultade: baixa.

- Ruta circular sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆

Descripción:

Aparcamos o coche no aparcadoiro que hai antes da porta de Carlos V, ao pé da ría. Esta porta foi edificada no S.XVI para sustituir a outra anterior. Foi realizada como homenaxe a Carlos I de España e V de Alemania polos favores que concedeu a esta vila. É unha das tres portas que se conservan de cando Viveiro estivo amurallada. En 1942 foi declarada Monumento Natural e é de estilo renacentista plateresco.

Porta de Carlos V

Nos xardíns de Noriega Varela, atopamos esta exposición itinerante que dende o 15 ao 29 de novembro estará en Viveiro. Trátase da exposición "A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía" que fai un repaso pola historia desta Casa Museo lembrando o fito que supuxo conseguir mercala, restaurala e musealizala en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas. Esta casa abriu ao público en 1971.

Exposición itinerante

A verdade é que nestes paneis aprendín ben cousas que non sabía!!

O perfil urbano da cidade de Viveiro parécese algo ao da Coruña polos edificios de galerías acristaladas.

Viveiro

Imos polos xardíns de Noriega Varela. Este escritor nacido en Mondoñedo, pasou os últimos anos da súa vida en Viveiro onde morreu en 1947.

Xardíns de Noriega Varela.

Estes canóns da foto foron da fragata Mª Magdalena que se afundeu na Ría de Viveiro no 1810. Antes de ubicarse nestes xardíns estiveros colocados noutras partes da cidade.

Camiñamos ao pé da ría. Ao fondo vemos o barrio chamado "O Paraíso"

Ría de Viveiro

Hoxe é domingo, día de mercado, e ao fondo, vemos os toldos dos diferentes postos.

A ría de Viveiro está formada pola desembocadura do río Landro.

Ría de Viveiro
O río Landro desembocando por debaixo de dúas pontes: a do tren e a da estrada. Este río nace no concello de Muras e percorre uns 37km. antes da súa desembacadura.

No inicio do Paseo do Landro, hai un muíño de mareas convertido en vivenda. Este tipo de muíños aproveitaba as mareas para xerar correntes de auga que movían a pedra hidraúlica e a moa para poder moer o gran. (Cando sube a marea, a auga almacénase e cando baixa esa auga retida, vértese ao mar de novo facendo xirar a roda do muíño)
Muíño de mareas

O Paseo está ben acondicionado e non ten ningunha dificultade  para percorrelo a gusto.
Paseo do Landro
 Varios regos entre xunqueiras van verter as súas augas ao Landro.
Rego no Paseo do Landro

Outro rego. A paraxe é moi fermosa.
Paseo do Landro

Sombras, bancos...nun paseo moi agradable e aínda que hoxe atopamos pouca xente, acostuma a estar ben concorrido este paseo.
Paseo do Landro
Unha enorme xunqueira rodea o río. Estamos nun espazo protexido pola gran cantidade de aves que viven aquí e que, máis que ver, poderemos oir.
Paseo do Landro

  Non percorremos todo o paseo, que chega ata Portochao (fareino noutra ocasión).

Pillamos á dereita un carreiro pasando pola pequena área recreativa de A xunqueira.
Área recreativa A Xunqueira
A Xunqueira é un barrio de Viveiro que no 2018 sufreu unha inmensa ríada porque o río Fontecova desbordou a causa, segundo os veciños, da falta da limpeza na parte alta do río que formou unha presa e esta rompeu causando a morte da veciña Amparo Berdeal como lembra unha placa que vimos colocada nun muro ao pé do mosteiro de Valdeflores.

Xunqueira

Este barrio segue a espera de obras que minimicen os efectos de posibles inundacións futuras. Hoxe, día 20 de novembro cúmprense precisamente 5 anos dende que as inundacións mataron a unha muller e causaron danos materiais neste barrio. O sábado houbo unha manifestación promovida pola Asociación de Veciños porque se senten "marxinados, desprotexidos e abandonados" dado que todo segue igual que no 2018.

Xunqueira

Lavadoiro restaurado ao pé do río FonteCova e campanario do mosteiro de Valdeflores.

O Mosteiro de Valdeflores foi abandonado no 2018 estando rexido por unha congregación de dominicas. Disque había problemas internos entre elas, que había dous bandos enfrentados, as máis novas coas de máis idade. 

A igrexa é gótica do S. XV e o mosteiro do S.XVII. Están declarados BIC(ben de Interese Cultural) e Monumento Histórico Nacional. As monxas dominicas, aínda que eran de clausura, elaboraban uns doces que tiñan sona en toda a comarca.

Con axudas e subvencións públicas o mosteiro foi restaurado por dentro e ten nova cuberta. Agora falta darlle un uso axeitado a ese enorme edificio que ten ademais unha finca que pecha un muro de grande extensión.

Mosteiro de Valdeflores

Aquí empeza realmente a ruta dos Muíños, neste carreiro que vai en leve subida ao pé do Rego Fontecova.


A chuvia e o vento destes últimos días arrancaron este castiñeiro,.

Din que houbo ao longo desta subida, nada menos que 25 muíños.

"A cal do muíños era un sistema de canles e estructuras para salvala pendente que proporcionaba auga aos muíños"

Tódolos muíños que quedan están en mal estado de conservación.

Ademais de proporcionar a forza para a moenda, a cal dos muíños levaba auga ás leiras que había na valgada, configurando unha rede de patos e terras de labor verdes durante todo o ano.

O que vemos na seguinte foto, foi o último muíño que imos ver. A vivenda, na parte de arriba, ten un corredor propio das casas galegas máis tradicionais.

Na parte de atrás da casa, aínda se pode ver perfectamente conservada a canle que levaría auga ao muíño.

Chegamos a este ancho camiño e pillamos á man dereita.

Cando chegamos despois duns metros ao remate deste camiño, antes de pillar á dereita, un carreiro lévanos ao pé destas cascadas que forma o Rego da Cova por enriba dunhas rochas:


Agora baixamos por este camiño pola outra marxe do rego:

Xa estamos de novo en Xunqueira:

Voltamos a Viveiro e non visitamos como pensábamos o centro da cidade xa que empezou a chover.


Páxina web consultada:
https://rosalia.gal/que-facemos/axenda/expo-50-anos-da-casa-de-rosalia-en-viveiro/