Amosando publicacións coa etiqueta Fonsagrada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fonsagrada. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de xaneiro de 2021

RUTA DO CASTAÑOSO (A FONSAGRADA)

 

Esta é a cuarta ruta que facemos en A Fonsagrada porque a natureza foi moi xenerosa con este concello e ten unhas paisaxes de interior moi fermosas: ríos, castros, montañas, fervenzas, soutos , carballeiras...dignas de visitar e de desfrutalas.

As rutas que xa levamos feitas, podense ver nos enlaces:

Rutas de sendeirismo: FORNO DO BOLO (A FONSAGRADA) + SEIMEIRA DE VILAGOCENDE

Rutas de sendeirismo: RUTA DOS PINTORES. A FONSAGRADA

Rutas de sendeirismo: PENA GUÍMARA (A FONSAGRADA) PR-G139

As rutas anteriores que fixemos están perfectamente sinalizadas pero esta deixa bastante que desexar. Hai algúns sinais pero precísanse máis, sobre todo ao principio da ruta. É importante axudarse con un track para non ter dúbidas.

A ruta do Castañoso atópase nun lugar moi recóndito, na montaña de A Fonsagrada, concretamente na Serra do Corno do Cervo. É bastante esixente a nivel físico debido ás baixadas e subidas e chan irregular pero ten poucos km. polo que unha cousa queda compensada coa outra.

É unha ruta moi pouco coñecida pero moi, moi fermosa. Nun lugar recóndito e con zonas practicamente virxes descubriremos unha ruta con grandes carballeiras, con fervenzas, un muíño, unha pequena capela, varios cortíns e un castro moi ben conservado e que é dos poucos de Galicia que ten unha sauna.

Características:

Lonxitude: 7km. aprox.

Dificultade: media 

Ruta circular regularmente sinalizada.

Descripción

Nós partimos da aldea de Castañoso pero hai quen a fixo dende a aldea veciña de Silvachá. Estas son dúas aldeas pertencentes á parroquia de Maderne.

ruta oficial parte dende Castañoso e dende logo é a que eu recomendo. Lin varios comentarios de xente que a fixo dende Silvachá e comentan que está moi mal, que non se pasa coas silvas e os felgos. Nós non temos ningunha queixa nese senso: a ruta estaba perfectamente limpa.

O inicio de ruta está AQUÍ:

Aparcamos ao lado do primeiro panel que indica a ruta


E imos uns 200 m. por estrada:

Nevara bastante nos últimos días e aínda se conservaba bastante neve:

Vemos nesta aldea perdida casas moi grandes e varias delas restauradas. Tamén vemos os cabozos de clara tendencia asturiana:


Chegamos ao segundo panel indicador e seguimos segundo nos marca a frecha. É aquí, no inicio, onde botamos de menos máis sinais aclarotorias, pois na aldea hai varias rúas e cruces nos que non está moi claro para onde hai que pillar. 


Esta é a capela de S. Gregorio en  Castañoso:

Alonxámonos da aldea:

E atopamos un prado pechado cunha cancela que abrimos e volvemos pechar. 

Aínda que semella unha finca privada e estaba pechada, o sinal mándanos por aquí:

E volvemos atopar pechado ao final do prado. Agora con arames. Fomos pasando...

A ruta adéntrase agora nunha fermosa carballeira:

Camiñamos rodeados de árbores centenarias:

Chegamos a un mirador que pensamos que hai moi pouco que o colocaron pois vese rozado ao redor de moi recente e a madeira tamén se ve moi nova:

Tamén se nota que estes sinais son novos. Agora podemos ir á dereita ou á esquerda. Se imos á dereita veremos a capela en ruínas de Santiago, un muíño e unha preciosa fervenza. Vale moito a pena esta visita e consta aprox. de 2km. entre baixar e subir porque se baixamos, logo temos que volver subindo ata este mesmo punto.

Esta é a capela de Santiago, hoxe en ruínas, ao redor da que antiguamente viñan romeiros de festa:

Tamén observamos corripas que eran construccións circulares de pedra para gardar as castañas:


O muíño de Penallo no rego das Covas é un deses lugares nos que te preguntas cómo virían construír un muíño tan lonxe(en realidade son sobre 2 ou 3 km. dende a aldea máis próxima) pero a maneira de chegar aí é por carreiros empinados e de dificcil aceso. O muíño, por desgraza, está nun estado de abandono total
O lugar é dunha beleza extraordinaria, un lugar onde só se oe a auga que se precipita nunha preciosa e caudalosa fervenza no medio de castiñeiros e carballos centenarios.


Voltamos sobre os nosos pasos e toca subir o baixado. Facémolo con calma, desfrutando da paz e da beleza que ofrece esta ruta. Deseguida chegamos de novo ao cruce e agora baixaremos ao Castro.
  Oímos ruído de auga moi cerca e collemos á esquerda, atravesando un bosque virxe para ver unha alta fevenza. Este desvío non está sinalizado pero deseguida vemos a auga. Sacamos a foto de lonxe sen achegarnos, pero podía facerse.

Volvemos retomar a ruta e toca baixar. Moito coidado quen non teña acostumado a facer sendeirismo por lugares así xa que a baixada pode resultar complicada nese caso. Non é o noso xa que levamos moitas rutas deste tipo ás costas.
Chámase  "calle dos mouros"a esta senda.

Cortín de Monteagudo. Un cortín é unha construcción de pedra onde se gardaban as colmeas para protexelas dos ósos.


Pouco despois atopamos o de López e Villar:

E así chegamos ao Castro de Castañoso, chamado "O Castelón". Está moi ben conservado e ten un edificio termal, unha sauna do S. I d. C que é a mellor conservada do noroeste penínsular, segundo os expertos.
Esta que se ve é a entrada á sauna:
 Xa dentro da sauna, vemos que conserva a chimenea:

As primeiras noticias que se teñen deste castro son de 1986. No 2011, o profesor de Santiago, Manuel Gago realiza un estudo da zona e chama a atención acerca desta sauna que corría perigo de derrumbe. No 2015 comenzan os labores de excavación do Castro nunha 1ª fase que continuará en 2017.

Como resultado das excavacións, descubrironse 8 vivendas moi grandes, aínda que non todas están reconstruídas, e a saúna que é a edificación máis destacada por ser moi grande e estar moi ben conservada.

O Castro sitúase entre os regatos Valdobarreiro e Covas, non ten terras de labranza ao redor e está separado do río por unha acusada pendente. Os estudosos pensan que os habitantes deste lugar se dedicarían á explotación das minas de ouro das proximidades.

No Castro de Castañoso queda aínda moito que excavar e descubrir.
Ao mellor por eso, os operarios que traballaron aquí non recolleron a "tenda de campaña" que empregaron. A verdade, non loce moito neste lugar:

Volvemos sobre os nosos pasos para afrontar a dura subida.
Carballos e castiñeiros centenarios nos acompañaron durante toda a ruta.
A medida que subimos, a neve vai aparecendo.
Castañoso está a unha altitude duns 700m.

Xa vemos as primeiras casas da aldea:

Marchamos moi contentos de ter feita esta ruta que nos namorou e penso que ten moito potencial para ser realizada pero deberán sinalizala mellor e publicitala máis.

Aínda que vive algo de xente en Castañoso, só vimos como seres vivos a un can e a este cabalo:

Un track para seguir a ruta e non perderse pode ser ESTE que parte dende Castañoso. os outros tracks que vin parten de Silvachá.

Aquí deixo un vídeo que atopei en Youtube con información relativa ás escavacións no Castro.



luns, 8 de xuño de 2020

FORNO DO BOLO (A FONSAGRADA) + SEIMEIRA DE VILAGOCENDE



Para empezar 2020, voltamos de novo á Fonsagrada por terceira vez. Este é un concello con moitas e fermosas rutas de sendeirismo. E hoxe vai tocar ver tres preciosas seimeiras, dúas na ruta Forno do Bolo e a máis coñecida e nomeada Seimeira de Vilagocende.

Situación de A Fonsagrada nun mapa de Galicia:

RUTA "FORNO DO BOLO"
CARACTERÍSTICAS:
Lonxitude: 4,5km.
Dificultade: fácil
Ruta circular ben sinalizada.

DESCRIPCIÓN:
Esta pequena ruta empeza en Queixoiro, aldea de A Fonsagrada que se ubica AQUÍ
Cruzamos esta aldea e a uns 200m. atopamos o inicio de ruta:
Queixoiro que consta de 6 habitantes

Dispostos a empezar a camiñar nun frío día de xaneiro

Baixamos entre piñeiros e eucaliptos por un ancho camiño ata o regato de Tronceda:


Chegando xa ao río:
Esta ruta foi acondicionada no ano 2013
Instaláronse varandas de madeira como protección

Seguimos o curso do río:



Cruzamos unha ponte de madeira:

E atopamos unha pequena área de recreo con mesas e bancos nun souto:


Continuamos pola beira do río camiño das seimeiras:



E atopamos a primeira seimeira: Coroa de Arriba:


Subimos as escaleiras e axiña chegaremos á segunda seimeira:





A segunda seimeira desta ruta : Coroa de Abaixo

Unhas escaleiras permiten ver esta seimeira dende distintas perspectivas:



A partires de aquí, por un camiño ancho volvemos deseguida ao punto de inicio.
Como esta ruta é moi curta e fácil, sobrounos tempo antes do xantar e decidimos ir ver a mais famosa das seimeiras de A  Fonsagrada: a de Vilagocende. 

SEIMEIRA DE VILAGOCENDE
CARACTERÍSTICAS:
Lonxitude: 3 km. en total
Dificultade: fácil
Ruta lineal ben sinalizada.
DESCRIPCIÓN:
Despois de pasar Fonsagrada pola LU-530, temos que desviarnos á dereita e seguir 7 km. por LU-721 ata chegar ao Fito onde xa temos un cartel informativo. 

Temos que deixar o coche AQUÍ


Imos por ese camiño ancho 1,5km. aprx. ata chegar á seimeira. A seimeira de Vilagocende ten unha caída de 54m de altura e aos seus pés podemos contemplar un fermoso bosque de ribeira. Esta fervenza forma parte do río Porteliña.



Para o xantar, desplazámonos ata Santa Eulalia de Oscos onde comemos divinamente en Casa Pedro: