Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2020. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2020. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de decembro de 2020

RUTA DO MONTE CIDO (O COUREL)


 Calquera ruta de sendeirismo no Courel é espectacular. A de hoxe non ía ser menos pois falamos dun monte , o Cido, mítico entre os veciños da zona xa que o seu nome parece ser que provén do latía occidio que significa matanza e moitos estudosos sitúan aquí o Monte Medulio no que tivo lugar a batalla dos galaicos no ano 22 a. C contra os romanos e onde os guerreiros se suicidaron con veneno de teixo antes de caer esclavos.

É esta unha ruta moi fermosa e interesante que atravesa o Monte Cido onde veremos reboleiras, aciñeiras, arandos, soutos... pasando por varias aldeas e polo castelo de Carbedo.

O Courel nunca, nunca defrauda!!

Características:

Lonxitude: 8 km. (Nós tamén subimos á cresta do Monte Cido e eso supuxo uns 2km. máis aprox.)

Dificultade: Media polas subidas e baixadas e o chan irregular nalgunhas zonas.

Ruta circular ben sinalizada, agás nun pequeno tramo en Esperante onde hai que fixarse moito.

Descripción:

A ruta parte da aula da Natureza de Moreda. A ubicación concreta, AQUÍ


Uns metros máis adiante aparece a aldea de Moreda  que temos que cruzar pola parte de abaixo. Ao fondo, vemos o M. Cido:



Pasamos por diante da capela de S. Mateo:


E xa nos adentramos no Monte Cido:


Vémonos rodeados de aciñeiras, árbores máis propios de climas mediterráneos pero que debido á terras calizas medran estas especies pouco comúns no resto de Galicia.

Se miramos cara atrás vemos Moreda, unha aldea en forma escalonada. A presenza de tantas aciñeiras está dando forma a un proxecto por parte de veciños desta aldea de cría de porcos  que se alimentarían dos froitos destas árbores:

Ao longo da ruta pódese desfrutar de algún poema de Uxío Novoneyra, o poeta destas terras:

De súpeto, cambian as especies arbóreas e dan paso aos rebolos (clase de carballos) dando lugar a bosques de reboleiras:



No medio desta reboleira, decidimos ir ata a cresta do Monte Cido apartándonos da ruta:

Estas paisaxes contemplamos dende o pico do Cido:




Despois de retroceder o andado (1,5 km. aprox. ida e volta) baixamos cara a Esperante:




Agora temos que pillar á dereita, por debaixo dese cobertizo:


Abandonamos a aldea pasando a carón da capela de S Roque:


Imos agora camiño a Carbedo pero antes pasaremos por Liñariños , ámbalas dúas aldeas pertencen á parroquia de Esperante.

En Liñariños non vimos a ninguén. Semellaba que esta aldea estaba abandonada.

E deseguida chegamos á Carbedo, onde si vimos a unha rapaza.

Dende esta aldea, deseguida chegamos ao Castelo de Carbedo, fortaleza de estilo medieval situada a 930m de altitude. Consérvanse muros en ruínas, unha torre circular e divisións interiores. Está situado sobre unha rocha moi grande que lle serve de defensa natural.
A misión deste castelo era de defensa e vixiancia entre Lugo e León. Aquí atopouse unha "táboa de hospitalidade" datada do ano 28 a.C. que se conserva no Museo Provincial de Lugo.


E xa que estabamos, fomos explorar ao seu redor.

Vistas dende o Castelo:

Abandonamos o Castelo para dirixirnos xa a Moreda. A ruta lévanos por un camiño de carro típico de aldea e con tanto que choveu estes últimos días e ao derretir a neve que tamén caeu, estaba completamente inundado durante un tramo de aprox 200m.:


Axiña chegamos á carretera:

E xa vemos Moreda, aló abaixo:

Imos uns poucos metros por carretera.

E deseguida pillamos á dereita como indica o sinal:

Baixamos esta pequena finca (uns 100m) e volvemos á carretera xa ata Moreda, contemplando á nosa dereita o Monte Cido que acabamos de cruzar:

As últimas luces do día embelecen aínda máis a paisaxe:

Entramos en Moreda pola parte de arriba, ao revés de por onde o fixemos á saída:


Levamos unha visión completa desta aldea, xa que á mañá saímos da parte de baixo atravesando polo medio e agora atravesamos a parte de arriba:

Os últimos raios de sol, no Cido:


A parte de abaixo de Moreda, de onde partimos ao comenzar esta fermosísima ruta:


luns, 7 de decembro de 2020

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. PRAIA DE AREALONGA - PRAIA DE ANGUIEIRA (BARREIROS)


Camiño Natural da Ruta do Cantábrico é unha iniciativa que emprendeu no ano 1993 o Ministerio de Agricultura, Pesca , Alimentación e Medio Ambiente dentro do programa "Caminos Naturales", ao longo de toda España.

Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, ten máis de 150 kilómetros. O seu percorrido permite visitar vilas mariñeiras como Ribadeo, Foz, Burela...e desfrutar de tódalas praias bañadas polo mar Cantábrico.

Está dividido oficialmente en 7 etapas. Nós realizamos a primeira en dúas veces:

Ribadeo-Rinlo e Rinlo -Reinante

 Hoxe e, debido ás restriccións pola pandemia actual, realicei eu soa o tramo Praia de Arealonga - praia de Anguieira no concello de Barreiros dentro xa da 2ª etapa oficial.

Características da ruta:

Lonxitude: 7 km. aprox.

Dificultade: nula

Ruta lineal perfectamente sinalizada

Neste tramo eu destaco a inmensa cantidade de praias que vemos.

Descripción:

Saín da praia de Arealonga que como o seu nome indica, é longa: case 1 km. de lonxitude. Esta praia limita coa das Catedrais e atópase entre as parroquias de Reinante e S. Miguel, estamos xa no concello de Barreiros.

Praia de Arealonga:

Aquí o camiño vai durante 1km. aprox. pegado á carretera:

Pareceume moi interesante este cartel. Moita xente sente noxo das olgas cando só son plantas.

No inverno, en época de temporais, acostuma a haber zonas de coios na praia.

Esta é unha zona na que moita xente, sobre todo da cidade de Lugo, ten aquí a súa 2ª residencia para veranear. Estamos en decembro, a maioría das casas están pechadas.



Dende aquí pódese apreciar ben o longa que esta praia:

Agora o Camiño vai máis pegado ao mar:

Hoxe o Cantábrico non tiña ganas de bromas:

Estaba moi bravo:

Un rincón que me chamou a atención:

Deseguida atopei a Punta do Castro: nesta península houbo un Castro que actualmente só conta cunha muralla e un foso. Nos anos 90 do S. XX levouse a cabo unha exploración da súa superficie e atopáronse diversos obxectos de bronce e restos cerámicos.





Moi cerca, temos a praia de A Pasada, xa na parroquia de S. Miguel. Está resgardada por cantís. Está declarada Lugar de Interese Comunitario, ao igual que a anterior de Arealonga.
Praia A Pasada


E a continuación temos Punta Corveira, unha prolongación da praia de Lóngara á que se pode ir con mascota dende o 2017.

Punta Corveira

Deixamos atrás Punta Corveira. Agora o noso camiño é de pedra:


Á nosa esquerda vemos vivendas e máis vivendas nun lugar no que ata hai poucos anos todo eran prados. Nesta época todas están pechadas. No verán, pola contra, esta zona é un bulir de xente.



Uns detalles do Camiño:



Agora chegamos á praia de Lóngara que pertence á parroquia de S. Pedro de Benquerencia. Esta praia ten unha formacións rochosas moi grandes:

Praia de Lóngara

A continuación , a praia de Fontana Balea que tamén pertence á S. Pedro de Benquerencia. É unha praia de máis de 1km. moi fermosa e con moitos cantís.

Praia Fontana Balea


A continuación, pasamos por unha pequena praia na que a xulgar polo seu nome "Oliñas" e a figura dunha táboa de surf alí colocada, debe ser un lugar frecuentado por surfistas.
Alguén colocou alí unha silla non sei se para contemplar o mar ou aos surfistas ou ámbalas dúas cousas:


Dende aquí xa podemos ver a vila de Foz e, se o día estivese despexado, ata Burela.


Praia de Oliñas:

Agora o traxecto vai por chan de lousa e segue pegadiño ao mar. As vivendas seguen todas pechadas...

E agora cambiamos a un chan de madeira, algo que particularmente non me gusta nada. En bastantes rutas de sendeirismo á beira de ríos e mares nos atopamos este tipo de chan que se chove (algo que xa sabemos que ocorre con frecuencia na nosa Comunidade) ponse moi perigoso xa que esvara moitísimo coa posible consecuencia de caídas.

Nesta zona, ao longo de todo o litoral só se ven novas construccións:

Esta é a praia de 
Coto, magnífica, de case 2km. Nesta praia ían bañarse exclusivamente as mulleres entre 1920 e 1930.
Praia de Coto

Pegada a esta praia está a de Acantilado Remior, que xa pertence á parroquia de S. Cosme.
Á dereita vemos a chamada Pena da Salsa que separa a praia de Coto  desta.
Praia Acantilado Remior

 Unha vista do paseo polo que imos e a praia de Acantilado Remior:




As praias sucédense ininterrumpidamente. Agora estamos na de S. Bartolo que debe o seu nome á pequena capela situada moi preto. Esta é unha praia pequena e coa marea chea apenas queda area.

Praia S. Bartolo


Unha vista do Camiño a percorrer:

A carón da praia atopamos a capela de S. Bartolo. En tempos pasados, cando aínda Barreiros non estaba inmerso no boom turístico que hoxe ten, ao redor desta capela xuntábase moita xente de toda A Mariña nunha romaría que se celebra o 24 de agosto. Daquela, polos moitos prados que había (hoxe ocupados por casas e máis casas) os romeiros estendían os seus manteis e cestas con comida.
Capela de S. Bartolo

Cada vez vemos Foz máis cerca:

Chegamos á praia de Altar . Unha praia longa, de 1100m. e que coa marea baixa pode chegar a medir ata 140m. de ancho.
Esta praia debe o seu nome aos sacrificios que en tempos remotos como ofrenda aos deuses tiñan lugar na gran rocha que se atopa no centro. Esta pequena illa chámase "Pena de Altar" e é accesible en baixamar.
Praia Pena De Altar


Agora desembocamos na carretera e seguimos por ela uns 500m.

No punto final da ruta de hoxe agárdanos unha paisaxe de gran beleza conformada pola Ría de Foz e a fermosa praia de Anguieira. Estamos no interior da Ría do Masma , zona de especial protección para as aves(ZEPA)Ría de Foz-Masma, espazo reservado para as aves en perigo de extinción.


Praia de Anguieira