Amosando publicacións coa etiqueta ruta fluvial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta fluvial. Amosar todas as publicacións

domingo, 10 de decembro de 2023

PRAIA DE BARAYO- CASCADA DO POZO FERO (VALDÉS)

 Ao estar tan cerca da Mariña lucense, o cancello de Valdés non é un descoñecido para min. Neste concello xa realizamos 3 rutas. Estas:

Los LLugarinos (Trevías)

Cabo Busto

Luarca-Praia de Portizuelo-Luarca

Hoxe realizamos unha ruta moi fermosa e interesante, é costeira e fluvial xa que estaremos na praia de Barayo e no río do mesmo nome, no que decubriremos unha cascada sen sinalizar, preciosa e nun entorno idílico.

Características:

- Lonxitude: 8,4 km.

- Dificultade: fácil.

- Ruta circular sinalizada parcialmente. Deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos do aparcadoiro máis pegado á praia de Bayota.

Imos por este carreiro uns 200m.

Ata atopar unhas rústicas escaleiras que nos baixan á praia.


Pero...OLLO!! Nesta praia desemboca o río Barayo e para accder á praia por este lado teremos que cruzalo a pé. Esto só será posible en marea baixa e cando estas son grandes, se non queremos mollarnos claro.
O río Barayo na súa desembocadura.

Así estaba o acceso á praia. A marea xa estaba subindo e había bastante auga. Se fose verán aínda poderiamos cruzar pero agora en inverno non apetece.... así que demos a volta.
O río Barayo xuntándose co Cantábrico

Demos a volta outra vez ata os aparcadoiros e optamos polo acceso máis largo.

Agora baixamos á praia polo outro acceso: ao principio un ancho camiño que deseguida se mete á esquerda . Vemos un indicador da "Senda Costa Naviega" (unha ruta que une esta praia de Barayo coa vila de Navia pasando por toda esta costa) Nós fixemos xa un tramo desta fermosa ruta: dende Barayo ata a praia de Frexulfe hai uns anos.

Agora un carreiro vainos levar xunto ao río Barayo.

Atopamos un muiño en estado ruinoso ao pé do río que logo chegará á súa desembocadura.

 Nun fermoso entorno temos que cruzar unha ponte sobre o Barayo.

Por aquí, a ruta a seguir está perfectamente sinalizada.

Leva chovendo bastantes días de forma continuada o que fai que o camiño estea anegado en varios tramos. Buscamos alternativas para pasar por sendeiros xa pateados.

Na entrada á praia vemos un cartel en forma de táboa de surf  que entre outras cousas di:
"La Reserva Natural Parcial de Barayo constituye un claro ejemplo de sistema dunar-   estuarino con unalto valor ecológico y paisajístico"


Hai tamén varios letreiros que nos piden por favor non pisar as dunas xa que son ecosistemas moi fráxiles e que se erosionan facilmente se son pisadas.

Sabemos que na parte leste da praia hai unhas covas chamadas Las Sántinas que só se pode acceder a elas cando a marea non está moi chea. Tivemos sorte: a auga estaba subindo pero non o suficiente para que non poideramos adentrarnos nelas.

As covas tenen unhas cores espectaculares!!


A praia de Barayo foi considerada no 2022 como a mellor de España segundo o xornal británico The Times. É una praia salvaxe, illada á que non chegan os vehículos, de area moi fina e en cor oscuro. Rodeada de acantilados, na súa parte leste, ceca das covas, practícase o nudismo. Ten un sistema de dunas e marismas de gran valor.

O río Baraya ao desembocar forma unha inmensa marisma na que, entre outras plantas, medran os xuncos.

Atravesamos outra vez o bosque, agora en sentido contrario.

 Voltamos cruzar a ponte e estamos de novo no muíño.

Viñemos polo carreiro da dereita. Agora seguimos de frente, polo camiño ancho.

As árbores mostran as súas cores outonais.

Á beira do camiño, nun monte vemos esta placa e esas pedra que nos fan pensar que sí está enterrada unha persoa.

Imos pegadiños ao río. O río Barayo é o límite natural entre os concellos de Navia e Valdés, é un río moi curto que nace no concello de Navia e que forma na súa desembocadura un espectacular estuario.

O camiño tiña tramos anegados polo desbordamento do río e pasamos como poidemos polo monte.

Na foto seguinte, por onde vai a auga non é o río, é o camiño.

Pasamos por Cerro del Castán (cerro: elevación natural del terreno de poca altura y aislada) onde hai uns apatamentos.


Cerro del Castán
Atravesamos despois un piñeiral.
 E baixamos á cascada por un carreiro:

Formada polo río Barayo, a cascada de Pozo Fero é moi descoñecida e sen ningunha sinalización para chegar a ela. Non é alta pero a auga baixa con moita forza e o entorno é precioso!!
Cascada de Pozo Fero

Damos a volta dende a cascada e chegamos ao cruce onde nos desviamos antes e en lugar de voltar polo mesmo sitio, decidimos subir á esquerda por un camiño que nos vai levar ao outro aparcadoiro de Barayo. Segundo subimos, vemos o desfiladeiro por onde vai o río e ao lonxe vemos un pouco o mar.

Na foto seguinte, vemos o outro aparcadoiro que é onde oficialmente empreza a ruta da Senda Costeira Naviega.

Imos durante 1,5 km. por estrada.

Ata pillar un camiño á dereita durante uns metros.



Atravesamos unha terra porque víamos xa o coche moi cerca e tiña tanta auga das últimas chuvias que nos enterramos ata os nocellos.

















luns, 27 de novembro de 2023

RUTA DA AUGA. PR-G 250 (ZAS)


Fervenza do Rabiñoso 

No concello de Zas realicei esta outra ruta este mesmo ano:

Pedra Vixía e Torres do allo 

Esa foi unha ruta preciosa que me encantara, aínda que estaba máis descoidada ca de hoxe e sen sinalizar.

A ruta de hoxe é super coñecida e moi frecuentada, moitas veces por xente non sendeirista que o único que vai buscando é a foto nas fermosas cascadas e tanto dende Budían ou dende Parga, a onde chega o coche, quedan moi cerca.

Zas é un concello da provincia de A Coruña que pertence á comarca de Terra de Soneira. É un concello que non chega aos 5000 habitantes. Ten 16 parroquias e a nosa ruta de hoxe transcorre pola de Gándara.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular, homologada e perfectamente sinalizada.

O meu track en Wikiloc

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Iniciamos a ruta ao pé da Ponte sobre o río Sisto.

Xa dende o principio aparecen os muíños coma este, chamado "Muíño da Ponte"

O noso percorrido empeza seguindo o río Sisto.

Vemos antigos muíños case de seguido. Chegou a haber ata 17. Na foto de abaixo temos dous xuntos: os de "Ramón e o do Zapateiro" Case tódolos muíños están rotulados co seu nome.
Muíños de Ramón e do Zapateiro
Non hai ningún muíño restaurado, todos están en ruinas.
Muíño de Castro e Novo en pésimas condicións.

O seguinte, de Trelles, está bastante ben conservado.
Muíño de Trelles

Seguimos ao pé do río nun percorrido relaxante nesta fría mañá de novembro.
 
Cantos anos terá a ponte de pedra da seguinte foto?
Ponte de pedra
Camiños ancestrais con valados de pedra e que, a pesares que os eucaliptos parecen ameazar, aínda se conservan árbores autóctonas.

O camiño remata nunha estrada local. Remata o tramo lineal e imos empezar o tramo circular. Podemos ir á esquerda ou á dereita. Nós optamos por coller á esquerda como recomendan nas indicacións.

Budián.-
O primeiro que vemos ao entrar nesta aldea é unha pequena e coidada área recreativa.
Área recreativa de Budián
Budián é unha das 8 aldeas que conforman a parroquia de Gándara. Cruzamos esta aldea descubrindo unha arquitectura tradicional en forma de hórreos, cortes, pendellos, cabanotes, fornos...en pedra.


Cabazo tipo Fisterra (variedade Soneira) que non leva cruz nin pináculo no teito

En Galicia existen varios tipos de hórreos chamados tamén de distintas maneiras, segundo a zona. Aquí, na Mariña de Lugo, son coñecidos como cabozos e nesta zona que hoxe visitamos chámanlles cabazos.
Budián
Os cabazos que vemos nesta aldea son do tipo "Fisterra, variedade Soneira". Carlos Regueira é autor dunha obra moi coidada titulada "Atlas de hórreos de Galicia" onde documenta preto de 10000 hórreos, un terzo dos que se estiman que hai na nosa Comunidade.

Os hórreos tipo Fisterra, variedade Soneira, ás veces levan cruces e/ou pináculos no tellado como neste caso:

As súas casas de pedra coidadas con mimo compleméntanse cos valados de pedra.

Abandonamos esta fermosa aldea por un camiño que nos vai levar á fervenza.

A fervenza de Budián vai ser a 1ª que atopemos. Non ten moita altura pero o entorno é precioso! Está formada polo chamado Rego da Fervenza ou do Muíño Vello que dsemboca no río Sisto.
No seguinte vídeo é como mellor se ve:



Ao pé da cascada hai un muíño e un banco no medio dunhas rochas. Hoxe debido ao inmenso caudal da cascada non poidemos sentarnos nel. 

Nesta ruta ao ser protagonista a auga, non faltan os muíños que no pasado cumpliron funcións moi importantes na economía e vida social das aldeas galegas.

Seguimos durante uns metros máis ao pé do Rego da Fervenza.

 Ata que cruzamos esta pontella de pedra.

E aínda seguimos un pouco máis ao pé do rego tendo que apartarnos algo del nesta ocasión na que inundaba un pouco o carreiro.

Atravesamos a aldea de Parga. Esta aldea ten un dato moi curioso: conta con 2 horas menos de sol que o resto da parroquia xa que o Monte Pión abrígaa polo nacente e o Bico de Meda polo poñente.
Parga
Voltamos ao río porque xa estamos moi preto da 2ª cascada. As pontellas de pedra fascínanme! Ao carón desta pontella facíase antaño o lagado do liño.
Pontella
Esta fervenza de Parga ten unhha lenda: unha moza afogouse nestas augas porque non podía estar cerca do seu namorado e este foise e nunca máis voltou. Nas noites de lúa chea cando o son da fervenza é atronador, escóitase a moza chamar polo seu namorado.
Fervenza de Parga
A forza da auga foi empregada no pasado por un muíño fariñeiro e dous batáns. O entorno, moi fermoso.
Entorno da fervenza de Parga
Seguimos pegados ao río. Esta ruta é maioritariamente fluvial, pisando moi pouco asfalto e algún camiño interior.

 No vídeo vemos moito mellor a fermosura desta 2ª fervenza que os veciños coñecen como "Fervenza do Pozo do Muíño"

O percorrido é moi doado. Onde máis coidado hai que ter é na cascada de Budián, xa que hai que subir e baixar entre rochas para contemplar ben a fervenza e poden estar húmidas e esvaradías.

A seguinte e última fervenza é a de Rabiñoso que salva un desnivel de 45m. en pouco máis de 200m. de percorrido. Esta fervenza é espectacular tamén e vai facendo varios saltos. Este da foto é o 1º.
Fervenza de Rabiñoso

Imos subindo e vemos outro salto máis que é onde está situado o famoso bambán que seguro que fai as delicias de influencers e instagramers.
Fervenza de Rabiñoso

Hoxe atopamos a moi pouca xente facendo esta ruta así que tivemos o bambán para nós solos.

A cascada do Rabiñoso en vídeo:


Ata 5 muíños chegou a haber neste entorno da fervenza.
Muíños
Moi cerca dos muíños e da cascada está a ponte de Laxe e penso que é xa a 3ª ponte que vemos deste tipo: pedra grandes para atravesar un rego ou un río colocadas derriba duns piares ou muros laterais.. Son construccións tradicionais asociadas a vías ou camiños froito da evolucións dos pasadoiros ou poldras, normalmente cando o río leva bastante caudal e non abonda coas construccións anteriores. Algunhas destas pontellas permiten o paso do gando e incluso dun carro.

                                                                         Ponte de Laxe

Saimos a unha estrada local pola que camiñamos uns 500m. antes de volver meternos por un camiño.

Un camiño antigo de carro onde predominan agora os eucaliptos, aínda que tamén vimos varios acivros.

Cruzamos outra vez o río Parga ou do Sisto para enlazar á esquerda co tramo lineal da ruta e chegamos deseguida ao punto de inicio.

Rematamos xantando no restaurante Casa Maroñas, a 7 minutos en coche dende o fin da ruta. Había moita xente e tivemos que agardar unha hora pola comida pero a verdade é que valeu a pena. Foi espectacular!!

Páxinas web consultadas:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/12/20/span-langgl-monumental-atlas-actualiza-percorre-spanos-horreos-galicia/0003_201712G20P39994.htm
https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/tesouros-berdoias-xii-99-cabazos-da-parroquia-i/20200926113848122176.html