mércores, 7 de decembro de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: LIRES (CEE) - CABO DA NAVE (FISTERRA)

Pronosticaban un bo día para camiñar con nubes e sol e nada de chuvia. Non acertaron e eu non me volverei fiar. Non vimos nin un só raio de sol e o que é peor: choveu e moito, tanto que nos empapamos. Uns máis ca outros (eu a peor) porque ao pronosticar bo, non levamos roupa axeitada. Por este motivo, a ruta quedou algo deslucida sobre todo nas fotos e non a desfrutamos tanto como nos houbese gustado. A chuvia é o inimigo nº 1 de calquera ruta de sendeirismo!

Con chuvia e todo, o tramo de hoxe foi fascinante. Encantoume a pequena Ría de Lires, ver os tractores en continuo movemento entrando e saíndo da praia para recoller a abundante alga para abono das terras, os impresionantes cantís, a praia do Rostro...

Características:

Lonxitude: 15,5 km.

Dificultade: moderada

Ruta lineal na que os sinais verdes dos trasnos nalgúns puntos están moi descolidos e custa velos.

Deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción:

Saimos de Lires, onde rematamos o  tramo anterior. Estamos no concello de Cee e Lires é unha parroquia do mesmo. Esta vila, que foi sobre todo agrícola no pasado, aposta actualmente polo turismo e ofrece varios aloxamentos en forma de casas rurais e cabanas turísticas aproveitando que o Camiño de Santiago a Fisterra pasa por esta localidade e agora tamén o fai outro Camiño: o dos Faros.

Lires foi pioneira en turismo rural xa que no 1968 empezou a ofertar aloxamentos deste tipo.

Lires mira ao mar a través da súa ría.

Ría de Lires e praia de Nemiña ao fondo.

Os coches quedaron aparcados xunto ao  hotel-restaurante As Eiras no que tomamos café á volta.

 Atravesamos a aldea e fomos vendo diversos tipos de aloxamento ao pasar:


Casas restauradas para o turismo que son moi fermosas:

Os numerosos hórreos que vimos son a testemuña do pasado agrícola desta aldea.

 A Igrexa de S. Estevo foi construida no S. XVII sobre os restos dunha anterior. 

Igrexa de S. Estevo
Frente á igrexa temos este espazo de farois, bancos e mesa onde empeza outra ruta circular que vimos anunciada nun cartel: a Roteiro da Meigha Lírea, unha ruta circular de 9 km. que empeza e remata neste punto e comparte traxecto co Camiño de Santiago nun 1º tramo e co Camiño dos Faros nun 2º tramo. Atoparemos por este motivo uns postes de madeira con frechas verdes e vermellas que son o símbolo desta ruta.

Ao cruzar a ponte sobre o
río Lires que vemos na foto, sepáranse os Camiños. O de Santiago, vai para a esquerda e o dos Faros pola dereita.
Lires
Camiñamos á beira da ría que é a máis pequena de Galicia. Esta formada pola desembocadura do río Castro que vimos no tramo anterior. O río que vemos na foto é outro: o río Lires que tamén desemboca aquí. Vimos centos de garzas na ría, todas na outra beira, onde está a piscifactoría. Seguro que por alí teñen moito que comer...
Río Lires

Empezamos a ver un trasiego de tractores que ían e viñan e preguntabámonos de onde viñan e para onde irían e que transportarían. Deseguida saimos de dúbidas.

Os tractores tranportaban algas para abono das terras. Falamos con Alejandro, un home que manexaba un dos tractores e comentounos que era o mellor abono e o máis barato, claro.


Vemos o camiño polo que pasamos o último día, do outro lado da ría, entre piñeiros.

O río Castro desembocando na praia de Lires

Había na praia unha gran actividade , un non parar de tractores que chegaban baleiros e saían cargados coa alga.

 

E aí mesmo, ao pé da praia, atopamos a María que viña de pasear. É unha muller coa que mantivemos unha longa conversa e máis tempo que a escoitaríamos se non tivésemos que andar o camiño. Contounos que foi percebeira, que traballou moito dende nena, que estivo servindo nunha casa de "abolengo" en Vaosilveiro por onde pasamos no tramo anterior (a única casa que se ve antes da ponte) e o patrón aconselloulle que fose aos percebes; contounos que o seu home estivera emigrado en Brasil e que ao voltar traballara na piscifactoría de troita que hai en Lires...contounos que vía moito a TVG e que Lires foi o 1º sitio da Costa da Morte onde empezou o turismo rural no 1968, que incluso a única filla que ten era dona dunha casa de turismo rural. Un pozo de sabiduría esta simpática muller que nos dixo que o máis importante era sempre a saúde e que non deixasemos de camiñar mentres poidesemos, que ela o seguía facendo, que non se quedaba sentada na casa...

Grazas María! Non esquenceremos as súas palabras!

Escoitando con atención o que nos contaba a señora María

Vemos as pequenas praias de Area Grande e Area Pequena. Está xuntas, só separadas por un saínte rochoso que en marea baixa se pode atravesar facilmente. Chegar a estas praias só é posible baixando por un carreiro.
Vemos un camiño moi verde ao fondo, en Punta Lagoa, que é por onde teremos que subir. É empinado, pero moi curto.
Praias de Area Grande e Area Pequena e Punta Lagoa


Mirando cara atrás vemos o que levamos percorrido.

 Os cantís da Lagoa son impresionantes e o sendeiro vai ben pola beira pero non tan cerca que supoña ningún perigo se imos con precaución.

De súpeto empezou a chover e a calidade das fotos vai sendo peor cada vez pero aínda así nos permiten adiviñar a grandiosidade destes acantilados e os sendeiros que requiren unha mínima condición física para percorrelos sen problema pero son esixentes, claro, e non serven para calquera.

 
Vemos a praia do Rostro que cruzaremos dentro de pouco.

Os cantís da Mexadoira  tamén son espectaculares.


Aló embaixo vemos un saínte de forma peculiar que din que ten forma de naris. Nesto da semellanza das rochas con distintos elementos xa se sabe...cadaquén pode ver unha cousa diferente. Eu por máis que mirei dende varios ángulos non lle atopei á rocha o parecido co apéndice nasal....
Punta do Naris


En 1º plano vemos a Ribeira da Besugueira de pronunciada pendente e onde hai moitos anos unha muller chmada Casilda caeu ao mar. Por este motivo tamén se coñece co nome de Ribeira de Casilda.

Na imaxe parece que imos directos ao Atlántico e que case camiñamos sobre o mar. É só un efecto óptico!

Na seguinte imaxe chamaron a nosa atención tres cousas: A parede de pedra tan ben feita e que delimita unha finca, a pedra vermella no mar e máis lonxe unha pequena cascada que vertía no mar.

A pedra chámase Petón Vermello e o nome está ben posto xa que a pedra ten esa cor.

A cascada da Mexadoira tamén ten un nome ben acaecido xa que parece que mexa no mar esa pequena cascada.

O Camiño dos Faros non é ningún paseo e que se absteña de facelo quen pense así, xa que hai que poñer a proba as articulacións (sobre todo os xeonllos) en moitísimas ocasións. Hai que trepar, escalar, baixar e subir pendentes con moito desnivel...Por eso a mín me debe gustar tanto!! Realizar un sacrificio para admirar tanta beleza! O que non custa nada facer, non se valora do mesmo xeito...
Hai que subir por entre esas rochas, si....
 
Xa vemos a Praia do Rostro, aínda que a chuvia que cae de xeito constante non nos permite desfrutar estas vistas como deberiamos. Estamos no concello de Fisterra e o último que visitaremos.

A Praia do Rostro mide case 2 km. que a verdade, chovendo, se nos fixeron un pouco longos. É unha praia solitaria, salvaxe, axeitada para a práctica do surf. Unha praia lonxe da masificación e do ruído. Unha xoia!
Praia do Rostro
No medio da mesma temos que atravesar este regato que desemboca nela.
 E ao final da mesma hai outro rego que atravesamos por riba dunhas pedras.

Agora subimos á Punta do Rostro. Chovendo, o sacrificio aínda é maior.

 Estamos na Punta do Rostro e os cantís  caen en picado sobre o océano!

Nesta zona, en frente da Punta do Castelo que é a punta que vemos no final da foto seguinte foi onde embarrancou no ano 1987 o buque Casón que transportaba 5000 bidóns de materiais químicos tóxicos e inflamables. Dos 31 tripulantes, faleceron 23, todos de nacionalidade china.
O vertido e posterior incendio da carga do navío uns días despois, provocou unha gran alarma social que fixo que fose evacuada a poboación de Cee, Fisterra e Corcubión.
A carga do Casón foi levada cara á Mariña de Lugo, á fabrica de ALCOA en S. Cibrao onde tiveron lugar fortes enfrontamentos impidindo o comité de empresa o paso dos camións que traían os bidóns. Os traballadores da fábrica alertados polos rumores sobre a perigosidade da carga e seguindo instruccións do comité de empresa, abandoaron os seus postos de traballo e parouse totalmente a planta industrial ao apagarse os fornos. 
Como consecuencia houbo que desguazar e reconstruir de novo as instalacións que se fixo con cargo ao seguro. Finalmente, a carga do Casón foi embarcada con destino a Amberes e os membros do comitñe de empresa foron despedidos.

A chuvia no nos dá un respiro. Xa vemos moi cerca a Punta do Castelo.

Este foi o noso comedor de hoxe! Entre Castromiñán (dereita da foto) e Punta Gaivoteira (á esquerda). Dous enclaves dos que apenas poidemos desfrutar porque non paraba de chover. Sabemos que o castro está aí porque antes de preparar o tramo de hoxe lin sobre el, está sen escavar,  pero si catalogado. Algún día o poñerán en valor... 

Paramos a comer o imprescindible porque o tempo non invitaba a estar de sobremesa. Camiñamos cara á praia de Arnela que xa vemos e tamén vemos os cantís de Cabo da Nave, frente a nós.
Cando saimos de Lires estivemos falando, ademais de coa señora María, cun home chamado Alejandro que conducía un tractor con algas e que nos dixo que fora percebeiro. Este home reivindicaba que se puxese máis en valor Cabo da Nave, díxonos que só se falaba de Cabo Touriñán e Cabo Fisterra pero que no medio dos dous estaba Cabo da Nave que el coñecía ben e era máis occidental aínda que Cabo Touriñán pero como non tiña faro, que era o "Cabo olvidado" Queda escrito, Alejandro.
Imos agora polos cantís da Arnela.
Praia de Arnela e Cabo da Nave. (Cabo Olvidado segundo Alejandro)
 
Topamos cunha estrada local e vemos a aldea de Denle que pertence á parroquia de S. Vicenzo de Duio, concello de Fisterra.
Denle
Pasamos ao pé da praia de Arnela e agora bordearémola polo outro lado. De momento o camiño vai en chao sen complicación ningunha.

Pero ao chegar á punta do cabo, torcemos cara arriba e o desnivel da subida é importante. Con calma...
 
Bordeamos Punta Arnela ou Robaleira.

E dende as alturas divisamos un crocodilo aló embaixo, entrando no mar? Esta rocha que se adentra no océano si que se semella a un crocodilo.

Imos por uns cantís que impresionsn e case asustan pero non hai perigo indo con coidado, como se debe ir cando camiñamos por lugares así.

Agora vemos Punta Longa (o crocodilo) polo outro lado.

Estamos chegando á antenas que poñerán fin ao noso tramo de hoxe. Mirando para atrás vemos un ancho camiño; non viñemos por ese, senón por un carreiro máis abaixo, máis cerca do mar.

 Nas antenas que están na cima do Cabo da Nave poñemos fin ao noso tramo de hoxe.


A esta estrada nos veu buscar o taxi. Vemos xa Fisterra tan cerca!!! Será o destino final do tramo seguinte no que poñeremos fin a esta aventura que empezamos no 2020 e estamos a piques de rematar!
Fisterra


Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada

https://www.caminodosfaros.com/











domingo, 4 de decembro de 2022

SETE MUÍÑOS E RUTA DA AUGA E DA PEDRA (GUITIRIZ)

Voltamos ao concello de Guitiriz a facer outra ruta. A 1ª que realizamos neste concello foi unha "aproximación" á Ruta da Auga xa que nos perdemos e fixemos só uns poucos km. ao dereito. Para o vindeiro 2023 está previsto facela ben e completa.

En febreiro deste mesmo ano, fixemos a "Ruta da Pedra de Díaz Castro" (PR-G 185) que nos encantou e se pode ver AQUÍ e hoxe realizamos unha ruta sen homologar, preciosa, e que nós alongamos algo máis para descubrir un último muíño ao pé dunha cascada impresionante nun entorno de grandes penedos.

A ruta, serían dúas en realidade, unidas. O 1º tramo ou ruta coincide na súa totalidade coa Ruta da Auga e vai dende o comenzo ata a Área Recreativa de Sete Muíños. O 2º tramo ou ruta, e que está sinalizada como tal, empeza na Área Recreativa e chega ata a aldea de Escádebas dende onde dá a volta para chegar de novo ao punto de saída.

Vaise entender mellor na descripción da ruta.

Características:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: Moi fácil

Ruta circular sinalizada parcialmente (para o tramo que nós ampliamos é preciso seguir un GPS) Deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción da ruta:

Saímos dende a N-VI, ao pé da gasolineira. Empezamos AQUÍ, nun punto que coincide coa Ruta da Auga e onde vemos a presa do río para suministrar auga a un muíño que pensamos que estaría nos baixos da vivenda que vemos na foto.

Este é o Río Veiga, afluente do río Parga.

Comenzo e final desta ruta
 
Vemos o 1º dos 7 Muíños.
Presa formada no río para levar auga ao muíño.

A nosa camiñata vai os primeiros metros ás beiras dun río Veiga tranquilo, nunha xeada mañá onde o frío calaba os ósos, pero axiña entramos en calor.


No medio de carballos, atravesamos pontes de madeira.

Cruzamos unha estrada local
 
Para seguir camiñando á beira do río, nun fermoso entorno. Estamos xa na Área Recreativa de Seta Muíños:
Área recreativa de Sete Muíños
Atopamos o 2º muíño:

Este é o entorno do 2º muíño que vemos, ao pé da piscina:

Fermosos saltos que fai a auga entre as rochas.
 
E non se ve se non entras dentro, pero dá mágoa ver esta porcallada dentro dun muíño, un ben patrimonial que forma parte do noso pasado. Ademais, este muíño está aínda en moi boas condicións, conservando varios espazos que deberon pertencer á casa do muiñeiro. O concello ao mellor debía tomar medidas...

E na área recreativa remata o tramo que compartimos coa Ruta da Auga e empeza a Ruta da Auga e da Pedra, sinalizada polo concello. (Non está homologada de momento)


 Vemos a piscina da Área Recreativa:

Moi cerca, atopamos o 3º muíño
3º Muíño
 
E case pegado, o 4º.
4º muíño
Pontes grandes e pequenas, moitas cruzamos. Agora o río que nos acompaña é o Escádebas:

Un gran panel anuncia a existencia dunha moa hidráulica construída por "José de Carballiñas" que se empregaba para afiar utensilios de labranza pero hoxe poucos indicios quedan dela, e se non fose polo cartel anunciador nin nos enterariamos. Só acertamos a ver un montón de pedras colocadas dun xeito máis u menos circular.
Estaría aquí a moa hidráulica?
Atravesamos unha pontiña que precisa ser restaurada:
Ponte
E chegamos a Ponte de Escádebas que foi construída hai máis de 100 anos polos veciños para unis as aldeas de Sesulfe e As Escádebas.
Ponte de pedra de Escádebas
Atravesamos a Ponte de Escádebas:

Seguimos o camiño que indica " Fonte das Escádebas. Muiños"
 
A Fonte das Escábadas tiña sona de ser de moi boa calidade e os veciños dicían que tiña propiedades curativas as súa auga.
Fonte das Escábadas
 Vemos o 5º muíño:

Chaman a nosa atención estes grandes penedos e entendemos porque a ruta se chama "da auga e da pedra"

Enormes bolos con brión que crean unha paisaxe ben fermosa:

 Recórdanos ás rochas inmensas que víramos na ruta dos Grobos en Becerreá.
 
Quen colocou aí esa pedra?
 
E chegamos oa último muíño, o 6º. Pensei que contara sete pero non, só seis.
 Xa vemos algo da espectacular cascada. Para vela mellor buscamos outros accesos aínda que hai que ir con moito coidado. É un lugar agreste e ten puntos de dificil acceso.

Neste lugar, ao pé do derradeiro muíño, atopamos un rústico asador que supoñemos empregaría o muiñeiro ou muiñeira.

A fermosura deste lugar está fóra de toda dúbida:
 
Chegamos cerca da fervenza, que baixa cunha incrible forza:
 
En tódolos tracks que vin, a xente chega a este lugar e dá a volta dende aquí outra vez ata a ponte de Escádebas para continuar a ruta. NON é necesario. Subindo polo lugar que vemos na foto, ao remate do mesmo xa está a aldea de As Escádebas.

Unha pista en perfectas condicións cunha carballeira á dereita, lévanos ás Escádebas.

Atravesamos a aldea de As Escádebas.

Este punto, onde está o cartel da foto de abaixo, sería ao que chegarimos dende a Ponte de Escádebas, volvendo para atrás dende o último muíño ao pé da cascada. Nós seguimos por ond eindiquei antes e en 100m xa estábamos na aldea.
 
Aí queda a aldea anterior.

 Seguimos por un camiño ancho e cómodo entre carballos.


 Pasamos por riba da A-6:



E deseguida chegamos de novo á Área Recreativa de Sete Muíños.

 Nesta Área hai incluso un parque infantil.
 
É unha área moi grande con piscina, parque infantil e moito espazo para o lecer.
Ata aquí fixemos a ruta circular, agora voltamos ao punto de inicio polo mesmo sendeiro polo que viñeramos:

A ruta é ben femosa pero ten lugares que merecen un maior coidado...

Xa no centro de Guitiriz, sempre me sorprendeu a inmensa igrexa desta vila. A súa construcción levou 20 anos (de 1948 a 1968) . Nos anos corenta, Guitiriz contaba con medrar moitísimo polo paso polo centro da vila da N-VI,  pola  existencia dun campo de aviación (actualmente inactivo) e polo balneario; por eso o cura que había daquela (Manuel Bande) empeñouse en construir unha nova e monumental igrexa acorde ao crecemento que se esperaba da vila.

 Tamén vimos algún mural de Arte Urbana coma este que homenaxea á pandeireta:

Outra vista da impresionante igrexa construída no S. XX. É de estilo neorrománico e foi feita con granito da zona.
Igrexa de Santa Mª de Lagostelle, en Guitiriz.

E para rematar este fermoso domingo, comemos na emblemática Casa Gaibor, onde tíñamos feita reserva. A atención inmellorable, o lugar é presioso e a comida exquisita.