Amosando publicacións coa etiqueta Xove. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xove. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de xullo de 2021

SENDA COSTEIRA DE XOVE. TRAMO PORTOCELO- PRAIA DE ESTEIRO

 Continuamos co seguinte tramo da Senda costeira de Xove que iniciamos a pasada fin de semana:Rutas de sendeirismo: SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO)

Hoxe partimos do porto de Portocelo e rematamos na praia de Esteiro. Oficialmente, esta ruta remata algo máis adiante, cocretamente na Praia de Portonovo, pero nós démola aquí por rematada e percorreremos ese tramo cando fagamos outro do Camiño Natural do Cantábrico que pasa tamén por aí.

Califico de moderada esta ruta polas subidas que ten que son de certa dureza para algunhas persoas, pero esto sempre é subxectivo e depende da forma física e características de cada un.

A costa de Xove é ben fermosa e hai que felicitar ao concello por poñela en valor con esta ruta tan ben sinalizada e acondicionada.

Características:

Lonxitude: 10km.

Dificultade: Media ou moderada.

Ruta lineal perfectamente sinalizada.

A ruta en Wikiloc

Descripción:

Partimos do porto de Portocelo que o outro día vimos dende o lado da praia. Hoxe pasamos ao pé del:

Porto de Portocelo coa praia ao fondo

Empezamos camiñando pegados ao Cantábrico:

E deseguida chegamos á Ruínas de S. Tirso. Aquí houbo un mosteiro que se edificou sobre un castro anterior. En setembro de 2018 empezaron as excavacións que permitiron atopar unha necrópole altomedieval con 5 tumbas. Esta necrópole podería estar relacionada co mosteiro anterior. Tamén descubriron casas castrexas de hai 2000 anos. O Castro está tapado temporalmente ata unha nova fase de excavación.

Ruínas de S. Tirso

Ruínas de S. Tirso

Continuamos á beira do mar. O camiño está moi ben acondicionado:

Vemos a Illa do Sal en 1º termo e ao lonxe, Illa de Sarón:
Illa do Sal

Despois dunha breve pero intensa subida, chegamos ao Miradoiro de Nacente e dende aquí vemos o camiño percorrido, as ruínas de S Tirso, a enseada de Portocelo e moi ao lonxe o Alto do Cruceiro:

Polo outro lado, vemos o Faro de Roncadoira:

A subida continúa e chegamos a Pena Sombreireira. Un nome moi acaecido xa que aquí se resgardaban os rapaces de Vilachá cando gardaban as vacas e  ía mal tempo. A pena está debidamente identificada cunha placa que explica a historia acompañada dun fermoso e coñecido poema de Manuel Mª.

Imaxe que podemos contemplar dende o camiño que levamos. O faro aló ao fondo e os cantís en caída vertical sobre o Cantábrico.
O faro de Punta Roncadoira, da que toma o nome foi construido na década dos oitenta. Empezou a alumear no 1984. Mide 94 m. A súa construcción foi necesaria polo alto nº de naufraxios que había nesta costa.

O máis cerca que podemos ver o faro sen achegarnos a el. Para facelo hai que baixar uns 100m e logo volver subir para continuar a ruta:
Faro Roncadoira

Chegamos ao Miradoiro de Poñente, moi preto do anterior. Vemos ao lonxe a illa Coelleira e a Punta de Estaca de Bares:

Ao fondo, a aldea de Vilachá. Estamos no cume do Monte Castelo, un lugar con moitas rochas que ao parecer semellan animais. Nós buscamos algún pero non os vimos...

 Ao igual ca no miradoiro anterior tamén hai un banco dende o que se poden desfrutar magníficas postas de sol:
Banco de Poñente

Agora baixamos e cruzamos un pequeno monte:


Para chegar á Praia do Coído:
Praia do Coído

A partires da praia anterior iniciamos unha forte subida que nos deixa estas vistas do camiño percorrido:

A subida é para chegar ao Pico do Coído dende o que vemos Punta Roncadoira:



O camiño é ancho. Imos frente á Estaca de Bares:


 Mirando atrás, vemos os cantís  rochosos e abruptos que conforman esta costa:

Punta da Mansa

Vemos os illotes Os Netos.
Illotes Os Netos


E empezamos outra subida pero moi curta e de menor intensidade que nos leva ao Miradoiro de Antimil dende o que observamos moito ao lonxe, a praia de Esteiro que será o noso punto final.

Dende o miradoiro anterior, vemos a Punta da Mansa, á que teremos que chegar.

Baixando ata Punta da Mansa:

A partires da Punta anterior imos por un ancho camiño de grava:

Imos contemplando a Enseada da Regodola e vemos de frente a pista forestal pola que logo iremos:



A enseada da Regodola vista dende o outro lado:

Imos uns metros polo medio dun monte:

Que nos leva á enseada e coído de Meitón:



A seguinte é a praia de Muiñelo. Unha praia pequena que en marea chea queda sen areal: É estaional porque cando hai grandes temporais, arrrastran a area. É moi rica a paisaxe submarina desta praia.
Praia de Muiñelo

Despois de ir pola estrada uns 700m. xa divisamos a Praia de Esteiro:


Que conta cun chiringuito enriba da praia. Tamén conta con duchas, aseos, socorrista...

Esta praia é considerada polos surfistas como unha das mellores para a practica deste deporte:
Praia de Esteiro









luns, 19 de xullo de 2021

SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.

 A Senda Costeira de Xove é unha ruta litoral que vai dende a área etnográfica de Morás ata a praia de Portonovo nun percorrido de case 19km. Transcorre pegada ao mar case todo o traxecto e comparte bastantes tramos co Camiño Natural do Cantábrico. Vai moi pouco por asfalto (no tramo que nós fixemos hoxe, nada) e ten unha riqueza paisaxística moi salientable xa que pasa por grandes cantís, moi preto de illas, restos arqueolóxicos, miradoiros, faros, enseadas e praias moi fermosas. 

Unha ruta moi, moi recomendable!!

Hoxe, a nosa 1ª intención era facer o tramo Morás- Faro de Roncadoira pero cando chegamos á praia de Portocelo tan fermosa e nun día que ía moita calor decidimos quedarnos alí!

A ruta en WIKILOC


Características:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: Moderada xa que aínda que o firme ou piso da senda é moi bo hai algunha subida importante.

Ruta lineal ben sinalizada.

Descripción:

Saímos do Porto(ou portiño como é coñecido pola zona) de Morás.

A praia de Morás, de 80m, de lonxitude é tranquila pola situación e polas poucas ondas. A carón desta praia atopábanse as antigas instalacións baleeiras de Morás xa que a pesca da balea tivo unha grande importancia no pasado e hoxe podemos recordalo  polo paseo etnográfico que temos neste lugar.

Praia de Morás

Estes son os dolos: formacións de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio nos anos 70 do pasado século.

Parque onde se fabricaban os dolos
 
Unha vista do porto e praia de Morás. Esta ruta parte dun lugar ben fermoso:
Porto e praia de Morás

Esta ruta coincide coa Ruta do Camiño Natural do Cantábrico da que hai neste blog  8 entradas que son os tramos que levo feitos ata o momento, se contamos o de hoxe, son nove.

Empezando a ruta
Vista de cerca dos enorme dolos(os máis grandes de Europa) que pesan 50 toneladas cada un.
Dolos

Este mundo de dolos parece mergullarnos nunha paisaxe futurista e case algo sinistra:

Desvíamonos da ruta uns 100m. para ver os cantís de Morás tamén chamados cantís de papel  debido á súa apariencia formando pregos,dobreces, formas singulares que fan pensar en papeis pero tamén fan pensar en titáns, en grandes monstros que impoñen pola súa envergadura. Son unhas inmensas formacións graníticas duns 40 m. de altura.

Cantís de Morás

Quen colocaría aí esas pedras?

Voltamos á ruta. O camiño é ancho e cun firme axeitado e vai á beira do Cantábrico:

Aparece unha néboa baixa que dificulta á visibilidade ao lonxe:

Empezamos a subir ao Alto do Cabalo:


Pasando polo Miradoiro de A Atalaia dende onde pouco ou nada poidemos mirar hoxe polo densa néboa.



Baixando a Punta Arxente podemos divisar entre a néboa a Illa de Sarón:


Ao chegar a Punta Arxente, case podemos tocar a illa de Sarón, oficialmente coñecida como Ansarón. A súa altura é de 83m. e a superficie é de aprox. 10 hectáreas o que a convirte nunha das maiores illas da costa lucense. Son famosos os seus cantís por seren uns dos maiores productores de percebes de alta clase. A illa atópase a uns 200m. da terra firme.


Estamos subindo agora ao punto máis alto da ruta: ao Coto da Vela e as vistas empezan a ser magníficas xa que a néboa parece alonxarse:

Atravesamos algún monte tamén :

Deseguida voltamos a ver o mar:

Xa no máis alto, e como di o indicador que a 100m está o Coto da Vela, intento chegar aló:

Pero deseguida este carreiro xa avisa do que vai vir e é que uns pasos máis e xa non se pode avanzar. O sendeiro está totalmente pechado:

Despois da dura subida, toca baixar. Imos cara á Enseada de Sucastro.

Esta enseada aparece ante nós cunhas augas que nos lembran imaxes doutros lugares lonxanos. Pois non é necesario desplazarse moito: na nosa Terra tamén temos augas cristalinas dunha cor esmeralda que non envexa nada á doutros lugares.

Enseada de Sucastro coa illa de Sarón de fondo

O punto máis elevado da foto é Coto da Vela, un lugar onde se cre que houbo un castro e de aí o nome da enseada. A forte pendente que vemos, en forma de acantilado rochoso, funcionaría como un resgardo natural. No ano 1956 as fotos dun un voo américano descubren os restos dun poblado moi ben conservado. Hoxe está cuberto todo de eucaliptos de propiedade privada. Agardemos que nun futuro haxa estudos arqueolóxicos que permitan recuperalo.

Vistas dende Punta Merixe. Á dereita, Punta Arxente que acabamos de pasar.

E á esquerda, Punta Roncadoira. Coa néboa non vemos o faro, pero alí se atopa.

Cruzamos outro monte

 E xa a paisaxe s eabre para deixarnos ver a aldea de Portocelo:

Desembocamos deseguida na súa fermosa e recollida praia:
 
A mín personalmente namoroume esta praia. Conta cos servizos de socorrista, duchas e baños impecablemente limpos. Semella unha piscina debido ao espigón do muelle que a protexe, non é nada perigosa, moi, moi cha e ten ademais todo arredor árbores onde podes atopar sombra. 
En marea baixa podemos pasar camiñando ao outro areal que vemos á esquerda, a praia de Canela. En marea chea non se pode pasar pero ten unha entrada pola estrada.

O pequenísimo e tranquilo porto de Portocelo. Este nome en latín Porto Celo significa "porto escondido" e é ben certo que o está


Nesta praia de Portocelo, en marea baixa queda unha enorme extensión de area.

E aquí nos quedamos. A nosa intención era chegar ata Faro Roncadoira pero en vistas da calor que ía, decidimos desfrutar toda a tarde desta espectacular praia.