Amosando publicacións coa etiqueta Guitiriz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guitiriz. Amosar todas as publicacións

domingo, 4 de decembro de 2022

SETE MUÍÑOS E RUTA DA AUGA E DA PEDRA (GUITIRIZ)

Voltamos ao concello de Guitiriz a facer outra ruta. A 1ª que realizamos neste concello foi unha "aproximación" á Ruta da Auga xa que nos perdemos e fixemos só uns poucos km. ao dereito. Para o vindeiro 2023 está previsto facela ben e completa.

En febreiro deste mesmo ano, fixemos a "Ruta da Pedra de Díaz Castro" (PR-G 185) que nos encantou e se pode ver AQUÍ e hoxe realizamos unha ruta sen homologar, preciosa, e que nós alongamos algo máis para descubrir un último muíño ao pé dunha cascada impresionante nun entorno de grandes penedos.

A ruta, serían dúas en realidade, unidas. O 1º tramo ou ruta coincide na súa totalidade coa Ruta da Auga e vai dende o comenzo ata a Área Recreativa de Sete Muíños. O 2º tramo ou ruta, e que está sinalizada como tal, empeza na Área Recreativa e chega ata a aldea de Escádebas dende onde dá a volta para chegar de novo ao punto de saída.

Vaise entender mellor na descripción da ruta.

Características:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: Moi fácil

Ruta circular sinalizada parcialmente (para o tramo que nós ampliamos é preciso seguir un GPS) Deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción da ruta:

Saímos dende a N-VI, ao pé da gasolineira. Empezamos AQUÍ, nun punto que coincide coa Ruta da Auga e onde vemos a presa do río para suministrar auga a un muíño que pensamos que estaría nos baixos da vivenda que vemos na foto.

Este é o Río Veiga, afluente do río Parga.

Comenzo e final desta ruta
 
Vemos o 1º dos 7 Muíños.
Presa formada no río para levar auga ao muíño.

A nosa camiñata vai os primeiros metros ás beiras dun río Veiga tranquilo, nunha xeada mañá onde o frío calaba os ósos, pero axiña entramos en calor.


No medio de carballos, atravesamos pontes de madeira.

Cruzamos unha estrada local
 
Para seguir camiñando á beira do río, nun fermoso entorno. Estamos xa na Área Recreativa de Seta Muíños:
Área recreativa de Sete Muíños
Atopamos o 2º muíño:

Este é o entorno do 2º muíño que vemos, ao pé da piscina:

Fermosos saltos que fai a auga entre as rochas.
 
E non se ve se non entras dentro, pero dá mágoa ver esta porcallada dentro dun muíño, un ben patrimonial que forma parte do noso pasado. Ademais, este muíño está aínda en moi boas condicións, conservando varios espazos que deberon pertencer á casa do muiñeiro. O concello ao mellor debía tomar medidas...

E na área recreativa remata o tramo que compartimos coa Ruta da Auga e empeza a Ruta da Auga e da Pedra, sinalizada polo concello. (Non está homologada de momento)


 Vemos a piscina da Área Recreativa:

Moi cerca, atopamos o 3º muíño
3º Muíño
 
E case pegado, o 4º.
4º muíño
Pontes grandes e pequenas, moitas cruzamos. Agora o río que nos acompaña é o Escádebas:

Un gran panel anuncia a existencia dunha moa hidráulica construída por "José de Carballiñas" que se empregaba para afiar utensilios de labranza pero hoxe poucos indicios quedan dela, e se non fose polo cartel anunciador nin nos enterariamos. Só acertamos a ver un montón de pedras colocadas dun xeito máis u menos circular.
Estaría aquí a moa hidráulica?
Atravesamos unha pontiña que precisa ser restaurada:
Ponte
E chegamos a Ponte de Escádebas que foi construída hai máis de 100 anos polos veciños para unis as aldeas de Sesulfe e As Escádebas.
Ponte de pedra de Escádebas
Atravesamos a Ponte de Escádebas:

Seguimos o camiño que indica " Fonte das Escádebas. Muiños"
 
A Fonte das Escábadas tiña sona de ser de moi boa calidade e os veciños dicían que tiña propiedades curativas as súa auga.
Fonte das Escábadas
 Vemos o 5º muíño:

Chaman a nosa atención estes grandes penedos e entendemos porque a ruta se chama "da auga e da pedra"

Enormes bolos con brión que crean unha paisaxe ben fermosa:

 Recórdanos ás rochas inmensas que víramos na ruta dos Grobos en Becerreá.
 
Quen colocou aí esa pedra?
 
E chegamos oa último muíño, o 6º. Pensei que contara sete pero non, só seis.
 Xa vemos algo da espectacular cascada. Para vela mellor buscamos outros accesos aínda que hai que ir con moito coidado. É un lugar agreste e ten puntos de dificil acceso.

Neste lugar, ao pé do derradeiro muíño, atopamos un rústico asador que supoñemos empregaría o muiñeiro ou muiñeira.

A fermosura deste lugar está fóra de toda dúbida:
 
Chegamos cerca da fervenza, que baixa cunha incrible forza:
 
En tódolos tracks que vin, a xente chega a este lugar e dá a volta dende aquí outra vez ata a ponte de Escádebas para continuar a ruta. NON é necesario. Subindo polo lugar que vemos na foto, ao remate do mesmo xa está a aldea de As Escádebas.

Unha pista en perfectas condicións cunha carballeira á dereita, lévanos ás Escádebas.

Atravesamos a aldea de As Escádebas.

Este punto, onde está o cartel da foto de abaixo, sería ao que chegarimos dende a Ponte de Escádebas, volvendo para atrás dende o último muíño ao pé da cascada. Nós seguimos por ond eindiquei antes e en 100m xa estábamos na aldea.
 
Aí queda a aldea anterior.

 Seguimos por un camiño ancho e cómodo entre carballos.


 Pasamos por riba da A-6:



E deseguida chegamos de novo á Área Recreativa de Sete Muíños.

 Nesta Área hai incluso un parque infantil.
 
É unha área moi grande con piscina, parque infantil e moito espazo para o lecer.
Ata aquí fixemos a ruta circular, agora voltamos ao punto de inicio polo mesmo sendeiro polo que viñeramos:

A ruta é ben femosa pero ten lugares que merecen un maior coidado...

Xa no centro de Guitiriz, sempre me sorprendeu a inmensa igrexa desta vila. A súa construcción levou 20 anos (de 1948 a 1968) . Nos anos corenta, Guitiriz contaba con medrar moitísimo polo paso polo centro da vila da N-VI,  pola  existencia dun campo de aviación (actualmente inactivo) e polo balneario; por eso o cura que había daquela (Manuel Bande) empeñouse en construir unha nova e monumental igrexa acorde ao crecemento que se esperaba da vila.

 Tamén vimos algún mural de Arte Urbana coma este que homenaxea á pandeireta:

Outra vista da impresionante igrexa construída no S. XX. É de estilo neorrománico e foi feita con granito da zona.
Igrexa de Santa Mª de Lagostelle, en Guitiriz.

E para rematar este fermoso domingo, comemos na emblemática Casa Gaibor, onde tíñamos feita reserva. A atención inmellorable, o lugar é presioso e a comida exquisita.




luns, 14 de febreiro de 2022

RUTA DA PEDRA DE DÍAZ CASTRO (PR-G 185) GUITIRIZ


Hoxe fómonos ao concello de Guitiriz, na provincia de Lugo e, dentro deste, na Comarca da Terra Cha. É unha vila termal, da auga e tamén da pedra que conta con máis de 5000 habitantes e 18 parroquias. Guitiriz posee un gran Patrimonio Histórico Cultural.

O nome de Guitiriz procede do rei suevo Witerico que fundou a vila no S. VI.

Realizamos a "Ruta da Pedra de Díaz Castro". Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990) é natural da aldea de Vilariño dos Cregos que pertence á parroquia Os Vilares en Guitiriz. Foi un tradutor e escritor en lingua galega sendo autor dunha única obra: o poemario Nimbos. No ano 2014 adicouselle o Día das Letras Galegas.

Esta ruta na honra do escritor, empeza precisamente no lugar onde está a súa casa natal. É unha ruta moi fermosa e moi interesante a nivel cultural e pode realizarse de distintas maneiras, xa que ten dúas desviacións se se quere e aínda que oficialmente aparece como lineal, nós fixémola circular. Polo tanto os km. poden variar bastante segundo como a realicemos.

Non hai que esquecer que estamos nunha zona de canteiros polo tanto veremos moitas vivendas de pedra, pedras tamén como peche antigo de fincas, un petroglifo...pasamos por aldeas tipicamente agrícolas e gandeiras, por tradicionais camiños de carros sombreados con carballos, castiñeiros, amieiros...Sorprendeunos gratamente a aldea de Buriz onde oficialmente remata a ruta, aínda que é unha lástima que en lugar de rematar onde o fai, ao pé da antiga escola, non a chegasen uns metros máis ata onde están a igrexa, o cemiterio gótico, unha serie de cruceiros, o muíño de Buriz nun fermoso entorno e un bar de aldea que se agradece un montón despois da andaina. Todo esto está xunto e vale a pena achegarse.

A ruta empeza AQUÍ (Para buscar en google maps o lugar de inicio hai que escribir "Casa natal Díaz Castro" xa que como Vilariño non aparece)

Características:

Lonxitude: 13,8 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular ben sinalizada (é unha ruta homologada como PR-G 185) agás o tramo que fixemos pola nosa conta.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

Saimos pois de Vilariño dos Cregos, xunto á casa natal de Díaz Castro temos o inicio de ruta. Esta casa, ao morrer o escritor sen descendencia, herdouna un irmán que a donou á Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz.

Esta Asociación estaba tratando de arranxala e leva anos intentando conseguir medios económicos para tal fin pero de momento segue en espera. O caso é que a casa está medio derruida xa.

A casa tiña pegada unha placa dando conta do nacemento do poeta nese lugar. Hoxe non existe.

Casa natal de Díaz Castro
Frente á casa natal sí se rehabilitou o que parece que foi algún alpendre como Aula de Interpretación pero pensamos que actualmente está sen uso. Seica a Deputación donou 37000 € para unha obra que actualmente ao meu modo de ver carece de sentido.

Casa natal e aula de interpretación
 O lugar de Vilariño dos Cregos que no pasado contaba con tres familias pudientes, hoxe está practicamente abandonado. Só vimos dúas persoas e dúas vivendas que parece que foron restauradas.
Vilariño dos Cregos

Unha escultura no Centro de Interpretación . Na inscripción di: "Este fillo, como anxo airado, rompe a paz." Non o di, pero supoñemos que será un verso sacado do poemario Nimbos de Díaz Castro.

Centro de Interpretación

Aquí vemos, moi preto do anterior, outra escultura en granito do escultor Ramón Vilar na honra do poeta.

 

Neste fermoso lugar inspirador de paz, arranca a ruta de sendeirismo.

Lugar de inicio da ruta
 
Todas as construccións de Vilariño son de pedra e todas están moi xuntas:
Vilariño dos cregos.

Nótase que foi terra de canteiros. Ata nos cabozos deixaban a súa marca:
Hórreo de pedra con figura tallada
 
Non marchamos do lugar sen visitar antes a capela de Vilariño dos Cregos. O nome vén de que chegou a haber ata 9 cregos  ao mesmo tempo, procedentes daquelas tres familias que habitaban o lugar. Dous deses cregos fundaron no S. XVIII esta pequena capela na que o propio X. Mª Díaz Castro axudaba de neno como monaguillo.
Capela de Vilariño dos Cregos

 Voltamos uns metros sobre os nosos pasos e empezamos a camiñar polo trazado xa oficial da ruta: un fermoso camiño rodeado de muros de pedra seca.
 
Aquí vemos o rego e a fonte de Porto Lea
Rego e fonte de Porto Lea

 E chegamos deseguida á Casa Nova de Vilariño, outro lugar da parroquia de Os Vilares apenas sen habitantes (no ano 2007 tiña 6 e nós, xa no 2022, só vimos a unha persoa que vivía alí)
Aquí atopamos outra estatua na honra dos canteiros da zona en especial na memoria de Francisco Prieto Miragaya que fixo a casa da seguinte foto, hoxe rehabilitada polo seu fillo que vive en Asturias. Hoxe estaba alí e tivemos o pracer de conversar con el e que nos contara esta historia ademais doutras do lugar.
Un canteiro é aquela persoa que extrae a pedra, a labra e constrúe con ela.
Estatua na honra dos canteiros, en especial do da foto, Francisco Prieto

A casa do canteiro Francisco Prieto, actulmente rehabilitada moi ben polo seu fillo:


Fermosos camiños con valados de pedra:


No é extraño que se chame "Ruta da Pedra" xa que esta abunda por doquier. A abundancia de granito na nosa terra fai que existan canteiros por toda Galicia.


Pedra nas vivendas, nas cuadras, nos pendellos e lousa nos tellados. Elementos naturais galegos que en moitos lugares se perderon por desgraza.
 
Ata os lavadoiros, os pozos...se facían en pedra:

 Camiñamos por estrada uns 500m 

 E despois por camiños rurais coas árbores agora en febreiro sen follas e imaxinando a súa fermosura na primavera. Ao pouco temos unha desviación se queremos ata Porto Muíño. Nós, como imos facer a ruta circular decidimos deixalo para volver por aí. Uns 500m. máis adiante atopamos outra derivación para ir ver o cruceiro de Riotorto pero como supón entre a ida e a volta case de 4km. decidimos continuar sen desviarnos.
 Atopamos despois a uns poucos metros do trazado oficial o petroglifo "O Agro das Calzadas" que está nun prado e custounos moito ver o relevo na rocha. Na foto, nin se apreza.
Petroglifo " O Agro das Calzadas"

Continuamos entre prados por fermosos camiños case sempre con valados de pedra.
 
E así chegamos a Mezoiras, un lugar da parroquia de Buriz. Aquí sairon ao noso encontro tres cans que nos asustaron de verdade e que ninguén se apuraba a chamar, dicíndonos que non facían nada. Xa....os seus donos saberían que non facían nada pero nós, non.
Mezoiras

Atopámonos coa estrada xeral LU-170 en S. Pedro de Buriz.

Aquí, onde estivo a vella escola remata oficialmente a ruta.

Hai outro monumento en honra de Díaz Castro.

Neste lugar hai tamén unha pequena praza que supoñemos sería o patio da escola. Vemos ao fondo, a aldea de S. Pedro de Buriz.

Ao ser aquí o remate oficial da ruta, a maioría da xente que a realiza dá a volta dende aquí pero nós léramos que era moi interesante coñecer a igrexa, o cemiterio e os arredores desta zona e dirímonos cara á igrexa de Buriz que está só uns metros máis abaixo.

O 1º que vemos son uns cruceiros ao lado da igrexa, na parte exterior do atrio que forman o chamado "Calvario da Graña"

Da igrexa, situada no lugar da Graña, destaca a súa fachada do S. XVIII na que vemos unha imaxe de S. Pedro. Sobre o centro desta fachada levántase a espadana de 2 corpos, no 1º corpo están as campás e no 2º corpo, no medio do mesmo, está a imaxe de Santa Bárbara


 O que nos impresionou moito foi descubrir o cemiterio de estilo gótico ao igual que outros da Terra Cha.
Cemiterio de S. Pedro de Buriz

 
A igrexa por un lateral:
 
Elementos que hai no atrio desta igrexa:

  
Xusto detrás da igrexa, cruzando a estrada, hai un recuncho ben fermoso onde se agocha o Muíño de Buriz.
 
Dende aquí damos a volta pero antes paramos na pequena taberna de aldea (A casa de pedra que se ve ao lonxe) onde se pode tomar dende un café a unha cerveza, un refresco....ou mercar algo para comer xa que, como acostuman nas aldeas, teñen productos alimenticios tamén.

 Pasmos por diante da esola, agora pola parte de adiante, e deixamos a ruta oficial para dirixirnos a xantar ao Merendero, un restaurante que nos recomendaron  e que está situado  no cruce das estradas  LU P 2031 e LU- 170.

Antiga escola de S Pedro de Buriz

Restaurante "Merendero"
 Imos pola estrada LU- 170 durante 1,5 km. aprox. para o restaurante. Pasamos por un lugar co nome de "Ventisca" e non nos estraña o nome xa que nos damos conta que estamos nun lugar alto e moi cha que cando o vento pega, debe dar ben forte.

O restaurante Merendero é moi recomendable: reformado non hai moito tempo, moi novo e limpo cunha atención inmellorable e unha comida abundante e ben preparada. Dentro do menú tiñan para escoller entre 7 ou 8 pratos de primeiro e outros tantos de 2º. Para repetir!!
Preguntando e con axuda do google Maps, buscamos a maneira de voltar de xeito circular e pasando por Porto Muíño onde lemos na páx. do cocello de Guitiriz que veremos un muíño e un lavadoiro onde se detiña Díaz Castro a falar coas mulleres que lavaban, de camiño que ía á escola.
Fomos por unha estrada local sen coches:

 Pasamos polo lugar de Nandulfe e seguimos vendo construccións en pedra:
 
É esta unha zona eminentemente gandeira con prados e gandería vacuna sobre todo.

Pasamos tamén polo lugar de Bustelo e deseguida chegamos a Porto Muíño onde enlazamos xa coa ruta oficial. Dicir que poidemos atallar en Nandulfe para chegar a Vilariño bastante antes xa que iriamos máis rectos porque non atopamos nin muíño nin lavadoiro. Debían de estar tapados con silvas e maleza xa que por máis que miramos, non atopamos nada. A partires de aquí, durante uns metros deunos que atopar o camiño a seguir para enlazar coa ruta porque estaba o camiño que había que seguir bastante abandonado.
En canto volvemos atopar a ruta, voltamos ao inicio durante 1,5km. aprox polo mesmo sitio da ida.
Bustelo.