Amosando publicacións coa etiqueta Foz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Foz. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de outubro de 2023

RUTA DO RÍO OURO (DENDE A IGREXA)

 Fixen esta ruta varias veces como non podía ser doutro xeito vivindo nesta parroquia. Hoxe fíxena dende a igrexa e a próposito neste época que levamos de sequía para ver se o Ouro baixou moito de caudal e a verdade é que si, baixou bastante, nunhas zonas nótase máis ca noutras e vese especialmente na presa de Posada ou tamén chamada Fervenza de Pena Ruxida.

Características da ruta

Lonxitude: 8,3 km.

Dificultade: ningunha

Ruta lineal aínda que eu fixen un pequeno círculo que non recomendo polo estado do carreiro.

O meu track en WIKILOC

A mkña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Iniciei esta ruta no aparcadoiro ao pé da igrexa parroquial. Esta igrexa é do ano 1750 e foi construida sobre outra anterior da que só se conserva a porta principal. Esta nova igrexa ten só unha nave con sacristía a tres augas e capela maior a catro.

Igrexa parroquial de Fazouro

Ao pé da igrexa hai unha pequena área recreativa.
Área recreativa
Tamén no adro da igrexa podemos ver a Fonte de S. Campio que foi canalizada e decorada en pedra.
Fonte de S. Campio

Estamos ao pé do Río Ouro que xa vai camiño da súa desembocadura moi próxima.
O río Ouro
O Ouro nace na Serra do Xistral , concretamente no Pereiro (Alfoz) e desemboca aquí, na nosa parroquia despois de percorrer case 30 km.
Río Ouro
Entrando no barrio da Pontevella temos á man dereita, nunha esquina, esta xoia: un petroglifo que ten a seguinte historia escrita por Xesús do Breogán.
                                                           Petroglifo
Xa moi preto da súa desembocadura, o río ensánchase e sofre o influxo das mareas polo que unhas veces leva máis auga e outras menos, dependendo das mesmas.
Río Ouro
A Ponte Vella actual sustitúe a outra antiga que había e era de madeira. Cando esta podreceu e ata que fixeron a nova, un veciño do lugar , Ramón Martínez, o Caminero, dispuña dunha pequena gabarra coa que cruzaba o río levando xente.
O nome precisamente de Ponte Vella vén de cando esa ponte era de madeira e era vella.
A Ponte Vella
O barrio da Ponte Vella é pequeno, só está formado 7 ou 8 casas pero ten moito encanto.
Barrio de A Ponte Vella

O río está rodeado, sobre todo pola marxe dereita de xunqueiras, lugar onde medran as plantas chamadas xuncos que viven en lugares húmidos. No pasado, estas xunqueiras eran de propiedade pública pero coa nova Lei de Costas de hai uns anos, agora son propiedade desta entidade.
                                                                       Xunqueiras

Aquí temos o cartel de inicio de ruta. Temos dous puntos onde podemos empezar: ou ben aquí ou 1,5km. antes, na área recreativa da Ponte de Ferro.
Inicio de ruta
Ao pé deste inicio de ruta hai tamén unha pequena área recreativa cunha zona infantil.
Área Recreativa
O  percorrido empeza ao pé do río.

Imos co río á dereita e canle de auga á esquerda.

Á man esquerda temos a Fonte de Fenandete.

Fonte de Fernandete

No pasado, houbo vida humana nesta zona. Algúns e algunhas veciñas da parroquia, todos da mesma familia, naceron e viviron aquí. É o lugar chamado "O Muíño dos Albariños" A casa que vemos en 1º termo foi un muíño que logo se reconvirteu en vivenda (aínda vive o matrimonio que a ocupou os primeiros anos de casados)



Esta casa grande e o cabozo foi tamén onde viviron outros membros da mesma familia. Todo era propiedade doutra xente que tiñan o lugar arrendado. O nome de "Muíño dos Albariños" pode deberse a que Fazouro foi terra de vides e de seguro que habería uvas en lugar de eucaliptos.


No percorrido ímonos atopando con árbores autóctonas aída que o eucalipto ameaza con invadilo todo.


Estamos nunha época de seca e nunca vin o Ouro con tan pouca auga.


A verdade é que a ruta moi fermosa e o camiño é ancho e de bo andar.

Atopo a 1ª ponte que está pegada á estrada LU-151 polo que podemos acceder fácilmente, se queremos, a ela.
Ponte

Xusto onde está a ponte que conecta directamente coa estrada, está a antiga Planta de Luz de Posada.
Planta de Luz de Posada
 A partires de aquí, iremos por un fermoso carreiro levando á nosa man dereita o río e á esquerda a canle que abastecía de auga a planta da luz.

Unha ponte ben rústica derriba da canle de auga. Quen se atreve a cruzala?
Ponte rústica

Agora, da canle sae un rego para o Ouro que cruzamos por esta outra ponte máis segura.
Ponte
O carreiro no pode ser máis fermoso!
 
Sempre acompañados de exuberante vexetación:

Deixamos por un momento de camiñar ao pé da canle e atopamos a 2ª ponte á dereita pola que podemos acceder directamente á estrada ou seguir ata a presa de Posada que é por onde segue oficialmente a ruta.

Torcemos á esquerda e atravesamos este bosque de acacias que non deixa pasar o sol.
Bosque de acacias
Despois de atravesar o bosque anterior, volvemos atopar a canle á esquerda.
 
E xa deseguida chegamos á Presa de Posada ou Pena da Ruxida que se atopa nun fermoso entorno.

Na seguinte foto aprézase ben como baixa pouca auga.

O camiño remata aquí e hai que dar a volta. As abelairas están sempre presentes.
 
Atraveso outra vez o bosque de acacias e xa desemboco na bifurcación onde podo seguir por onde vin ou pillar a ponte e sair á estrada como fixen desta volta.
Ponte

O sinal que vexo lévanos por ese carreiriño á estrada LU-125

Hai que torcer á dereita
Estrada LU-125
 
Aos poucos metros xa vemos o Pazo de Fontao.  As orixes deste lugar remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII. Actualmente, o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado. Hai que dicir que xa estamos na parroquia limítrofe de Santa Cilla a onde pertence o pazo.
Pazo de Fontao

Deseguida vexo á man dereita os sinais que se ven na foto e entendo que é un sendeiro que haberá ao pé do río e ao principio así parece pero deseguida me dou conta de que non debín ir por aí.

Sinais pero Ollo! O carreiro pode estar sen limpar

Así de pechado está o carreiro actualmente. Eu recomendo NON pillar este sendeiro sen mirar antes como está . Eu, por non dar a volta, seguín. O caso é que a seguinte ponte (lembrar que hai 2) está moi cerca, ir pola estrada sería neste caso a opción mellor.

Carreiro en mal estado

Cruzarei a ponte que se ve para retomar o camiño por onde vin.
Ponte sobre o Ouro
 O outono empeza a marelear as follas.

Nótase na foto seguinte o baixo caudal do río.

De novo, na Ponte Vella.

Esta fonte está seca. Non hai moito, levaba auga.

Un enorme castiñeiro ao pé do Cristo.

Na foto seguinte, a historia do Cristo.

Páxina web consultada:
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Oro


























martes, 19 de setembro de 2023

CAPELA DO CARME/ÁREAS RECREATIVAS/ MUÍÑOS (S. MARTIÑO-FOZ)


Hai uns días que me fun á miña parroquia natal (S. Martiño de Mondoñedo-Foz) a facer outra pequena ruta e con esta xa son 3 as rutas realizadas na miña parroquia que ten moito e moi fermoso para amosar, empezando pola sua xoia máis prezada que é a basílica pero sen descoidar outros bens patrimoniais que tamén son dignos de coñecer.

Características desta ruta:

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: fácil, a no ser a última costa xa chegando ao final de ruta que é ben empinada pero é só 1 km.

Ruta circular sen sinalización ningunha. Se non se coñece a parroquia, hai que seguir o track que deixo en WIKILOC:

Descripción:

Empecei e rematei esta ruta xunto á Capela da Virxe do Carme de moito fervor para as xentes da zona. Non só hai que fixarse na capela senón tamén no fermosísimo entorno no que está situada ao pé dun castiñeiro centenario e dunha área recreativa que vale moito a pena percorrer debido ás numerosas especies arbóreas que ten.

Castiñeiros ao pé da capela, un deles, centenario

A Capela do Carme é frecuentada por moita xente da zona que acode con gran devoción a esta Virxe.

Capela do Carme

A área recreativa que hai ao pé da capela ben merece unha visita xa que é moi extensa e ten moitas e gran variedade de árbores.
Área Recreativa

Hai nesta área moitos castiñeiros que nesta época (mediados de setembro) empezan a tirar as castañas.
Castañas na Área Recreativa do Carme

Área Recreativa

Dende o punto máis alto desta área podemos ver o mar ao lonxe:
A Capela dende a área Recreativa
Outra vista da capela e ao fondo o extenso campo da festa.
Capela do Carme

Vistas dende o entorno da Capela do Carme:


Durante uns metros, a estrada convérese nun camiño. Baixo pola Casa dos Lagos, actualmente deshabitada.


Estou nun lugar alto e as vistas sobre os barrios de Ver e Ferreiravella son fermosas:
Vistas
Baixando pola Casa dos Lagos.
A Casa dos Lagos
Vivín os primeiros 22 anos da miña vida nesta parroquia e non coñecía este fermoso camiño. Nunca por aquí viñera.
 
Topei con este muíño que tampouco sabía que existise aínda que si me soa algo oir falar do "Muíño do Xipo" Está fermosamente restaurado e nun entorno precioso e ben coidado!!
Muíño do Xipo
Chego á estrada LU-152 que cruzo para adentrarme no barrio de Reiriz

 O barrio de Reiriz está pegado ao de Ver.

O famoso eucalipto de Reimunde mide 50m e ten unha anchura de 16 m. na base do tronco. Plantouse no S. XIX e debe de ser un dos eucaliptos máis vellos de Galicia. No 2007 a Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia inclueu esta árbore no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
O eucalipto de Reimunde
O Pazo de Reimunde, propiedade da familia que en tempos non moi lonxanos era propietaria de moitísimas fincas e montes da parroquia. Eu lembro a meu pai indo pagar a renda tódolos anos a esta xente por unhas terras que eran propiedade desta familia e que a miña traballaba.

Pazo de Reimunde
Vista do Pazo de Reimunde, o eucalipto e prados da súa propiedade en Reiriz.

Deixo a estrada para subir por este camiño, ao pé doutra casa propiedade tamén da familia Reimunde.

O edificio de pedra que se ve na foto foi unha serra, a Serra do Tendeiro que eu lembro aínda en plena actividade. Xa hai tempo que pechou.
A antiga serra do Tendeiro

Foto de casas e prados de Reimunde, outras casas e a Serra.

Sigo por este fermoso camiño

As vistas son magníficas, vexo A Balsa, As Arieiras...e prados e máis prados verdes. Xa hai moito menos gando que houbo pero aínda queda algo.

Pero atópome cun veciño que me di que ese camiño que percorro non ten saída. Por non voltar para atrás dime que atravese por unha finca que hai de fabas e así o fago. Non está tan mal como aparece na foto, polo menos son herbas e plantas silvestres e non ortigas nin toxos...

Atraveso a finca anterior e enlazo coa estrada dende a que sigo cunhas boas perspectivas da parroquia.

Paso pola área recreativa de Ferreiravella, non é tan grande como do Carme, pero ten moitísimas e diferentes especies de árbores.
Área Recreativa de Ferreiravella

Vexo bidueiras e carballos.
Área Recreativa de Ferreiravella

Tamén hai freixos e nogueiras
Área Recreativa de Ferreiravella


Área Recreativa de Ferreiravella

Ata hai un fermoso arce
Área Recreativa de Ferreiravella
 
Ata hai manciñeiros cheos de mazás.
Área Recreativa de Ferreiravella

 O Centro Social foi inaugurado no 2007.

Centro Social

Tamén vin faias


Con estas vistas dá gusto camiñar.

Vese agora o barrio de Bao

E entre tanto eucalipto, agradécese ver unn pequeno souto á dereita

De frente o barrio da Rúa ou Caritel coa Basílica de protagonista.

O Muíño de Peal alimentado por un rego que vai desembocar un pouco máis abaixo, ao Centiño. Un muíño que eu lembro aínda funcionando pero que moitas veces non podía facelo debido a que o rego non levaba suficiente auga.
Muíño de Peal
 
Despois de cruzar a estrada comparto percorrido coa ruta do Camiño Natural de S. Rosendo.

O barrio onde nacín non se parece en nada agora ao que eu coñecín. A Concentración Parcelaria realizada no ano 1980 cambiou para sempre a fisonomía de toda a parroquia. Desapareceron valados, camiños e carreiros que formaron parte da miña infancia e xuventude. 

O río Centiño non é un río de gran envergadura, é un río humilde, modesto, estreito e pouco caudaloso e ademais moi curto xa que só acada 11km. no seu percorrido, pero si alimentou moitos prados antigamente que daban boa herba e moveu moitos muíños ao longo do seu percorrido, dende a Ermida ata a súa desembocadura na Ría de Foz.
Era ademais un río onde eu sempre vin pescadores pero a pesca está vedada aquí dende hai anos.
Río Centiño

Continuo polo camiño que vai sair ao barrio de Bao
 
Dende Bao, subo xa ata a Capela do Carme, pasando pola casaabandonada dende hai xa moitos anos de Román de Auxiliar.

Sigo polo Camiño Natural de S. Rosendo que pasa tamén pola Capela do Carme e chego así ao inicio desta fermosa ruta.


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2007/04/17/xunta-protege-eucalipto-reimunde-souto-da-retorta-cipres-misericordia/0003_5724645.htm