xoves, 18 de maio de 2023

RUTA DO DUBIO- RÍO NEIRA (PR-G 241) BARALLA


Por vez 1ª imos ao concello de
Baralla, na provincia de Lugo e comarca dos Ancares lucenses, para realizar unha ruta homologada no 2019 que nos deixou un bo sabor de boca xa que apenas pisa asfalto, transcorre por medio de árbores autóctonas, ás veces co río Neira moi próximo, ten boas vistas dende o Miradoiro de Carracedo, pasa pola aldea de Escobío e empeza e remata nunha das áreas recreativas máis fermosas, completas e coidadas que levo visto.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,6 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular ben sinalizada e ben acondicionada aínda que algún tramo axiña necesitará unha roza.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Aparcamos na área recreativa de Baralla, ao pé da N-VI. Aí empeza e remata a ruta. Esta área recreativa pareceunos preciosa, moi ben coidada e completamente equipada con piscina, parque infantil, recintos de xogos (fútbol, baloncesto...) aparellos de xinnasia para xente maior, zona para autocaravanas e unha zona de barbacoa con todo o necesario para pasar un día enteiro sen ter que sair de aí. 

Área Recreativa

Temos que cruzar por derriba da Ponte da Senra sobre o río Neira para atopar o comenzo de ruta:

Ponte da Senra

Aspecto dunha parte da área recreativa con cancha de baloncesto e unha fermosa poza:

Área recreativa
 
Dende o alto da ponte vemos o aparcadoiro onde deixamos os coches e parte do paseo que vai ao pé do río Neira.


Hai que informarse ben antes de empezar a camiñar....
 

Empezamos vendo freixos, carballos...

O verde de prados e hortas e de árbores autóctonas...


Vemos agora a A6 e o Muíño Granxa Arroxo construído no S. XVIII  por unha familia da parroquia de Arroxo que o explotou ata 1985. Albergaba dúas pedras de moer, unha para moer cereais destinados a alimento dos animais e outra que dispoña dun sistema de cribado de onde saía a fariña para consumo humano.

Muíño Granxa Arroxo e autovía

A gandaría é unha actividade  que practican os veciños das parroquias de Baralla.


Ao chegar á aldea de Escobio (lugar pertencente á parroquia de Baralla) temos dúas opcións tal e como indican os sinais; calquera delas nos vai levar ao Alto da Raseliña: se imos pola esquerda, a subida sera máis suave pero máis longa e se imos pola dereita, a subida é máis intensa pero máis curta. A nós aconsellárannos ir pola dereita e así o fixemos.

                                                                 Sinais coas opcións que ofrecen.

Escobio é unha pequena aldea onde viven da gandaría.

Escobio

Seguimos camiñando por un entorno que nos encanta!!

 
Chegamos a un lugar habilitado cun banco de madeira e sinais que nos indican que estamos na Pena do Escobio.

A Pena do Escobio era no pasado un lugar de reunión para a mocidade da zona. Dende esa pena saltaban a unha poza que forma o río duns 8 m. de profundidade.
Pena do Escobio
 
Pasamos por debaixo do viaducto da A6 que salva o río Neira:

Neste mes de maio, a paisaxe de moitos lugares vístese, ademais do verde, tamén de amarelo. É a cor das xestas e aínda que tamén as hai de cor branco abunda moitísimos máis as amarelas.
Personalmente é unha planta que me encanta! Alegra calquera lugar co seu colorido e postas nun xarrón formando un ramo, locen de marabilla!
En Galicia, no pasado, as xestas foron moi usadas como escobas. Eu aínda lembro ao meu pai barrendo con elas na aira.
Tamén se usaban para quentar os fornos para cocer o pan.
Xestas.

Camiñamos agora mesmo ao pé da A6 durante uns 50m.

O verde e o amarelo son as cores que nos acompañan sempre neste percorrido e tamén o azul do ceo, claro!
 
Comenzamos agora á subida ao Alto da Raseliña:
Subida

A subida ten bastante desnivel pero acompañados desta paisaxe, lévase mellor:


A subida é bastante intensa pero é curta.


Nesta zona, os bosques mestúranse cos prados.

No Alto da Raseliña (a unha altitude de 690m.) temos que pillar á esquerda. Quedeime coas ganas de a onde levará o camiño se pillamos á dereita porque tamén é moi fermoso.

Camiños tradicionais bordeados de árbores e prados.

Vacas do país que teñen ben que pacer.

A ruta pasa tamén por sitios altos coma este que nos amosa unha paisaxe aberta.


Dende o Miradoiro de Pena Carramedo, na parroquia de Arroxo, vemos a A6 como furou a montaña.

Estamos rematando a baixada e vemos xa Baralla.

Deseguida (en 3 km dende o Alto da Raseliña) volvemos chegar a Escobio, punto en común da ruta á ida e á volta.

A ruta oficial homologada dende Escobio volve ao punto de inicio polo mesmo percorrido que na ida. Nós seguindo un track que nos marcaba a chegada por outro lado, en lugar de voltar polo mesmo sitio, collemos en Escobio á esquerda e fomos por unha estrada local durante 300 m.

Cando chegamos a esta ponte sobre o río Neira, pillamos á dereita por un paseo que nos pareceu que non había moito que fixeran.

Paseo que nos vai levar á área recreativa polo outro lado do río.


Este paseo polo que imos vai bastante alonxado do río.

Entramos na área recreativa pola zona de aparcadoiro de caravanas e a zona de barbacoas, preciosa, super coidada con sombra abundante. Había bastante xente asando e preparando para comer neste fermoso día solleiro.

Cruzamos esta pontiña de madeira para acceder ao outro lado, onde tíñamos os coches.

Na foto seguinte vemos a piscina que tamén ten un bar que só debe abrir en verán.

Penso que nunca vin unha área recreativa tan completa e ben coidada:
 
Ata hai aparellos para que a xente máis maior faga exercicio.

Fermosos recunchos deste lugar:


martes, 16 de maio de 2023

ROTEIRO POLO VAL DO RÍO TÓRDEA (CASTROVERDE)


Hai xa uns cantos anos fixemos a nosa 1ª ruta no concello de Castroverde, a de Soutomerille, que se pode ver AQUÍ.

Hoxe volvín a este concello para realizar unha bastante máis longa pero tamén fácil e moi fermosa, cuns bens patrimoniais naturais e etnográficos extraordinarios.

Castroverde é un concello que pertence á provincia e á Comarca de Lugo e que rebasa por moi pouco os 2000 habitantes. Esta bisbarra vén de padecer unha dolorosa purga demográfica, que a atenazou ó longo de todo o século XX.

Dous tercios, aproximadamente, da poboación activa de Castroverde está inmersa no sector primario, fundamentalmente dedicados á producción láctea e cárnica, sendo tamén moi estimable e progresiva a súa repoboación forestal. 

Características da ruta:

Lonxitude: 18 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular moi ben sinalizada pero mal acondicionada nalgún tramo.

A miña valoración: 🔆🔆🔆🔆🔆

o meu track en WIKILOC

Descripción:

En lugar de empezar onde está o panel indicador e inicio da ruta, eu empecei algo máis abaixo (uns 100 m. máis)

Oficialmente, a ruta empeza AQUÍ.

Os primeiros 500m. son por estrada. Estamos na parroquia de Pereiramá. Á volta atravesaremos o seu único núcleo poboacional.

Ao torcer á dereita, a estrada convértese nunha pista de uso agrícola:

E un pouco despois, en camiño de carro.

Despois voltamos sair a unha estrada local que nos vai levar a Espasande.


Tódalas estradas polas que vai este percorrido son así, entre carballeiras.

A poboación de Castroverde dedícase maioritariamente á gandaría e veremos moitos prados e silos:

A igrexa de Santiago de  Espasande é sobria e está restaurada. É románica do S. XII con algún elemento do S. XIX.
Igrexa de Santiago de Espasande

Sinxelos canzorros na ábside semicircular:
Igrexa de Santiago de Espasande

Deseguida atopamos unha fermosa fonte, é a Fonte da Bica ou de Goldrao en cachotería de granito e que ten unha lenda:
Cóntase que había na casa de Neira unha vella chamada Marica que tiña por costume ir buscar auga a esta fonte. Un día cando ía coa súa sella por auga atopou ao pé da fonte un año estarricado enfouzado de lama e morto de frío. Marica colleuno e levouno no colo para a súa casa.
Ao calor do lume da lareira, o año foise espelindo, empezou a dar voltas sobre sí mesmo e fuxíu pola cheminea dicindo:
Jujurujú, jujurujú, Marica de Neira quentoume o cu.
Fonte da Bica
Vemos a aldea de Espasande, única entidade de poboación da parroquia. Aínda non ten 70 habitantes.
Espasande
Esta fonte, tamén en Espasande, non tivo a mesma sorte ca anterior. Tamén restaurada en granito, aparece totalmente abandonada.
Fonte do Pacio

Dende Espasande ata Goi imos por un camiño ben fermoso:
Camiño a Goi
Non me estraña que se chame Castroverde este concello:
Camiño a Goi
Chegando a Goi o 1º que vemos son granxas grandes de gando.


Santa Mª Madalena de Goi é unha das parroquias máis pequenas de Castroverde. Aínda non ten 40 habitantes.

                                                                 Goi

Xa víramos en Espasande grandes casonas e en Goi non son menos grandes...
Goi
Despois de atravesar esta aldea atopamos o Carballo de Goi "de idade avanzada e impresionante porte" di no cartel que está ao pé.
Carballo de Goi

No medio dunha fermosa carballeira temos a igrexa de Santa Mª Madalena  que foi erixida sobre un prehistórico castro que conserva indicios de ter sido unha gran fortaleza. A igrexa é sinxela e dos séculos XVIII e XIX.

Igrexa de Santa Mª Madalena en Goi

 Ao pé da igrexa hai tres sartegos que semellan corresponder a dous adultos e au neno/a e están datados entre os séculos IX e XII

Sartegos medievais.

Frente á igrexa hai unha "casiña" que en realidade é a casa de mortos, xa que alberga unhas sepulturas. Na foto vese parte da inmensa carballeira na que se atopa a igrexa e os sartegos, derriba dun antigo castro.

Saimos da carballeira directamente á estrada:

Aos poucos metros vexo unha indicación para ver os Muíños de Goi ou de Fole a 200m. Aló vou.

Son dúas edificacións es estado de total abandono, así como o acceso ás mesmas.. O edificio maior foi un muíño fariñeiro e o menos tamaño foi unha central hidroeléctrica ou fábrica da luz antiga.
Muíños de Goi ou de Fole
Volvo de novo á estrada para seguir coa ruta e cruzo unha ponte sobre o río Tórdea:
Río Tórdea

Seguimos por estrada, pola que non atopamos a ninguén. 
 
Nun determinado punto, os sinais mándannos coller á dereita e saí o fago aínda que o camiño "promete..."

Facía falta que o rozaran un pouco...menos mal que os anos de experiencia nesto do sendeirismo me ensinaron a camiñar sempre preparada: con boas botas e pantalón longo...

O sendeiro mellora un pouco despois e vexo o sinal que anuncia a Fonte da Torre a 30 m.

Hai tempo que ninguén pasou ver esta fonte...o carreiro case está desaparecido:

Cando cheguei á fonte a sorpresa foi maiúscula!! Resulta que me atopei unha fonte restaurada como poucas vin, moi grande con 5 canos, lavadoiro... en granito e lousa...unha fonte que non merece ter un acceso tan abandonado!!
Fonte da Torre
 
Este é o aspecto da Fonte da Torre e do acceso para chegar a ela.
Fonte da Torre

Dende a fonte anterior, o carreiro desemboca desiguida na estrada que nos vai levar á seguinte aldea.

Pero só imos uns 20 m. por estrada xa que deseguida os sinais nos mandan coller o camiño que vamos á esquerda:

Un fermoso camiño que nuns poucos metros nos vai achegar á Tórdea.

S. Tomé de Tórdea é outra parroquia formada por un só núcleo de poboación que no ano 2019 contaba con 62 veciños. As casas como en todo o concello, enormes!
Tórdea

A igrexa de S. Tomé de Tórdea é probablemente de orixe prerrománico (Séculos VIII-X) e consérvanse algúns elementos desta época. A igrexa actual é froito das restauracións realizadas entre os séculos X-XVI
Igrexa de S. Tomé de Tórdea

Igrexa de S. Tomé de Tórdea

Continuamos uns metros por asfalto pero a verdade  que con esta paisaxe (agora bidueiras) e como non pasa ningún vehículo, pouco nos importa:


Deseguida pillamos á esquerda

Pasamos por diante dun muíño:

E voltamos a desembarcar na estrada pero só a cruzamos:

Cruzamos a estrada anterior para seguir por outro camiño fermoso:

Vemos prados e vacas, testemuña da ocupación principal das parroquias deste concello:

Estou xa noutra parroquia, na de Uriz.

A igrexa de Santa Mª de Uriz é de estilo románico tardío e ten unha ábside semicircular.


Incrustado no muro vemos un peto de ánimas baleiro.

En Uriz como en tódalas parroquias polas que paso, hai casas inmensas.


Abandono Uriz por este fermoso camiño:

Camiño uns metros por estrada ata pillar á esquerda.

Vou entre carballeiras.

E tamén vexo prados:


E estou xa noutra parroquia, na de Cellán do Mosteiro.

Ata agora vin enormes carballeiras e carballos de moita idade. Agora atopo tamén unha árbore senlleira pero neste caso trátase do castiñeiro da Pumarega.

Desviándome da ruta só uns metros, vexo o Pazo de Cellán, claro exemplo do barroco do S. XVIII.

O Pazo ten unha torre de tres pisos e dous grandes escudos na impresionante fachada.

Outra inmensa casa que non sei se foi tamén un pazo xa que ten un pombal no prado.

Cellán de Mosteiro encantoume! Todo tan verde e ben coidado!!

Esta é a entrada dunha casa que ten este xardía tan grande e precioso!!

Outra fonte que vemos en Cellán é a Fonte do Ouro, que "foi restaurada no 2020 polo concello en colaboración do veciño Guillermo Piñeiro Fernández, da Casa de Tamaredo que aos seus 89 anos fixo memoria de como estaba a fonte e a súa contorna cando el era neno. Recoñecendo cada pedra que aparecía, moitas delas levaban máis de 60 anos enterradas na lama..."
Fonte do Ouro


Un poquiño máis arriba da fonte temos as ruinas da Vella Igrexa de S. Pedro edificada sobre un pequeno outeiro e que foi abandonada no último terzo do S.XX ao construirse unha nova igrexa. Alberga vestixios dun pequeno mosteiro que existíu neste lugar no S. XII
Vella igrexa de S. Pedro

 A igrexa, que ten lápidas ao seu redor, aparece totalmente abandonada.
Igrexa vella de S. Pedro

Podemos ver aínda o arco, as pinturas do altar maior e a entrada do que era a sancristía...
Igrexa vella de S. Pedro

A continuación, o percorrido métenos por un camiño nun estado lamentable:

O percorrido está super ben sinalizado pero en cambio algíuns tramos do mesmo están case impracticables:

Camiños e carreiros fermosos polos que xa case ninguén pasa...

Estamos noutra parroquia: A Pumarega

Este edificio é o Pazo de Fornos que parece estar en proceso de restauración.
Pazo de fornos

A igrexa de A Pumarega mestura diferentes estilos como románico, renacentista, neoclásico e barroco.
Igrexa de A Pumarega

A partires de A Pumarega empeza un camiño que no seu primeiro tramo, xusto ao principio, moito me deu que cruzar xa que non sabía onde pisar para non afundirme na lama debido ao paso de tractores.

O tramo en mal estado é moi curto e deu lugar a outro fermoso tramo, pero agora son soutos o que vexo.
Un souto
 Hai que atrvesar este rego. Ao pé del foi o meu comedor dese día.

 Sigo entre soutos:

E saio a unha estrada xa en O Vilar, pertencente a outra parroquia: Cellán de Calvos.

Inmenso caserío que vemos en Vilar.

Nesta zona hai importantes afloramentos rochosos:

Neste percorrido son máis abundantes as carballeiras pero tamén hai soutos:
Souto

E cruzo outra aldea: Cellán de Calvos e como non podía ser menos, tamén con grandes casas de pedra.
Cellán de Calvos
 
A igrexa é de sólidos muros de granito e debe haber tempo que aí non hai celebración ningunha, xa que o entorno á mesma aparece bastante descoidado.
Igrexa de Cellán de Calvos

Prosigo o percorrido entre soutos.

A fermosura desta ruta queda grabada na retina e neste blog:
 
Vexo ao lonxe a última aldea pola que hoxe vou pasar e dende a que partín: Pereiramá

A igrexa de S. Xulián de Pereiramá é de tradición románica pero de construcción posterior
Igrexa de S. Xulián de Pereiramá

Atraveso Pereiramá:


 Deseguida chego ao punto de partida.

Unha rutaza que pasa por  8 parroquias que ten bens patrimoniais e naturais impresionantes, que está moi ben sinalizada pero tamén ten algúns tramos en malas condicicións.

Páxinas web consultadashttps://concellodecastroverde.gal/