martes, 28 de marzo de 2023

S. FACUNDO-MATAVENERO (TORRE DEL BIERZO-LEÓN)


Matavenero

 Por 1ª vez fomos ata O Bierzo , comarca da provincia de León dentro da C. Autónoma de Castela-León.

Non nos queda máis lonxe O Bierzo que algunhas zonas da prov. de A Coruña ou Pontevedra e Ourense así que aló nos fomos a facer unha ruta de sendeirismo preciosa que vou ir comentando.

Características da ruta:

Lonxitude: 11,6 km.

Dificultade: Moderada

Ruta circular cun tramo lineal de ida e volta, sinalizada en parte. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta empeza e acaba na localidade de S. Facundo que pertence ao concello de Torre del Bierzo.

S Facundo é unha vila moi pequena, moi fermosa e coidada, rodeada de montañas, con moito encanto!!

S. Facundo
Hai que aparcar á entrada da vila xa que non se permite circular con vehículos polo centro:
Aparcadoiros á entrada da vila.

No 2018 inaugurouse en S. Facundo o monumento á Troita. É o 1º que vemos segundo entramos á vila. A escultura é obra de Arturo Nogueira artista de Vilafranca do Bierzo.

Monumento á troita

Nun muro dunha casa vemos este cartel co precorrido que imos a facer.
Panel indicativo de ruta

Abandonamos S. Facundo pillando á esquerda. Á volta xa percorreremos toda a vila para desfrutala máis.

Abandonando S. Facundo

Camiñamos ao pé do río Argutorio:

Á esquerda, o río Argutorio

Chamou a nosa atención este cartel. Sempre, sempre debemos ter en conta o que di:
Cartel que hai que ler e cumprir o que di, claro.

Empezamos a subir suavemente entre uces floridas.
Carreiro entre uces.

Facendo sendeirismo, ás veces atopámonos con imprevistos que hai que sortear:
Imprevistos

Vemos a Presa de S. Facundo que queren destruir, xa que esta infraestructura que entrou en servizo nos anos 80, agora está en desuso.

Presa de S. Facundo

Camiñamos por un sendeiro de montaña co chan  de pedras.
Sendeiro de pedras 

Cruzamos por esta rústica ponte á outra ladeira da montaña:

Ponte
Hai moitos tramos nos que a vexetación está composta por aciñeiras, sobreiras...

Na nosa subida a Matavenero atopamos excelentes miradoiros como o da seguinte foto que nos deixa ver aló enriba a citada aldea.

No alto, Matavenero

Miradoiro onde podemos observar o camiño que acabamos de percorrer:


Chegamos a Matavenero, unha aldea abandonada na década dos 60 do S. XX ata que en
1989 varias persoas de diferentes nacionalidades únense en Matavenero para crear unha ecoaldea hippie promovida a través do movemento Rainbow Family. Máis de 30 anos despois, a aldea conta con máis de 70 habitantes e tódolos servizos necesarios para levar unha vida cómoda e en contacto coa natureza.

Matavenero

A súas casas están feitas con elementos naturais como pedra e madeira, tenen escola ( de diferente modelo ao que coñecemos) biblioteca...provense de enerxía eléctrica por medio de placas solares, a auga é dos mananciais das montañas e ningunha estrada chega á aldea. (Para transportar materiais pesados construiron un teleférico)

Unha casa de Matavenero

A casa que vemos en 1º termo é a escola, derriba da "Cociña Comunitaria".

Diante da escola hai un espazo para xogos infantís e incluso a caseta que vemos cun tobogán construida de xeito artesanal, ben fermosa!


As casas son todas diferentes e algunha é ben peculiar:


Case 20 nenos e nenas fan de Matavenero a localidade co índice de natalidade máis grande da provincia.

En Matavenero hai espazos de uso común como escola, biblioteca, casa do médico, cantina...

Dende Matavenero, a algo máis de 1000m. de altitude, pódense  ver montañas bercianas.
Montañas dende Matavenero
  
Segundo imos abandonando a aldea, vémola moito mellor. Nós cruzámola pola parte de arriba pero as casas esténdende ladeira abaixo:
Matavenero

Unha construcción moi destacable é o chamado Domo Geodésico que se emprega para reunións, para impartir tallleres...
Actualmente Matavenero es un pueblo reconstruido, no una comunidad, aunque compartimos muchas cosas de la vida cotidiana, tareas, espacios, etc… El pueblo en constante cambio intenta integrar distintas ideas por lo que aquí podrás encontrar una economía y una infraestructura común coexistiendo también con la propiedad privada y unas economías familiares independientes.
O Domo de Matavenero

Abandonamos Matavenero polo medio deste souto.

Imos cara a Poibueno. A paisaxe que nos acompaña non pode ser máis fermosa nun entorno no que todo é silenzo que só se ve roto polos nosos pasos e conversas.
Camiño a Poibueno

O Rego do Rial pasa por Poibueno. Este lugar está situado no fondo do val. A aldea de Matavenero que acabamos de visitar antigamente considerábase que era un barrio de Poibueno e de feito, a igrexa estaba aquí. 
Ponte de madeira sobre o Rego do Rial, en Poibueno

Esta construcción é o que queda do antiquísimo mosteiro de Podiomalo que como soaba mal cambiáronlle o nome a Poibueno. Foi un ilustre mosteiro do S. XII dedicado ao Apóstolo Santiago. Co paso dos séculos, o mosteiro pasou a convertirse nunha igrexa. 
Para ver esta igrexa hai que desviarse uns metros da ruta oficial; despois de cruzar a ponte a ruta segue á esquerda, se pillamos á dereita xa vemos a igrexa.
Na foto distínguese perfectamente o que foi a torre da igrexa.
Igrexa de Poibueno

Esta sería outra entrada:

A aldea de Poibueno, moito máis pequena que Matavenero, está sendo tamén repoboada polo mesmo tipo de xente.
Poibueno

Dende Poibueno chegamos deseguida ao Pozo de las Hoyas: un lugar fascinante pero moi difícil de fotografar ben. Neste lugar o río vai encaixoado entre rochas formando un pozo ancho que desemboca nunha pequena cascada que cae noutro pozo. Esto vese dende un miradoiro no que hai que ter moitísima precaución, non achegándose á beira xa que unha caída podería ser mortal.
Pozo de las Hoyas

Despois do Pozo das Hoyas, nós equivocámonos e en lugar de ir polo camiño "oficial" (poño comiñas porque esta ruta non está homologada e a sinalización tamén é deficiente nalgúns puntos) pero a maioría da xente vai por un sendeiro máis alto, nós vimos que tamén había outro máis abaixo e por ese collemos pero é bastante perigoso (ás veces estreitase bastante e pode ter riscos de caídas) e tivemos ademais que escalar para salvar as rochas que se aprecian na foto. (Hai unha corda para agarrarse o que demostra que por aí tamén pasa xente)
Escalando

Despois desta subida baixamos xusto ao pé do río (se houbese enchente estes días sería imposible pasar)
Pegados ao río 
Despois deste  desvío que fixemos sen darnos conta ao principio de que íamos mal (foron só uns metros) enlazamos co carreiro que viña máis alto por onde deberiamos haber ido. O cruce prodúcese xusto nesta rústica e curiosa ponte:


Polo mesmo camiño da ida, co río sempre á nosa dereita, chegamos de novo a S. Facundo.

Son as 15:00h. cando chegamos de novo a S. Facundo algo cansos pero moi felices de haber feito esta ruta espectacular.

No único restaurante que hai en S. Facundo,  HNOS. VILA ,tíñamos reserva para xantar. Teño que dicir que tanto a comida como a atención foron de 10. A especialidade do restaurante é a troita e comemos croquetas de troita e tamén frita e escabechada Estaba deliciosa!! Tamén probamos os garabanzos con langostinos, a tenreira asada, o secreto, as zamburiñas...e de postre as torrixas...espectaculares!! O mesmo que o arroz con leite, a tarta de mazá, a tarta de chocolate branco...todo unha delicia!!
A xente que nos atendeu (dúas mulleres, unha que parecía ser a xefa e a camareira) foron encantadoras, o servizo moi rápido...enfin para repetir sempre!!

Restaurante hermanos Vila

Despois de comer fixemos un percorrido por esta fermosa vila. Ricardo Vila, o alcalde de San Facundo dende 1993 é o artífice de colocar a esta pintoresca pedanía no mapa. Traballou como mineiro ata 1995 e actualmente exerce de entusiasta embaixador  orgulloso da súa vila. Este alcalde concibe a política como un servizo público e  por eso invirte toda a súa  enerxía en repoboar, preservar e mellorar este extraordinario enclave. Por este motivo, este home recibeu varios recoñecementos que premian a súa labor cara a un turismo sostible.

“El mundo es un pañuelo y San Facundo un oasis” di el.

Subimoa ata o miradoiro:
Miradoiro en S. Facundo

Grazas ao Plan E de Zapatero, foron pioneiros en Castilla e León ao instalar un sistema de depuración de augas con raios ultravioleta. Un método totalmente innovador que non altera químicamente a estructura das augas tratadas.
S. Facundo dende o miradoiro
En S. Facundo non se ve un so cable, xa que van soterrados e os vehículos tampouco circulas polas súas rúas.

S. Facundo naceu dun mosteiro medieval (os monxes sempre escollían para fundar os seus mosteiros o mellores lugares en entornos naturais fermosos nos que poidsen meditar pero tamén que tivesen o necesario para unha vida cómoda: auga, pastos, viñas...) e así no s. IX levantaron aquí un mosteiro dedicado a S. Facundo do que non queda rastro.
Tralo pasado remoto monacal e máis recentemente, agropecuario e mineiro, hoxe San Facundo está orientado al turismo sostible. Turismo de natureza, con varias rutas moi interesantes, restos arqueolóxicos e grandes doses de tranquilidade.
Esta vila ten só 17 habitantes e foi escollida como a vila máis fermosa de León.
Igrexa de S. Facundo

Outro reclamo desta vila é a súa piscina fluvial construida nun tramo do río Argutorio e por suposto a ruta de sendeirismo que acabamos de realizar. Ricardo Vila é un exemplo de crear na súa vila un turismo sostible. 
Aquí vemos a piscina e o seu entorno:
Piscina no rio Argutorio

Respondemos á pregunta do cartel dicindo que SI mereceu a pena e moito pasear pola vila e realizar a ruta de sendeirismo!!
Mereceu a pena, si. Ímonos contentos de ter vido ata aquí



Páxinas web consultadas:
https://sanfacundo.es/

https://cronicaglobal.elespanol.com/vida/san-facundo-pequeno-tesoro-minas_293969_102.html

https://matavenero.net/

https://www.leonoticias.com/

https://www.lanuevacronica.com/de-san-facundo-a-matavenero-y-poibueno

domingo, 26 de marzo de 2023

SENDA FIGUEIRAS-CASTROPOL (VISITANDO CASTROPOL) ASTURIAS


Vou ao concello de Castropol a facer esta ruta por 2ª vez. É un percorrido curto, fácil e moi fermoso onde pasaremos por catro parroquias do concello: Figueras, Barres, Piñera e o propio Castropol.

Características da ruta:

Lonxitude: 6,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal ben sinalizada.

O track en WIKILOC:

Descripción:

Partimos da parroquia de Figueras pertencente ao concello de Castropol.

Aparcamos nun aparcadoiro público ao pé do edificio coñecido como Torre del Reloj e que alberga a Casa da Cultura e a Biblioteca Pública.

Torre del Reloj

Tamén vemos este pazo do que non atopei ningunha información.

D. Florencio López Villamil, emigrante en Uruguai, no seu testamento en 1904 lega á súa vila natal o capital para constituir a Fundación Benéfica-Docente que leva o seu nome. No 1927 foron inauguradas estas escolas laicas que foron as primeiras da Mariña e do Occidente asturiano.
Aquí impartíronse clases gratuitas laicas ata 1936 ano no que estalou a guerra civil.
Segundo o seu fundador, o ensino impartido debía ser «alleo a toda influencia relixiosa e política», «de ensinanzas útiles de Artes e Oficios», «gratis a ensinanza e o material» e con liberdade de cátedra para o maestro. Unha proposta adiantada ao seu tempo .
Escolas Villamil

Baixamos por este camiño para achegarnos deseguida á ría:
Camiño que nos leva á beira da ría
 
A marea está baixa, non hai auga, e podo ver a ría dun xeito distinto á outra vez que había marea chea:
A ría e ao fondo, Castropol
 
Vemos a Praia de Arnela, pequena, recollida e sen auga en marea baixa:
Praia de Arnela

Seguimos camiñando por preciosos sendeiros naturais:
Sendeiro

 Chegamos ao Muíño as Acías, un muíño de mareas que obtiña a enerxía para moer o gran da diferenza de nivel da auga, efecto das mareas. Durante a pleamar, acumulaban a agua nunha presa e liberábana en baixamar impulsando a rotación da roda hidráulica e facendo xirar as pedras de moer. Estas construccións eran moi caras pero moi rendibles xa que a pesar de depender das mareas e moer so 2 veces ao día, contaban cun número elevado de moas e tiñan a vantaxe de poder traballar todo o ano. Levantados sempre a expensas da nobreza ou da igrexa, estos muíños de mareas xogaron un papel fundamental na economía rural da zona.
Muíño de mareas

Moi cerca do muíño anterior atopamos outra praia: a das Acías ou Carbayois ou Cobos que pertence á parroquia de Barres. Resgardada dos ventos, mide 130m.
Tres nomes pode ter esta praia: das Acías, Carbayois ou Los Cobos

Encántanme este lugares a onde non se pode chegar co coche!

Fermoso arco o que forman aquí os piñeiros:
 
Ao rematar o camiño anterior chegamos a un cuce con catro bifurcacións: unha, a que traemos, outra á esquerda que ignoramos, á dereita pola que segue a ruta e outra, de frente. Nos tracks e informacións varias que lin desta ruta ninguén fala da Torres de Donlebún. Para velas, só hai que desviarse uns metros da ruta oficial. Cando chegamos ao cruce que digo, en lugar de coller xa á dereita seguimos de frente e xa nos atopamos coas torres. Nos se ven case ata chegar a elas porque as tapan as árbores.
Torres de Donlebún

Árbores ao pé das torres:
Paisaxe na Torres de Donlebún

É unha fortaleza no concello de Barres que foi propiedade da familia Pardo de Donlebún ata a primeira década do S. XXI. Foi contruida en varias fases entre os S. XVI y XVIII. Presenta forma de U cun patio central e remata en almeas. Destaca a súa gran porta de arco de medio punto e voluminosas dovelas. Aquí naceu o célebre marino D Sancho Pardo de Donlebún, almirante que construeu buques para a Real Armada en La Linera.
O pazo está en proceso de restauración dende hai anos xa que despois de estar case en ruinas foi mercado pola empresa asturiana Paisajes de Asturias co obxectivo de tranformalo nun hotel de luxo.
Castelo de Donlebún

Sobre a porta vemos o escudo de armas da linaxe que habitou este castelo.
Porta principal

Rematada a nosa visita ás Torres de Donlebún continuamos a ruta baixando á Enseada da Lieira.
A Lieira
 A enseada da Lieira é como un pequeno escondrixo, un lugar moi relaxante, tranquilo no que custa imaxinar o axetreo que debeu de haber en tempos pasados cando funcionaban aquí uns estaleiros coñecidos pola calidade dos seus barcos construidos naquela época con madeira de castiñeiros e carballos. O auxe máis importante deste estaleiros tivo lugar nos S. XVI E XVII cando o rei Filipe II realizou importantes encargos ás máis de 20 carpintarías de Ribeira construíndo goletas, corbetas e bergantíns.
Ata mediados do S. XX continou a actividade destas carpintarías que foi desaparecendo pouco a pouco.
Enseada da Lieira

Despois da Enseada de Lieira, imos por unha  estrada local sen apenas tráfico aínda non durante 1km. coincidindo tamén cun tramo do Camiño de Santiago.
Estrada

Parece mentira que nunha ruta tan curta pasemos por tantas parroquias do concello de Castropol. Estamos agora na de Piñera e dentro desta, no lugar de Berbesa. Cruzamos a ponte sobre o río Berbesa.

Berbesa

Algo máis arriba, no lugar de El Esquilo, rematamos o tramo de estrada. Dende aquí temos unhas excelentes vistas:

Vistas dende El Esquilo

Voltamos á beira da ría baixando estas escaleiras feitas con elementos naturais, como a mín me gustan:


 Volvemos camiñar á beira do río por este fermoso carreiro natural:


Seguimos dentro da parroquia de Piñera e nela atopamos esta fermosura de praia: Salías. O máis chamativo desta praia é o illote que se atopa no medio coroado por eses eucaliptos que lle dan un toque diferente.
Praia de Salías
Dende toda esta zona non deixamos de ver fermosas vistas, agora de Ribadeo, Figueiras e a Ponte dos Santos.
Vistas de Ribadeo, Figueiras e a Ponte dos Santos


Xa chegando ao fin da ruta, vemos Ribadeo de frente, á dereita Figueiras cos estaleiros Gondán en 1º termo e á esquerda Castropol.

A ruta finaliza xusto onde ahi dous restaurantes de renome en Castropol: Casa Vicente e Peña Mar. Nós hoxe comemos neste último cun menú do día a 15€ ben saboroso nun comedor no que predominan as abundantes lámpadas acesas.
Restaurante Peña Mar onde xantamos.

A ruta remata aquí pero despois de comer quixemos coñecer algo da vila de Castropol.
Empezamos percorrendo o paseo pegado á ría ata chegar ao muelle.
Paseo á beira da ría

Nesta ría cultívase unha variedade de ostras de maneira extensiva e sostible. A empresa "Acuicultura del Eo" (Acueo) é a responsable desta actividade. Unha ostra criada e alimentada unicamente a base de fitoplancton que lle aporta o entorno protexido da ría como Reserva da Biosfera.

Rematado o paseo polo muelle, subimos por unha rúa ao centro da vila. No muro desta rúa hai unhas placas con poemas de autores relacionados con Castropol.

Dá gusto pasear por estas rúas empedradas así, cando non hai ninguén:
Unha rúa de Castropol

Na foto seguinte vemos a Casa do Concello e enfrente a igrexa de Santiago coa súa característica Torre que destaca por riba de tódalas construccións da vila e da que é un símbolo.
A Casa do Concello foi construida no S. XIX sobre as ruinas dun antigo castelo
A Igexa Parroquial de Santiago é de estilo barroco popular. Foi construida no S. XVIII sobre os restos dun antigo hospital de peregrinos. 
Concello e igrexa de Santiago

Casa Consistorial

Na Plaza del Cruzadero atopamos este fermoso recuncho onde está o munumento ao "Pueblo Ejemplar" otorgado a Castropol no 1997. Nesta praza atopamos tamén Villa Rosita e á esquerda o Pazo dos Montenegro, do S.XV e de propiedade privada.
Plaza del Cruzadero
Un detalle do monumento:
Monumento de "Pueblo Ejemplar" dentro do Premios Príncipe de Asturias.

Na mesma praza temos a Villa Rosita con forma de L en torno a un xardín. A torre é do S. XVI, o resto do esdificio eo gurugú son do S. XVIII
Villa Rosita
Casonas con aristocráticas galerías, pazos...unha importante arquitectura civil podemos ver nesta vila.
 
O pazo seguinte é o das Catro Torres, do S. XVIII e de estilo clásico.

Este fermoso edificio foi antes un Casino. A obra foi financiada por Vicente Loriente, un indiano que fixo en Cuba unha garn fortuna.
Casa da Cultura e Biblioteca Pública
 
O edificio foi construido a principios do S. XX e no ano 1922 converteuse en Biblioteca sendo a 1ª Biblioteca Pública de Asturias. No ano 1993 trala rehabilitación do Casino-Teatro, é tamén a Casa da Cultura da localidade.
Casa da Cultura e Biblioteca Pública

O edificio anterior está ubicado no Parque de Vicente Loriente no que tamén atopamos este monumento dedicado a Fernando Villaamil, un destacado enxeñeiro naval e militar que foi un gran benefactor da vila de Castropol. Tamén foi escritor e contou as súas aventuras como comandante do buque Nautilus no libro: “Viaje de circunnavegación de la corbeta Nautilus” 
 
Dentro do mesmo parque temos tamén a capela de Santa Mª do Campo, o edificio máis antigo de Castropol(S. XV) que se salvou dun terrible incendio no 1587 que arrasou a vila.
Capela de Santa Mª do Campo

Dende o Parque Vicente Loriente tamén podemos ver a torre da Igrexa de Santiago. A mellor maneira de fotografala é dende lonxe.
Torre da Igrexa de Santiago

E esta foi a nosa visita a Castropol. Vimos algunha cousa pero aínda nos quedan outras varias que deixamos para outro día.

Páxinas web consultadas:
https://www.guiarepsol.com/es/comer/en-el-mercado/ostras-de-asturias-castropol/
https://www.miniontour.es/que-ver-en-castropol/