Amosando publicacións coa etiqueta ruta lineal.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta lineal.. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de febreiro de 2023

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO RINLO-PRAIA DE AREALONGA (INCLUIDO TRACK)

Este tramo do Camiño Natural do Cantábrico xa o realizamos hai uns anos e hoxe repetino eu sola porque da vez anterior aínda non gravaba as rutas e ademais de servirme para poder compartir o track, tamén vin cousas que non vira antes ou é que non estaban como por exemplo un lago situado moi cerca das cetárias de Rinlo que nunca vira nin oín falar del, polo que penso que debe ser estacional e aparecer só cando chove moito como ocorreu estes días pasados. O caso é que dito lago estaba cheo de vida con multitude de aves diversas.

Este tramo pertence á etapa 1 do Camiño Natural do Cantábrico que sae de Ribadeo e remata na Praia das Catedrais e 800m. da etapa 2 que empezaría na praia anterior e remata en Foz.
Este tramo é moi fermoso, con moi pouco asfalto e conta cunhas fermosas paisaxes costeiras, con fermosas e nomeadas praias como a das Catedrais ( moi boa maneira de coñecela facendo esta ruta) tamén moi destacable é a vila de Rinlo co seu fermoso portiño e as casas de cores colgando derriba do mar, as antigas cetarias...

Características:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta lineal debidamente sinalizada.

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅🔅



Descripción 

Empecei este tramo na área recreativa "Campo do Cristo" en Rinlo.
Área recreativa Campo do Cristo


Dende aquí parte un fermoso e curto paseo á beira do mar.
Paseo marítimo de Rinlo

Dende o Paseo Marítimo vemos deseguida o porto de Rinlo que, fundado do S. XVII, daría orixe a esta vila.
Porto de Rinlo dende o paseo marítimo


Nestes bancos deben contarse contos os veciños da vila:
O banco dos contos.

En lugar de cruzar a ponte, os sinais mándannos seguir polo paseo ao pé das casas que 

vemos na foto, na desembocadura do Rego de S. Xián.

Rinlo

O porto de Rinlo foi nos seus inicios un porto baleeiro fundado no S. XVIII. Máis tarde 

pescouse sardiña, congrio, raia...e outras especies. O porto actual é de 1905.

Porto de Rinlo
 
 Rinlo é a parroquia máis pequena en extensión de Ribadeo e a súa poboación vese reducida

ano tras ano . As casas están mesmo construidas enriba da costa de xeito que non hai moitos 

anos, cando había temporais e mareas moi grandes, a auga entraba nas casas.

Rinlo foi unha típica vila de pescadores cun porto moi importante debido á moita cantidade 

de capturas e tivo unha das primeiras confrarías de España. Actualmente desapareceu a 

pesca de baixura.

Rinlo

No 1904, constrúese en Rinlo a 1ª cetaria natural da nosa zona aproveitando unha entrada 

natural que o mar furou ao longo dos anos, no lugar coñecido como Estornín. Pechouse un 

muro para encorar as augas onde se depositaba o marisco. O sistema de circulación de auga

 aproveitaba o fluxo das mareas regulando a entrada da mesma mediante comportas. Os 

principais mariscos que se criaban eran langostas, centolos, bois de mar e lumbrigantes.

1ª cetaria de Rinlo

O negocio foi a máis e houbo que buscar outra localización para expandir a empresa.

 Construíuse outra cetaria máis grande a uns 500m. da primeira, no lugar coñecido como

Penacín.

A 2ª cetaria en Penacín

Miro á miña esquerda e vexo unha gran masa de auga. Achégome cruzando a estrada (son só

 uns metros de desvío) e atopo unha Lagoa que nunca antes vira nin escoitei falar dela: é

 unha lagoa estacional que ten auga só en épocas de chuvias abundantes. Tiña moita vida xa

 que vin garzas, parrulos e outras aves que non coñecín asentadas nas súas augas.
Lagoa

Lagoa con aves

O Cantábrico e a lagoa separados por unha estreita franxa.
Mar e lagoa

Ollo Longo foi a 3ª cetaria. Construida en 1954  consta de dúas instalacións diferentes: unha

 natural e outra que funcionaba con bombeo salvando unha altura de case 20m.

José Vázquez Oroza foi que máis tempo traballou nestas cetarias.
Cetaria de Ollo Longo

 Saio a unha estrada local pola que iremos só uns metros. Deseguida collemos outra vez á

 dereita
Saída á estrada

Un banco con boas vistas e obsevamos a paisaxe que imos deixando atrás.


Vemos o castro de Meirengos que está sen excavar e sitúase xa na parroquia de A Devesa,

 concretamente no lugar de Meirengos. Está situado en propiedade privada e polo lado este

 ten o rego de Cabalar do que se surtirían de auga os habitantes do castro. Actualmente os

 terreos  que  ocupan o castro están dedicados a prado. O estado de conservación deste castro

é moi regular debido aos movementos de terra que se realizan para a súa explotación

 agrícola.

Castro de Meirengos 

Se miramos o que imos deixando detrás, vemos a aldea de Meirengos. Camiñaremos agora

 uns metros por estrada.
 
E chegamos á praia dos Xuncos, tamén coñecida como Cabalar, na parroquia de A Devesa

 que tamén pertence ao  concello de Ribadeo
Praia dos Xuncos.
 
A partires da praia anterior comenza un percorrido acondicionado en pedra.
 
Deseguida chegamos á praia dos Castros, tamén chamada Marbadás. Esta praia está 

enmarcada entre formacións rochosas espectaculares formando covas ás que se pode acceder

 en marea baixa. É como un anticipo da praia das Catedrais.
Praia dos Castros.

Praia dos Castros dende outro enfoque. En marea chea, non queda praia.
Praia dos Castros.


Case pegada á anterior (en marea baixa están comunicadas) atopamos a Praia de Illas. O

 nome é doado de deducir xa que hai unhas grandes rochas igual ca illas. En marea chea,

 practicamente non hai areal.
Praia de Illas


Temos que ir uns metros por estrada para chegar á Praia de Esteiro, na parroquia de A

 Devesa(Ribadeo) Está situada na Enseada de Cadramón
Praia de Esteiro
 
Bordeamos a praia anterior e saimos dela por un camiño que nos leva deseguida á estrada e á

 Praia de As Catedrais.
Carreiro á beira da estrada que nos leva ás Catedrais.

A pesares de ser o mes de febreiro, había un autobús e bastantes coches. Non quero imaxinar

 como é o verán!!
Entorno de As Catedrais
 
Vin varios sinais prohibindo pisar determinadas zonas. Paréceme perfecto xa que debido ao

 inmenso número de visitantes que recibe esta praia, de seguro que o entorno sofre as

 consecuencias de tal avalancha humana.
Entorno da praia de As Catedrais

A praia de As Catedrais é un Monumento Natural no que en marea baixa podemos ver

 como o mar e anos de erosión debuxaron nos cantís un conxunto arquitectónico de arcos,

 bóvedas e columnas que a fan ser considerada como unha das praias máis fermosas do

 mundo.

O seu topónimo orixinal é Augasantas e débese a que antiguamente había un manancial de

 augas menciñais.
Praia de As Catedrais

Moi cerca da praia das Catedrais temos esta pequena cala acondicionada con escaleiras para

 poder acceder a ela.

Cala

 Pasarelas de madeira que nos levan a miradoiros sobre o Cantábrico.
Pasarelas.

E xa no concello de Barreiros, chego á Praia de Arealonga onde finalizo o traxecto de

 hoxe.
Praia de Arealonga(Barreiros)
 
A lúa empeza a poder xa máis que o sol cando remato a camiñata.

Páxinas web consultadas:

http://xurdemoran.blogspot.com/2015/11/rinlo-pueblo-marinero-de-ribadeo.html

mércores, 18 de xaneiro de 2023

S. XOÁN DA COVA (PR-G 36) VEDRA-A CORUÑA

Vedra é un concello du sur da Coruña. Tamén ao sur do concello está o río Ulla que fai fronteira natural coa provincia de Pontevedra. Pertence este concello á Comarca de Santiago á que está moi vinculada pola súa proximidade, pola súa relación co Camiño de Santiago. Tanto  Vedra como a toda a comarca do Ulla se coñecen como "a horta e xardín de Compostela"

Concellos que pertencen ao Val do Ulla


A ruta que fixemos hoxe vai case toda ela ás beiras do Ulla,  pero NON se debe facer en épocas de moita chuvia xa que o Ulla é un río que sofre grandes desbordamentos e  nós tivemos bastantes dficultades para realizala xa que o sendeiro por onde transcorre estaba en moitos tramos inundado completamente e tíñamos que alonxarnos do río, o que ás veces foi complicado porque tíñamos que atravesar por medio de silvas, maleza...Dúas pontellas que tíñamos que atravesar para salvar dous regos que desembocan no Ulla estaban debaixo da auga  e tivemos que buscar alternativas (non sempre doadas) para poder cruzalos.

Foi unha ruta complicada por ese motivo pero é fermosa e fácil. Comemos en Ponte Ulla na Taberna de Gundián e rematamos no Miradoiro de Gundián.

Características da ruta

Lonxitude: 12,7 km. 

Dificultade: fácil. (A nós resultounos complicada porque a fixemos despois de días nos que choveu moito e tivemos que modificar o trazado orixinal en bastantes ocasións porque o río estaba fóra do seu cauce)

Ruta lineal perfectamente sinalizada.

Eu deixo o meu track por se  alguén se lle ocorre facela coma nós, despois de días de días de chuvia abundante.

En WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅

Descripción:

Nós partimos da área recreativa de Cubelas, situada na parroquia de Sarandón.

Área recreativa de Cubelas

Nun día fermoso con nubes e sol aínda que fría temperatura empezamos a camiñar. O frío nunca importa porque non hai mellor maneira de entrar en calor que camiñar.

Empezando a camiñar

Imos ás beiras do río Ulla, ancho con moita corrente. O sendeiro nótase moi pisado e está en perfectas condicións. A nosa alegría neste senso axiña vai rematar.

Río Ulla
 Pasamos por debaixo da Ponte de Ximonde. Contruido en 2012 une o concello de Vedra co da Estrada. É accesible para minusválidos e ten chan antideslizante. Esta ponte sustitueu a outra que levou unha riada no 2001.

A ruta pasa por debaixo pero nós quixemos cruzala e poñernos no concello da Estrada.

Ponte de Ximonde
 

O río Ulla, un dos máis importantes de Galicia, nace no concello de Antas de Ulla e o seu curso divide as provincias de A Coruña e Pontevedra. Despois de percorrer 132 km. desemboca na Ría de Arousa.

Río Ulla


O Ulla divide as provincias de A Coruña e Pontevedra

O edificio da imaxe seguinte foi un gran muíño noutros tempos. Hoxe é un centro ictiolóxico  dedicado á cría e reproducción de salmóns. Aquí contrólase a migración dos salmóns do río ao mar e viceversa. Púxose a funcionar no 1993. 
O Coto de Ximonde é un dos cotos salmoneiros máis importantes de Galicia. 
Centro ictiolóxico creado en 1993

Nesta zona hai unha presa que servía para desviar a auga ao antigo muíño e pensouse en derribala porque se considera que retrasa a subida dos salmóns para o desove. De momento segue aí.

Este coto de Ximonde é o preferido polos pescadores e antigamente pertencía aos condes de Ximonde.

Hai numerosos paneis informativos que nos paramos a ler.

Paneis informativos

A estrada que vemos de frente dá accceso ao Centro Ictiolóxico que nos queda detrás. Torcemos á dereita para ir pegados ao río.

Á dereita

 E aquí é onde nos damos conta de que o río desbordouse, xa que estes días pasados choveu moito. O sendeiro está impracticable e tivemos que camiñar máis polo prado como se ve na foto:

O río desbordou
 

Na foto podemos ver o nivel de desbordamento que tivo o Ulla en días pasados.

Observamos a gran enchente que tivo o río días atrás.

Pensamos que ao mellor sería unha zona puntual e non teríamos máis dificultades. As únicas ata o momento foi embarrar algo as botas.

Ruta fácil e relaxante

O camiño estaba inundado. Menos mal que o arame non era de pinchos ou que non había un can...

Agarrándonos ao arame para pasar.

Ao rematar o inundado camiño anterior, chegamos á Ponte de Sarandón que tíñamos que cruzar por debaixo pero non foi posible xa que o paso estaba completamente inundado. Saimos á estrada e cruzamos como poidemos por unha finca particular. Deseguida viñemos outra vez ao pé do río.

Ponte de Sarandón

Seguimos agora por unha zona tranquila, sen auga e observando una extensa plantación á nosa esquerda de árbores que nos pareceron arces.

Plantación á esquerda
 E aquí chegou unha dificultade moi gorda:  hai un rego (O Rego de Merín) que desemboca no Ulla e que deberiamos cruzar  xusto na desembocadura por unha pontella de madeira: Como se ve na imaxe foi imposible pasar; poderiamos arriscarnos a mollarnos algo para pasar a ponte pero é que onde esta remata, non sabíamos a profundidade que había así que houbo que buscar unha alternativa camiñando rego arriba onde este era máis estreito pero aínda así non era posible cruzalo. 

Cruzamos por un troco que había tirado no rego e agatuñando por unha árbore. O paso así non valía para calquera e d efeito, unha persoa que nos acompañaba caeu no rego, por fortuna sen máis consecuencias que mollarse enteiriña polo que voltou para o coche acompañada doutra persoa a cambiarse (é moi previsora e sempre trae unha muda enteira de recambio, menos mal...)

Ponte intransitable
 Así tivemos que cruzar o rego!!
Cruzando o rego de Merín

A partires de aquí a tónica xeral foi atopar o río "comendo" o sendeiro en numerosas ocasións.

O carreiro moitas veces non existía
 

Outra ponte que non estaba para cruzar:

Outra pontella que non poidemos cruzar

Aquí atopamos outra altenativa moi fácil un pouco máis arriba. Seguindo o rego, demos cun camiño que pasaba por derriba do mesmo. Xirando á dereita, polo prado abaixo, voltamos á beira do Ulla.

Tivemos que abandonar o río en numerosas ocasións.


Camiñabámos tranquilamente e de súpeto...o traxecto estaba cortado pola auga.
A riada cortando o sendeiro
As veces camíñábamos perfectamente coa esperanza de seguir así ata o final.
Sendeiro sen problemas

Pero ao pouco volvíamos ter problemas e tivemos que camiñar ao desviarnos do río entre silvas e maleza.
Enchente do río Ulla


Na área recreativa de Agronovo paramos a comer algo e repoñer forzas. Estamos na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla
Área recreativa de Agronovo

 É unha área de esparcemento grande, ao pé do río dotada de mesas, bancos e barbacoas para pasar un día relaxante en plena natureza. No verán pódese alquilar unha piragua ou unha barca para dar un paseo polo Ulla.
Área recreativa de Agronovo

Seguimos camiñando e pasamos por debaixo do  viaducto da AP-53.
Ponte da autovía

Temos outra vez que alonxarnos un pouco do río e cruzar entre estas vides:
Vides polas que tivemos que atravesar
 
Despois de atravesar as vides, tíñamos que cruzar esta ponte pero ao estar inundada buscamos unha alternativa máis arriba pero as canas formaban aquí un tupido bosque que non poidemos atravesar polo que xa collemos para a estrada que víamos moi cerca.
Outra ponte anegada

Saimos á estrada uns metros antes do que marcaba o track que seguíamos pola imposibilidade de seguir pola beira do río. Tan só andivemos uns 100m. pola estrada da imaxe e deseguida atopamos o cruce onde sae a ruta oficial tamén á mesma estrada.

Estrada local

Atravesamos o lugar de Vista Alegre, cruzamos a N 525 e chegamos  a Ponte Ulla, parroquia de Vedra onde o 1º que vemos é unha escola antiga de 1926. Este edificio, antes de ser un centro de ensino, foi un cárcere. Saquei unha mala foto, á presa e correndo porque empezaba a chover.

Antiga escola de Ponte Ulla
 
Paramos a xantar na Taberna de Gundián onde a verdade nos pareceu un pouco cara a comida: por churrasco de porco e tenreira, croca de tenreira con patacas e ensalada, postre e café pagamos 20€ por persoa.
Xa sabemos que os domingos, aínda que haxa menú, hai que pagar máis que o resto da semana pero nunca pagamos máis de 20€ comendo 2 pratos. Desta vez non comemos 1º porque como chegamos algo tarde os callos xa se acabaran.
Se coméramos tamén callos, canto pagaríamos entón?
Eso sí, hai que dicir tamén que a comida estaba moi ben preparada, toda a carne estaba deliciosa.
Taberna de Gundián onde xantamos
 
A  partires de Ponte Ulla, a ruta volve ao pé do río pasando pola Igrexa de Santa Mª Magdalena que conserva unha absida románica. O resto  do templo é de estilo barroco, moi sobrio.
Igrexa de Santa Mª Magdalena
 
A absida da igrexa conserva algún canciño propio do estilo románico.
Ábsida da igrexa

Fomos ver por onde continuaba a ruta oficial pero ao ver que volvía baixar para ir pegada ao río , demos a volta porque non queríamos mollarnos máis, xa que seguro que habería tamén lugares anegados.
Por aquí vai a ruta oficial.

Observamos a ponte de pedra que une as provincias de A Coruña e Pontevedra e que foi unha das primeiras construidas dando o nome de Ponte Ulla a esta parroquia. Foi reconstruida na segunda metade do S. XVIII sobre outro da I. Media que quedara destruido por unha riada no S. XVI e sustitueu no S. XIX á antiga barca que unía os dous lados do río Ulla.
Ponte vella 

Decidimos seguir a ruta ata o Miradoiro de Gundián indo pola estrada AC-240. (1,7 km. aprox.)
Estrada ao miradoiro de Gundián
A piques de chegar ao miradoiro, vemos o impresionante viaducto do tren de Alta Velocidade (AVE) de máis de 100m. de altura.
Viaducto do AVE

Enfrente da ponte anterior temos outra de 1958 moi fermosa tamén para o ferrocarril e que a díá de hoxe aínda presta servizo.
Vista das dúas pontes dende o miradoiro de Gundián
 
As vistas dende este miradoiro son fabulosas: as dúas pontes, a aldea de Ponte Ulla, o río estreitándose para  atravesar o Paso da Cova e un lugar alto onde vemos unhas penas, é o Alto do Castro, que tal e como o seu nome indica foi o asentamento dun castro na Idade de Ferro.
Ponte Ulla dende o miradoiro

A ponte do ferrocarril máis antiga é moi fermosa e está situada derriba do Paso da Cova que dá nome a esta ruta. Á dereita o Alto do Castro.


https://es.wikipedia.org/wiki/Vedra

https://www.galiceando.com/