Amosando publicacións coa etiqueta ruta costeira.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta costeira.. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de agosto de 2023

RUTA MARIÑEIRA. (PR-AS 296) ORTIGUEIRA-COAÑA (ASTURIAS)


Hoxe funme ao concello occidental asturiano de Coaña por 1ª vez, para realizar unha ruta na localidade de Ortigueira.

Coaña é un pequeno concello con pouco máis de 3000 habitantes. O relevo deste cocello está marcado por dúas zonas ben diferentes: a zona costeira con grandes cantís e a zona interior cun relevo de serras e montañas de moderada altura.

Ortigueira, a onde hoxe vou, é unha zona de costa que pertence á parroquia de Mohías. Fun coa idea de facer unha ruta mirando polo google maps, sen unha idea preconcebida, sen seguir track ningún e ao pouco de chegar xa atopei uns sinais dunha ruta homologada chamada "Ruta Mariñeira" que decidín seguir.

Características da ruta:

Lonxitude: 4,3 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sinalizada en parte (a ruta oficial homologada si que está perfectamente sinalizada) pero eu amplieina algo .

O meu track en WIKILOC

A miña valoración:🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Eu partín como dixen dende o Faro de S. Agustín dende o que divisamos a praia de Arnielles duns 100m de lonxitude e situada nun escarpado entorno ao abrigo do Cabo de S. Agustín.

Praia de Arnielles.

O acceso ao Faro dende a praia pode facerse por estas escaleiras:

Ao pé do Faro está o barrio residencial de nova construcción , La Rasa.

Vistas dende a zona do faro sobre a praia de Arnielles (a máis próxima) e a praia  de Sablera de Foxas ou Barra. As dúas pertencen ao concello de Coaña.

A Capela de S. Agustín e Nosa Señora da Caridade foi fundada no S. XVII  polo gremio de pescadores do porto de Ortigueira. O seu interior foi concebido como a quilla dun barco e as paredes están cheas de exvotos (ofrendas que se fan en cumprimento dunha promesa) entre os que destacan as maquetas de barcos.

Capela de S. Agustín

Capela e ao fondo, o faro novo
 
Unha gran explanada rodea o entorno dos faros.

Na seguinte foto vemos o monumento que sustitúe á embarcación "Madre América" lancha de pesca donada por Pepe do Pericón que estivo emplazada nese lugar e foi un emblema turístico e cultural para Ortigueira. A figura da lancha reproduce a que aí estivo colocada e cada gaivota ten escrita unha fermosa mensaxe. Algunha delas di:
"El mar escribe su historia haciendo protagonista a un pueblo" 
"Este es un pueblo de valerosos y valientes que se han buscado la vida en un mar de peligros"
"Un pañuelo blanco símbolo de un adiós, de un reencuetro, de una mujer que espera"
Monumento

O entorno do faro non pode estar máis limpo e coidado. Unha zona preciosa!!

Moi preto dos faros está o monumento aos falecidos  no mar. En grandes lousas de pizarra aparecen os nomes dos mesmos.
Monumento aos falecidos no mar


Hai dous faros: o máis proximo á costa é o máis antigo, de 1945, unha fermosa torre de pedra duns 5,5 m. de altura.
O máis alto é o faro moderno, de 1975 e duns 20m. de altura.

Explanada do faro, moi grande e coidada.
 
Na seguinte foto vemos os dous faros e a caseta do Práctico.
Os dous faros e a caseta do práctico

O faro máis antigo é moi fermoso e ten un banco todo ao redor para admirar o Cantábrico. Este día o vento do nordés pegaba moi forte.

Faro máis antigo

E aquí foi onde descubrín que existía esta ruta e decidín seguila.

Sinal da ruta mariñeira

O paseo lévame cara a Ortiguera pola beira do mar.

Deseguida vexo os barrios altos de El Molín e La Cabana e o mar meténdose ao porto.

O Paseo Marítimo é moi cutiño e sae deseguida á estrada.


Pero pola estrada vou só uns metros pois deseguida vexo un acceso para ir máis pegada ao mar.

Vemos "As Llamosas" onde se dan os mellores percebes de Coaña.

Baixando cara ao porto de Ortigueira

O porto está situado no barrio chamado El ribeiro. Na foto vemos as antigas casetas de pescadores.

Casetas de pescadores no porto

O Rego de Fundión baixa totalmente seco neste abafante verán de sequía e calor. Obsérvense as antigas casiñas practicamente construídas derriba do rego.

Rego de Fundión que baixa seco

O Porto do Ribeiro a min pareceume moi, moi fermoso. É moi pequeno e apenas ten actualmente actividade pero semella sacado dunha película; encaixado entre dous enormes cantís, ten unha beleza natural incuestionable.

Antes de construirse o porto, a caza de baleas e a pesca de langostas era o que ocupaba aos habitantes deste enclave durante varias xeracións. Como o bar batía moito, fíxose o porto (Primeiros anos do S. XX) 

Solo vin 3 pequenas lanchiñas e unha algo máis grande neste porto que no pasado tivo importacia, xa que hai uns 30 anos en cada casa había alguén no mar e todos vivían deste recurso.

Hoxe este porto debe de ser dos máis modestos de todo o norte de España e tamén dos máis perigosos debido ás pésimas condicións do porto (segundo as palabras dun veciño) Na mesma entrada hai unha pedra onde rompe o mar e que dificulta a saída e a entrada. Moitas veces os mariñeiros tiñan que arribar a Tapia ou a Luarca.



O porto é pequeno, humilde...pero cheo de encanto.

Dou a volta dende o porto e cruzo a ponte que se ve sobre o Rego de Fundión que hoxe non leva auga.

Seguindo os sinais empezo a subir escaleiras. Estou na parte máis antiga de Ortigueira.

Tradicional casa de mariñeiros que atopamos subindo.
 
Hai bastantes escaleiras que subir e as vistas son cada vez máis espectaculares.


Ortiguera é unha vila escalonada, mirando cara ao mar, na parte dereita, as casas son máis modernas.

Na parte pola que estou subindo están as casas máis antigas , máis "mariñeiras".

 En chegando ao alto, desemboco nunha estrada e collo á dereita por onde os sinais da Ruta Mariñeira, me indican.

Oficialmente, a Ruta Mariñeira remata onde enlazaría coa GR-E 9 (El GR E-9 es un sendero internacional oficialmente llamado «Sendero de la Cornisa Atlántica» que pretende unir ciudades, pueblos y paisajes de interés de la fachada atlántica europea)
A provincia que máis percorridos ten homologados e acondicionados desta ruta é Asturias.
Dende aquí temos que volver sobre os nosos pasos.

En lugar de baixar polas escaleiras de subida, pillo á esquerda na 1ª bifurcación.

Vistas baixando cara ao porto polo outro lado:
 
Cruzo a estrada e subo polas escaleiras que se ven na seguinte imaxe:

Ortiguera está dividida en 2 partes que separa a entrada do mar ao porto. Na foto seguinte, apreciase ben:

Chamoume moito a atención esta casa de pedra tan grande e coas ventanas tan extremadamente pequenas.

O concello de Coaña coñeceu tamén a emigración e no 1º terzo do S. XX, Cuba e Arxentina foron os países que máis emigrantes recibiron. Como consecuencia desto, temos en Ortiguera varios exemplos de magníficas casas indianas como a que vemos na seguinte foto e que a día de hoxe está en venta.

Casa Cancio

Pegada á casa indiana anterior, está o afamado Restaurante Pepes que me deu a sensación de que estaba pechado e efectivamente, en Internet pon "Cerrado permanetemente"

Restaurante Pepes

Esta é a casa indiana da familia Jardón que foi gran benefactora de Ortigueira, colaborando na realización da escola, cemiterio, o parque que está situado frente á Quinta...o benefactor máis xeneroso foi  Fernando Jardón, fillo de J. Mª Jardón , este naceu en Ortiguera no 1844 e non pode considerarse o típico emigrante porque cando foi para Arxentina xa era capitán da Marina Mercante. Instalado en Arxentina, amasou unha gran fortuna. Regresou a España en 1887 instalándose primeiro en Barcelona e despois en Madrid e construeu esta quinta como lugar de veraneo. O máis destacado da casa é a alta torre que nun 1º momento non tiña tanta altura. Dende ela vese o porto de Ortiguera.

Quinta Jardón

O parque en frente da Quinta tamén foi financiado pola familia Jardón.

Parque

No parque hai un busto de Fernando Jardón realizado no 1926 como agradecemento dos veciños polas donacións realizadas por este home.
Monumento a Fernando Jardón

O monumento a Fernando Jardón entre dúas palmeiras:

A casa indiana que se ve na foto seguinte está en bastante mal estado. Nun 1º momento foi "Villa Arbosa" (foi construida por José Rodríguez Jardón)e despois foi mercada polo concello de Noreña (separado do de Coaña máis de 100 km.) hai algúns anos e sirveu como albergue durante os anos 70 ás xuventudes noreñesas que pasaban aquí os veráns. Eran campamentos organizados pola parroquia noreñesa. A casona compráraa o cura e os veciños de Noreña.

Deixou de empregarse como albergue nos anos oitenta e agora está moi deteriorada aínda que o exterior aparece coidado, semella que alguén fai labores de mantemento polo menos da parte exterior.

Villa Arbosa ou Casa de los de Noreña
 Sigo camiñano cara ao Faro .

Chego deseguida. Xa vexo a capela e o faro

Rematei esta ruta no mesmo lugar onde a iniciei, no Faro de S. Agustín pero despois fun xa en coche cando ía camiño da casa a visitar a igrexa parroquial de Mohías. É unha igrexa moderna na que destaca o seu alto campanario que a fai moi esbelta. Na mesma torre está o reloxo.

Igrexa de Mohías


Fixen poucas rutas nas que en tan curto percorrido descubrise tanto que ver!!

Páxinas web consultadas:

http://www.casaviejadelsastre.com/

http://www.museovivodelapesca.es/Gavieiro-Llamosas-Estacon.php
https://www.turismoasturias.es/descubre/costa/villas-marineras/marinera-ortiguera
https://asturiaspordescubrir.com/articulos/casa-de-indianos-quinta-jardon-en-ortiguera/
http://casonasdeindianos.blogspot.com/2013/12/299-quinta-jardon-ortiguera-coana.html

xoves, 3 de agosto de 2023

PASEO FLUVIAL. NAVIA (ASTURIAS)

 

Paseo Marítimo de Navia

No concello de Navia xa realizamos unha ruta hai algúns anos:

RUTA COSTA NAVIEGA

Hoxe tiña poucos ánimos para camiñar por un leve problema de saúde e fixen unha ruta moi curta pero relaxante e fermosa e estudei sobre o terreo a maneira de unir este tramo de hoxe co centro da vila de Navia, que non coñezo. Queda polo tanto pendente outra ruta máis longa e completa ca de hoxe, que máis ben foi un paseo.

Características deste paseo:

Lonxitude: 3,2 km.

Dificultade: ningunha

Paseo circular que aínda que non está sinalizado non ten perda, xa que o percorrido é moi intuitivo.

Descripción:

Eu partín e finalicei na praia de Navia. Esta praia que apenas mide 700m. ten un entorno privilexiado, rodeada dunha extensión considerable de árbores e con tódolos servizos: duchas, bares, servizo de socorrismo...ten unha area moi grosa e oscura.

Praia de Navia

Estamos en época de mareas vivas e hoxe o estado do mar era impresionante. Estaba a bandeira vermella e daba medo achegarse  ao mar.

Praia de Navia

En frente da praia está "La Poza" unha lagoa artificial salada xa que se alimenta do mar próximo e está tamén influenciada polas mareas.

La Poza
En 1º plano vemos a lagoa e por detrás dos piñeiros, está o mar. No verán, A Poza é un lugar ideal para os máis pequenos, xa que mentras que o mar estaba hoxe imposible para bañarse, aquí a auga semella a dunha piscina.
Foi restaurada no ano 2018, xa que a lagoa estaba a desaparecer debido a area que se metía, abrindo unha canle entre a ría e a Poza pero esta actuación semella non ser suficiente porque aínda que a auga se renova, entra demasiada area polo que os veciños cren que se debería efectuar un dragado.
La Poza

Este piñeiral que separa a praia da Poza era hai uns anos moito máis mesto. Moitos piñeiros secaron e foron talados.

"Vega de Arenas"

Por esta ponte temos que pasar a continuación.
Ponte

A ponte separa a ría que forma o río Navia ao desembocar da Poza.
Paseo Marítimo

Outra vista da Poza, a ponte e o piñeiral chamado "Vega de Arenas".
Ponte, Poza e piñeiral

O nome "A Poza" non corresponde coa definición estricta da palabra poza, xa que ten unha extensión considerable.
La Poza

Rematado o paseo de madeira, este continua vendo xa de frente as pontes de Navia cruzando o río.
Paseo Marítimo


O Paseo Marítimo remata aquí, realmente é moi curto. Na foto vemos os Asteleiros Armón e as dúas pontes cruzando o río Navia.
Asteleiros Armón e pontes sobre o río Navia

Temos que voltar sobre os nosos pasos ou xirar á esquerda como eu fixen:
Paseo

Unha lanchiña á que se lle deu outro uso:
Unha lanchiña reciclada

Temos que ir pola beirarrúa uns 200m. aprox.
Estrada

Ata que xunto ás instalacións deportivas de El Pardo collemos este fermoso paseo que nos leva pola outra beira da Poza.
Paseo


Este paseo polo medio dun bosque con salgueiros, bidueiras, piñeiros, eucaliptos, falsos plátanos...etc é ben fermoso e relaxante.
Paseo

Paseo

E cheguei outra vez ao punto de inicio, xunto á praia, na zona de esparcemento "Vega de Arenas"
Zona de recreo "Vega de Arenas"

Páxina web consultada:

https://www.naviaturismo.com/Navia