Amosando publicacións coa etiqueta Ribadeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ribadeo. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de marzo de 2022

RUTA INDIANA+AS ACEAS (RIBADEO)

O pasado indiano de Ribadeo é moi significativo e atópase representado na multitude de vivendas construidas pola xente que emigrante imitando a arquitectura de cidades como La Habana, Bos Aires...etc

Grazas a estes emigrantes, Ribadeo viveu unha época de auxe económico, social e urbanístico nas últimas décadas do S. XIX e as primeiras do XX.

As vivendas que construiron os indianos son inconfundibles xa que en nada se parecen as orixinarias da nosa terra, senón que trouxeron unha arquitectura propia dos países aos que ían. Son unhas casas moi chamativas que simbolizaban a prosperidade, o éxito que acadaran na emigración.

Ribadeo conta cun gran legado indiano que imos descubrir nesta ruta que logo enlacei coa ruta que vai dende Illa Pancha ata As Aceas no porto para descubrir o fermoso paseo á beira da Ría, a Casa das Algas e xa ao final un Muíño de Mareas.

A ruta en WIKILOC:

Características:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: Fácil

Ruta circular sen sinalizar. Para quen non coñeza a zona é necesario seguir un track.

Descripción:

Empecei a ruta xunto ao IES Dionisio Gamallo Fierros, que foi o seu 1º director. Este IES ten moita importancia para mín, xa que foi onde cursei os meus estudos de bacharelato aló polos anos 70 do S. XX. Foi inaugurado no 1958 e daquela chamábase " Instituto Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcarcel". Ata o 1963 foi só masculino e no ano 2000 pasou a denominarse como agora o coñecemos.

IES Dionisio Gamallo Fierros

A Casa do Óptico foi levantada a principios do S. XX e debe o seu nome a que esta é a vivenda do óptico Pedro García. Está coroada por un miradoiro ou gurugú que identificaba as vivendas dos comerciantes e armadores dos S. XVIII e XIX. Vemos tamén a palmeira tan habitual dos xardíns indianos.

Eu lembro perfectamente que cursei nesta casa algún curso de bacharelato (5º curso, exactamente) xa que había tanto alumnado que nos ubicaban neste edificio e tamén no colexio Sagrado Corazón.

Hoxe este edificio alberga a  sede da Escola Oficial de Idiomas.

Casa do Óptico

Casa de Sela é unha das construccións indianas máis antigas de Ribadeo (1869) A sobriedade decorativa e o emprego de granito fai que esta vivenda lembre os pazos urbanos tradicionais galegos dos S. XVIII e XIX.

Os datos que existen indican que esta casa é unha réplica doutra que tiña o promotor en México.

Casa de Sela

Seguindo o percorrido,  atopo a capela da Virxe do Camiño, onde hai un monumento á escritora de orixe ribadense Luz Pozo Garza que foi unha poetisa membro da Real Academia Galega.

Na capela Virxe do Camiño  podemos ver a cruz de Malta na fachada. Non se sabe cando nin po quen foi construida esta capela, chamada así por atoparse ao carón do camiño que ía a Viveiro.

Monumento a Luz Pozo Garza, diante da capela

As palmeiras están por todo Ribadeo. Non só as veremos nas vivendas indianas senón tamén en rúas, parques...

A Casa dos Ananos foi levantada a iniciativa de Antonio Fernández emigrado a Argentina e coñecido en Ribadeo como Antonio dos Ananos. Esta vivenda inspírase en elementos autóctonos como a torre cadrada que lembra aos pazos e tamén na sobria decoración.
Casa dos Ananos

A Casa da Calzada foi construida en 1910 por orde da familia Lanza. Destaca nesta casa a ornamentación modernista: formas curvas e finos trabalos de forxa en balcóns e ventás. A torre, destinada a mstrar a opulencia dos propietarios, o xogo de formas na fachada e o xardín lembran a influencia francesa
Casa da Calzada
A Casa Rosa resulta que, aínda que o parece, non pertence á arquitectura indiana. Trátase dun edificio de estilo modernista que chama moito atención polo seu tamaño, a decoración e as cúpulas.
Casa Rosa
Detalle da decoración e cúpulas da Casa Rosa.
Casa Rosa
A rúa de S. Roque onde me atopo, é un compendio de fermosos e chamativos edificios.

A Casa de Dona Esperanza Leiras presenta elementos moi característicos da arquitectura indiana como son o porche e o gurugú ou miradoiro acristalado.
Casa de Dona Esperanza Leiras

O edificio da Axudantía foi mandado construir por Francisco López García e o nome débese a que durante moitos anos foi a Axudantía da Comandancia de Marina. Actualmente alberga tres vivenda aínda que foi concebido para unha sola. Este edificio demostra a puxanza do ferro en competencia coa madeira.
Edificio da Axudantía
A capela de S. Roque é pequena, de estilo barroco e ubicada nun cruce de camiños.
Capela de S. Roque
Este edificio foi construido sobre unha antiga fábrica de lenzos a finais do S. XVIII. A principios do XIX o concello facilitou a instalación do Teatro. Durante boa parte do S. XX foi usado como cine polo que sufreu unha profunda remodelación. O edificio é de estilo modernista
Edificio Teatro

Este mural onde empeza a rúa Rodríguez Murias titúlase "Buscando o norte" e é obra do ourensán Alexandre Prada.
 
Deixamos a rúa S. Roque para adentrarme na rúa Rodríguesz Murias que tamén ten unha boa representación de vivendas indianas.


Rúa Rodríguez Murias.
Ao rematar esta rúa, pillo á esquerda pola rúa El Viejo Pancho, para atopar deseguida a casa onde naceu este escritor. José Mª Alonso Trelles Jarén foi un escritor e poeta uruguayo que naceu en Ribadeo e é coñecido co apelativo de "El Viejo Pancho"
Casa natal de El Viejo Pancho

A Casa de D. Clemente un home que naceu en Ribadeo e que adquiriu na emigración unha considerable fortuna. Ao voltar mercou dúas vivendas contiguas e acondicionounas para crear unha sola. É polo tanto unha reforma e non unha obra nova, algo raro na arquitectura indiana.
Casa de D. Clemente
Torcendo á dereita, atopo a Praza do Campo tamén chamada Praza de España, lugar emblemático de Ribadeo porque alberga, ademais do parque de S. Francisco, monumentos como a igrexa parroquial, a Torre dos Moreno, ou o Pazo de Ibañez. É unha zona comercial e de bares de gran afluencia de xente sobre todo en verán.
Praza do Campo

Nun extremo da praza, atopamos a igrexa parroquial de Santa Mª do Campo que no pasado formou parte do convento franciscano que está moi preto da praza.

A rúa S. Francisco que parte da Praza do Campo, é unha zona chea de vida con cafeterías, tendas e con moitas árbores.

A Torre dos Moreno é a casa indiana por excelencia de Ribadeo, un icono desta vila construida en 1914 e 1915 por iniciativa dos irmáns Juan e Pedro Moreno Ulloa. O caracter innovador da vivenda feita en formigón e ferro, a súa fachada modernista e a súa cúpula sostida por catro cariátides, despertan a admiración de quen a mira.
Dende 1997 está considerada Ben de Interese Cultural e agora o máis importante é salvala do estado de deterioro no que se atopa.
No 2019, a empresa "Paisajes de Asturias", fíxose co 21% desta vivenda ( O 81% xa lle pertencía e o resto non se sabe a quen pertence) para rehabilitala e evitar que se desmorone.
Torre dos Moreno
Aquí empezaría ou remataría como é o meu caso a Senda indiana. Ao pé da Torre dos Moreno está o Pazo de Ibañez tamén coñecido como Pazo do Marqués de Sargadelos. Mandouno construir Antonio Raimundo Ibañez a finais do S. XVIII. É un edificio de estilo neoclásico que actualmente é a sede do concelllo de Ribadeo.
Pazo de Ibañez
As palmeiras predominan tamén no Parque de S. Francisco.
Palmeiras no parque de S. Francisco

O edificio da Aduana do S. XVIII é a testemuña dun pasado económico importante en Ribadeo. trátase dunha fermosa casona que esivo moi vinculada ao tráfico comercial do porto.

A partires de aquí quería baixar ata o porto e escollín unha das varias rúas que levan aí, concretamente baixei polo barrio máis antigo de Ribadeo: Cabanela. Máis que rúa, era un camiño que me levou directamente ao porto.
Ao remate das escaleiras, fíxome nesta ruina que en verdade, e despois de ter pasado ben veces por aquí, nunca me fixara: trátase da Casa do Bispo ou Torre de Cabanas. Hai tradicións que ubican neste lugar o antigo pazo do bispo Paio Cebeira no S. XII ou que tamén foi o emprazamento da torre medieval das Cabanas.
Nestes barrios de Cabanela e Porcillán, naceu Ribadeo.
Casa do Bispo ou Torre de Cabanas.
Aquí, no emprazamento das anteriores ruinas ubícase un auditorio ao aire libre. Neste lugar antes houbo unha praia.
Auditorio ao aire libre "Cabanela"

Estou no Paseo Marítimo que leva o nome de Alfonso R. Castelao e pillo á dereita para continuar dende aquí coa ruta das Aceas que vén dende  Illa Pancha e que vai coincidir tamén co Camiño Natural da Ruta do Cantábrico.
Paseo marítimo coa Ponte dos Santos de fondo.

As vistas dende o paseo son excepcionais á beira da ría e coa vila asturiana de Castropol á esquerda.
 
Deseguida estamos na praia dos Bloques que eu non coñecía e que me pareceu moi resgardada  e fermosa. O único inconvinte que semella ter é que en marea baixa como eu a vin non é posible o baño xa que ao ser a ría ten moito fango.
Praia dos Bloques

A praia anterior está no barrio de  A Vilavella. Especúlase con que a poboación de Ribadeo trasladouse á Vilavella dende Cabanela e Porcillán para protexerse das invasións marítimas.
A Vilavella
Este edificio que teño tan visto non sabía o que era. É a Casa das Algas. A recollida deste vexetal marino era moi habitual nas vilas da costa nos anos 70 e 80. Recollíanse aproveitando a baixamar e metíase en sacas e despois secábase. Unha vez secas perden a metade do seu peso polo que había que pillar moita para que fose o máis rendible posible. Unha vez seca, viñan camións recollela para levala á fabrica de Vilavella.
Actualmente, neste edificio está o club de remo da vila de Ribadeo.
A Casa das Algas

Bordeamos á enseada de Vilavella, deixando agora Ribadeo á esquerda e vendo o barrio de Vilavella coa praia dos Broques que acabamos de atravesar.

Enseada de Vilavella
Durante uns metros vou pegada á estrada por unha pasarela de madeira.
Pasarela de madeira

Para deseguida tomar un camiño máis á esquerda pegado á ría de Ribadeo.
 
Xa chegando ao muíño o camiño é máis sombrío, con máis árbores:

Un muíño de mareas é o que emprega como forza motriz a enerxía das mareas. O muíño de mareas  de Ribadeo está enclavado neste fermoso recuncho.
 
Dou a volta polo mesmo camiño contemplando a ría e as vilas xa asturianas de Figueiras e Castropol , o porto de Ribadeo e a Ponte dos Santos ao lonxe.

Na Casa das Algas en lugar de volver pola praia dos Bloques e o porto, pillo á esquerda para ir por diante do Parador de Turismo:
Parador de Turismo

Na Praza de Abastos atopamos un fermoso edificio que foi donado á vila por D. Ramón González Fernández, un indiano que apoiou tamén iniciativas culturais. O edificio construido en 1925 é moi elegante e conserva a función para a que foi creado, con postos de alimentación. Cada mércores celébrase o mercado semanal en torno ao edificio.
Praza de Abastos

Praza de Abastos
Nesta mesma praza atopamos a capela  da Orde Terceira fundada no S. XVII. Aquí está o mausoleo de Ramón González.

E Chegamos ao final deste fermoso e cultural percorrido no que, coma sempre, aprendín cousas novas!!

Páxina web consultadas:
https://www.ribadeando.com/
https://www.turismo.gal/inicio
http://turismo.ribadeo.gal/portada.php?idioma=es


xoves, 6 de maio de 2021

RUTA DA RÍA (RIBADEO)

 Esta é unha ruta na que ao longo do seu percorrido atopamos tres tipos de sinalización diferentes: As do Camiño de Santiago, as típicas de calquera ruta de sendeirismo bracas e amarelas e tres sinais especificando o nome da ruta.

Eu fun seguindo estes sinais segundo dicía a páxina de Turismo do Concello de Ribadeo xa que non atopei ningún track da mesma, de tódolos xeitos sería ben que revisaran os sinais xa que en ocasións atopeinos tapados pola maleza e nalgún cruce tamén sería necesario que nalgún cruce que se presta a confusión puxeran algún que outro.

Esta ruta circular pode empezarse na parroquia de Ove e así é un círculo completo duns 6km. ou ben facela dende Ribadeo indo e vindo ata Ove polo mesmo traxecto e logo facer o círculo co cal se lle engaden á ruta 4km. máis. Así a fixen eu.

Saíndo de Ribadeo, engadéselle a esta ruta o valor de coñecer esta fermosa vila xa que ten moito que amosar. Pasaremos por Ove e veremos a Igrexa parroquial de S. Xoán e os seus famosos hórreos "colgados", deixaremos o asfalto para ir por un camiño forestal no que atoparemos un muíño restaurado e cruzaremos a aldea de A Capela para atopar en O Vilar a sorpresa máis fermosa desta ruta: as sorprendentes e marabillosas vistas sobre a Ría de Ribadeo, cruzaremos a aldea de A Graña coa súa capela de S. Estevo e voltaremos a Ove por antiguos camiños de carros.

Características da ruta:

Lonxitude: 12, 6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que necesita unha mellor sinalización

(Ao final deixo o track en Wikiloc)

Descripción:

Eu empecei a ruta AQUÍ

Partín dende a Praza de España tamén chamada Praza do Campo onde se atopa o edificio máis representativo de Ribadeo: a Torre dos Moreno, casa indiana construída no 1915 en estilo modernista. Ao lado deste edificio hai outro importante: o Pazo de Ibañez ou do Marqués de Sargadelos xa que foi este o que o mandou construir. É de estilo neoclásico e hoxe é a sede do concello.


Estátua de Ibañez, marqués de Sargadelos, diante do pazo.

Pasamos por diante da igrexa parroquial de Ribadeo, chamada Santa Mª do Campo. Esta igrexa formou parte dun convento franciscano do que poucos elementos quedan.

 
Abandono o centro de Ribadeo seguindo os sinais do Camiño de Santiago:

Paso ao carón da capela de S. Lázaro. Houbo un tempo que tamén existía un hospital co mesmo nome. Ámbolos dous, capela e hospital no que se atendía a enfermos de lepra, eran moi humildes. O hospital desapareceu hai moito tempo e a capela a mediados do S. XIX estaba en ruínas pero no 1844 un devoto fíxose cargo da súa rehabilitación.

De frente vemos a parroquia de Ove:

Ao chegar a este cruce, xa en Ove, abandonamos o Camiño de Santiago porque este segue cara á dereita e nós temos que xirar á esquerda:


Atopamos a igrexa parroquial de S. Xoán de Ove, do S. XVII. A súa fachada está presidida pola Cruz da Orde Hospitalaria de S. Xoán de Xerusalén que tivo en Ove un grande Patrimonio.

E vemos os hórreos "volados" que son anchos e de gran capacidade. Están suspendidos en cepas moi altas e teñen o tellado ás catro augas con pouca pendentee con pirámides afiadas sobre o cume do tellado. Caracterízanse estes hórreospor ter unha pasarela que os conecta directamente coa vivenda.


Imos vendo á esquerda a Ría de Ribadeo e a vila asturiana de Castropol.

Estamos nun medio rural :

Este é o terceiro e último sinal que atopamos  que pon "Rota da ría". Deixamos o asfalto para entrar primeiro nun camiño de carros:

Aquí vemos o "Muíño da Ignacia" restaurado polo concello de Ribadeo:

O Muíño é alimentado polo Rego de Ramos:

Continuamos polo medio dunha xenerosa vexetación pero a partires de aquí co predominio de eucaliptos:

Temos por diante unha costa algo empinada pero é moi curta:

Deixamos a ancha pista forestal para meternos por un estreito camiño de monte. Imos cara á aldea de A Capela:

Ao lonxe vemos o barrio de Pastoriza, pertencente á parroquia de Ove:


Sorprendeume atopar esta preciosa planta moi florida no medio dos eucaliptos:

Panorámica dende A Capela, pertencente  á parroquia de Covelas:

Ao sair de A Capela, neste cruce temos que seguir polo camiño de frente. O sinal existe pero moi escondido entre os toxos:


Logo duns 150m. aprox. aparecemos nesta pista forestal moi ancha e sen ningunha sinalización. Temos que pillar á esquerda:

Tal vez este tramo é o máis feo do percorrido. É unha pista forestal entre eucaliptos pero o final da mesma ten premio...

E que premiooooo!!

A Ría de Ribadeo e en 1º plano, á esquerda, a aldea de O Vilar 

O Vilar pertence á parroquia de Ove e as casas que están na parte arriba ( 5 ou 6) están abandonadas. Unha pena que nun lugar tan fermoso con estas vistas espectaculares, non viva ninguén.

As vacas seguro que non sofren de stress con esta idílica paisaxe:


Ao chegar ao asfalto en O Vilar, temos dúas opcións, coller á dereita ou á esquerda e ningunha sinalización. Deberemos pillar á esquerda para ir á Graña. De camiño temos estas magníficas árbores autóctonas:

Esta é a capela de Santo Estevo:

Cruzamos a estrada e xa entramos en A Graña, parroquia de Ove.

Típicos cabozos en A Graña

Aquí, en A Graña, atopamos un cruce. Para onde seguir? Podemos ír á dereita, á esquerda ou de frente...Resulta que o indicador está sitúado detrás do contedor amarelo que nos indica que debemos continuar de frente. É moi necesaria unha revisión da sinalización desta ruta!

Estes son os sinais que imos vendo agora, de madeira e coas raias brancas e amarelas. Camiñaremos agora ata chegar de novo a Ove por un antigo camiño de carros que é bastante atractivo:


Dende Ove, facemos o mesmo percorrido ata Ribadeo que trouxemos na ida. Ao chegar á vila eu modifiqueino un pouco e decidín "perderme" polas súas rúas que teñen moito atractivo.
Nesta capela da Orde Terceira de S. Francisco están os sepulcros de R. González e da súa dona, Corona que foron os grandes mecenas de Ribadeo e O Porriño.

Capela da Terceira Orde de S. Francisco

Ramón González foi quen donou as terras e o diñeiro para a construcción deste edificio que alberga a Praza de Abastos:
Singular edificio da Praza de Abastos

Ramón González tamén financiou a construcción do Teatro. Os ribadenses dedicaronlle unha rúa e nomearono fillo predilecto da vila. Ben merecido o ten!!
O cine -teatro instalouse en 1800. As reformas que sufríu eliminaron a súa estructura orixinal.


De camiño tamén fun vendo algunha das moitas casas de indianos que hai en Ribadeo. Nas últimas décadas do S. XIX e principios do XX Ribadeo vivíu un gran auxe económico, social e urbanístico grazas ao retorno á vila de moitos emigrantes que voltaron con grandes riquezas e levantaron unhas vivendas inconfundibles e moi chamativas entre as casas tradicionais que había na vila. Querían demostrar así o seu triunfo e éxito que conseguiran en América.

Ribadeo conta cun gran legado indiano que dá moi ben para outra visita a esta vila xa que hai moitas máis casas de indianos e outro Patrimonio digno de visitar.







Powered by Wikiloc