Amosando publicacións coa etiqueta ruta costeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta costeira. Amosar todas as publicacións

sábado, 4 de maio de 2024

RUTA DE LOS MIRADORES (RUTA CIRCULAR) MUROS DE NALÓN

 Muros de Nalón é o 2º concello máis pequeno de Asturias despois de Noreña. Non chega aos 2000 habitantes pero nos últimos 3 anos foi ganando poboación e vimos moitísima obra nova. As súas localidades máis importantes son Muros, a capital, e S. Esteban situado ao longo da desembocadura do río Nalón.

Ata o ano 1847 pertenceu ao concello de Pravia. 

Fomos ata este concello para realizar a famosa "Ruta dos Miradoiros" que vai dende o Miradoiro do Espíritu Santo ata a praia de Aguilar e que case todo o mundo fai indo e voltando polo mesmo lugar. (Este percorrido coincide coa Senda Costeira E9 GR 204 na súa etapa 14) A min gústanme moito máis as rutas circulares para ir vendo novos paisaxes polo que me inventei un percorrido distinto e dende a praia de Aguilar atravesamos un monte, subindo por un camiño que deseguida nos levou a Muros de Nalón pasando polo centro da vila onde xantamos e despois por estradas locais e unha pista peonil baixamos de novo ao porto de S. Esteban onde iniciaramos a ruta.

Características da ruta

Lonxitude: 11,6 km.

Dificultade: fácil (hai tramos de escaleiras para subir ao miradoiro do Espíritu Santo,  e para baixar a dúas praias e tamén en S. Esteban para baixar unhas rúas pero son escalóns moi doados que apenas notamos)

Ruta circular sinalada a 1ª parte. Para realizala tal e como a fixen eu, é preciso seguir este track ou coñecer ben a zona)

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos dende o porto de S. Esteban onde tomamos café na agradable terraza do restaurante Monterrei.

A localización de S. Esteban na dsembocadura do Nalón e a navegabilidade deste río ata Pravia marcaron o caracter comercial deste porto.

S. Esteban de Pravia

A documentación medieval desvela un importante tráfico en torno ao sal (producto de gran valor na época) que era almacenado en Pravia. 
Dende finais do S. XVIII ata mediados do XX, S. Esteban experimentou un gran desenrolo por ser o porto elexido para exportar madeira de Muniellos, carbón das minas de Langreo e armas da fábrica de Trubia. Para isto canalizouse o tramo final do Nalón.
A principios do S.XX, S. Esteban era o primeiro e único porto carboeiro de España vivindo unha época de grande esplendor ata a década dos 60 do mesmo século.
Antigo cargadoiro

Un edificio resturado que vemos é o de "Junta de Obras del Puerto" de 1929
Edificio de "Junta de Obras del Puerto"

Despois, a navegación polo Nalón empezou a plantexar problemas pola acumulación de sedimentos na ría e o despegue doutros portos como o de Xixón, Avilés...e a sustitución do carbón como fonte de enerxía, a mellora das comunicacións noutras zonas...etc acabaron coa actividade comercial tan importante que tivera o porto de S. Esteban.
Actualmente o porto está considerado Patrimonio  Histórico Industrial e só ten embarcacións de recreo.
Destacan os seus cargadoiros (consérvanse 2 dos tres que houbo))
Antigo cargadoiro

Na foto, o antigo edificio da Aduana.
Aduana

Outro elemento emblemático son os antigos guindastres.
Antigo guindastre restaurado

Frente ao albergue, podemos ver a antiga Comisaría

Comisaría

O río Nalón ten unha lonxitude de 153km. e nace no Porto de Tarna (Caso) e desemboca aquí entre S. Esteban de Pravia e S. Juan de la Arena formando a ría de Pravia.
Foi dende sempre un río moi importante que atraía poboación e riqueza; na súa conca hai unha importante reserva de carbón que foi explotada sobre todo no concello de Langreo.
A desembocadura do Nalón e á dereita, S. Juan de la Arena

O Nalón vai a atoparse co Cantábrico uns metros máis adiante. Á dereita, S. Juan de la Arena.

E chegamos ao Cantábrico onde temos en 1º lugar  a praia do Garruncho e outras pequenas calas máis.
Acceso á praia do Garruncho
A praia do Garruncho é pequena e en lugar de area, ten pedras.
Praia do Garruncho
Para subir andando ao Miradoiro do Espíritu Santo, hai que subir 419 escaleiras e aínda que son moitas eu non me enterei entre que son moi cómodas e parando a ver a fermosa paisaxe a medida que se sube...
Subida ao miradoiro

A medida que imos subindo, as vistas fanse máis extraordinarias. Na foto, praia do Garruncho, dique do porto e faro de S. Esteban.

A desembocadura do Nalón e a praia dos Quebrantos que pertence a S. Juan de la Arena. Máis ao fondo, a illa de Deva.

O miradoiro do Espíritu Santo  no pasado servía como faro. Mirando ao oeste vemos acantilados e adiviñamos praias. Ao fondo, Cabo Vídio. Dende este miradoiro, cara ao este apenas se ve nada xa que o impiden os eucaliptos, pero vese moi ben a medida que subimos.

No Miradoiro está a Capela do Espíritu Santo, do S. XV. É posible chegar aquí tamén por estrada e ademais hai aparcadoiros.
Capela do Espíritu Santo
 Abandonamos o miradoiro cruzando unha pequena área recreativa.

E agora iniciamos un percorrido con carril tamén para bicis.

Á dereita queda o mar pero hai veces que non o vemos pola vexetación.


O percorrido está perfectamente indicado e acondicionado. Ata hai lugares cubertos onde podes descansar, comer ou protexerte da chuvia ou do sol.



Estamos chegando ao miradoiro da Atalaia.

O Miradoiro da Atalaia é outro fermoso balcón ao Cantábrico, ás praias próximas e ao Cabo Vidio. 

Miradoiro da Atalaia

 Vemos as praias de difícil acceso  da Conchiquina, L´ Atalaya e Cazonera. A ruta debería continuar á esquerda polo carreiro que se ve pero debido a un desprendemento ou caída de árbores, hai que desviarse por estrada uns metros. Está perfectamente indicado este percance.

Son numerosos os lugares onde se pode parar a descansar, a comer...Esta é a área recreativa da Atalaia.

Imos uns metros pola estrada.

Atopamos debidamente sinalizadoo remate do desvío. Hai que pillar á esquerda, cara ao mar. Estamos no barrio El Monte.

Por un fermoso camiño achegámonos á beira do mar:

Agora , o mar queda algo máis lonxe e non o imos divisar ata case 1km. despois.

Un indicador sinala un desvío por un esterito carreiro para as praias de Atalaia e Cazonera.

Para chegar ao miradoiro de Las Llanas temos que baixar escaleiras:


No Alto Las Llanas hai acceso á praia do mesmo nome. Hai tamén un lugar de abrigo con bancos:

Tamén hai zona de picnic no exterior cunhas preciosas vistas. Á dereita, hai un carreiro que nos achegaría ao miradoiro dos Glayos, un desvío de ida e volta que nós non fixemos.

Fermosa a praia de Las Llanas á que se pode acceder  dende un carreiro que parte tamén dende o miradoiro. Ten escaleiras e nos últimos metros, escaleiras metálicas para salvar un tramo de desprendementos.

Miradoiro de Las Llanas:


Non remataran as escaleiras. Para baixar á praia de Aguilar tamén hai...

O 1º que se ve antes de chegar á praia de Aguilar, dende o alto,  é esta pequena cala. É a praia de Veneiro ou Xilo. Esta praia separada da de Aguilar por ese montículo rochoso chamado El Castiellu.
A praia foi renomeada polos habitantes do lugar como praia de Xilo porque en 1913 apareceron nunha cova os restos mortais de Hermenegildo Álvarez, coñecido como Xilo  que fora asasinado días antes.

Ao ir baixando, tamén vemos a coidada área recreativa nas inmediacións das praias Aguilar e Veneiro.

A praia de Veneiro ou Xilo comparte as ventaxas da de Aguilar (amplo aparcadoiro, área recreativa, restaurante- bar...) sendo moito menos ocupada.

A praia de Salinas é a máis importante en canto a ocupación, servizos...do concello de Muros de Nalón.
Praia de Salinas


Realmente, a ruta dos miradoiros remata ou empeza aquí e moita xente fai o traxecto de ida e volta polo mesmo percorrido. Como non me gustan as rutas dese xeito e había que subir as escaleiras que baixáramos, decidín facela circular a partires dun track que vira, aínda que non o seguín na súa totalidade pois dende Muros de Nalón fixemos outro percorrido diferente.
Ao final do aparcadoiro pillamos o camiño que se ve na foto.

Na foto seguinte, o gran aparcadoiro, área recreativa, o Castiellu e o camiño á dereita por onde acabamos de baixar:

O camiño que pilllamos vai en subida continua pero só é 1km. aprox.
 
Deseguida chegamos a ver as primeiras vivendas da aldea de Villar.

 E deseguida entramos en Muros. Vimos sinais do Camiño de Santiago porque pasa por aquí o Camiño Norte de Santiago.

Estamos na Avda. de Galicia porque por aquí entramos e saimos á nosa Comunidade.

O Palacio De Valdecarzana é unha construcción do S. XV. A portada é de estilo plateresco do S. XVI. Este palacio foi cuartel durante a guerra de Independencia do mariscal francés Ney, quen ordenou o saqueo e incendio de Muros de Nalón.
Palacio de Valdecarzana

Coñecido localmente como Campo Palacio, actualmente é de titularidade privada.


Ao redor do Palacio hai un parque ben coidado.

Máis adiante atopamos a igrexa de Santa Mª xa documentada no S.XII. O edificio actual é froito dunha reforma realizada a finais do S. XIX. Destaca a súa altísima torre.
Igrexa de Santa Mª
Ao pé da igrexa está a Praza do Marqués de Muros de trazado irregular e dunha considerable amplitude. Aquí agrúpanse varios edificios ademais da igrexa, por exemplo as casas con corredores de madeira e bufardas que vemos.
Nesta fermosa praza foi hoxe o noso xantar, no restaurante La  Casona. Tiñamos reserva e comemos estupendamente nun comedor pequeno, íntimo e con moi boa atención.
Praza do Marqués de Muros.
Na mesma praza e case pegada á igrexa temos o concello e o monumento ao Marqués de Muros, Constantino Fernández Vallín, 1º marqués de Muros e gran benefactor do concello.
A praza foi construida no S. XVI para lbergar un mercado concedido por Carlos V. Actualmente, tamén se celebra aquí o mercado tódolos sábados.
pénsase que Muros ten este nome en alusións ás ruinas dunha antiga edificación romana xa desaparecida que ocupaba a igrexa e a praza.
Edificio do concello e monumento.

Abandonamos a vila baixando polo rúa Arango 

E collendo despois polo barrio de Pedrouzo para evitar ir pola estrada xeral sen arcén.

Agora pillamos un fermoso camiño. Que ben está saíndo esta ruta ao facela deste xeito!!

O espazo é aberto e deixanos estas vistas:

Este concello foi ganando habitantes nos últimos anos e esto nótase na moita nova vivenda que hai.

Pasamos ao pé do restaurante Los Manzanos del Bosque. O que poidemos ver dende a estrada pareceunos un lugar diferente, nun entorno fermoso pero estaba pechado e en google pon que "pemanentemente"
Exterior de Los Manzanos del Bosque

Exterior de Los Manzanos del Bosque
 A partires deste restaurante baixamos por unha pista peonil fermosa e tranquila.

A pista tremata xa en S. Esteban. Podemos contemplar a ría.

Imos pola parte alta de S. Esteban onde todo son vivendas de recente construcción.

Xa vemos a ría e ao fondo, S. Juan de la Arena.

Esta ruta tamén se podía chamar "das escaleiras". Hoxe moitas baixamos e nesta parece que tamén toca...

Chegando xa ao fin da nosa ruta. Vemos a estación de tren. 

Esta estación é o principio ou fin dunha liña de tren entre Oviedo e S. Esteban de Pravia.  Avarías, retrasos... O ferrocarril de via estreita quedouse obsoleto e pouca xente viaxa desta maneira.

Estamos de novo en S. Esteban.

De novo vemos este porto que foi o porto carboeiro máis importante de España e hoxe é ocupado por embarcacións de recreo.
Porto de S. Esteban

S. Esteban tivo un brillante pasado industrial que foi morrendo ata desaparecer por completo, pero esta localidade non morreu por eso e vese que se está a convertir nun lugar que actualmente atrae turismo e nós, que andivemos por case todo este pequeno concello, notamos que atrae tamén a novos habitantes xa que proliferan e moito novas vivendas fermosas cun entorno moi coidado e é que a situación e a fermosura de Muros de Nalón e de S. Esteban quedan fóra de toda dúbida.

Páxinas web consultadas:

https://patrimoniuindustrial.com/fichas/puerto-de-san-esteban/

https://www.surfcastingasturias.es/2020/11/22/playa-de-veneiro-o-xilo/

https://www.asturnatura.com/turismo/guia/palacio-de-valdecarzana-y-vallehermoso-2686

https://www.asturiescaminalandar.es/camino-de-la-costa/iglesia-de-santa-maria-de-muros-de-nalon/

https://www.murosdenalon.es/que-visitar/-/asset_publisher/6277037ba107/content/turismo-visitar-plaza-marques-muros