domingo, 26 de maio de 2024

LAGOAS DE SALAVE/XARDÍNS DE CAMARADA/PRAIAS (TAPIA DE CASARIEGO)

 Voltamos de novo á costa occidental asturiana, desta vez moi preto da casa, a Tapia de Casariego para facer unha fermosa ruta.

Características:

Lonxitude: 8 km.

Dificultade : fácil

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en  WIKILOC

Descripción:

Iniciamos esta ruta ao pé da estrada N-634 onde está Alimerka e Talleres Casariego. Aí hai onde aparcar. Cruzamos a estrada e uns metros máis adiante pillamos á esquerda, onde está sinalizado o Camiño De Santiago e uns metros despois torcemos á dereita. Estamos na parroquia de Campos y Salave.

Inicio e fin de ruta.

Torcemos á dereita para pillar o camiño. Hai un indicador das Lagoas de Salave. Estamos seguindo a Senda Costeiro de Gran Percorrido E-GR-9  que en Asturias desenrolase como GR-204.
O Gran Sendeiro Europeo percorre uns 5000 km. dende Cabo S. Vicente en Portugal a Narva Joussuo en Estonia. Este Sendeiro aínda está en desenrolo e Asturias é a Comunidade que máis tramos ten completados.

 Un camiño adéntranos nunha fermosa paisaxe.

Deseguida chegamos á Lagoas de Salave. Foron creadas pola explotación mineira romana. Son as cavidades que deixaron as excavacións mineiras de ouro e estaño romanas dos séculos I e II d. C.

Lagoas de Salave
 Nós xa coñecíamos estas lagoas dunha ruta feita no 2021 e teño que dicir que as vimos moito máis fermosas que agora. Ademais había carreiros polos que se podían contemplar dende distintos ángulos. Eses carreiros están cerrados pola maleza abundante.
Lagoas de Salave

Aproximadamente 2 millóns de onzas de ouro están no subsolo das lagoas. Este xacemento é un dos máis grandes de Europa sen explotar.

Estar á beiras das lagoas escoitando o soar de ras, parrulos e outras aves é unha experiencia ben relaxante!

Ao valor paisaxístico e arqueolóxico das Lagoas de Salave hai que engadir o seu valor biolóxico xa que forman un dos escasos humedais de Asturias nos que viven moitas aves e outros animais.

Por desgraza, de momento, as Lagoas non gozan de ningún tipo de protección e hai sobrados motivos para que se protexa e poña en valor este entorno.

Dende os anos sesenta, moitas empresas pasaron por Tapia para investigar este xacemento pero de momento tódolos proxectos foron denegados polo Principado porque suporían enormes movementos de terra e uso de procesos químicos para tratar o mineral extraído; esto suporía un alto risco de contaminación nunha zona de grande valor ambiental.

Lagoas de Salave

Proseguimos o camiño e descubrimos un estreito sendeiro a man esquerda que nos leva a unha bocamina da antiga explotación.

Bocamina
Continuamos o percorrido polo camiño e vemos, dándonos a volta, o lugar que ocupan as Lagoas, estas non se ven debido a que está metidas na frondosa vexetación que vemos.

Este camiño desemboca nunha ancha pista onde xiramos á dereita e deseguida á esquerda por un camiño moi fermoso.
Camiño

Desembocamos noutra pista que nos vai levar nun poucos metros aos Xardíns de Camarada que tamén coñecemos da vez anterior.


José Manuel Alonso, "Camarada" é un home de Mántaras (Tapia) que no ano 2019 ideou un xardín moi particular creado a partires de elementos naturais como a madeira (troncos, ramas, follas, pedras...) para dar forma a moi diversos elementos como animais, persoas, carros e outros elementos. 

Todo moi digno de admiración xa que este home de 75 anos fai todo coas súas mans empregando ferramentas moi elementais como a brosa, serra, fouce... e sen recibir subvención ningunha nin cobrando nada por entrar a ver estas marabillas.

Hoxe non estaba, pero a vez anterior tivemos a sorte de que estaba alí traballando e contounos  que detrás de todo eso había unha historia de amor coa súa muller Agustina, falecida hai uns anos, pero da que el segue namorado. 

Un indio coa choza feita de talos de millo.

Raros animais feitos con troncos retorcidos.

A madeira é o elemento máis empregado aínda que hai outros obxectos con outros materiais.

Dende que visitamos este lugar en 2021, o xardín medrou moito. Esta piscina por exemplo, non a había antes.

X. Manuel Alonso "Camarada" dedicouse á agricultura e agora, xa xubilado, traballa arreo e está conseguindo que os seus xardíns (despois falaremos do outro) sexan un alicerce máis para o turismo do seu concello.

A un cabalo feito por el engadiulle un carro e un maniquí. (Para min, estaba mellor o cabalo solo)

Tamén hai exposición de antigos instrumentos agrícolas.






Abandonamos este xardín e vemos que foi colocando nas árbores bolboretas xigantes . Estamos no Monte Mirayos.

Tamén debuxou nos troncos dalgún eucalipto.

Ao pouco, xa vemos o Cantábrico.

Ao pé do mar, ten Camarada o seu 2º xardín, nun espazo distinto, máis despexado, sen tantas árbores(agora piñeiros)  Este lugar está dedicado ao mundo do mar e dentro da proa do barco que se ve ten como un altar dedicado á súa muller con fotos da voda e poemas.

Hai outras barcas, unha maniquí que parece querar ser peixeira, dous bambáns, mesas e sillas á sombra das árbores...

As obras de Camarada chegan xusto á beiriña do mar.

Estamos no Pedrón ou Punta Mirallos un lugar espectacular dende o que observar os acantilados e pequenas calas que forma o Cantábrico nesta costa.
Vistas dende a Punta do Pedrón

Despedímonos das obras de Camarada admirando estes dous singulares bancos que ofrecen vistas marabillosas.

Seguimos pola Senda A-9. Vemos o sinal branco e vermello que marca os grandes precorridos.


Deixamos o percorrido anterior para introducirnos por un camiño á esquerda que non emprega case ninguén (practicamente todos os tracks que vin, seguen pola pista dando unha volta grande ata voltar á beira do mar) O camiño é precioso e está ben para camiñar.

A esto antes chamabámoslle unha congostra. ë un camiño que vai entre valados.

Chegamos a un claro e deseguida vemos un camiño á esquerda que pillamos e nos vai achegar á praia de As Poleas.

Á praia de As Poleas non chega o coche (bueno...seica aínda quen o mete por este camiño)

O acceso é difícil e máis hoxe que o carreiro está sen rozar.

Estaba a marea alta e case cubría a praia toda

As Poleas é unha praia pequena de cantos rodados. Vin o pescador.

Consérvanse dous mecanismos que no pasado eran empregados para sacar o ocle (algas vermellas empregadas antes como abono e agora para a industria alimentaria pois dela obtense o agar, sustancia empregada en moitos alimentos. En Asturias, o ocle move cifras millonarias dende hai anos. Úsase tamén para a industria médica e cosmética.

Unha pequena cascada chama a miña atención. Parece ser que a auga ven dun rego procedente das Lagoas de Salave que non están moi lonxe en liña recta.

Ao achegarme ata a cascada, vexo tamén unha cova.

Escaleiras talladas na pedra de acceso á praia:

Voltamos sobre os nosos pasos ata o camiño que deixáramos para visitar esta praia e chegamos a Folgueirón. Seguimos na parroquia de Campos y Salave.

O 1º que vemos é ao desembocar nesta estrada é un panel da ruta G-R E-9. Volvemos estar no mesmo percorrido que antes deixáramos.

O mar queda agora algo máis lonxe pero nunca o perdemos de vista. Camiñamos por pistas da Concentración Parcelaria no medio de amplos prados e terras de cultivo de millo.

Nun momento determinado, vimos un camiño á esquerda en boas condicións que nos achegaba ao mar e aló fomos. Non foi unha boa idea como despois veremos.
Estamos na zona chamada Punta de la Furada.

Escribía antes que non fora boa idea pillar antes á esquerda porque o camiño ben acondicionado remataba xusto á beira dos acantilados. Para continuar había que atravesar o prado onde pacían os cabalos e facelo pola beira onde había un cercado eléstrico, polo medio de plantas, herbas e maleza que case nos chegaban á cintura.
Deberíamos de continuar pola pista e por outra máis adiante chegariamos igual ao memso sitio...

Sentímonos liberados ao chegar a este carreiro e ver as mesas e bancos...

A zona de acantilados e de illotes de Punta Furada é unha zona illada, moi fermosa onde pouco tempo poidemos estar.

Dende aquí, deixamos a costa para ir cara a Folgueirón de novo.

E volvemos atopar o G-R E-9 que por esta zona vai lonxe do mar.

Nun momento determinado, pillamos unha pista á esquerda para cruzar Folgueirón e chegar axiña ao punto de inicio.

O lavadeiro de Folgueirón, xa cerca do final de ruta.

Páxinas web consultadas:

https://guiadeasturias.com/lugar/las-lagunas-silva-salave-fueron-creadas-la-explotacion-minera-romana-se-encuentran-bosque-extraordinariamente-tupido-vegetacion/

https://geolag.com/el-oro-de-asturias-salave-y-las-lagunas-de-silva/

https://www.rtpa.es/noticias-asturias:Una-de-las-mayores-fabricas-de-agar-del-mundo,-el-producto-que-se-saca-del-ocle,-esta-en-Asturias_111599847876.html

https://www.rtve.es/noticias/20210729/oro-rojo-alga-marina-ocle-cantabrico/2142660.shtml