Amosando publicacións coa etiqueta ruta de baixa montaña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta de baixa montaña. Amosar todas as publicacións

sábado, 26 de setembro de 2026

CRUZ DO PAU DA VELLA DENDE O CURRO DE CANDAOSO (BOIMENTE-VIVEIRO)

 Nesta zona, partindo e finalizando en Candaoso, xa fixen outras dúas rutas que se poden ver nos seguintes enlaces:

 CURRO DE CANDAOSO 

FRAGA DAS SAÍMAS

Hoxe cheguei á Cruz do Pau da Vella seguindo un track. Foi unha ruta fermosa e interesante para descubrir este monumento, ver turbeiras e coñecer (eu xa o coñecía) o lugar onde se celebra unha afamada Rapa das Bestas, no curro de Candaoso. Eso si, nesta ruta hai que ir moi atentos ao track para non desviarse da ruta, sobre todo en zonas que como xa veremos, se vai campo a través, sen un camiño ou carreiro definido.(Sen track ou se non se coñece a zona ben, é difícil facela)

Características:

Lonxitude: 10,2km.

Dificultade: moderada, porque hai zonas nas que o percorrido vai campo e monte a través e porque hai que ter conta que hai algún arame de pinchos que hai que cruzar.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descrición:

Estamos no concello de Viveiro e, dentro deste, na parroquia de Santo André de Boimente onde se atopa o Curro de Candaoso. Aquí celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia. Dende este lugar parte a nosa ruta e tamén finaliza aquí, nesta zona chamada Chao do Cargadoiro.

Curro de Candaoso

Hai xa 41 anos que se empezou a mellorar estes pastos: “Ofrecéronnos participar no programa de mellora de pastos en comunidades de montes e foi cando fixemos a sementeira das pradeiras” dicía en 2022 un gandeiro pertencente á Comunidade de Montes Veciñais.

Na foto seguinte, a pista pola que baixaremos de volta.

Cruzamos un paso canadiense (atoparemos varios) porque é esta unha zona de bastante gando vacuno e cabalar. De momento imos por pista asfaltada.


Vou ascendendo de xeito suave. Vexo néboa e nubes de momento, espero que ao chegar arriba despexe.

As nubes parece que se van desfacendo. Os cabalos pacen tranquilamente.

De momento vou por pista asfaltada. Este tramo xa o coñecía dunha ruta anterior.

Despois de 2km. por asfalto, pillo unha pista de terra á dereita.

Despois doutros 2 km. pola pista de monte entre piñeiros, o camiño remata bruscamente no punto que vemos na foto seguinte. Este camiño actualmente sofre as consecuencias das máquinas que están a facer labores forestais nesta zona. Eu atopei madeiristas traballando.
Camiño que remata bruscamente

Agora hai que atravesar un monte de piñeiros no que non hai carreiro ou camiño definido. Toca ir moi atenta ao track para non desviarse do percorrido.
Monte de piñeiros que hai que atravesar.

Ascendo por este monte polo que non se camiña mal, xa que non hai toxos e a herba está baixa.
Monte de piñeiros

Rematados os piñeiros, saio ao descampado e atraveso un pasteiro:

Xa estou no punto máis alto desta ruta e as vistas son espectaculares!!

A Serra do Buio é unha prolongación da Serra do Xistral e esténdese sobre todo polos municipios de Xove e Viveiro. O punto máis alto é o Pau da Vella ao que estrictamente non cheguei, aínda que non está moi lonxe da Cruz do Pau da Vella.
Aló enriba no cume desa lomba que vemos está o Pau da Vella.

Atopo varios peches con arames e aquí está outra parte complicada da ruta. Hai algún que se pode abrir e pechar facilmente como o que vemos con cordas pero noutros a única maneira de cruzalos foi reptando por debaixo, esto no meu caso non é difícil porque son menuda pero no caso dunha persoa máis voluminosa pois non sei como podería facer...
NOTA: despois descubrín que non é estrictamente necesario cruzar estas aramadas, só se queres fotografar ben a Cruz do Pau da vella como eu fixen, pero o percorrido dá a volta sen ter porque atravesar nada aquí.

Tiven unhas pequenas dúbidas de por onde seguía o percorrido dende aquí porque no track que seguía falaba de seguir ao longo dunha aramada e como hai varias...deseguida atopei por onde era. Só hai que fixarse e orientarse e se non o móbil avisa... Tampouco é necesario cruzar ata 3 peches como eu fixen porque quería ver ben a Cruz, o percorrido dá a volta sen ter que atravesar nada aquí, como explico anteriormente.

A Cruz do Pau da Vella 
considérase o marco divisorio entre os concellos de Ferreira do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro. Non se coñece a orixe deste esteo de granito, nin tampouco se é, en realidade, unha cruz ou unha estela antropoforma.
Cruz do Pau da vella
As referencias lendarias aportan algúns elementos clave que poderían axudar a trazar unha posible interpretación: o reiterado protagonismo dunha muller vella (quizais a deusa ou moura precristián), ser lugar de encontro ritual para a veciñanza e a cristianización do lugar.
“Disque se chama así porque houbo quen viu por aquel lugar unha muller vella, que se apoiaba nun pau, e que choraba”
“Hai quen di que alí está soterrado o corpo dunha vella”
“Cando aínda non estaban fixados os lindes dos concellos do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro, había moitas discusións. Un día presentouse no lugar unha vella e ofreceu a solución: poñer un marco”
“Tamén se conta que no pasado os curas do Valadouro, Cervo, Viveiro e Xove ían unha vez no ano ata o Pau da Vella e xantaban sentados en roda arredor daquela cruz”
"A Noite de San Xoán ían dous homes de cada parroquia ao Pau da Vella para o reparto das moscas, e todos os anos haía reña cos de Budián pois estes só querían tabaos" (Galiciaencantada.com)


Cruz do Pau da vella

Hai que ir ao son do peche que se ve á esquerda na foto.  A Serra do Xistral é unha fronteira natural entre a Terra Chá e o mar Cantábrico. Hoxe tiven sorte co tempo porque esta serra é o lugar de España con menos horas de sol.

Dende estes 700m. de altitude as vistas son únicas.

As turbeiras de cobertor dos Montes de Buio, son valiosos humedais que acadan ata tres metros de espesor.  Formadas por turba rubia e fibrosa debido á gran humidade da zona, albergan unha rica biodiversidade, incluíndo plantas carnívoras 
Turbeiras

Puiden vir pola outra beira do peche porque agora teño que volver cruzala..e neste caso, reptando.


Agora camiño campo a través por este pasteiro. A sensación de paz e relax é única...

Mire a onde mire, sempre vexo un lonxano horizonte.

A comunidade de Boimente participou, xunto a outros 10 dos concellos de Xove, Ourol, Muras, O Valadouro e Abadín, cos que comparte os montes da Serra do Xistral, no proxecto europeo Live on Common Land que estudaba precisamente os beneficios do gando no coidado do territorio.
Este proxecto empezou no ano 2017 e xa rematou en 2022 pero aínda que o financiamento europeo específico para esta etapa de cinco anos concluíu, este tipo de iniciativas europeas adoitan incluír un Plan After-LIFE. Isto significa que as metodoloxías creadas (como o pioneiro modelo de pago por resultados aos montes veciñais ou o uso de drons para vixiar o estado ambiental) foron deseñadas para que os seus socios (Deputación de Lugo, a USC e a UDC) sigan aplicando as súas pautas de conservación na Serra do Xistral.


 As naves que vemos ao fondo  dedícanse á extracción de turba. Esta é unha explotación que extrae unhas 7000 toneladas de turba ao ano para vender como sustrato de xardinería.

A área de explotación incrementouse nos últimos anos a pesares de que eso supón a destrucción total e permanente dunha superficie moi significativa de hábitats prioritarios nunha zona que é Espazo Protexido (ZEC) e da Rede Natura 2000.

Dende 1985, esta degradación ambiental ven sendo denunciada por distintas asociacións defensoras do Medio Natural.


Un bebedoiro para o gando chegando ás "TURBERAS DEL BUYO Y DEL GISTRAL S.A".
Sitas na Comba de Cal Grande.

Estes peches foron moi doados se sacar e poñer.


Ao pé das naves de extracción de turba, pillamos un carreiro que nos vai levar á pista que sae das mesmas instalacións (Tamén podemos ir por ela)

A pesares de que hai tempo que non chove, soprende atopar esta fermosa lagoa. De non subir polo carreiro anterior, non a veriamos.

Saimos á pista. Na foto, o Parque Eólico dos Montes de Buio.

Voltando a vista atrás, parte do camiño percorrido: subín polo piñeiral que se ve á dereita e voltei atravesando o pasteiro en verde:


Agora inicio unha baixada xa moi cerca do final.

En lugar de voltear máis seguindo a pista, xunto a un  aeroxerador pillo un camiño á esquerda que me leva a esta antena de comunicacións.

O bosque que vemos na seguinte foto, corresponde á Fraga das Saímas polas que xa fixen unha ruta que se pode ver no inicio desta entrada.

Aquí, en Candaoso, celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia. 


venres, 27 de febreiro de 2026

POZO DA FERIDA E CANDAOSO (XOVE E VIVEIRO)

 Pensei que o Pozo da Ferida (coñecida fervenza na Mariña Lucense) estaría moi fermosa nesta época despois dun inverno tan chuvioso que tivemos. A ruta só ata a fevenza é moi curta por eso me planteei ampliala a outras zonas e así chegamos case ata o Curro de Candaoso.

Características da ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: moderada. A zona ao pé da cascada pode estar esvaradía e hai que ir con moito coidado por entre as rochas se queres achegarte. 

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Eu cheguei co coche ata mesmo o inicio da baixada á cascada, xunto a unha casa abandonada no lugar chamado O Castro. Estamos na parroquia de S. Isidoro do Monte (Xove)

Aínda que hai un aparcadoiro oficial algo antes, nós chegamos ata aquí.

Baixamos polo camiño este, como indica o sinal.

Un camiño sombreado.

Primeiro atopamos esta cascada artificial formada pola auga encorada que abastecía a unha pequena central hidroeléctrica que veremos despois.

Continuamos baixando por este carreiro onde medra vexetación autóctona.

A maioría das árbores son carballos que nesta época aínda non teñen follas.

 Topamos coa antiga central eléctrica.



A cascada ten unha poza bastante grande onde hai xente que no verán se atreve a darse un baño.

Dende a fervenza voltamos polo mesmo camiño ata onde deixamos o coche e dende aí pillamos un camiño que sae ao pé da casa abandonada.

Despois de atravesar un pequeno traxecto de monte (500m.) desembocamos nunha estrada  e vemos este lugar (O Temoral) que tamén quedou abandonado.

Non hai moito que cortaron este monte de eucaliptos no medio do que quedara este lugar que un día, en lugar de monte, de seguro tiña ao seu redor terras de labor.

Seguimos por esta estrada solitaria 700m. ata que vemos un camiño á esquerda e pillamos por aí. Un ERRO!!! O track que eu levaba planificado mandaba seguir por aí pero é moito mellor seguir pola estrada porque o camiño métese por prado (no que tivemos que había un peche que sacamos facilmente) con moitísimo desnivel!!! Fixósenos eterna a subida!

Este foi o prado que subimos ata arriba de todo, onde remata a cor verde.

As vistas, a medida que imos subindo e mirando para atrás.

Por fin saímos a unha pista despois de pasar por debaixo do peche que se ve, non sen certa dificultade. 

Esta pista en moi bo estado para camiñar é a que nos vai levar a Candaoso.


Mirando cara atrás vemos ben a pista pola que deberiamos haber subido e NON cruzar os prados que tamén vemos entre os piñeiros.

Piñeiros en Pena Terreiro. No km.4,4 abandonamos a pista para cruzar máis recto.

Voltamos á pista:

Observamos gran cantidade de cabalos pastando tranquilamente:

Dende aquí, vemos o Chao do Cargadoiro onde se atopa o Curro de Candaoso no concello xa de Viveiro. Aquí celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia. Partindo dese lugar fixemos o ano pasado unha fermosa ruta que se pode ver AQUÍ

Non chegamos embaixo de todo porque eu xa coñecía esa zona. Demos a volta e agora non cruzamos polo piñeiral. Imos todo pola pista.

Intentamos deixar a pista e pillar un camiño que me indicaba o track pero había que cruzar o prado que vemos e atopamos un peche que non nos deixaba pasar, así que voltamos deseguida de novo á pista. (No track, pódese ver perfectamente)

Non tódolos peches se poden abrir ou pasar por debaixo. Este foi imposible cruzalo...

Así que voltamos á pista que xa non deberiamos haber abandonado.

Dende a pista pola que baixamos podemos ver o prado polo que antes subimos.


Chegamos a este cruce onde desembocamos na estrada xa asfaltada.

Estamos xa no camiño de monte moi cerca do final.