Amosando publicacións coa etiqueta prov de A Coruña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta prov de A Coruña. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de setembro de 2026

S. VICENTE DE TRIGÁS-SASDÓNIGAS. (MONDOÑEDO) RUTA CIRCULAR

Moitas rutas levo xa feitas en Mondoñedo! As promocionadas e mais coñecidas como a Ruta da Auga, a de Leiras Pulpeiro, a da Fraga Vella...e outras que eu planifiquei. Todas elas me gustaron e me aportaron algo a nivel paisaxístico, etnográfico, cultural... O concello de Mondoñedo ten un gran potencial para rutas de sendeirismo porque conserva aínda bastante bosque autóctono, remotas aldeas tradicionais, ríos, fervenzas...etc

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descrición:

Decidín empezar e rematar esta ruta na capela de S. Vicente de Trigás que atopamos ao pé  do Camiño Norte de Santiago e que foi igrexa parroquial ata a construcción do novo templo. O presente edificio data do S. XVI aínda que as primeiras referencias documentais son do S. XI.

Capela de S. Vicente de Trigás rodeada de castiñeiros.

O noso percorrido vai coincidir durante 2km. co Camiño de Santiago Norte.

Camiño de Santiago

Os carballos están nesta época repletos de landras. Historicamente, as landras servíronlles de alimento a animais como porcos e esquíos, e tamén foron empregadas polos seres humanos en épocas antigas para facer fariña.
Landras

Imos á sombra por unha fermosa estrada con árbores nas beiras.
Estrada

Tamén os castiñeiros están repletos de ourizos.
Ourizos nos castiñeiros.

As abelairas son árbores pequenas de folla caduca , recoñécense facilmente polo seu tronco ramificado. En galego tamén se pode chamar abraira. Neste caso son abelairas bravas que medran en lugares húmidas, no caso desta foto, ao pé dun rego.
As varas empregábanse en cestaría, na fabricación de canastros e para tecer valados

Abelairas bravas

A piques de deixar o Camiño de Santiago, temos vistas á aldea de Os Samordás na parroquia de Galgao (Abadín)
Vistas a Os Samordás (Abadín)

Na seguinte foto, o cadriño máis verde que se ve na ladeira do monte, é o lugar onde estaba a antiga capela de S. Cosme da Montaña. Pasamos por aí na última ruta. Imos deixar a estrada e pillar un camiño.

Ao lonxe, lugar onde estaba a antiga capela de S. Cosme da Montaña.

Estamos a piques de chegar á aldea de Sasdónigas por este camiño. Este lugar, antes da igrexa chámase Suaigrexa.

A igrexa de S. Lourenzo en Sasdónigas é de sinxela construcción e está datada no S. XVIII
Igrexa de S. Lourenzo en Sasdónigas

Moi preto da igrexa, temos este cruceiro de metade do S. XIX . Este lugar da parroquia chámase  Pé do Monte.
Cruceiro

A parroquia de Sasdónigas ten 4 entidades de poboación: Lousada (lugar polo que pasamos noutra ruta), Chao da Aldea, Pé do Monte e Subiglesia. Por estes 3 lugares pasamos na ruta de hoxe porque atravesamos todo o caserío. (O cruceiro de antes está en Pé do Monte)
A foto seguinte é en Pé do Monte.
Pé do Monte en Sasdónigas

As casas que vemos son de O Chao da Aldea.
O Chao da Aldea (Sasdónigas)

Abandonamos esta aldea cruzando por debaixo dunha ponte pola que pasa a N-634 e chegamos ao cemiterio de Sasdónigas.
Cemiterio de Sasdónigas

Vistas a Sasdónigas dende o cemiterio que é o lugar de maior altitude da ruta (552m.)

Sasdónigas

Agora iremos sempre en baixada por unha pista paralela á N-634 con moita arboreda.
Pista paralela á N-634

A pista convértese ao pouco nun camiño.

A acacia negra, que vemos a continuación, representa unha gran ameaza ecolóxica para os montes e bosques autóctonos de Galicia, desprazando á vexetación nativa porque a afogan ao competir de xeito agresivo na procura de luz, espazo e nutrientes. Aínda que se corte, volve brotar con moita forza sendo moi difícil de erradicar.
Na foto, os froitos da acacia en forma de vainas retorcidas que teñen dentro as sementes.
Acacias negras

Atopamos de novo a N-634 que cruzamos de novo para o outro lado.

Na foto seguinte, paisaxe chegando á próxima aldea. Precisamente, este lugar de S. Vicente de Trigás chámase A  Aldea.


Casas abandonadas que atopo en tódalas aldeas galegas de interior polas que paso camiñando nas rutas.

Estou en S. Vicente de Trigás, parroquia na que se descubriron importantes restos arqueolóxicos da Alta Idade Media (S. V a VII) vencellados a antigos asentamentos  e labores agrarias, únicos en Galicia. Leváronse a cabo varias campañas de excavación, a última rematou en 2025 que desvelou a existencia dunha clara produción doméstica, asociada tanto aos coidados e á cociña como á fabricación de obxectos metálicos. Ademais, non se descarta que tamén se producise cerámica a nivel local.
S. Vicente de Trigás (Lugar de Combarro)

Esta é a nova igrexa de S. Vicente que veu sustituir á antiga capela ao pé da que empezamos e finalizaremos esta ruta. Foi construída en 1963 de forma rectángular e cunha sola nave, como vemos.
Igrexa de S. Vicente de Trigás

Estamos chegando ao punto final desta ruta.

Vimos ao longo do perdorrido moitos castiñeiros, aquí en S. Vicente, vemos estes enormes.

Xa vemos a capela da que partimos e o cemiterio en frente, aí temos o coche.


luns, 27 de xullo de 2026

CAMIÑO VELLO A S. ANDRÉS DE TEIXIDO DENDE O MIRADOIRO CHAO DO MONTE

 No concello de Cedeira, na estrada que vai  a S. Andrés de Teixido, a 360m. sobre o nivel do mar, hai unha pequena zona cha acompañada dunha área recreativa e un espazo grande para aparcar. Trátase do Miradoiro Chao do Monte. Aquí empezo unha ruta curta, pero ben fermosa e interesante. 

Características da ruta:

Lonxitude: 4,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en Wikiloc

Descripción:

Estamos na Serra da Capelada, nun lugar excepcional polas amplas e marabillosas panorámicas que dende aquí podemos contemplar.

Aló embaixo, á nosa dereita queda S. Andrés de Teixido e ao lonxe os acantilados de Herbeira. Dende Chao do Monte parte unha ruta que nos leva ata o santuario de S. Andrés, eso si, cunha baixada con forte desnivel. Este non é hoxe o meu obxectivo.

S. Andrés, aló ao fondo

Estamos nun dos poucos sitios do mundo onde se poden pisar rochas de Manto, unha parte inferior da Terra que pode chegar a atoparse a máis de 70km. de profundidade. Múltiples rochas dunha fermosa cor aparecen por todas partes neste miradoiro de Chao do Monte.
Rochas calizas erosionadas

Estamos ante un bosque petrificado, pero de rochas calizas erosionadas. Ditos afloramentos rochosos esparexidos polo entorno do Miradoiro Chao do Monte conforman un relevo e unha xeomorfoloxía moi singulares e pouco frecuentes en Galicia. O certo é que o elevado contido en ferro e magnesio destos conxuntos rochosos determinan a particular forma dun terreo tremendamente accidentado.
Peridotitas e o Atlántico de fondo

A zona do Miradoiro de Chao do Monte é unha das xoias do Xeoparque de Cabo Ortegal.
As rochas que se ven  son peridotitas, rochas ultramáficas que proveñen do manto da terra. Vémolas con ese ton oxidado e esas gretas debido a que sufriron un proceso de oxidación ao estar expostas aos elementos (auga, sol, vento...) No seu estado fresco, estas rochas son de cor verde oscuro ou grisaceo.
.
Percorrendo toda esta zona do miradoiro, dende un punto temos estas impresionantes vista á Punta Tarroiba, a enseada de S. Andrés e Punta Robaleira e os seus impresionantes acantilados.
Enseada de S. Andrés, Punta Tarroiba e Punta Robaleira.

Despois de facer un completo percorrido polo entorno do miradoiro (vale moito a pena) dirixo os meus pasos cara un sinal de "Ruta dos Peiraos" que une Cedeira con S. André de Teixido. Estou improvisando esta ruta que non traía planificada e non sigo tampouco ningún track.

No entorno do Miradoiro, hai unha área recreativa con mesas e bancos.

Vexo o sinal da "Ruta dos Peiraos" que pasa por aquí cara a S. Andrés de Teixido e que vén dende Cedeira.
Ruta dos Peiraos

Agora o camiño vai entre toxos baixos, propios de zonas costeiras. Mellor pantalón largo se non queres pinchar algo as pernas, porque ás veces o carreiro é estreito.

Achégome ao Miradoiro de Cortés que ten vistas á Enseada de S. Andrés e Punta Torroiba, que xa vin antes.

O camiño segue entre toxos e non está ben definido porque hai varios ramales. Algunha rocha ten frechas amarelas que hai que seguir.


Seguen aparecendo rochas peridotitas.

Deseguida desembocamos nun ancho camiño onde se nota que andiveron sacando madeira e de feito estaban cortando piñeiros moi cerca.

O anterior camiño, se seguimos á dereita, lévanos pola Ruta dos Peiraos pero eu quero facer unha ruta circular e curta, así que me dirixo á esquerda e a uns metros xa está a estrada a S. Andrés.

Despois de camiñar uns metros por esta estrada, pillo outra á esquerda

Estrada que leva a Reboredo e outras aldeas:

Despois de 1km. pola anterior estrada, pillo á esquerda para iniciar un tramo chamado "Antigo Camiño a S. Andrés", o orixinal, o primeiro do que hai noticia fidedigna, é o que sigueu o ilustrado Padre Sarmiento en 1755. Este escritor e erudito benedictino, que pasara a súa  nenez e parte da súa xuventude en Pontevedra, interesouse como ningún outro no seu tempo por todo o galego, en especial pola lingua e a xeografía, ata tal punto que ía anotando nun caderno os nomes exactos dos lugares polos que andaba. Grazas a eso, hoxe pode seguirse sen dificultade o camino que fixo. Bueno, e grazas tamén á Diputación de A Coruña, que o sinalizou en 2001 con monolitos de granito  nos que un peixe vermello indica a dirección correcta. 


Este "vello Camiño" desemboca de novo na estrada que vai a S. Andrés, sen dúbida moito máis moderna.

É típico e mi normal ver cabalos e bestas ao redor da estrada e nos montes próximos. Estás tan afeitos á xente que nin se inmutan cando pasas ao pé deles, nin temen aos vehículos.

Xa de novo en Chao do Monte vexo un milladoiro, un montículo de pedras pequenas amontoadas a través do tempo polos romeiros e peregrinos que se dirixían a algún santuario relixioso.


Fermosas paisaxes que contemplamos de novo en Chao do Monte.


Páxinas web empregadas:

https://www.elespanol.com/

https://viajandoconcienciahome.wordpress.com/

https://elpais.com/elviajero/escapadas/









venres, 29 de maio de 2026

A VEIGA DO MANDEO POR ROIBOS (ARANGA)

 Aranga é un concello da provincia da Coruña dentro da comarca de Betanzos. É un concello rural que aínda non chega aos 2000 habitantes e que está atravesado polo río Mandeo, precisamente no entorno deste río transcorre nunha parte a nosa ruta de hoxe.

Características desta ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: moderada polo tramo que vai pegado ao río, onde hai momentos en que os felgos e a herba nos tapan case por completo e faise difícil avanzar e porque ten lugares con certa dificultade técnica por raíces, buratos, pedras...

Ruta circular non sinalizada na 1ª parte. meu percorrido en WIKILOC:

Descripción:

A ruta empeza e remata en Ponte Aranga onde hai espazo para aparcar.

Ponte Aranga

A Ponte de Aranga sobre o río Mandeo foi reconstruída no S. XVII en estilo barroco, aínda que ten orixe medieval. Ten 4 arcos desiguais en sillería de granito.

A Ponte de Aranga

Ao pé mesmo da ponte, á beira do río, hai unha fermosa área recreativa.

Área Recreativa

A capitalidade do concello está aquí, en Ponte Aranga, onde hai unhas 10/15 casas, entre elas a do Concello. O resto das vivendas non sei se estaban deshabitadas pero ver, non vimos unha alma.

Casa do Concello

A igrexa parroquial de S. Paio foi construída a comezos do século XVIII en estilo predominantemente barroco, de tipoloxía rural.

Ten planta de cruz latina con tres naves e ábsida rectangular, e na nave norte atópase unha capela onde se conserva a famosa “Cruz de Aranga”, posiblemente do século X. A lenda di que hai anos, dúas mulleres camiñaban de noite por Ponte Aranga e escoitaron o son dunha campaíña. Sorprendidas, foron buscar ao cura e cavaron no lugar desde onde xurdía o son.

Alí atoparon unha cruz de ferro con adornos de cobre e prata, ademais dunha  campaíña, que era a que producía o son. Recolleron a cruz e a campaíña e comprobaron que nese lugar manaba auga, dende esa consíderase que a auga que mana da Fonte da Santa Cruz é miragreira.

 

Igrexa de S. Paio de Aranga

Ao pé da igrexa está a Fonte da Fame en cantería de granito datada entre os S. XVI e XVIII.

Actualmente está bastante abandonada. No oco que se ve, pode que no pasado houbese algunha imaxe.

Fonte da Fame

Iremos por asfalto durante 3 km. e sempre á sombra. Esto hoxe é moi importante porque foi un día de moita calor.

Dicir que esta é unha estrada local pola que non cruzamos a ninguén.

Cruzamos a aldea de Roibos que pertence á parroquia de S. Paio de Aranga e a pesares de non ter aínda 10 habitantes é un lugar moi coidado e practicamente tódalas vivendas están restauradas en pedra.
Roibos

Vemos un hórreo tipo Mahía ou tamén pode ser de estilo galego-portugués: é un tipo de hórreo  que se presenta ao longo dunha ampla e irregular área entre as provincias da Coruña e Pontevedra. É un hórreo de cámara rectangular, longo e estreito. As escaleiras e a varanda foron postas moito despois da feitura do hórreo, dende logo.
Hórreo en Roibos.

Atravesamos un frondoso souto:

E deseguida deixamos a estrada para baixar ata A Veiga por unha pista forestal. Nun punto determinado, temos estas vistas.

Baixamos por unha pista forestal con predominio de eucaliptos.


Todo o traxecto fomos á sombra. Menos mal!! Xa apretaban o sol e o calor.

Chegamos á Veiga, tamén da parroquia de S. Paio de Aranga. Aquí tamén parece vivir moi pouca xente.
A Veiga

Seguen chamando a nosa atención o ben coidadas e restauradas que están as casas.
A Veiga

Estamos xa case chegando ao río Mandeo para empezar a 2ª parte desta ruta.

O río Mandeo nace no concello de Sobrado e xunto ao río Mendo forma a Ría de Betanzos.
Parte da zona que percorre é un espazo natural protexido desde 2004 coñecido como zona especial de conservación Betanzos - Mandeo.

Xa nos primeiros metros da camiñata nos atopamos coa sorpresa de que o sendeiro estaba sen desbrozar e tiña zonas con maleza como se ve na imaxe.

Respecto á orixe do nome do río Mandeo (ou Mandeu), conta a lenda que os mouros acamparon na beira do río para decidir cal camiño e cal táctica debían seguir. Dous caudillos discutiron defenderon posturas encontradas, sen chegar a un acordo, ata que un deles exclamou "Aquí mando eu", de onde lle vén o nome ó río.

No río Mandeo celébrase en agosto a romaría dos Caneiros.


Unha foto da que escribe e saca as fotos.

A vexetación é fermosa e a sombra super abundante.


Hai tramos nos que bórrase o carreiro polos felgos tan altos.

Chegamos a unha ponte colgante pola que pasamos para camiñar pola outra marxe do río.
Ponte colgante

Antes levábamos o río á dereita e agora, á esquerda.

Esta última parte é bastante técnica con rochas, raíces, buratos...

Parece mentira que unha ruta nomeada como SM-05 que corresponde aos Sendeiros do Mandeo que están integradas na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo esteña abandonada deste xeito.

Unha ruta que podía ser preciosa, para nós converteuse, a parte que vai pegada ao río, nunha decepción xa que non a desfrutamos como se debería ao ter que ir case de seguido apartando vexetación para poder camiñar.


Páxinas web empregadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:H%C3%B3rreos_de_Galicia
https://gl.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Mandeo