Amosando publicacións coa etiqueta Baleira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Baleira. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de xuño de 2026

MONTE DO MARCO, SERRA DO CANDÍN E CAMPO DA MATANZA (BALEIRA)

 Esta ruta estaba planificada para ser máis longa pero acurteina 4 km. porque o máis interesante vese nos 6km. feitos e porque ademais non empecei cedo a facela como correspondería nestes días de calor e, a mediodía, a temperatura xa era bastante elevada para camiñar.

De tódalas rutas realizadas en Baleira (5 con esta) foi a que menos me gustou.

Características da ruta:

Lonxitude: 6km.

Dificultade: baixa.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Empecei e rematei esta ruta na aldea de Sanguñedo na parroquia de A Esperela.

Sanguñedo

Despois de rebasar  a aldea anterior, pillo o 1º camiño á dereita.

Como xa partín dunha altura de 700m., ao pouco de empezar a camiñar xa teño estas vistas:

Atopo este sinal dunha ruta. Trátase da sinalización da "Ruta das Loras" que eu non fixen nin penso facer xa que practicamente tódolos cometarios que lin sobre ela non son demasiado positivos, din que é monótona, que non vai apenas por bosque autóctono senón por pistas forestais sen ningún atractivo.

Sigo polo trazado da Ruta das Loras e a verdade é que a min non me resultou monótono porque foron poucos km. por estas pistas. Estou no Monte do Marco.

 Cruzo unha estrada local para introducirme agora na Serra do Candín.

Unha pereira brava moi solitaria...


Un carballo tamén solitario.


As xestas xa floreceron e agora botan os froitos, unhas legumes alongadas cunha peluxe branca. A paisaxe da Serra do Candín é de monte baixo, con pouca arboreda, unha paisaxe desabrigada e que en verán soporta altas radiacións e no inverno moito frío. Tamén o vento cando sopra, pega forte.
Na Serra do Candín

Estamos nun cruce e topo co Camiño Primitivo de Santiago.


Estamos no chamado Campo da Matanza, un lugar de valor histórico e mitolóxico famoso por ser o escenario dunha batalla entre cristiáns e musulmáns no S. IX. Aquí mesmo atopo unha mámoa. En realidade hai ou había ata 7 mámoas pero moitas delas foron violentadas por labores agrícolas ou forestais.
O nome de Campo da Matanza débese a esa batalla antes mencionada na que houbo tanto sangue que chegou ata a igrexa.

                                                            Mámoa

Agora, e ata O Cádavo, comparto tramo co Camiño de Santiago.

Chegando xa á vila de O Cádavo, capital do concello de Baleira.


E atopo o albergue da Xunta para perecrinos que fan o Camiño Primitivo. Estamos na Praza Campo da Feira onde se atopan edificios públicos ben significativos.


Pegado ao albergue, temos o Centro de Saúde.
Centro de Saúde pegado ao albergue na Praza Campo da Feira

Tamén está aquí o Centro Social.
Centro Social na Praza Campo da Feira.

A Igrexa da Inmaculada Concepción do Cádavo está ubicada mesmo no Camiño Primitivo a Santiago, no mesmo lugar que as anteriores construccións. É de estilo barroco e destaca o seu campanario.
Igrexa da Inmaculada Concepción, na Praza Campo da Feira

Vemos tamén dende a Praza anterior o Albergue S. Mateo, que está orientado a peregrinos pero non en exclusividade. 

                                                     Albergue de S. Mateo

E agora toca ir por estrada durante uns 800m.



Deixamos a estrada para pillar este camiño:

O camiño anterior desemboca en Os Penedos, outro lugar da parroquia da Esperela. En 2024 habitaba este lugar tan só unha muller.
Os Penedos

Sigo por estrada ata o final de ruta, que xa está moi cerca.

E chego de novo a Sanguñedo:
Sanguñedo

Moi cerca xa da fonte de Sanguñedo teño aparcado o coche.
Fonte en Sanguñedo

sábado, 9 de maio de 2026

NACEMENTO DO EO E BOSQUES AUTÓCTONOS (BALEIRA)

 Esta vai ser a 4ª ruta que faga no concello de Baleira, que ten unha natureza espectacular en forma de bosques autóctonos, ríos, fervenzas, aldeas tradicionais... Neste concello está a coñecida Fraga da Marronda, unha ruta homologada hai anos e seica está en estado de bastante abandono. Nós fixemos no 2024 unha ruta pretendendo coñecer algo desta famosa fraga pero vimos máis eucaliptos ca outra cousa, o único destacable daquela ruta fora a área recreativa da Cortevella que é moi fermosa e a aldea de Mendreiras. O resto do percorrido defraudáranos totalmente. Pode verse aquí:

FRAGA DA MARRONDA SEN FRAGA

As outras rutas que fixemos neste concello si que foron espectaculares, para min, a mellor, a RUTA DA FONTANEIRA

E hai pouco fixemos unha moi cortiña, pero tamén fermosa, para coñecer as fervenzas ACEA DA SERRA E POZO DA FERRERÍA

A ruta de hoxe non está homologada nin sinalizada pero pareceume ben fermosa!!

Características:

Lonxitude:10,6km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Para esta ruta partimos de Fonteo, lugar así chamado porque aí nace precisamenmte o río Eo.

Santa Mª de Fonteo  é unha `parroquia do concello de Baleira e ao pé mesmo da estrada LU-750 que une Meira co Cádavo, hai unha área recreativa acondicionada en 1999 onde se atopan mesas e bancos de pedra, un forno rehabilitado e unha casa grande de pedra que é o Centro de Interpretación Ambiental.

Área recreativa e, ao fondo á dereita, o Centro de Interpretación.

Debaixo dun castiñeiro e dunhas pedras, nace o Eo.


Ára Recreativa con mesas e bancos de pedra e uns leóns en cada esquina.

Área Recreativa do nacemento do Eo, vista dende arriba.

Imos pola estrada LU-750 durante 200m. ata pillar á dereita pola estrada LU-P 0405 que vai á Fraga da Marronda, S. Paio...

A estrada atravesa un fermoso bosque autóctono.

Aí vai o Eo,  acabado de nacer, entre exuberante vexetación
Río Eo

Deixamos a estrada para pillar un camiño á dereita que nos vai introducir na Serra do Pozo.

Imos en constante subida, pero o desnivel é pouco e apenas o notamos.

Fermoso camiño no medio de bidueiros.

Nun claro podemos ver aldeas e prados ás beiras da estrada LU-750.


Diversidade de árbores e arbustos: piñeiros, carballos, bidueiros, uces...

uz brancauz bornaluz brancal (tamén chamada breixo brancotorgueiraurce brancal ou urrigata) (Erica arborea) é un arbusto de moita rama que acostuma medir de 1 a 4 m de altura.

O camiño está totalmente limpo e  é moi axeitado para camiñar.

Agora tamén aparecen os piñeiros.

Bosque totalmente autóctono en Serra do Pozo.
Bosque autóctono
Tamén os eucaliptos fan acto de presenza, aínda que por onde camiñamos vimos poucos.

Vistas cerca do punto máis alto desta ruta:

Empezamos a baixar con estas vistas:

Nesta época dá gusto ver as uces floridas.

Neste tramo que agora percorremos vemos uns sinais de ruta e máis tarde descubrimos que se trata da PR-G 145 "Fraga da Marronda" aínda que en ningún track dos que vin, a ruta menciondada pasase por aquí...

 Alí abaixo, Barcias e Gulpilleira, aldeas polas que despois pasaremos.

Imos adentraranos nunha espesa fraga e no medio do camiño polo que íamos baixando vimos un corzo que pacía moi tranquilo, axeno á nosa presenza. Puiden sacarlle unhas fotos, aínda que de bastante lonxe. En canto se deu conta da nosa presenza, fuxeu.

Unha fraga moi fermosa repleta de especies autóctonas.

Unha preciosa carballeira.
 
Chegando a Gulpilleira, na parroquia de Santa Mariña de Librán

A parroquia de Santa Mariña de Librán ten en total pouco máis de 100 habitantes.

En lugar de ir por estrada temos a oportunidade de ir por este camiño tradicional:











Barcias é unha aldea da parroquia anterior tamén.

Que sorte atopar, sen planificar sequera, estes bos camiños!!

Camiños cheos de primavera...


Seguimos na parroquia de Librán e este lugar é Soumede. O nome débese a S. Mamede, un santo que cerca ten unha capela.
Soumede
A capela de S. Mamede. O seu valor non reside na opulencia, senón na súa historia, no seu encravamento e no misterio que a rodea debido á escaseza de información dispoñible.
Un dos seus atributos máis significativos é a súa localización na ruta do Camiño Primitivo cara á Santiago de Compostela. Este feito sitúa esta capela nun contexto histórico e espiritual de grande relevancia, suxirindo que durante séculos foi un punto de referencia e posible refuxio para os peregrinos que transitaban por estas terras. 
Para poder ver esta capela hai que atravesar a estrada LU-750 e alí está, á beira da estrada. Despois voltamos sobre os nosos pasos para pillar un camiño.
Capela de S. Mamede

Camiño que nos vai levar ao inicio de ruta.

Despois de cruzar o prado que se ve, agardábanos unha sorpresa:



Fomos dar ao mesmo rego (Rego de Mosqueiros) que evitamos nada máis empezar a ruta. Chegamos a el polo camiño que vemos de frente e non nos apetecía nin descalzarnos e moito menos mollar os pés, así que demos a volta e demos un rodeo pola estrada. Quen nos direxa que o íamos atopar de novo só que agora dende o lado contrario. 

                                                                       Rego de Mosqueiros

Dubidamos entre cruzalo ou dar un pequeno rodeo para volver evitalo, pero como estábamos xa tan cerca do final decidimos pasalo sen descalzarnos porque tíñamos calzado de reposto no coche.
Rego de Mosqueiros

Cruzamos a aldea de Fonteo onde máis da metade das casas están deshabitadas e nas que vive xente, non vimos unha alma!

Fonteo


Paxina web consultada:

https://horariosrezo.es/iglesia/capilla-de-san-mamede-4/