Amosando publicacións coa etiqueta Castroverde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castroverde. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de outubro de 2026

RUTA CIRCULAR EN FURÍS (CASTROVERDE)

 Teño feitas varias rutas en Castroverde, todas elas interesantes e fermosas pero esta que traio hoxe só ten ineresante o principio e o final. O percorrido é curto e non atopei nel nada que me chamase a atención. Ou sexa que é unha ruta da que a descrición máis interesante estará ao principio da publicación.

Características:

Lonxitude: 7km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O track meu en WIKILOC

Descrición: 

Santo Estevo de Furís é unha parroquia de Castroverde que destaca pola súa igrexa renacentista con elementos barrocos.

Igrexa de Santo Estevo de Furís

Ao pé da igrexa hai un cruceiro e un elemento arquitectónico que eu nunca vira: trátase dun pousadoiro que é  plataforma ou base de pedra ao pé dun cruceiro nos camiños que van ao cemiterio. Durante o cortexo fúnebre, a comitiva parábase aí para que o cura rezase un responso, momento no que se colocaba o féretro sobre esta base para que os portadores descansaran). Actualmente quedan moi poucos.
Co nome de pousadoiro tamén se coñece unha pedra ou repisa integrada na parede exterior dunha casa colocada para que unha persoa que levaba calquera peso poidese apoialo e descansar.

Cruceiro e pousadoiro.

O cruceiro e pousadoiro dende outro ángulo:


 Tamén aquí, ao pé da igrexa anúnciase unha ruta de 18 km. entre as parroquias de Furís e Páramo  que debe ser interesante: 


Paso por Furís de Arriba, unha entidade de poboación desta parroquia.

E deixo o asfalto para introducirme por un camiño que deixa estas fermosas imaxes de outono:

Vou uns metros pola Vía Romana XIX (antiga calzada romana que comunicaba as cidades de Braga (Portugal) e Astorga (León) pasando por Lugo).

A Vía Romana segue á esquerda e eu continuo de frente.

O máis fermoso deste percorrido xa rematou e durou pouco máis de 1 km. Agora teño unha subida polo medio de eucaliptos. O camiño está ben desbrozado, eso si.

Alégrame a vista esta panorámica ao rematar o monte.

Un pequeno traxecto tamén fermoso aínda que a foto non lle faga xustiza:

A  Abelleira é outro lugar da parroquia de Furís.

Seguimos pola estrada durante 1km.

E pasamos por Pereira, outro lugar da parroquia de Furís.

Seguimos pola estrada dende Pereira durante 600m. ata pillar unha pista á esquerda.

Imos por esta pista (tódolos camiños e pistas pecorridos están en perfecto estado)

Imos tendo estas vistas sobre Pereira por onde acabo de pasar.

Amplos horizontes  á esquerda:

Estamos en outono e proliferan as landras. A súa cor na árbore é verde pero no outono vólvese de cor marrón. A landra de carballo é consumida por distintos animais bravos como xabarís, esquíos etc., de aí a importancia ecolóxica do carballo. Tamén se emprega como alimento para os porcos.

Esta pista ou camiño polo que vou está recuberto de area. O chan deixanos outra estampa ben típica en outono.

Máis imaxes outonales xa chegando ao final da ruta:


xoves, 11 de xuño de 2026

SERRA DO PUÑAGO (CASTROVERDE)

 A Serra do Puñago ou da Rañadoira é un sistema montañoso da provincia de Lugo que abarca os concellos de Baleira, Castroverde e Baralla. Aínda que non ten grandes alturas, é un excelente miradoiro da xeografía lucense.

Coma case tódalas serras galegas, alberga un Parque Eólico, o "Serra do Puñago- Vacariza".

Esta ruta está no concello de Castroverde, aínda que moi cerca do concello de Baleira.

Características :

Lonxitude: 13,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción da ruta:

Moi cerca de S. Romao, da parroquia de Retizós, no concello de Baleira ten inicio e fin esta ruta.

Despois de cruzar esta aldea en coche, aparquei un pouco máis arriba, nun cruce onde non estorbara e onde empecei a camiñar.

Vou por un camiño en suave ascenso.

Volvendo a vista atrás...

A medida que vou subindo, as vistas fanse máis espectaculares: Lombas e terras de Baleira e de moito máis aló.

Vexo esta planta tan común en Galicia que é a dedaleira ou estraloque, planta herbácea bianual, nativa de Europa. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán e moitos outros. Debe de ser a planta con máis nomes diferentes en galego.

A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do S. XVIII.

Cómpre ter en conta que, a pesar dos seus efectos medicinais, as dedadeiras poden chegar a ser moi velenosas se son consumidas.

Ao fondo, a aldea de Retizós.

                                                              Milicroques
Rematando a subida e volvendo a miúdo a vista atrás:


Agora xa estou en pleno parque eólico e vou camiñar sempre en cha.

No 2019 foi construído este parque eólico promovido pola empresa Naturgy cunha inversión de 43 millóns de euros.


Espectaculares vistas.

Cando se construeu o parque eólico, só contaba con 12 aeroxeradores. Actualmente hai bastantes máis.


O chamado Caseto da Serra foi unha instalación técnica de medición do vento asociada ao parque eólico.

                                                            O Caseto da Serra

Vemos tamén un punto ou vertice xeodésico (sinal física permanente ubicada nunlugar elevado e visible que marca unha posición xeográfica exacta) Serven para crear mapas e tamén se usan en enxeñaría, arquitectura e obras públicas para garantir a escala e  ubicación de proxectos.

                                                                    Vértice Xeodésico

Estamos no punto máis alto da ruta, a 1026m. e temos estas marabillosas vistas ao Lombo de Soutambio, cerca da Fraga da Marronda.



Os vales de Baleira, a Fraga da Marronda...e moito máis.

Seguimos pola serra, agora descendendo lixeiramente.

Vemos a Subestación Eléctrica do Parque Eólico.

A esta ruta tamén se lle podía chamar "ruta das Xestas", porque as atopamos continuamente.

Deixo a Serra un pouco antes de que remate o Parque Eólico e polo tanto a parte máis alta da mesma. 

Chegando a Teixeda, vexo este rústico cruceiro. Tamén é coñecido co nome de "Cruceiro de Verducedo" ou "Cruz de Valentín". Segundo a tradición local, foi levantado despois dun tráxico accidente onde un raio matou a un neno.
Cruceiro de Teixeda

Agora imos por estrada uns metros.


 Mirando á dereita, aló enriba, o parque eólico polo que acabo de pasar.

Teixeda é un lugar da parroquia de Montecubeiro. Só vin dúas casas e habitada, unha.

Nun cruce deixo a estrada para pillar un camiño:

Un camiño con pouco desnivel que nos vai levar de novo ata os eólicos que se ven aló enriba.

Estamos en xuño e as xestas están en plena floración.

E chegamos ao pico da serra onde se nos anuncia a entrada no parque eólico. Aquí topamos o mesmo punto, no cruce que vemos, do camiño da ida. Agora, vou á esquerda para continuar pola serra pero en sentido oposto á ida.

Por esta zona obsevamos pereiras bravas.

Pasamos pola Pena da Ferradura.

Xusto antes do último aeroxerador do parque eólico, torcemos á dereita.

Vistas que nos deixa esta altitude de 850m. 

Seguimos atopando moitas xestas. A xesta é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.

Nalgunhas zonas recibe o nome de piorno ou codeso. As varas, preparadas, foron usadas como aguilladas para arrear o gando. Tamén se utilizou na elaboración de teas de alumeado. O uso máis común foi para fabricar vasoiras. Tamén se usaba para a cuberta de alpendres.

A min a xesta paréceme que é preciosa; dise que é irmá do toxo pero mentras que este é bravo e pincha, a xesta é suave e déixase coller. Eu lembro a meu pai barrendo a aira moitas veces con xestas.

A que son preciosas? Que ben adornan os nosos camiños!!

Este último tramo de ruta, por este camiño tradicional, é moi fácil de percorrer é ademais moi fermoso, pola variedade e frondosidade de plantas e árbores.

Que sensación de paz!!

Ao igual que na inmesa maioría das rutas que fago non atopei a ninguén. Toda esta marabilla para min sola!!

Páxina web consultada:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Xesta
https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/naturgy-finaliza-montaje-aerogeneradores-parque/201907032053211385456.html