luns, 30 de marzo de 2026

SERRA DA TOXIZA

 A Serra da Toxiza é unha das serras septentrionais de Galicia, na que destacan sobre todo as enormes rochas graníticas, algunhas con caprichosas formas. Estamos no concello de Mondoñedo.

Destacan tamén as grandes masas de piñeiros, moitos deles afectados por unha enfermidade (a banda marrón) provocada por un fungo  que fai que moitos piñeiros estean xa pelados de todo e secos.

Nesta ruta vimos tamén o menhir da Toxiza e subimos ata o Pico máis alto da Serra a máis de 800m de altitude, onde hai un vérice xeodésico dende o que divisamos ata a Mariña.
A primeira parte da ruta vai toda ela por pistas e a segunda parte por un camiño de monte ata Tronceda onde faremos por estrada o último km.e pico.

Na foto seguinte, vemos a aldea de Estelo que pertence á parroquia dos Remedios dentro do concello de Mondoñedo.

Ao fondo, Estelo.

Arrancamos dende un cruce do que saen varias pistas, pillando como se ve nos sinais cara a Fraga Vella e á Ruta Arqueolóxica.

Divisamos ao lonxe, a Serra da Toxiza á que chegaremos.

Imaxe onde vemos a estrada pola que chegamos e a paisaxe da zona. Fermosa!!!

Empezamos en lixeira subida por unha ancha pista.

Na seguinte foto volvemos ver Estelo. Esta aldea tiña, en 2024, 43 habitantes.

Xa empezamos a ver grandes rochas e algún cabalo.

Imos sempre rodeadas de piñeiros.

Hai cruces, sempre sinalizados. Vimos varias veces o sinal indicador dunha ruta arqueolóxica que puxo en marcha o concello de Mondoñedo no 2017. Trátase dunha ruta que permite coñecer monumentos megalíticos como o dolmen da Toxiza, a mámoa da Fraga Vella, o Castro de Zoñán...etc
Esta ruta, ao visitar lugares moi distantes entre si, é idónea para facer parte dela en coche ou en bicicleta.

Seguimos entre piñeiros.


Agora entramos nunha zona despexada, desaparecen as árbores case de todo e aparecen os enormes penedos, algúns deles semellan que van perder o equilibrio dun momento a outro.

Cambia por completo a paisaxe...

Estamos en zona despexada con moi boas vistas. 

Case nunca deixan de verse os eólicos:

Penedos de diferentes formas e tamaños.

Estamos a case 800m e as vistas son espectaculares aínda que hoxe o día non ten boa visibilidade pola bruma que hai.

Temos que chegar alí enriba, ao Pico da Toxiza. Estamos na Mallada dos Corredoiros.

Ao chegar a este cruce, temos a opción de continuar de frente e ver o menhir da Toxiza e aló fomos!

Son 500m. ir e outros 500m. volver. Así que 1 km. en total o que nos desviamos.

Un menhir é un monumento megalítico prehistórico, unha pedra alongada e fincada verticalmente no chan. Son orixinarios da época Neolítica e da Idade dos Metais. Pénsase que marcaban lugares de culto, cemiterior ou ben que delimitaban territorios.
Son habituales en case toda  Europa pero hainos por todo o mundo.
Menhir da Toxiza

Un touro saeu do prado para recibirnos. Nós, non nos achegamos a el e el pasou de nós.

Dende o menhir, voltamos ao cruce anterior e iniciamos a subida ao Pico da Toxiza.

A medida que subimos, a vexetación vaise reducindo.


Aló embaixo, Tronceda, por onde despois pasaremos.

Vemos xa o Pico da Toxiza e estes piñeiros que ao primeiro pensamos que houbera un incendio pero non, é a enfermidade  da banda marrón, un fungo que os ataca e os deixa totalmente espidos.
Esta enfermidade afecta ao piñeiro "radiata" e é un problema que está a afectar á poductividade e calidade desta especie. Empeza cunhas manchas de cor marrón nas acículas (follas do piñeiro)


Na foto seguinte, o Pico da Toxiza a máis de 800m. cun vértice xeodésico.


As vistas dende aquí son espectaculares, aínda que hoxe non é nada boa a visibilidade pola bruma.

En días ben despexados, podemos ver ata a Costa Cantábrica.

Dende o Pico da Toxiza, a baixada presentábase difícil. Fixemos unha baixada moi técnica, ás veces arrastrándonos pola rocha, xa que non vimos outra maneira ata que xa baixando atopamos un lugar por onde pensamos que baixariamos moito mellor, pero non era xa cuestión de plantearnos voltar a subir porque xa tíñamos un bo tramo baixado.

Á dereita de por onde baixamos pensamos que o descenso era mellor.

Por fin, xa abaixo de todo onde conectamos con pistas.

Agora xa por pistas coma as anteriores e vendo a desfeita nos piñeiros.

Unha paisaxe impoñente coa luz do atardecer.

Vistas a Mondoñedo.

A partires da curva que vemos na foto, empezaremos a percorrer un camiño de monte.

Durante uns 4km. iremos en suave baixada por este camiño:

Mens mal que sabemos que falta pouco para chegar á estrada porque está anoitecendo.

Xa case de noite, vemos as casas de Tronceda de Abaixo:

Cruzamos o Rego da Toxiza.

Accedemos a unha estrada local que nos levará ao inicio de ruta. Xa case é noite pecha. 

A noite deixanos ver aínda Tronceda de Arriba e estes cabaliños.



Páxina web consultada:

https://www.ineif.com/