sábado, 4 de abril de 2026

ARTE URBANA E PASEO FLUVIAL EN QUIROGA (LUGO)

 Quiroga é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Quiroga e á Ribeira Sacra. Conta con pouco máis de 3000 habitantes.

Varios ríos bañan o municipio, destacando o Lor, o Selmo, o Quiroga e o Sil. Aínda que a vila de Quiroga se asenta nun val, este municipio é eminentemente montañoso sendo a Serra do Courel o núcleo principal do seu relevo. Nesta serrra están as montañas máis altas de Quiroga: Formigueiros, Pía Paxaro, Alto de Murelos...etc.

Ao igual que en moitas vilas do interior de Galicia, Quiroga sofre un envellecemento da súa poboación e unha perda constante da mesma.

Esta ruta, serve para coñecer a vila de Quiroga, a súa arte urbana está ganando atractivos ao pasar dos anos xa que cada vez hai máis espazos que lucen murais de grandes dimensións que buscan plasmar algúns dos rasgos etnográficos máis representativos da comarca ( a tradición vitivinicola, a apícola...xunto a máis moderna como o Quiroga Trail Challenge ou o empoderamento da muller...)

Por outra banda, camiñaremos a carón dos ríos Sil e Quiroga para coñecer o paseo fluvial, un fermoso percorrido á sombra de distintas especies arbóreas.

Características:

Lonxitude: 5,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. O paseo fluvial está sinalizado e para facer a da Arte Urbana, existen folletos editados polo concello, pero para facer a ruta tal como eu a planifiquei, é preciso seguir este track en WIKILOC

Descripción da ruta:

Inicei e finalicai esta ruta na rúa Río Lor despois de tomar un almorzo na cafetería Bosbruk cunha atención exquisita, nun ambiente tranquilo. A cafetaría é pequeniña e decorada con mimo, moi acolledora e moi competitiva en prezos.

Enfrente da cafetaría está a Praza de España onde contemplei os dous primeiros murais. A Praza de España ao igual que nos lugares máis centricos da vila, hai carpas preparadas para a celebración da Feira do Viño que ten lugar durante estes días.

A Feira do Viño ten lugar cada ano durante varios días nos que hai postos para a degustación e venda de viño, ademais doutras actividades.

Praza de España

Este foi o 1º mural que vin: "Madre de las Letra Gallegas" que representa a Rosalía de Castro. O autor foi Pablo Lage Sanjurjo. Loce nunha parede da Escola Infantil, na Praza de España.

Nai das Letras Galegas

O seguinte mural, moi cerca do anterior, tamén na Praza de España. É obra dos artistas Alba Fabre e Jokin Oregi  e a idea é plasmar unha imaxe que representara unha escena cotiá que dea sensación de amabilidade e calidez”

Pillo a rúa Tallos que ten ás beiras coloridas laranxeiras.

Rúa Tallos

Nesta rúa contemplo o 1º Cemiterio Civil que vexo. Foi inaugurado en 2023 e aí teñen cabida os enterramentos de calquera crenza relixiosa.

Cemiterio Civil

O Museo Arqueolóxico foi inaugurado en decembro de 2011 e ampliado en setembro de 2020.
Nun espazo duns 250 metros cadrados, o Museo de Quiroga inclúe os contidos xeolóxicos máis representativos do entorno, ordenados de máis antigo ao máis moderno, en cinco salas que  repasan os principais recursos xeolóxicos, xeomorfolóxicos e paleontolóxicos do Xeoparque Montañas do Courel, o primeiro de Galicia dende o seu  recoñocemento como tal pola Unesco en abril do 2019.

O Xeoparque Mundial Montañas do Courel nace da unión dos concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga.

Este Xeoparque destaca polo seu patrimonio xeolóxico singular no que sobresae a nivel internacional o Global Geosites "Dobras deitadas da  Serra do Courel".  (Os geosites ou xeositios son lugares xeolóxicos de relevancia internacional)

A fachada do edificio do museo foi deseñada polo artista local Manuel García Losada combinando armónicamente a pedra , a madeira e o ferro. 

Museo Arqueolóxico

Ao pé do anterior museo, atopamos o Centro de Formación Profesional e Ocupacional. Un edificio restaurado ben fermoso.

Centro de Formación Profesional

E nesta mesma rúa, ao pé dos dous edificios anteriores, atopamos o seguinte mural que ademais é dos últimos realizados, xa que data de 2025. Trátase dunha muller que existeu na vila, Ramona López, "a Coballa" que foi unha figura entrañable na vila que percorría levando o seu carriño de froita.
A obra, en branco e negro é de Román Linacero.
Ramona López, a Coballa.

Algo máis adiante, na Praza Maior, está o mural que representa unha alvariza. Este mural quere poñer en valor un dos productos típicos da zona: o mel. Vemos un oso que merodea xunto á alvariza buscando mel.
Alvariza

Esta é a Praza Maior, hoxe ocupada con carpas debido á celebración da Feira do Viño estes días.
Praza Maior

O escritor Ernesto Guerra da Cal, aínda que nacido en Ferrol, pasou parte da súa infancia nesta casa e sempe se considerou quirogués.
As ribeiras do Sil e do Lor, as montañas do Courel, as rúas, as xentes...están sempre presentes nos seus libros.
Casa de Ernesto Guerra da Cal.

 A Peregrina do Camiño de Inverno é un mural realizado polo artista ourensán Mon Devane. Evidenciase a importancia deste Camiño a Santiago na vila de Quiroga.
Peregrina do Camiño de Inverno

O mural está situado na rúa Lago que conflúe na arteria principal que atravesa toda a vila: a Rúa Real.

A igrexa de S. Martiño é do S. XIX en estilo neoclásico.
Igrexa de S. Martiño

Frente á igrexa, atopamos o mural de Jose Muruzabal que pintou Romaxe da Ermida. El Meco y las Pampórnigas, personaxes míticos da cultura e historia de Quiroga que cada ano saen a danzar polas rúas da Ermida (parroquia de Quiroga) durante a romería da Virxe dos Remedios.
Romaxe da Ermida. O meco e as Pampórnigas

Paso ao pé da Residencia de maiores de Quiroga e na mesma rúa de S. Martiño de Abaixo non sei como se me pasou sen ver un dos murais máis famosos.
Residencia

Na Casa da Cultura están  a Biblioteca Pública e a Oficina de Turismo.

Casa da Cultura

E nunha parede da Casa da Cultura, hai que mirar para arriba para ver Os Lapis da Cultura que semellan atravesar a fachada do edificio. É obra do artista salmantino Felipe Piñuela e neles aparece o nome de 3 escritores vinculados dun xeito ou outro ao municipio.
Lapis da Cultura

Sigo pola Rúa Real para admirar o seguinte mural: Quiroga Trail Challege pintado no 2024 polo artista madrileño Román Linacero. Este mural rinde homenaxe aos miles de atletas que cada ano percorren os montes do Xeoparque Montañas do Courel e aos fundadores da proba deportiva.
Quiroga Trail Challenge

Sigo por esta rúa sempre en liña recta para atopar o Paseo Fluvial. É esta unha fermosa avenida xa saíndo (ou entrando) da vila. A verdade é que me encantou Quiroga!!

As letras co nome da vila, nun fermoso entorno.

Unha pequena área recreativa con frondosa sombra que no verán seguro que se agradece xa que en Quiroga os veráns son moi calorosos. Eso si, a situación deste lugar de descanso non é a máis axeitada se buscas tranquilidade e ausencia de ruído, porque está nun cruce de varias estradas importantes.

Que coidado está todo!!

E cheguei á beira do Sil!! Ao fondo a Ponte Nova S. Clodio-Quiroga e as montañas.

O paseo fluvial podemos empezalo por aquí, ás beiras do Sil  ou polo outro lado, ás beiras do Quiroga. É este un paseo dos que me gustan, polos carreiros de toda a vida, sen asfaltar.
Paseo Fluvial

A vexetación que abunda ás beiras do río é diferente á que teño visto en moitos outros paseos ás beiras de ríos. Aquí abundan os olmos e arces.
Paseo Fluvial


Tamén hai freixos como este grande que vemos na foto "bebendo" do Sil. Este río, principal afluente do Miño nace na provincia de León e despois de pasar polas comarcas de Laciana e O Bierzo atravesando Ponferrada, entra en Galicia pola provincia de Ourense. No seu tramo medio define a fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense. Xúntase co Miño no lugar dos Peares.

O río Quiroga desembocando no Sil:


Pasamos unha Área Recreativa


Xa camiñamos ás beiras do río Quiroga. Este río nace en Vilarbacú (A Seara), no corazón do Courel e xa vimos que acaba de desembocar no Sil.
Paseo Fluvial


A partires do encontro dos dous ríos, seguimos  ás beiras do Quiroga. Agora o paseo tórnase algo máis artificial.
Paseo Fluvial


Aquí hai tamén un parque con aparellos pensado para que se exerciten as persoas maiores.
Paseo Fluvial


Recunchos con bancos para relaxarse á beira do río.
Paseo Fluvial


Unha presa provoca este pequeno salto de auga.
Paseo Fluvial


Imos vendo á nosa esquerda a vila de Quiroga coa piscina municipal en verde e branco.

E aquí vai rematar o noso paseo fluvial. Segue aínda un pequeno tramo ata chegar ao barrio de A Ribeira (parroquia de Hospital) pero considerei que debía aproveitar o acceso que me vai levar deseguida ao centro da vila e ao punto de inicio porque despois quero facer outra ruta na Seara.

Agora entro en Quiroga polo lado contrario ao que cheguei no coche.

Na fachada posterior do Auditorio, atopamos "O neno coa oliva" que quere poñer en relevancia un dos productos típicos de Quiroga: o aceite. A obra é de Mon Devane. Quiroga ten un clima moi propicio para o cultivo da aceituna e de feito hai olivos milenarios, da época dos romanos.
O neno coa oliva

Por Quiroga pasa o Camiño de Santiago e o edificio que vemos de frente, é o Albergue.
Albergue de Quiroga

O Museo Etnográfico é un dos máis grandes de Galicia desta temática.
Museo Etnográfico

Nunha fachada do Albergue, atopamos un dos murais máis antigos, do 2015, que foi o ano que empezou a andar a iniciativa grazas á implicación de diversas administracións e Asociacións: As. Cultural "Quiroga en Marcha", o concello, a Deputación de Lugo, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra...
O mural chámase "A lavandeira do Sil" e representa a unha criatura mitolóxica que vivía debaixo das augas do Sil e se dedicaba a limpar e a pulir as pepitas de ouro do río. É obra de Miguel Peralta e Xoana Alma.
Na mesma fachada vemos outros tres lapis: "os lapis da Cultura", neste caso dedicados a outros 3 escritores: Anxel Fole, Eduardo Moreiras e Luz Pozo Garza.
A lavandeira do Sil

E para rematar, no Pavillón Municipal vemos o mural Sororidade. Pintouse para conmemrar o Día Internacional da Muller. Sororidade é a  solidariedade entre mulleres. A obra é de Abi Castillo.
Sororidade.

Vin a maioría de murais da vila pero aínda me quedaron varios que non vin:
- Erundina, a superavoa vendimadora.
- Joven en la orilla del agua.
- Bésame en esta esquina.
- Escala Cromática.
E tampouco vin dous bancos temáticos, un representando a sororidade e outro dedicado ao viño e á festa gastronómica deste producto.
Xa teño razóns para volver a Quiroga e aproveitar para facer outra das moitas rutas que se poden realizar.

Páxinas  consultadas:

https://concellodequiroga.com/es/

https://www.lavozdegalicia.es/

https://museosquiroga.org/es/

https://osil.info/a-vila-de-quiroga-estrea-un-novo-mural/

https://turismo.ribeirasacra.org/museo-geologico-de-quiroga

https://www.elprogreso.es/articulo/ribeira-sacra/quiroga-no-ar/202509091754361906660.html

https://www.curiositravel.com/

Ningún comentario:

Publicar un comentario