Amosando publicacións coa etiqueta ruta lineal.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta lineal.. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de setembro de 2026

GALGAO (ABADÍN)-A VALIÑA (MONDOÑEDO)

Hoxe fixemos unha fermosa ruta polos concellos de Abadín e Mondoñedo. É curta pero intensa e pasa por camiños, carreiros e congostras con moita arboreda autóctona. Veremos tamén unha fermosa cascada, a antiga igrexa de S. Cosme da Montaña e pasaremos por aldeas tradicionais.

Características:

Lonxitude: 6,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descrición:

Saimos do aparcadoiro da coñecida Área de Servizo "O Rei das Tartas" e pillamos o Camiño de Santiago Norte indo ao revés que os peregrinos que van a Santiago.

Area de Servizo "O Rei das Tartas"

Collemos o camiño que vemos á esquerda, antes da A-8

Un camiño tradicional dos de toda a vida...Ao fondo, a Serra do Xistral.

Fermosas vistas a zonas de Mondoñedo e máis aló.

O percorrido vai cara abaixo e lévase ben.

Na esquina da esquerda vemos Lousada que xa pertence ao concello de Mondoñedo pero nós seguimos aínda no de Abadín.

Atravesamos un fermoso souto.

O Camiño de Santiago Norte ten aquí unha boa subida porque claro, vai ao revés que nós.


Durante o século XIX, o lugar de Lousada destacou pola extracción e explotación de mármore gris azulado. Esta actividade estivo moi vinculada á fábrica "A Competidora Universal", propiedade de Germán González. 
A antiga canteira de Lousada, situada na parroquia de Sasdónigas (Mondoñedo), é un espazo de gran relevancia histórica e patrimonial. Na foto, frente de corte da antiga canteira, onde se aprecia a rocha exposta da que se extraía o mármore gris azulado e a piedra caliza que despois se procesabano lugar.

Antiga canteira de mármore

Un dos elementos máis singulares de todo este complexo industrial son os seus fornos de calcinación. Foron construídos a comezos dos anos cincuenta. A súa finalidade era aproveitar todos os bloques de pedra da canteira que non servían para ser serrados como mármore na fábrica. Alí transformábanse en cal, que logo se distribuía para dar servizo aos campos de zonas veciñas como Abadín.
A imaxe mostra os muros de pedra devorados pola maleza e a hedra, que corresponden ás estructuras de soporte, almacéns ou as rampas de carga dos antigos fornos de cal (caleiras) e dependencias da fábrica.
Hoxe en día, as canteiras, os talleres, as oficinas e as estruturas dos fornos fican nun estado de abandono, integradas e case cubertas pola maleza da contorna.

 

Un carreiro que non pode ser máis fermoso:

Castiñeiros, abelairas, carballos, felgos...

Agora pasamos por unha congostra: congostra é un camiñode carros estreito e fondo que discorre xeralmente entre valos, sebes, cómaros ou outras elevacións do terreo. Tamén se coñece como corredoira ou corga.
 Trátase dunha senda afundida respecto ao nivel dos campos ou leiras que a rodean debido ao paso continuado durante anos.

Neste cruce, deixamos o Camiño de Santiago.

De verdade que esta ruta é ben fermosa !!

Chegamos á fervenza de Augas Santas ou do Rego de Muras Este rego, en época de chuvias, pode ser difícil ou imposible de cruzar xa que acostuma a levar moita máis auga.

Esta cascada formada polo Rego de Muras atópase no concello de Abadín, parroquia de Galgao.
Fervenza do Rego de Murasmou Augas santas

Agora toca subir polo entorno da cascada.

Rematado o bosque, accedemos a un espazo aberto no que hai un carreiro que rozou non hai moito un veciño de Mondoñedo que tamén se dedica ao sendeirismo. Grazas, Moncho!!

E vemos os primeiros "quitamerendas" deste ano!! Estas plantas recoñécense de xeito moi doado porque medran pegadas ao chan, non teñen follas e ábrense como se fosen estrelas, cos pétalos separados.
Quitamerendas

As "quitamerendas" son as mensaxeiras do outono. Aparecen a finais de agosto e en setembro, anunciando que axiña chegarán os días fríos. Parécese moito á planta do azafrán, da que se extrae esta especia, pero estas pola contra son moi tóxicas.
O nome venlles dado porque antigamente había pastoreo trashumante, que ía dun sitio a outro buscando os mellores pastos. Ao chegar o outono e aparecer esta planta, os días son máis curtos polo que se reducía a xornada laboral e xa non se merendaba no monte . Era a época na que os pastores baixaban da montaña.
Quitamerendas

Dende a antiga igrexa do S. Cosme da Montaña temos boas vistas de Lousada.
Lousada

As vistas dende a antiga capela de S. Cosme da Montaña, a 450m. de altitude son extraordinarias.

 Na foto seguinte, a 1ª capela do S. Cosme da Montaña. Ao mellor moita xente non sabe que a actual igrexa foi inaugurada no 1925 e antes desa data o S. Cosme da Montaña era venerado neste lugar. A capela quedouse pequena para a gran cantidade de romeiros que asistían e os accesos tamén eran complicados (supoño que estes accesos pouco ou nada cambiaron dende aquela e nós tivemos o privilexio de percorrelos)

Restos da antiga capela de S. Cosme da Montaña.

Houbo unha lenda local que dicía que S. Cosme escapaba desta pequena capela en ruinas para irse á ubicación actual do santuario, creendo os veciños que era un milagre e que era desexo do propio santo cambiarse de lugar. Unha vez inaugurada a nova igrexa, cambiaron as tornas: agora o santo seica escapaba para a pequena capela . A xente estaba preocupada porque pensaba que o santo non se afacía no novo lugar, ata que descubriron que este novo milagre tiña que ver coa oposiciónn dalgún veciño ao novo traslado.
Outra lenda di que a nova ubicación da igrexa e do santo débese máis ben aos desexos dunhas ricas familias con apoio do clero.
Sexa o que sexa, a actual igrexa foi inaugurada en setembro de 1925 no lugar chamado Retama, na mesma parroquia de Galgao.

Restos da antiga capela de S. Cosme da Montaña.

É unha pena que estes poucos restos que quedan non estean coidados e postos en valor.
Restos da antiga capela de S. Cosme da Montaña.

A romería de S. Cosme da Montaña ten lugar cada 27 de setembro e chegan romeiros dende moitos puntos das comarcas veciñas a oir misa, andar en procesión, prender candeas, depositar exvotos de cera vinculados ás peticións que se fan ao santo. É esta unha romeria moi querida por moitos chairegos e mariñaos.
Na foto, o que era o adrio da capela.

Abandonamos a antiga igrexa por unha pista de recente creación. A última vez que pasei por aquí (Outubro de 2024) aínda era un carreiro entre felgos.

Desembocamos na estrada que nos vai levar nuns poucos metros a Os Samordás.

Seguimos en Abadín e esta aldea pertence á parroquia de Galgao. Esta aldea foi estudo en 2024 por parte de espeleologos xa que hai unhas covas (3) con 170m percorribles na máis grande delas. Son chamadas a Cova dos Santos ou da Meiga e gardan gran cantidade de estalagmitas e estalagtitas.
Os Samordás

Dende Os Samordás ata a próxima aldea iremos por estrada durante 1 km. e paseando por esta estrada que vemos na imaxe seguinte, atopamos a José de Celso, un habitante de Os Samordás que nos dixo que só vivía nesa aldea el e a súa familia. É un home de maís de 80 anos, moi amble e de boa e interesante conversa que nos contou varias historias sobre a súa aldea e a xente que por alí vivía no pasado.

Chegando xa a Vicos, con vistas ao lonxe de S. Vicente (Mondoñedo)

Vicos de arriba:
Vicos de Arriba

Vicos de Abaixo. Unha aldea moi fermosa con casas restauradas e unha rúa ben limpa.
Vicos de Abaixo

En Vicos pillamos un camiño á dereita:


É un gustazo camiñar por estes lugares tan fermosos e con tanta paz!!

Nótase a vida da aldea nas plantacións que atopamos cerca das casas: moitas nogueiras, castiñeiros...

Chama a nosa atención a frondosidade dos castiñeiros, nogueiras...aquí hai boa terra e cerca pasa un rego.

Por este camiño chegamos á seguinte aldea:

En pouco máis de 1,5 km. chegamos á Valiña que vai ser o noso punto final de ruta. Esta aldea que xa pertence á parroquia de S. Vicente de Trigás (Mondoñedo) está actualmente sen habitantes.
A Valiña.















luns, 17 de marzo de 2025

CAMIÑO DOS FAROS: PORTO DE SANTA MARIÑA-ALDEA DO RONCUDO (CORME-PONTECESO)

 No ano 2020 fixemos o tramo Porto de Santa Mariña- Faro do Roncudo nun día de agosto feo, oscuro e con choiva pola tarde, por eso case 5 anos máis tarde quixen repetir este tramo. A intención era chegar ao Faro do Roncudo pero non puido ser porque este tramo (ao igual que outros) é ben duro e xa nos chegou facela ata a aldea do mesmo nome.

Características desta ruta:

Lonxitude: 8 km.

Dificultade: difícil

Ruta lineal ben sinalizada con marcas verdes. De tódolos xeitos o meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos a camiñata no Porto de Santa Mariña que pertence á parroquia de S. Xulián de Brantuas, concello de Ponteceso, no que hoxe nos moveremos.

Aquí só hai unhas pequenas casetas de pescadores para gardar os aparellos de pesca e outros útiles para a pesca artesanal.

Porto de Santa Mariña (Brantuas- Ponteceso)

Dende Santa Mariña e durante boa parte deste percorrido mirando cara atrás, veremos o Faro de Punta Nariga (concello de Malpica) ao lonxe.
Faro de Punta Nariga dende Santa Mariña

Empezamos a camiñata polo tipo de sendeiro que xa coñezo ben.

Imos pegados ao mar nun fermoso día solleiro aínda que frío.

Ao longo deste Camiño dos Faros veremos varias cruces chantadas nas rochas ao pé do mar, como lembranza de naufraxios que teñen sucedido nesta Costa da Morte ao longo dos anos.

A fermosa e temible costa que imos percorrer.
 
Ao pouco, alonxámonos do mar tomando un camiño. Ao empezar este, cando deixamos a costa había, polo menos no 2020, uns cabalos que hoxe, por máis que miramos, non vimos.

Imos uns metros (moi poucos) pola mesma estrada pola que baixamos antes en coche.

Deseguida, torcendo á dereita pillamos un fermoso camiño entre peches ancestrais.

As rochas de tódolos tamaño serán as compañeiras case inseparables da nosa andaina.

Os carreiros van estre elas e por derriba moitas veces...
 
Chegamos a un punto dende onde podemos ver xa a Enseada da Barda que percorreremos toda, primeiro por un lado e despois polo outro. No final da enseada está a recollida, pequena e fermosa Praia da Barda.
Enseada da Barda.

A baixada cara á Barda é moi técnica polo desnivel e o tipo de chan. Ás veces hai que agarrase coas mans ás rochas, o terreo é irregular e con moito desnivel...

Non teñen que envexar nada estas augas ás que vemos en fotos de países moi lonxanos. Son estas augas moi transparentes e dunha cor única!

A praia da Barda (barda en galego ten varios significados e un deles fai referencia a un lugar onde abunda o peixe) e debe ser certo porque vimos varias barquiñas de pescadores. A praia é un paraíso natural onde non hai máis nada que unhas casetas de pescadores. 
Praia Area Grande na enseada da Barda

Un pequeno rego desemboca nesta praia.

Imos agora uns 200 metros pola estrada estreita que chega ata praia para desviarnos despois á dereita.

Camiñamos agora polo outro lado da enseada.

 A Praia da Barda está separada por un promontorio rochoso que a divide e 2 praias coñecidas como Area Grande e Area pequena. Como curiosidade a praia máis grande (a única que pisamos) pertence á parroquia de Brantuas e a máis pequena, que contemplamos de lonxe, pertence á parroquia de Corme Aldea.

Se a baixada ata a praia da Barda foi complicada, a subida de agora non vai ser menos ás veces!

Que fermoso é este percorrido!! tamén duro, si, pero ao mellor esto o fai aínda máis atractivo.

Vemos o que deberon ser fincas de cultivo con antigos peches de pedra.

A Punta do Castro e o carreiro por riba que percorremos.

O Camiño dos Faros...unha ruta de montaña á beira do mar.

Agora o camiño métese ao interior para ascender á aldea do Roncudo, que xa podemos ver aló enriba.

Atravesamos un pequeno rego:
 
E despois dunha curta pero intensa subida chegamos á aldea do Roncudo que pertence á parroquia de Corme - Aldea. É unha aldea pequena con hórreos típicos da zona que dan idea da actividade que tivo este lugar no pasado.
Aldea O Roncudo

As vivendas teñen fortes muros de pedra que as protexían nos crudos invernos. Actualmente vimos varias casas restauradas e unha delas dedicada a Turismo Rural.
Aldea O Roncudo

Hórrreos no Roncudo
 
Ao Roncudo foi recollernos para levarnos de novo a Santa Mariña, o noso taxista de confianza, Julio Souto, ao que xa coñecíamos das primeiras etapas deste Camiño dos Faros. Unha persoa moi amable e faladora que sempre nos pon ao día de cousas que pasan nesta Costa da Morte.


Páxinas web consultadas:

https://www.caminodosfaros.com/puerto-de-santa-marina-2/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/playa-praia-da-barda-en-ponteceso/