Amosando publicacións coa etiqueta ruta circular.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta circular.. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de xullo de 2026

CAMIÑO VELLO A S. ANDRÉS DE TEIXIDO DENDE O MIRADOIRO CHAO DO MONTE

 No concello de Cedeira, na estrada que vai  a S. Andrés de Teixido, a 360m. sobre o nivel do mar, hai unha pequena zona cha acompañada dunha área recreativa e un espazo grande para aparcar. Trátase do Miradoiro Chao do Monte. Aquí empezo unha ruta curta, pero ben fermosa e interesante. 

Características da ruta:

Lonxitude: 4,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en Wikiloc

Descripción:

Estamos na Serra da Capelada, nun lugar excepcional polas amplas e marabillosas panorámicas que dende aquí podemos contemplar.

Aló embaixo, á nosa dereita queda S. Andrés de Teixido e ao lonxe os acantilados de Herbeira. Dende Chao do Monte parte unha ruta que nos leva ata o santuario de S. Andrés, eso si, cunha baixada con forte desnivel. Este non é hoxe o meu obxectivo.

S. Andrés, aló ao fondo

Estamos nun dos poucos sitios do mundo onde se poden pisar rochas de Manto, unha parte inferior da Terra que pode chegar a atoparse a máis de 70km. de profundidade. Múltiples rochas dunha fermosa cor aparecen por todas partes neste miradoiro de Chao do Monte.
Rochas calizas erosionadas

Estamos ante un bosque petrificado, pero de rochas calizas erosionadas. Ditos afloramentos rochosos esparexidos polo entorno do Miradoiro Chao do Monte conforman un relevo e unha xeomorfoloxía moi singulares e pouco frecuentes en Galicia. O certo é que o elevado contido en ferro e magnesio destos conxuntos rochosos determinan a particular forma dun terreo tremendamente accidentado.
Peridotitas e o Atlántico de fondo

A zona do Miradoiro de Chao do Monte é unha das xoias do Xeoparque de Cabo Ortegal.
As rochas que se ven  son peridotitas, rochas ultramáficas que proveñen do manto da terra. Vémolas con ese ton oxidado e esas gretas debido a que sufriron un proceso de oxidación ao estar expostas aos elementos (auga, sol, vento...) No seu estado fresco, estas rochas son de cor verde oscuro ou grisaceo.
.
Percorrendo toda esta zona do miradoiro, dende un punto temos estas impresionantes vista á Punta Tarroiba, a enseada de S. Andrés e Punta Robaleira e os seus impresionantes acantilados.
Enseada de S. Andrés, Punta Tarroiba e Punta Robaleira.

Despois de facer un completo percorrido polo entorno do miradoiro (vale moito a pena) dirixo os meus pasos cara un sinal de "Ruta dos Peiraos" que une Cedeira con S. André de Teixido. Estou improvisando esta ruta que non traía planificada e non sigo tampouco ningún track.

No entorno do Miradoiro, hai unha área recreativa con mesas e bancos.

Vexo o sinal da "Ruta dos Peiraos" que pasa por aquí cara a S. Andrés de Teixido e que vén dende Cedeira.
Ruta dos Peiraos

Agora o camiño vai entre toxos baixos, propios de zonas costeiras. Mellor pantalón largo se non queres pinchar algo as pernas, porque ás veces o carreiro é estreito.

Achégome ao Miradoiro de Cortés que ten vistas á Enseada de S. Andrés e Punta Torroiba, que xa vin antes.

O camiño segue entre toxos e non está ben definido porque hai varios ramales. Algunha rocha ten frechas amarelas que hai que seguir.


Seguen aparecendo rochas peridotitas.

Deseguida desembocamos nun ancho camiño onde se nota que andiveron sacando madeira e de feito estaban cortando piñeiros moi cerca.

O anterior camiño, se seguimos á dereita, lévanos pola Ruta dos Peiraos pero eu quero facer unha ruta circular e curta, así que me dirixo á esquerda e a uns metros xa está a estrada a S. Andrés.

Despois de camiñar uns metros por esta estrada, pillo outra á esquerda

Estrada que leva a Reboredo e outras aldeas:

Despois de 1km. pola anterior estrada, pillo á esquerda para iniciar un tramo chamado "Antigo Camiño a S. Andrés", o orixinal, o primeiro do que hai noticia fidedigna, é o que sigueu o ilustrado Padre Sarmiento en 1755. Este escritor e erudito benedictino, que pasara a súa  nenez e parte da súa xuventude en Pontevedra, interesouse como ningún outro no seu tempo por todo o galego, en especial pola lingua e a xeografía, ata tal punto que ía anotando nun caderno os nomes exactos dos lugares polos que andaba. Grazas a eso, hoxe pode seguirse sen dificultade o camino que fixo. Bueno, e grazas tamén á Diputación de A Coruña, que o sinalizou en 2001 con monolitos de granito  nos que un peixe vermello indica a dirección correcta. 


Este "vello Camiño" desemboca de novo na estrada que vai a S. Andrés, sen dúbida moito máis moderna.

É típico e mi normal ver cabalos e bestas ao redor da estrada e nos montes próximos. Estás tan afeitos á xente que nin se inmutan cando pasas ao pé deles, nin temen aos vehículos.

Xa de novo en Chao do Monte vexo un milladoiro, un montículo de pedras pequenas amontoadas a través do tempo polos romeiros e peregrinos que se dirixían a algún santuario relixioso.


Fermosas paisaxes que contemplamos de novo en Chao do Monte.


Páxinas web empregadas:

https://www.elespanol.com/

https://viajandoconcienciahome.wordpress.com/

https://elpais.com/elviajero/escapadas/









martes, 21 de xullo de 2026

S. ANTONIO DE CONCILLEIROS DENDE O ALTO DE AMBASVÍAS (VALDÉS)

 No mes de febreiro deste mesmo ano fixen unha ruta que tamén pasaba pola capela de S. Antón de Concilleiros pero cheguei a ela por outra parte da parroquia de Barcia. Pódese ver AQUÍ

A ruta de hoxe chega tamén á capela pero nun percorrido moito máis fácil e curto.

Características:

Lonxitude: 6,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sinalizada na parte que corresponde á PR-AS 3. Necesario un track para facela como a fixen eu. O meu en WIKILOC

Descripción:

Dende Barcia, parroquia de Valdés, moi cerca da A8, accedemos ao Alto de Ambasvías pola estrada  AS-351 (Almuña/Paredes) en moi bo estado e pintada, aínda que con bastantes curvas. En 10 km. xa chegamos ao punto de inicio desta ruta. 

No Alto de Ambasvías hai un espazo amplo para aparcar.



Deixamos aos poucos metros a estrada que vai a Argumoso e outras aldeas.

Vemos as secuelas dos incendios que asolaron esta comarca hai poucos anos. Ao fondo, o Pico Pomar, cunha elevación de 528m.


Vistas da estrada pola que cheguei a Ambasvías e montañas lonxanas.

Este tramo corresponde coa ruta PR-AS 003 que percorre a Serra de Concilleiros  pasando pola capela de S. Antón. A outra parte da serra, partindo dende Barcia, fíxena na ruta anterior.

As vistas que hai dende unha altitude de 452m.

Este é o chamado "Camiño da Misa" supoño que virá de que a xente empregaba este camiño para asistir á Misa á capela.
Camiño da Misa

Durante todo o percorrido, cando o fixen polo outro lado da serra tamén, a tónica xeral da paisaxe son os piñeiros queimados.
Vemos un sinal da ruta.

Vistas á aldea de Carlangas pola que pasarei á volta.


A fermosura das montañas que nos quedan á esquerda:

Que gusto camiñar por camiños así!!


 Xa chegando á capela atopamos O Cabanín, a parte alta dunha pequenísima aldea. Na parte baixa debe de vivir aínda alguén pero aquí, penso que  non vive ninguén; había un home cun tractor traendo comida para as vacas que había polos prados de arredor.
O Cabanín

O Cabanín aparece na relación de brañas de inverno nesta zona asturiana.

A capela de S. Antonio de Concieiro está situada nun lugar moi illado; non chega aquí ningunha estrada, chegan varios camiños pero para vir a pé, en todoterreo ou cabalo. O lugar invita á paz porque o silenzo case se pode oir e as vistas son extraordinarias.

Este foi un lugar de trasego de camiñantes que viaxaban a través do Camiño Real. Aínda podemos observar os restos dunha venta, parada de postas onde descansaban os arrieiros e  os seus animais e outras construcciones máis modernas habitadas ata épocas non moi lonxanas. Neste lugar, venérase  a San Antonio, especialmente nas festas do 17 de xaneiro. 
Capela de S. Antón de Concilleiros

Como quero facer a ruta circular, abandono o tramo oficial da PR-AS 003 para volver por Carlangas.


A tónica da paisaxe non cambia: as consecuencias dos pasados incendios seguen ben visibles.


Seguimos con vistas espectaculares.


Este camiño, desemboca na estrada AS- 351 pola que subía a Ambasvías.


Hai que ir pola estrada 800m. Hoxe está rozado e podemos ir por fóra da calzada pero Ollo!! non ten arcén e ten bastante tráfico.


Vista dende a estrada a Carlangas de Abaixo.

Baixando a Carlangas e observando ao lonxe as casas blancas, aló enriba, polas que despois pasarei. Carlangas foi braña de inverno e está situada a 300m. de altitude. Aínda que abarca bastante territorio esta aldea, ten moi poucos habitantes.

Deixo atrás as casas e empezo unha subida importante, menos mal que aínda non chega a 1km. e xa chego ao remate de ruta.




domingo, 5 de xullo de 2026

PONTE DE SA- IGREXA DE PÍGARA. RUTA CIRCULAR. (VILALBA/GUITIRIZ)

Proseguindo co Camiño de Santiago Norte, hoxe tocou outro pequeno tramo: OLLO! Non estou a facer o Camiño de Santiago, senón aproveitando para coñecer tramos curtos e planificando a ruta por outros lugares para facela circular. O tramo coincidente co Camiño de Santiago gustoume menos ca o anterior, xa que ten demasiado asfalto.

Características da ruta:

Lonxitude: 9km.

Dificultade: fácil

Ruta circular só sinalizado o tramo que corresponde co Camiño de Santiago Norte. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta ten inicio na parroquia de Insua (Vilalba) concretamente aparquei o coche xunto ao bar Alejandro, ao pé da estrada N-634. Aí hai un bo sitio, moi amplo para poder aparcar.


Cruzo a estrada para dirixirme á Ponte de Sa. A ponte é de orixe medieval pero foi reedificada varias veces. Salva o río Labrada

O ollo da ponte, lixeiramente oxival, denota a súa orixe medieval.

Ponte de Sa

Seguindo as indicacións do Camiño de Santiago, dirixímonos agora á pequena aldea de Ponte de Sa.

Aldea de Ponte de Sa
Cruzo por debaixo da autovía A-8

Estou en A Cardosa, a punto de abandonar o municipio de Vilalba. Hai que atravesar agora a N-634 logo de camiñar uns metros polo camiño pararlelo á estrada.

Un tradicional camiño. Lástima que vai durar ben pouco...


Estamos na comarca da Terra Cha e o nome débese a algo que está ben claro vendo as chairas polas que imos.

Pequenas aldeas ou lugares con casas de pedra. Estamos xa no concello de Guitiriz.

Un campo de centeo. Pola zona onde eu vivo (Mariña Lucense) non se ve ningún.

En todo o percorrido vou vendo de seguido estes peches de fincas con grandes laxas.
"É de grande importancia na paisaxe a presenza dos valados nas parcelas do agro. As tendencias actuais de peches estandarizados de escasa calidade material e construtiva, que non prestan atención ao contexto no que se insiren, están a modificar a paisaxe agrícola tradicional, supoñendo unha perda de identidade para esta". 
Peches con laxas
Pasamos pola aldea de Lamela da parroquia de Pígara e que ten sobre 20 habitantes.

Algo máis adiante atopamos a aldea de As Penas tamén da parroquia de Pígara. Hai outra aldea co mesmo nome, As Penas que pertence á parroquia de Roca.
As Penas

Unha casiña que a hedra está devorando.

O poboamento da Terra Chá fundaméntase nunha ocupación do espazo sumamente dispersa ó longo dun territorio de suave relevo, onde van xurdindo, a escasa distancia uns dos outros, todo un conxunto de lugares configurados por un número moi pequeno de vivendas ou granxas illadas, agrupadas en barrios. O escritor Manuel María (1967) expresouno así: 
A Terra Chá somente é: un pobo aquí, outro acolá, 
Mil arbres, monte raso, 
Un ceio chumbo e tráxico
 No que andan as aves a voar. 
O resto é soedá


Entramos en Casasnovas.

Non podo resistirme a sacar unha foto desta casa que me parece que está femosamente restaurada.

Neste cruce con sinalización e un panel informativo sobre o Camiño de Santiago Norte, pillaremos á dereita.

Imos por este camiño fermoso sen deixar de ver en todo o noso percorrido ata o de agora os peches con laxas.

E aquí deixamos o tramo coincidente do Camiño de Santiago, pillando á esquerda. O Camiño segue de frente.

Vou en dirección á igrexa de S. Pedro de Pígara e o 1º que atopo chegando é este cruceiro e, cruzando a estrada, o campo da festa.

Pegada á igrexa está a antiga rectoral que coma todas é unha casa grande que denota a importancia que tivo. Actualmente, está case en ruinas, ao igual que a maioría das que atopo por aí adiante.
Casa Rectoral de Pígara

Neste mesmo espazo, xunto á Rectoral, atopamos o antigo Teleclub de Pígara que supoño que sería un punto de encontro social importante para os veciños desta parroquia.
Antigo Teleclub

A igrexa de S. Pedro de Pígara é unha construcción de principios do S. XX sobre unha antiga capela. 
Igrexa de S.Pedro de Pígara

Ao pé da igrexa temos un cemiterio pero non un calquera, xa que na Terra Chá abundan os cemiterios góticos con altos pináculos de pedra coma este de Pígara.
Cemiterio gótico de Pígara

Tamén vemos unha aberración; esta construcción de bloque, cuberta de uralita que fixeron pegada á Casa Rectoral e que afea o entorno e o conxunto da igrexa. Nótase que é unha construcción bastante recente e hai dentro dela aínda un carro.

No adro da igrexa hai un monumento dedicado ao que foi un cura moi querido na comarca: Constantino Vázquez Seijido, gran impulsor dalgunhas obras como a igrexa, a Casa rectoral...destacando a súa axuda aos máis necesitados.
Monumento a un antigo cura

A antiga escola na que hai un busto do cura párroco anterior.
Antiga escola de Pígara

Agora voltaremos ao punto de inicio, en principio, por asfalto.

O hórreo estilo Vilalba ten planta rectangular con cámara longa, estreita e alta soportada por dous piares ou por un muro macizo como neste caso. A cuberta ten dúas augas de pouca pendente. Destaca o pequeno balcón que ten diante da porta.
Hórreo estilo Vilalba

As típicas laxas formando peches seguen presentes.

Cruzo a estrada N- 634

Pouco despois tamén atraveso a A8  por unha ponte que a cruza.
Autovía A-8

Camiño durante uns metros en paralelo á autovía.

Despois tomo un camiño de monte durante case 1km. e estarei no punto máis alto da ruta.

Camiño de novo en paralelo á autovía.

Xa estou en Cardosa da parroquia de Ínsua, concello de Vilalba.
Cardosa

O entorno desta pequena aldea é ben fermoso.

Imos por este camiño xa moi cerca da Ponte de Sa.

Desemboca o camiño anterior nun grupo de casas. Sigo estando en Cardosa por onde pasei antes. 

Dende Cardosa, o tramo final ata chegar ao inicio vai polo mesmo lugar que a ida.

Cruzamos de novo á Ponte de Sa. Deseguida chegarei ao punto de inicio.

Páxinas web consultadas:

https://juanadevega.org/wp-content/uploads/2023/01/guia_boas_practicas_terracha_imp_xun_o2016.pdf
https://horreosdegalicia.com/estilos/