Amosando publicacións coa etiqueta Foz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Foz. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de marzo de 2026

COSTA DE FOZ II: CASTRO DE FAZOURO- PRAIA DA RAPADOIRA

 No 1º tramo da Ruta "COSTA DE FOZ" percorremos 7,5 km. (dende a praia da Areoura ata a de Area Longa) Hoxe percorreremos 8,4 km. (dende o Castro de Fazouro ata a praia da Rapadoira en Foz)

Características: 

Lonxitude: 8,4 km.

Deficultade: fácil

Ruta lineal sen sinalizar aínda que moi intuitiva. O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Partimos dende o Castro de Fazouro,  un castro marítimo que aproveita unha pequena península. A estructura que se pode ver corresponde aos últimos momentos de ocupación do Castro (Finais do S. III d. C) Actualmente hai excavados uns 400 m. cadrados.

Castro de Fazouro

Vistas cara a Burela dende o Castro.

Castro de Fazouro

O castro abarcaría bastante máis espazo, que está sen escavar. É un castro bastante grande que ocupa toda a península e que di a xente máis vella do lugar que antigamente era unha illa e só había unha ponte para poder cruzar.

Castro de Fazouro

Ao pé do castro está a praia de Area Longa, máis coñecida polos veciños como praia do Castro, unha praia que comparten as parroquias de Nois e Fazouro. Hai uns anos está praia estaba bastante concurrida pero foise deteriorando, fóronse metendo moitas pedras e  a baixada que antes había foi destruida polo mar e actualmente é imposible acceder a ela polo lado de Fazouro.

Por riba, unha parte do paseo marítimo que hai por riba da praia caeu hai xa dous invernos e no foi reconstruido.

Praia Area Longa ou O Castro

Seguimos a camiñata con vistas ao mar.

Pasamos polo Porto de Fazouro, lugar onde antigamente había lanchas que ían ao mar dedicándose á pesca de baixura. Xa hai ben anos que a actividade pesqueira desapareceu e hoxe este lugar serve a algúns veciños como praia, xa que é un lugar moi axeitado para o baño e para non encherse de area porque só hai unha pouca e só en marea baixa. A xente ponse nas rochas. 

Aínda queda algunha caseta de antigos pescadores, como se ve na imaxe.

Porto de Fazouro

Unha imaxe do porto en marea chea e con temporal marítimo.

Porto de Fazouro

Era un espectáculo ver hoxe o mar:

Unha imaxe de antigas casetas de pescadores. Dúas delas xa caeron.

Porto de Fazouro

 Hoxe era un espectáculo  ver o Cantábrico.

A forza das ondas:

Exemplo claro da erosión nos acantilados:


Na foto seguinte, o barrio de Lousada, aló enriba. En 1º plano, Bargado.
Lousada e Bargado

A praia da Pampillosa:
Praia da Pampillosa.

Aínda que nesta foto non se apreza ben ao estar chea a marea, dende hai uns días pechou o lugar por onde o río Ouro desembocaba no mar . O río desemboca agora pola escollera.
Desembocadura do río Ouro

Imos pasar pola Ponte de Ferro. Esta ponte instalouse no 2010 en sustitución doutra vella que se deteriorara. A ponte foi construida a finais do S. XIX.
Ponte de Ferro

Antes de pasar pola Ponte de Ferro, pasamos por debaixo da ponte do tren e da da estrada.

Cruzando pola Ponte de Ferro e mirando á dereita no sentido que nós imos, vemos o barrio de Vilarmea.
Río Ouro e o barrio de Vilarmea.

Nesta área recreativa, ao pé do río e moi cerca da praia da Pampillosa, hai un pequeno parque infantil e bancos, mesas e grellas que aproveita moita xente para vir comer. É un lugar con moito éxito xa que cando o tempo está bon sempre hai xente, incluso é popular celebrar os cumpres aí.
Área Recreativa

Deixaron esta parte da ponte antiga en exhibición.
Área Recreativa

Continuamos a camiñata polo paseo inaugurado no 2023.

A praia da Pampillosa acordou xa mellores tempos. Houbo unha época (na década dos 90) que esta praia tivo incluso bandeira azul, contaba con socorristas...Actualmente  e, dende hai xa uns cantos anos, perdeu todo o anterior porque se foi convertindo nunha pedreira, cada vez aumenta máis e máis o espazo con pedras.
Praia da Pampillosa

Vista do paseo marítimo por onde iremos.


A erosión do mar vai modelando a nosa costa. A rasa cantábrica está formada maiormente por pizarras e cuarcitas que conforman un terreo blando e facilmente erosionable.

A praia do Sarrido é unha pequena cala que en marea chea queda sen area.

Atravesamos un rego pola ponte de madeira:

No paseo hai abundantes bancos para descansar contemplando o mar.

Ás veces deixamos o paseo "oficial" para ir máis pegadas ao mar. A verdade é que eu prefiro estes carreiros naturais de toda a vida.

Aínda que só se ven pedras e rochas, esta é a praia de Peizás. En marea baixa é moi fermosa e ten area.

Fermosa imaxe da nosa costa na enseada de Auga Doce.
Enseada Auga Doce

A praia de Llas é a máis longa do concello con 760m e é moi frecuentada no verán. É un areal semiurbano e conta cun sistema dunar importante bordeado pola estrada.
Recibe ventos do Cantábrico que provocan ondas moderadas, polo que é apta para a práctica de deportes náuticos. 

Antes do auxe do turismo na zona da Mariña luguesa, a comezos da década de 1970, as dunas da praia, coñecidas como Os Ceás, eran usadas como cemiterio para os animais de granxa (porcos, cabalos, vacas...) mortos por enfermidade. A falta de control veterinario provocaba que os restos fosen enterrados lonxe das casas para evitar contaxios, e escollíase lugares areosos pola facilidade para cavar. Era tal o seu aproveitamento que as dunas estaban divididas para o seu uso por distintas parroquias.

Co aumento do turismo, o camposanto animal foi trasladado ao vertedoiro dunha antiga fábrica de cerámica, xa desaparecida. Porén, aínda hoxe é relativamente frecuente que aparezan restos de osamenta animal.

Praia de Llas

O sistema dunar da praia de Llas é moi importante e no ano 2024 puxéronse balizas para evitar a entrada de xente por aí, e que tamén se sigan erosionando as dunas polo que tamén se colocou unha empalizada de madeira e puxéronse plantas típicas de ecosistemas dunares.

                                                                          Sistema dunar de Llas
 
Arcos, covas marítimas, illas, pequenos illotes e furnas ou bufadeiros son predominantes nesta rasa costeira que o mar foi modelando durante séculos e segue a facelo.


Esta peninsula que vemos na seguinte foto chámase " A Tamaniña" e sitúase entre as praias de Llas e a Rapadoira. Aquí hai un Miradoiro para descanso e observación da costa, flora e fauna, fermosas vistas do mar batendo nos acantilados
Península da Tamaniña

As ondas rompendo no illote dos Cairos e en 1º plano, a Punta do Corno.

A Praia da Rapadoira é a "nena mimada" de Foz. É unha praia urbana con tódolos servizos e rodeada de bares e restaurantes. É a elexida por moita xente, sobre todo veraneantes, pola súa boa ubicación e poruqe se forma unha charca moi grande ao pé do espigón moi axeitada para os máis pequenos.
Praia da Rapadoira


Páxinas web consultadas:
https://ogabinetedefoz.blogspot.com/2016/02/os-caminos-de-foz-no-seculo-xix.htmlhttps://gl.wikipedia.org/wiki/Praia_de_Llas
https://www.xunta.gal/portada
https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/llas-sistema-dunar-protegido/202404011210311743768.html
https://amarinalucense.gal/es/playa-de-a-rapadoira





domingo, 15 de marzo de 2026

CONDADO DE FONTAO E VOLTA POR CORDIDO (FOZ)

 Condado de Fontao é untítulo nobiliario galego outorgado pola raíña Isabel II 8 de xaneiro de 1840. O seu nome fai referencia ao antigo señorío xurisdicional de Fontao, na parroquia de Santa Cilla do Valadouro (Foz).

O 8º Conde de Fontao é X. Manuel Romero Moreno, nado en 1940 e que aínda que habitualmente reside en Madrid pasa moitas e longas tempadas no pazo de Fontao.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta ten inicio e fin moi cerca do Pazo de Fontao, en terras do Condado. Subimos por un dos camiños que vai ao pazo (o outro está máis preparado para que suban os vehículos)


Á esquerda podemos ver o pazo ao lonxe e prados da súa propiedade.

Deixamos o camiño que levábamos torcendo á esquerda por este estreito con moitas silvas pero que nos deixaron pasar sen dificultade.

Chegamos a un alto dende o que divisamos propiedades do condado, o pazo e, ao lonxe, Trasmonte.


Tivemos unha tarde moi fermosa para desfrutar desta ruta.


Vimos tamén colmeas que supoñemos serán do pazo xa que estamos en propiedades do mesmo.


A medida que subimos, as vistas vanse ampliando ata que chegamos a un punto dende o que divisamos o Polígono de Fazouro , o Cantábrico e a costa de Barreiros.

Todo o que vemos eran ata hai pouco montes de eucaliptos pretencentes ao condado; cortaron todo e plantaron carballos e castiñeiros.


Deixamos as terras do condado e atravesamos un monte por un camiño en moi bo estado.


Ao pouco, chegamos a outra parroquia de Foz: Cordido.


Chama a nosa atención ver que a maioría das vivendas son novas e están moi ben coidadas.


Rematamos o camiño e agora saimos a unha estrada local pola que iremos mentres cruzamos o barrio de As Moás e o lugar de Outeiro.

Cordido é unha parroquia moi pequena que aínda non chega aos 200 habitantes. Dende algún dos seus barrios, ten vistas ao mar.


Vimos dúas fontes restauradas. Esta con lavadoiro incluido.

Unha fermosa imaxe desta aldea que evoca unha actividade gandeira e tamén agrícola, esta última máis ben no pasado.

Pasamos pola parte máis alta desta parroquia.

 
Deixamos Cordido pillando un camiño de monte:

Este camiño dura case 1km. ata desembocar de novo no mesmo punto polo que antes baixamos.

Xa estamos no punto máis alto da ruta. Agora toca sempre baixar. O espazo que vemos doutra cor son as antigas minas de caolín que foron explotadas no pasado século.

Baixamos por un camiño paralelo ao que subimos. De frente, Trasmonte.

Ímonos achegando ao Pazo de Fontao. Ao redor del hai casas agora baleiras nas que antes vivía a xente que traballaba as terras do condado.


As orixes do Pazo de Fontao remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII. O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro...
A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.

No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.
Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.


Abandonamos o pazo contemplando esta vivenda, actualmente abandonada, e que está en dúas parroquias diferentes; unha parte da casa pertence á parroquia de Santa Cilla e outra parte pertence a Fazouro.


Páxina web consultada:

https://es.wikipedia.org/wiki/Cordido