mércores, 31 de maio de 2023

SANTA Mª MAIOR (MONDOÑEDO)


Santa Mª Maior (Mondoñedo)

No concello de Mondoñedo xa fixen 6 rutas:

Igrexa dos remedios/Mosteiro dos Picos/Castro de Zoñán

Ruta Leiras Pulpeiro

Camiño Natural de S. Rosendo

Ruta da Auga (Ruta longa)

Ruta da auga (tramo curto)

Pena Montol-Fraga Vella

As rutas anteriores están máis ou menos sinalizadas e son máis ou menos coñecidas, esta que traio hoxe nin está sinalizada nin a vin en ningunha aplicación como Wikiloc polo que descubrín unha nova ruta nun fermosos percorrido circular que non me deixou indiferente en ningún momento. Atravesei frondosos bosques autóctonos por camiños da carro e carreiros e boas condicións para camiñar, coñecín a aldea e a igrexa de Santa Mª Maior, desfrutei de boas vistas en determinados tramos...todo esto nunha ruta circular sen apenas pisar asfalto e moi fácil.

Característica da ruta:

Lonxitude: 11,2 km.

Dificultade: fácil.

Ruta circular sen sinalizar sendo imprescindible GPS e en bo estado para camiñar.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Tomo a saída 542 da A-8 dirección "Riotorto/Mondoñedo/A Pastoriza" e na rotonda pillo a 2ª saída dirección Riotorto, a continuación teño outra rotonda e e pillo tamén a 2ª saída. Estou na N-124 e aparco AQUÍ

Aparquei un pouco antes deste cruce (non hai moito sitio pero para deixar dous coches, si)

Abandono a N-124 para torcer á esquerda. O sinal dime que para chegar a Santa Mª por estrada quedan 3,6 km. Para mín van quedar máis xa que penso rodear  e non ir por asfalto.

Inicio de Ruta
 
A estrada nesta época está fermosa e con árbores autóctonas.
Estrada a Curros e Santa Mª Maior

Son poucos metros por asfalto xa que deseguida torzo á dereita:
Á dereita, polo camiño

Vou por un camiño de carros onde me sorprende ver varias bidueiras. Esta ruta pinta ben!!
Bidueiras no camiño

A ruta transcorre toda pola parroquia de Santa Mª Maior, no concello de Mondoñedo.

Atraveso o Rego da Fraga.
Rego da Fraga

Enlazo coa estrada N-124. pola que camiño uns metros para pillar deseguida á dereita:
Coller o camiño á dereita

Volvendo a vista atrás, podemos ver montañas e vales.
Vistas

Mirando de frente, camiño entre toxos pero o camiño é ancho e cómodo.

Ao pouco, oio un zumbido xordo e vexo colmeas nese camiño. Como non teño que ir por aí, sigo sen molestar as abellas, non vaia ser que se incomoden...

Agora hai un tramo curto moi estreito e agobiante xa que o carreiro é moi estreito e os felgos son moi altos.
Estreito carreiro

Desemboco deseguida nun bosque de abelairas.
 
Chego a un lugar case máxico que forma o Rego de Coto Redondo. Abelairas, felgos, brión e algún carballo forman unha paisaxe de conto. Cantos segredos ben gardados ten esta ruta!!
Rego de Coto Redondo

Atraveso o Rego de Coto Redondo :
Rego de Coto Redondo

Non sei quen andará por estes carreiros pero nótase que están pisados. Serán os cazadores?

Estou metida en pleno bosque, rodeada de árbores autóctonas onde agora vexo tamén acivros.

Carreiros ancestrais que percorro en total soidade.

Carreiros entre peches milenarios de pedra cubertos de brión:

Neste bosque predominan sen dúbida as abelairas.  As varas destas árbores empregábanse tradicionalmente para a construción de valados, cestaría, feche de canastros e na construción, mesturando as pólas con barro para a fabricación de tabiques.
É unha árbore moi abundante en Galicia e estas deben de sre bravas e non as que dan as comestibles abelás.
As abelairas teñen gran importancia ecolóxica, as súas follas alimentan a animais como bolboretas, eirugas...e os froitos para esquíos, corvos...
É unha árbore sagrada no calendario celta.
Bosque de abelairas


Nun determinado momento temos que deixar o carreiro Temos que pillar á esquerda para achegarnos á beira do Rego dos Casteláns.

Volvemos atoparnos coa estrada N-124 

Camiño uns 50m pola estrada para cruzala e pillar á dereita por un camiño en moi boas condicións:

Fermoso camiño polo que agora vou:

O río Dos Baus vai pola miña dereita pero só o verei neste momento no que o teño que cruzar.

O camiño é ben fermoso!!

Paso por un claro que me deixa vistas panorámicas:

Ás beiras do camiño vexo bastantes castiñeiros:

Agora noto que estou chegando a algún lugar habitado xa que aparecen os prados e as vacas:

O camiño remata nunha estrada local pola que irei uns centos de metros ata Santa Mª Maior:

Primeiro paso polo lugar de O Souto que pertence á parroquia de Santa Mª Maior:
Souto

Fermosa imaxe da aldea:
Santa Mª Maior

A igrexa de Santa Mª Maior é do S. XVIII.
Igrexa de Santa Mª Maior

Esta parroquia non chega actualmente aos 200 habitantes pero no pasado tivo bastantes máis como reflicte esta casa hoxe pechada e que aínda apila caixas de bebida no exterior  e un letreiro de "tabacos" polo que sospeito que aí debeu de haber un bar.
Casa abandonada que foi tamén un bar.

Unha imaxe dunha rúa da aldea de Santa Mª Maior. Vexo moitas casas abandonadas, algunhas delas con tellados novos o que demostra que as están rehabilitando.
Santa Mª Maior

Á saída da aldea vexo un bosque de abetos:
Bosque de abetos

Deseguida abandono a estrada local para xirar a dereita por un camiño. Hai unha pequena costa pero é moi curta.
Subida importante pero curta

A medida que vou subindo, teño á dereita a aldea na que acabo de estar.
Vistas a Santa Mª Maior

Este fermoso camiño achégame á estrada que antes deixei.

Camiño uns 200 m. pola estrada e pillo un camiño á esquerda.
 
Nun claro, mirando á miña esquerda, volvo ver Santa Mª Maior.

Os camiños que percorro son todos fermosos e ben tranquilos. Non vin unha alma neles!

Desemboco na estrada N-124 e unn 100m máis adiante, collo á dereita polo camiño que antes vin. A partires de aquí a ruta é lineal e volvo ao inicio polo mesmo camiño que antes vin.



luns, 29 de maio de 2023

PEDRA VIXÍA E TORRES DO ALLO. RUTA FLUVIAL. BAIO (ZAS)


Hoxe funme ao concello de Zas na provincia de  A Coruña e comarca de Terra de Soneira para realizar unha ruta  fluvial moi fácil e que se pode acortar cruzando algunha ponte para pasar á outra beira do río e dar a volta por esa marxe ou non visitando as Torres do Allo, algo que eu dende logo recomendo facer. Para mín foi unha das partes máis interesantes desta ruta.

Hai que reseñar que de momento a ruta non está sinalizada aínda que atopei moitos postes de madeira que parecen indicar que o van facer. De momento só están os postes, non teñen aínda indicación ningunha.

Pareceume unha ruta preciosa xa que as imaxes que nos deixa a camiñata á beira sempre da auga son moi fermosas con multitude de muíños e vexetación autoctona (aínda que hai tramos nos que o eucalipto ameaza con invadir), veremos todo tipo de árbores autóctonas, carballeiras...e o río Grande será o noso compañeiro a maior parte da ruta aínda que tamén camiñaremos ás beiras do río Lamas; ás veces mansos e calados e outras axitados e ruidosos. Veremos infinidade de pontes case todas de rústicos troncos de madeira e algunha de pedra.

Ademais desas imaxes bucólicas do río, veremos A Pedra Vixía que dá nome ao lugar (unha inmensa mole rochosa que parece "vixiar" o bosque e o río),  a unha área recreativa e ao dolmen de Pedra Vixía (que me deu bastante que atopar sen sinalizar e no medio do monte) 

Recomendo abandoar o río en Allo para achegarse ata o Pazo de Torres do Allo que está moi cerca e ben merece unha visita aínda que só sexa ao redor (tamén se pode visitar por dentro, hai un horario) Merece moito a pena  a estrada que chega ata el entre unha carballeira, o entorno do pazo con hórreos, fonte, un pombal, as antigas casas dos caseiros...e moi cerca do pazo, a igrexa de S. Pedro do Allo, unha igrexa única, renacentista, con elementos arquitectónicos de gran valor e rodeada de tumbas no chan moi antigas.

Dende a igrexa de S. Pedro, voltamos outra vez ao río sen deixar de visitar de camiño (despois da Igrexa) o cemiterio novo do Allo que me chamou moito a atención polo raro, fermoso e coidado que está. Chegamos ao río e imos agora pola outra marxe do mesmo.

É preciso guiarse por un track para a realización desta ruta e ter en conta que polo menos no día de hoxe ten tramos con herba e felgos moi altos (estamos en primavera) Eu recomendo levar pantalóns largos e botas.

Características desta ruta.-

Lonxitude: 15 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar e con tramos sen acondicionar con herba e felgos moi altos.

O meu track en WIKILOC:

Descripción:

O percorrido parte de onde empeza o Paseo Fluvial de Baio. Aquí hai un aparcadoiro grande.

Aparcadoiro e paseo fluvial

Este Paseo Fluvial foi inaugurado no 2008.
Paseo fluvial

Ten, de momento, dúas grandes figuras (aves) de madeira.

Paseo fluvial

Un relaxante lugar no que vimos bancos para descansar, aparellos para facer exercicio...

Paseo fluvial
 Ao remate do paseo atopamos a Carballeira de Astrai, (nome dos antigos propietarios) que se atopa no catálogo galego de árbores senlleiras. "Con este reconocimiento oficial de su valor científico, cultural, didáctico, paisajístico y ornamental, el espacio pasa a estar protegido con unas medidas especiales de conservación" (La Voz de Galicia)

Carballeira de Astrai

A Carballeira de Baio ten unha superficie de 9695 metros cadrados e dende 2017 é propiedade do concello. Ten sobre 300 carballos de máis de 200 anos de antigüidade. Os troncos aparecen retortos, con formacións singulares debido a que medraron así, ao naural, competindo entre eles.

A carballeira é un espazo integrado na vida social, cultural e deportiva da localidade xa que ao longo do ano é escenario de citas musicais e deportivas. Entre as máis destacadas, a Festa das Merendas que se celebra o último domingo de xuño dende hai máis de 40 anos.

Carballeira de Baio

Despois da carballeira, podemos ir por unha marxe ou outra do río. Escollo ir pola miña dereita cruzando unhas pontes de pedra e madeira nun entorno realmente bucólico.
Rústicas pontes

O que se ve na foto, é a presa para o Muíño das Quintas que veremos á volta, na outra marxe do río.

Presa das Quintas

Veremos moitas, moitísimas pontes nesta ruta!!
Pontella rústica

Imos á beira do río Grande ou río de Baio. Este río que nace no concello de Santa Comba, pasa ademais polos de Zas, Vimianzo e Camariñas desembocando na ría desta localidade. Nós xa o coñecemos porque o vimos en Ponte do Porto cando fixemos a Ruta dos Faros.
Río Grande ou río de Baio.

As poldras ou pasadoiros son pedras postas nos ríos para poder cruzalo. Se o río non vai moi cheo, pódese pasar saltando de pedra en pedra. Están situadas nos sitios dos ríos onde hai moi pouca profundidade.
Poldras ou pasadoiros

Na outra marxe do río vemos o muíño das Quintas nun fermoso entorno.
Muíño das Quintas

Chegamos a unha ponte que nos levaría á Area Recreativa de Pedra Vixía pero que NON cruzamos senón que xiramos á dereita.
Ponte
Deseguida atopamos outra ponte de madeira que tamén nos conectaría coa área recreativa pero NON cruzamos. Pola área recreativa pasaremos á volta.
Ponte á área recreativa de Pedra Vixía

Tamén nesta zona, atopamos o Muíño Novo de Su A Agra restaurado por iniciativa da Asociación de Veciños Tabeirón de Baio. A partires de agora camiñaremos ás beiras do río Lamas, afluente do río Grande.
Muíño Novo de Su A Agra
 
Tamén está restaurado por dentro.
Muíño Novo de Su A Agra

Algúns tramos desta ruta aparecen moi descoidados con herba e felgos moi altos. Vemos tamén postes de madeira en todo o percorrido que parecen indicar que hai propósito de sinalizala. De momento só están os postes.
Tramo descoidado.

Cruzamos esta ponte de cemento para deseguida pillar á esquerda.
Ponte que cruzamos

Camiñamos uns metros por este antigo camiño de carro e aínda que non se ve, o río Lamas vai á nosa esquerda.
Camiño

Sabía polo track que seguía que estaba moi cerca dun dolmen pero custoume bastante atopalo. Non hai sinal ningunha que o indique e para velo hai que meterse ao monte uns metros sen ningunha senda definida.
O dolmen de Pedra Vixía está datado entre os séculos IV e III a. C. Está moi alterado xa que os ortostastos que o conforman foron desprazados da súa posición orixinal. Conserva tamén dous fragmentos da cuberta.
A pesares do seu mal estado de conservación e difícil localización, está incluido no Parque Xeolóxico do Megalitismo.
Dolmen de Pedra Vixía

Acompañamos ao río Lamas que é máis cantarín que o Grande:
Río Lamas

Esta inmensa mole é Pedra Vixía que é a que dá nome a esta zona. Semella que esta gran rocha estea a vixiar o bosque e o río.
Pedra Vixía

E chegamos á Área Recreativa de Pedra Vixía. Antes pasamos moi cerca dela e agora atravesámola. Este lugar ocupa o antigo emprazamento dun antigo serradoiro dos anos 50. É un lugar fermoso, unha frondosa carballeira que apenas deixa pasar o sol cando ten follas. No medio hai unha illa á que se pode chegar atravesando calquera ponte das varias que hai.
Área recreativa de Pedra Vixía

Hai mesas e bancos, barbacoas...todo o necesario para pasar un día en plena natureza.
Área recreativa de Pedra Vixía

Vemos a nora que movía un muíño. A partires de aquí retomamos o contacto de novo co Río Grande.
Nora dun antigo muíño 

Camiñamos agora pola outra beira do río, en paralelo ao carreiro que percorremos antes. Esta ponte pode ser unha opción para acurtar a ruta. Se a cruzamos voltamos ao inicio da ruta polo mesmo sendeiro pola que viñemos antes. Como non é o noso caso, seguimos pola outra marxe do río.
Ponte que non cruzamos

Os carreiros case se perden moitas veces pola altura da vexetación. Vemos tamén os eucaliptos "ameazando" con achegarse mesmo á beira do río.
Felgos e eucaliptos chegando ao río

En 500 metros dende Pedra Vixía chegamos a Ponte Lodoso  na estrada AC-404. Estamos na Cacharosa, un lugar da parroquia de Baio.
Ponte Lodoso

Este tramo que conecta coa estrada está fatal. Haberá que mirarse ben, non sexa que leve algunha carracha de recordo...
Felgos que atravesei

Atravesamos a estrada para seguir á beira do río:
Ponte Lodoso

Tardei uns minutos en atopar a baixada. Había tanta maleza que non se vía a carreiro. Xusto ao pé do letreiro, está a baixada ao río.
Baixada ao río onde está o sinal

Dende Ponte Lodoso ata O Allo tal vez sexa o tramo peor acondicionado, con herbas e felgos moi altos.
O estado do carreiro...

 O Río Grande deixanos estampas bucólicas.
Río Grande

Felgos que me case me cubren.
Felgos


E xa chegando case ao remate do percorrido fluvial, hai que pisar esta terra de millo porque as beiras do río están impracticables.
Terra de millo

Desembocamos nesta estrada e pillamos á esquerda. Estamos na parroquia de O Allo.
Ponte

Pasamos ao pé do polígono industrial de Zas que está situado nesta parroquia de S. Pedro do Allo. Rematou de urbanizarse no 2012.
Polígono industrial.

Cruzamos a estrada AC- 552 e ao pé do restaurante-bar que se ve na foto (hoxe estaba pechado) xa hai un sinal que coa indicaciónm para "Torres do Allo"
Hai que atravesar a AC-552

 Unha fermosa estrada no medio dunha carballeira vainos achegar ao pazo.
Estrada ao pazo

O Pazo de Torres do Allo está considerado un dos máis antigos de Galicia e sorprende pola decoración gótica da súa fachada. Os Gomes de Rioboo construiron a 1ª torre no S. XVI e logo ampliaron o pazo de forma mimética no S. XVII.
A Casa dos Riobóo foi unha das grandes casas da nobreza galega que dende a I. Media tivo unha gran influencia na comarca, unha das poucas familias que conservou o seu patrimonio de xeración en xeración.
Os Riobóo comenzan a súa andadura en O Allo como gran Casa nobiliaria no 1456, cando Berenguela Sánchez de Moscoso, da familia Moscoso (casa de Altamira) contrae matrimonio con Gómes de Riobóo Vilardefrancos, o vasalo dos Moscoso. Trala desaparición da fortaleza de O Allo, o matrimonio Riobóo trasládase a terras máis baixas e comenzan a construcción do que será o 1º pazo galego sobre a existente ‘casa antiga’ o ‘casa do Allo’.
O herdeiro do matrimonio, Alonso Gómes de Riobóo y Vilardefrancos, nacido en 1460, será oficialmente o primeiro Señor del Allo. Baixo a dirección de este Riobóo, e do seu fillo do mesmo nome,rematarían as obras da ‘casa do allo’ e contruirase a chamada Torre Norte ou Vella, obras que rematarán cara ao 1512.
É un conxunto etnográfico formado por un edificio monumental, hórreos, fontes, xardíns, un pombal, as antigas casas dos caseiros, soutos, carballeiras... nun fermoso entorno natural. 
Pazo de Torres do Allo

Os cabozos son por si mesmos un patrimonio histórico-artístico. Estaban destinados a gardar o millo e outro alimentos e o seu illamento do chan evitaba que non entrase a humidade e os ratos e outros animais.
Cabozos

Ao pé dos hórreos, vemos a Fonte do Galo así chamada pola figura dun galo na súa cabeceira. A fonte é o resultado final dun circuito de auga que percorre todo o pazo.
Hórreos e Fonte do Allo

O pazo ten dúas torres. Se o miramos de frente, a máis antiga é a da dereita. En estilo gótico tardío, a súa construcción é de finais do S. XV e inicios do XVI por parte de Alonso Gómez de Riobóo.
 pesares de tratarse dunha construcción civil, esta torre conserva moitos elementos defensivos propios da arquitectura militar. Os seus extraordinarios muros macizos, a austeridade estructural, as ventás saeteiras dende onde se podían disparar lanzas e frechas, os escudos de armas, e a existencia dunha única porta de entrada reforzada confirman que a Torre Vella é unha especie de réplica civil do que fora o castelo do Allo
Esta torre foi construida 200 anos antes que a outra.
Torre Norte

A finais do S. XVII (200 anos despois da Torre Vella) é construída a Torre Nova, a que vemos á nosa esquerda mirando de frente, engadindo ademais o corpo central do edificio que une as dúas torres. A ampliación do pazo é extraordinaria pola monumentalidade que adquire o edificio, pero tamén pola intención de dar uniformidade á construcción copiando case exactamente o estilo da Torre Vella na Torre Nova e colocando ao longo de toda a fachada unha especie de cordón (alfiz) decorado con motivos florais.
A Torre Nova

O pazo pode visitarse de xeito gratuito e hai un horario para eso. Nesta época só abre en sábados , domingos e festivos. Eu vin a porta aberta porque había un operario rozando no xardín e entrei ata a parte de atrás. Só o puiden visitar polo exterior e ver os xardíns.
A parte traseira do pazo

Na parte traseira está o xardín que orixinariamente foi de estilo barroco e constituía un dos principais espazos de recreo da familia Riobóo sobre todo de Victor López Seoane, afamado naturalista que foi propietario do pazo dende  1870 ata 1900.
O xardín data do S. XVIII e ten este enorme abeto de Vancouver de Máis de 20 m. de alto.
Abeto de Vancouver no xardín do pazo

A fachada do pazo ten un gran valor arquitectónico onde podemos ver elementos góticos como as ventás ou o cordón floral que percorre o edificio e outros barrocos como o balcón da Torre Nova e as ménsulas que representan figuras mitolóxicas aladas. As gárgolas que vemos na foto seguinte son tamén de estilo barroco. A súa función era doble: para expulsar a auga da chuvia e como elemento de prestixio para dar distinción e maxestuosidade ao edificio.
Fachada con górgolas

Sen visita guiada pódense perder cousas. Eu como son de natureza curiosa e sempre que fago unha ruta de sendeirismo vou sen presa, percorrín os arredores do pazo e descubrín estas edificacións case en ruinas e cubertas de maleza. Son as Casas do Curro. Eran 14 e serían as vivendas dos traballadores das terras dp pazo.
Casas do Curro
 
Unha distinción da nobleza galega, son os pombais. Todas as casas señorais e pazos tiñan un pombal. Hai un dito en castelán : "Si tiene palomar, capilla y ciprés; pazo es"
Pombal

Nunca vira un pombal por dentro. Este estaba aberto e puiden ver o ben que se conservan as celas das abellas.
Pombal por dentro

As Torres do Allo foron progresivamente abandonadas a partires dos anos 30 do S. XX. Os seus propietarios, os López-Riobóo pasaban cada vez menos tempo neste pazo e deixaron como caseiro a Manuel Graíño e aos seus descendentes. En 1950, a familia Graíño deixa o Allo e aquí comenza o deterioro do edificio, situación que se agrava durante os años 80 cando numerosos roubos aceleran o seu estado de ruina.
A Deputación Provincial de A Coruña decide comprar as Torres do Allo en 1998 para iniciar a súa rehabilitación e poñelas a disposición da cidadanía para uso cultural, turístico, didáctico e social. Tamén inician os trámites para declarar as Torres do Allo en 1999 monumento e Ben de Interese Cultural.
Recupérase todo o interior do pazo, completamente destruido; a fachada e torres que sufriran importantes danos; así como os hórreos e distintas construcciós anexas.
Torres do allo e o entorno

Moi cerca das Torres do Allo, temos a Igrexa de S. Pedro do Allo que é outro dos grandes atractivos do conxunto histórico e etnográfico no que me atopo. É de estilo renacentista e ten detalles arquitectónicos de gran valor. Foi construida a mediados do S. XVI e restaurada en 1989.
Capela de S. Pedro do Allo

Destacan as figuras de Adán e Eva custodiando a entrada principal e a imaxe de S. Pedro preside a entrada tamén derriba desa porta. Aos lados deste, unha imaxe da Virxe e outra de S. Gabriel. O seu campanario lateral é unha curiosidade escasisíma na arquitectura relixiosa galega.
Nas terras do Allo o poder laico concentrábase na Casa dos Riobóo e o poder eclesiástico na  Igrexa de San Pedro do Allo. Estas dúas élites complementábanse pero tamén ás veces competían polo control do poder.
Entrada principal da igrexa

Ao redor da igrexa atópase un cemiterio con nichos novos , outros mausoleos que se ven moi antigos e tumbas no chan. Aquí repousan varios membros da familia nobre do pazo do Allo.

Na foto seguinte vemos a tumba de Manuel Graíño. Esta familia estivo de caseira do pazo durante uns 20 anos.
Tumba de 1900

Frente á igrexa hai unha coidado prado que é usado como Campo das Festas parroquiais. Ten un cruceiro elaborado en granito por Anxo Cousillas que foi colocado no 2013.

Campo da Festa


Abandono este fermoso lugar e case pegado ao Campo da Festa, no lado contrario, atopo o cemiterio novo de O Allo que me sorprendeu moitísimo
Cemiterio novo en O Allo

Este cemiterio  ten un estilo moi innovador e emprega na súa construcción materiais naturais como a pedra, a tella e a madeira.
Cemiterio novo en O Allo

O cemiterio está perfectamente integrado no entorno e foi inaugurado no 2005.


O cemiterio está totalmente cuberto e cada panteón conta cunha gran lousa de mármore, todos son iguais o que me parece perfecto xa que en case tódolos cemiterios hai panteóns grandiosos, espectaculares que pertencen a familias con diñeiro como se diante da morte aínda se queixesen distinguir dos máis pobres.
Cemiterio novo de O Allo


Sigo a estrada local ao pé do cemiterio que me leva de novo á AC-552 que teño que cruzar para atoparme co mesmo itinerario da ida ata chegar de novo, uns metros máis abaixo, ao Río Grande que agora me vai acompañar pòla outra beira.

Este primeiro tramo á beira do río está case impracticable.
Polo medio desa herba grande tiven que pasar.

O carreiro mellorou e agora vemos fermosas imaxes do río.
Ao pé do río Grande

Atraveso unha pequena zona de bambús. Esta árbore é unha especie exótica bastante invasora e que medra moi rápido. Existe á beira de varios ríos da nosa Comunidade.
Bosque de bambú

Grandes e diferente felgos...

Chego aos Muíños, un fermoso entorno onde, como o seu nome indica, houbo no pasado uns muíños e o encargado deles vivía tamén aí nun edificio dedicado a vivenda. Actualmente esa casa é unha Casa de Turismo rural chamada "A Casa do Muiñeiro".
Os Muíños

Xa chegando a Ponte Lodoso de novo, as herbas altísimas complican o percorrido:
Herba chegando a Ponte Lodoso

Non hai moito tempo que colocaron as escaleiras que se ven na foto para conectar o río coa estrada.
Escaleiras de acceso

Camiño uns metros pola beira da estrada para deseguida torcer á esquerda:
A Cacharosa

Estamos na Cacharosa, un lugar da parroquia de Baio e atravesamos unha área de ocio con frondosa arboreda onde hai colocados aparellos para xogos tradicionais.

O percorrido segue á beira do río:
Carreiro e ponte

Son incontables as pontes que vimos, unhas cruzámolas e outras non:
Ponte rústica

O Muíño das Quintas atópase coma case todos nun fermoso entorno. Antes vímolo dende a outra marxe do río, agora pasamos á súa beira.
Muíño das Quintas
 
Pasamos a carón do campo do fútbol Platas Reinoso onde xoga o Club Deportivo Baio.
Campo de fútbol

A carón do recinto deportivo vemos o Muíño Vello de Su A Agra
Muíño Vello de Su A Agra


As pontes rústicas non deixan de aparecer:

Pasamos ao pé dun cercado onde nos avisan con grandes letreiros de que hai perigo por materiais explosivos.

Outro muíño máis. Os muíños de auga son os máis abundantes en Galicia. Case non hai río ou rego que non teña un ou varios muíños ao longo do seu cauce. Algúns totalmente abandonados e en ruinas, outros en regular estado de conservación e outros restaurados. Este que se ve na foto eu penso que mantén o seu estado orixinal.

E voltamos ao paseo fluvial de Baio. Nestes últimos metros a ruta convértese en lineal e chegamos ao final da mesma polo mesmo lugar por onde a empezamos.

Páxina web consultada:
https://torresdoallo.gal/es/